culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Manuela Rey 

A maior das actrices do teatro portugués de mediados do século XIX



A Pradela, San Vicente de Trigás 1842 - Praça da Figueira, 46, Lisboa 1866

Ámbitos de ocupación...
Artístico
Literario / Letras

María Manuela Ramona Rey González naceu en Mondoñedo, no lugar da Pradela, o 1 de outubro de 1842. Era a maior dos sete fillos que tiveron Andrés Rey Expósito e Francisca González.

Os datos da súa infancia son confusos. O autor do libro Manuela Lopes Rey, colección Os Contemporaneos, editado en Lisboa probablemente en 1867, supón que cando andaba polos 4 ou 5 anos pasaría por Mondoñedo unha compañía dramática itinerante que se hospedaría na fonda onde traballaba a nai. A meniña conquistaría a estima dos comediantes e estes propoñeríanlle á nai que llela cedese en adopción.

O apelido “Lopes” que lle atribúen nesta publicación, ao entender da Grande Enciclopédia Portuguesa e Brasileira, era o da nai adoptiva. Dise tamén neste texto que aos 6 anos xa andaba nos escenarios recitando versos e desempeñando pequenos papeis, e aos 8 representa na cidade de León a obra O Gaiato de París. A compañía entra en Portugal e actúa en Valença, Chaves, Bragança…, mais en Porto non tiveron éxito e disólvense. Sería entón cando o pai adoptivo viaxa a Lisboa e leva a Manuela canda si.

Pero nuns artigos publicados no xornal El Progreso o 9 de outubro e o 19 de novembro de 1960 por D. Gamallo Fierros contradise esta versión e afírmase que Manuela andaría aínda por Mondoñedo aos 10 anos e que logo emigraría a Portugal. Álvaro Cunqueiro é da opinión de que puido ir para Lisboa como asistenta con alguén da familia Barro de Viloalle.

Segundo o historiador J. César Machado, quen tivo a fortuna de asistir como espectador á súa estrea como actriz, Manuela Rey chega a Lisboa en 1856. Acababa de cumprir os 14 anos. Fixo a súa primeira función no Teatro do Salitre o 8 de decembro deste ano sendo parte dunha compañía española lírico dramática e de danza, representando en castelán un papel masculino no drama El hijo del ciego. A seguir actúa en Setúbal, fai probas para o Teatro de San Carlos, declama en español e portugués ata que certos membros do consello dramático consideran que a “hespanhola” ten algo; se cadra, un don. Duarte Cardoso de Sá dálle leccións de gramática e de lingua portuguesa.

Pouco despois de cumprir os 15 anos, o 23 de novembro de 1857, comeza a súa excelente, aínda que breve carreira, no Teatro Nacional D. Maria II coa obra A alegría traz o susto.

Pouco a pouco vai gañando prestixio. En 1859 xa figura nunha listaxe de biografías de actores e actrices destacados de Portugal e Brasil que se ía publicar baixo o título Galería artística, da tripla autoría de Machado, Andrade e Ferreira. Neste mesmo ano, Manuela Rey lidera unha reclamación salarial ao solicitar un pago mensual de 72 mil réis, nómina moi considerable para a época e para ela mesma, tendo en conta que aínda era un proxecto de actriz.

De “ingênua”, un papel no que non ten rival, pasa, a partir de 1864, a desempeñar outros máis importantes en obras como Os Fidalgos do Bois Doré, Fogo no convento, Vida de um rapaz pobre, Nobres e plebeus… xunto a actores e actrices do renome de Rossa, Theodorico, Tasso, Emilia das Neves ou Soller.

Desde 1857 ata finais de 1865 representou numerosas obras, sempre no Teatro D. Maria da praça do Rossio, a maioría cun éxito rotundo, ata converterse na “maior de todas as nosas actrices románticas”, ao dicir de Camilo Castelo Branco (1825- 1890). Ao parecer era alta e elegante, de pé pequeno, ollos entre verde e azul, cabelo entre louro e castaño, fermosa –loura musa de escena–; un tipo de beleza e elegancia pouco visto. De ollar vivísimo, o leve encrespar da fronte, “a prega eloquente dos cantos da boca, o ar ora triste, ora inocentemente alegre, o aroma de juventude e de poesia, a força e a graça daquele talento peregrino”.

En 1865, o escritor dramático J. A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra bátense en duelo por ela. Pero antes, moitos antes, en Lisboa prendera insistente o rumor de que o rei Pedro V, antes de casar coa princesa Estefanía de Hohenzollern-Sigmaringen, sentira gran debilidade por ela e que, mesmo, tivo intención de condecorala coa Medalla da Orde de Santiago.

Hai referencias de que Manuela, ademais de actriz, é autora dalgunhas obras como a comedia titulada A actriz e o proverbio Por este deixarás pae e mãe, disque nun estilo elegantísimo. Atopáronse capítulos truncados de romances; tamén cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos, onde reflicte a sensibilidade dunha muller aflixida que se lamenta de non ter gozado da infancia, nin do afecto maternal, nin das alegrías do corazón, e ata reflexións arredor do feito de ser muller e a incomprensión dos homes: “Cegos que a não consideram como metade da sua alma senão como precisa á sua vaidade e aos seus caprichos […] Para ao outro dia se afastarem d’ella como se desviariam dun lamaçal, não se lembrando que dias antes eran elles propios que jubilosos se engolphavam n’essa lama”.

O 4 de xaneiro de 1866 representou a obra Un Cura d’Almas e recitou o poema “Primeiros Amores” de Eduardo A. Vidal. O público asistente, ao vela pálida e con febre, asustouse. O 5 de febreiro deu un paseo polo Jardim da Estrela e ao regreso sentiuse peor. O día 8 encamou e o 24 a enfermidade que padecía agravouse. O 26, sobre as seis e media da tarde, morreu na súa residencia da praça da Figueira, 46, 3º andar, acompañada de amigas e amigos, poetas e actores.

Ao seu funeral, que se celebrou na igrexa de San Domingos, asistiron numerosas figuras do teatro: escritores, actores e público. O seu corpo foi soterrado no Cemiterio dos Prazeres no espazo reservado pola Associação dos Socorros Mútuos dos Actores Portugueses. Acompañouna un cortexo fúnebre só superado en número de asistentes polo do rei don Pedro V e o do orador José Estevão. Matouna o tifo e unha curta e intensa vida chea de penalidades e mala saúde.

J. César Machado dixo dela que era “mulher lírio” e o seu mal fado quixo que o seu derradeiro recitado diante do público comezase así: “O lyrio desponta e cresce / á luz da manhã que assoma /tudo é viço e tudo aroma /n’aquella graciosa flor”.



Autor/a da biobibliografía: Antonio Reigosa (2017)

Extras sobre Manuela Rey

CCG_ig_album_manuelarey_capa.jpg
CCG_ig_album_manuelarey_capa.jpg
CCG_ig_album_portada_manuela_rey.jpg
CCG_ig_album_portada_manuela_rey.jpg
CCG_ig_album_manuelarey_AndresGdoural_02.jpg
CCG_ig_album_manuelarey_AndresGdoural_02.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document