culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Olga Gallego Domínguez

Arquiveira, docente e historiadora, membro da Academia Galega e presidenta de ANABAD - Galicia



Ourense 1923 - Ourense 2010

Ámbitos de ocupación...
Político - Institucional
Doméstico
Docente
Investigación / Científico

Nacida na cidade de Ourense, vai quedar, logo do prematuro falecemento da súa nai en 1931, ao coidado da súa tía Corona xunto cos seus dous irmáns e a súa irmá, menores que ela. Os e as irmás nunca casaron e estableceron férreos lazos de unión entre si. Desenvolveron importantes vínculos coa cidade de Ourense, que honrou o seu irmán médico Luís e a propia Olga con distincións diversas.

Estudou Olga Gallego Filosofía e Letras, Sección de Historia, na Universidade de Santiago de Compostela, e ingresou por oposición en 1955 no Corpo de Auxiliares de Arquivos, Bibliotecas e Museos con destino na Biblioteca Pública de Ourense; e, en 1958, no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, destinada ao Arquivo da Subdelegación de Facenda e Biblioteca Pública de Vigo, centro este de dependencia mixta, estatal e municipal. En 1969, trasladouse ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense, que levaba anexo o Arquivo da Delegación de Facenda, que dirixiu ata a súa xubilación en 1989. Nestes centros, antes unidos ao Museo Arqueolóxico Provincial, sucedeu a Ferro Couselo, co que sempre mantivo unha estreita relación.

Ao igual que a súa irmá Pilar, farmacéutica, incorporouse a unha das escasas profesións que, como o maxisterio ou a relixión, lles permitía ás mulleres, en pleno franquismo, obter independencia económica e acceder ao coñecemento, á investigación e ao desempeño de cargos administrativos de certa responsabilidade.

Dotada dunha gran discreción, soubo abrirse a todo tipo de colaboracións con institucións relacionadas con arquivos, bibliotecas e museos. Da súa estancia en Vigo naceu a súa cooperación coa Fundación Penzol; contribuíu a catalogar a súa biblioteca e o seu arquivo, tarefa á que se incorporaría Pedro López, director daquela do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, e co que mantivo unha fecunda colaboración intelectual. Foi, ademais, nomeada vogal do seu Padroado, como o sería tamén do da Fundación Otero Pedrayo, situada en Trasalba e onde tamén traballou, con Minia Martull, directora da Biblioteca Pública de Ourense, na súa biblioteca. A súa vinculación co Museo Arqueolóxico de Ourense levouna a se integrar no Grupo de investigación Marcelo Macías, do que será secretaria desde 1971 a 1975 e presidenta desde 1990 ata o seu falecemento. Colabora neste caso con Francisco Fariña Busto e Julio Ramos, e participa moi activamente no seu medio de expresión: o Boletín Avriense, onde publicaría unha boa parte da súa produción de carácter histórico. Non menos intensa foi a súa participación en actividades arquivísticas de docencia e investigación a través da asociación ANABAD (Asociación Nacional de Archiveros, Bibliotecarios, Arqueólogos y Documentalistas) e de ANABAD-Galicia, da que foi presidenta desde 1994 a 1995, e do Grupo de Traballo de Arquiveiros de Galicia, así como acudindo a numerosos encontros científicos da materia, en España e Portugal, que poden ser rastrexados na súa abondosa bibliografía publicada, con achegas frecuentes nos Boletíns das asociacións mencionadas. Poderíanse citar, tamén, outras colaboracións, como a que estableceu co Arquivo Diocesano de Ourense, con bibliotecas de institucións docentes de Vigo, coa Escola Taller de Arquivos ou co Arquivo do Reino de Galicia, entre 1988-1990, no que foi profesora.

A súa independencia de criterio ocasionoulle algún desgusto administrativo, a simpatía e afecto dos e das súas colegas e compañeiras e tamén do seu alumnado, e explica os diversos homenaxes que recibiu, como o que lle tributou ANABAD en 2006, a atención que recibiu por parte dos medios de comunicación, así como a súa presenza na rede internet.

As súas achegas ao campo da arquivística e outras ciencias documentais son numerosas, en estreita colaboración con Pedro López desde 1974, con quen compartiría autoría de traballos de maneira continuada. Os seus estudos sobre o Catastro de Ensenada, os arquivos, os fondos documentais e os documentos convertéronse en clásicos. No campo da historia, a de Galicia, a da provincia e cidade de Ourense e diversos personaxes e colectivos do Antigo Réxime mereceron a súa atención xunto con outros temas diversos, como as barcas ou os estudos de xénero. Os seus méritos no campo da historia carreáronlle a distinción de ser nomeada correspondente da Real Academia da Historia en 1980, e académica numeraria da Real Academia Galega en 1985, cun discurso sobre os barcos e barcazas da provincia de Ourense no Antigo Réxime.

O Arquivo de Galicia custodia hoxe o seu arquivo e biblioteca profesional, doados á Xunta de Galicia pola súa irmá Pilar, que creou, na súa memoria, unha Fundación que leva o seu nome para o fomento, a investigación e a formación de profesionais en arquivos e arquivística.

Pola súa vida e obra manifestaron interese Martínez Tamuxe e Fernández del Riego. Lamentablemente, só unha pequena parte dos seus traballos están en soporte electrónico. En 2005, Pedro López elaborou unha biobibliografía que denominou “provisional” (por estar en vida a autora e coñecer a súa férrea disciplina investigadora), que sería posteriormente actualizada por Francisco Fariña Busto e M.ª José Sierra Rodríguez; e en 2011, tras o seu falecemento, cuantificou e analizou valorativamente a súa produción científica, que parecía definitivamente cerrada, tal e como fica reflectido na cartografía dedicada a ela neste mesmo Álbum e que el axudou a construír. Pero non foi así, pois o seu extenso traballo sobre A Limia, que deixara en borrador, reordenado por Yolanda Barriocanal e dividido en catro capítulos sobre os señoríos xurisdicionais, a economía e a sociedade, os señores palacianos e os mosteiros no Antigo Réxime, foi publicado na obra colectiva Patrimonio cultural da Alta Limia. Discurso histórico e ordenación do territorio, editada por Xulio Rodríguez González (A Coruña, Xunta de Galicia / Fundación Barrié, 2013), o que manifesta, unha vez máis, o seu dominio das fontes documentais para a reconstrución histórica.

Se tivésemos que resumir su traxectoria vital, diriamos que foi brillante na xestión administrativa, na docencia arquivística e na investigación documental e histórica, sen desatender, coma tantas outras mulleres, o fogar do que foi cabeza. Laboriosidade, ética profesional e cidadá foron os modos en que desenvolveu as súas actividades.

No ano 2011, diversos colectivos profesionais, encabezados por ANABAD-Galicia, fixeron unha proposta ás autoridades do Ministerio de Cultura e á Xunta de Galicia de que o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, que tanto lle debe, levase o seu nome, como recoñecemento aos valores que encarnaba. Non callou a petición. A condición feminina parece ter as súas limitacións, incluso nos ámbitos aparentemente menos proclives á discriminación. Pero estamos seguros de que cedo ou tarde se lle renderá esta última homenaxe.


OBRA
Unha parte importante da obra desta autora, está recollida na cartografía dedicada a ela neste mesmo Álbum, podes acceder a ela desde o apartado “Ligazóns” desta entrada



Autor/a da biobibliografía: Pedro López Gómez (2015)

Extras de Olga 

Extras sobre Olga

CCG_ig_album_OGD_RAG_11.jpg
CCG_ig_album_OGD_RAG_11.jpg
CCG_ig_album_OGD_RAG_10.jpg
CCG_ig_album_OGD_RAG_10.jpg
CCG_ig_album_OGD_2007.jpg
CCG_ig_album_OGD_2007.jpg
CCG_ig_album_OGD_2008_trasalba.jpg
CCG_ig_album_OGD_2008_trasalba.jpg
CCG_ig_album_OGD_RAG_06.jpg
CCG_ig_album_OGD_RAG_06.jpg
CCG_ig_album_OGB_RAG_02.jpg
CCG_ig_album_OGB_RAG_02.jpg
CCG_ig_album_OGD_RAG_12.jpg
CCG_ig_album_OGD_RAG_12.jpg
CCG_ig_album_OGD_retrato_1942.jpg
CCG_ig_album_OGD_retrato_1942.jpg
CCG_ig_album_OGD_mantilla.jpg
CCG_ig_album_OGD_mantilla.jpg
CCG_ig_album_OGD_comunion.jpg
CCG_ig_album_OGD_comunion.jpg
CCG_ig_album_OGD_portugues_2007.jpg
CCG_ig_album_OGD_portugues_2007.jpg
CCG_ig_album_OG_Oseira_003.jpg
CCG_ig_album_OG_Oseira_003.jpg
CCG_ig_album_OG_Oseira_001.jpg
CCG_ig_album_OG_Oseira_001.jpg
CCG_ig_album_OG_CON_2010.jpg
CCG_ig_album_OG_CON_2010.jpg

Ligazóns...

Untitled Document