culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Pepa Noia

Unha das catorce fundadoras de Nais de Praza de Maio


Fonte da imaxe: http://www.laregion.es
Bos Aires, Arxentina 1921 - Bos Aires, Arxentina 2015

Ámbitos de ocupación...
Doméstico
Acción político - social
Empresarial / Prof. Liberais

O 30 de abril de 1977 chegou dúas horas antes á praza de Maio. Unha muller, filla da emigración galega, sería a primeira en acudir a unha cita que se convertería en data histórica ao iniciar un movemento social que conmovería o mundo. Até entón, cada unha pola súa conta, as nais ían saíndo das súas casas empurradas pola desesperación debido á perda dos seus fillos e fillas. Naquel día, catorce delas citáranse para sumar forzas co fin de que as súas voces se escoitasen unidas para reclamar verdade e xustiza, nunha loita que se prolongaría xa durante toda a súa vida. Un grupo de nais, dedicadas até entón maiormente ao coidado das súas casas, saían ás rúas e buscaban, coa forza do seu amor, derruír os criminais cimentos da ditadura arxentina.

Pepa Noia lembrou durante toda a súa vida os nervios daquela primeira tarde. A tensión leváraa a ser a primeira en chegar a unha praza de Maio na que se ían iniciar as roldas en que ela participaría até súa morte en 2015.

Josefina García Pérez nacera no Barrio Norte de Bos Aires o 6 de xullo de 1921, mais sería coñecida como Pepa Noia ou Pepa de Noia logo de casada. Seus pais, Aurora Pérez e Agustín García, eran emigrantes que chegaran desde o seu Leiro natal, na comarca do Ribeiro, para construír en Bos Aires unha familia, na que nacerían dúas fillas e catro fillos.

Co tempo, en 1941, casaría con Juan Carlos Noia. Pepa "de Noia" coidaba da casa e pasaba o ferro para fóra; José Carlos era boxeador no River e logo foi empregado do servizo de limpeza en Bos Aires. Na familia do home era coñecida como “la gallega” aínda que Pepa nunca pisou o país de procedencia de seus pais. Confesaba, iso si, o moito que lle gustaría viaxar a Galiza e coñecer Ourense, da que tanto se falaba na casa.

En 1942 nace a súa primeira filla, á que lle pon de nome Alicia; logo viría Daniel e, xa en 1946, María Lourdes aumentaría unha familia que continuaría medrando co nacemento de Margarita, a pequena da casa, que despois estaría á beira da nai na busca da súa irmá desaparecida.

A súa vida muda drasticamente o 13 de outubro de 1976 cando a súa filla María Lourdes é secuestrada canda o seu compañeiro, Enrique Mezzadra. Dez días antes, a súa filla Alicia marchara para Australia, pouco despois de que seu irmá Daniel abrise o camiño da emigración, que Lourdes non quixo seguir. Psicóloga e profesora da Universidade de Morón, de María Lourdes lembraba Pepa o moito que lle gustaba ler, a súa afección polo River así como a súa xenerosidade e intelixencia. Desde que naceu o seu pequeno, Pablo Enrique, Pepa tiña conta do neto todos os martes, mentres Lourdes ía traballar á universidade. Un deses días foi a última vez que a viu con vida. Daquela chegaban xa noticias inquietantes e Pepa pediulle que tivese coidado, sen imaxinar que esa recomendación sería a súa despedida definitiva. “Si, mamá. Estate tranquila” foron as palabras de resposta, naquel 12 de outubro, que ficaron para sempre na memoria da nai.

Desde o tempo de estudante na universidade, Lourdes participaba de movementos sociais e políticos, primeiro na Federación Juvenil Comunista, para pasar despois ao PCR e ás FAL e integrarse finalmente nos Montoneros. O compromiso social e político converteuna nunha das vítimas do proceso de exterminio da ditadura de Videla, que fixo das desaparicións un modo de operar que buscaba tamén paralizar unha sociedade convulsionada.

As forzas represivas entraron o 13 de outubro na casa de M.ª Lourdes e Enrique, que apareceu completamente desvalixada. Ao neno deixárono cunha veciña da parella. Tempo despois, Enrique foi liberado mais de Lourdes non chegou outra noticia que a súa retención na ESMA (Escuela de Mecánica de la Armada), que naquela altura funcionaba como un centro clandestino de detención, tortura e exterminio. Máis nada. M.ª Lourdes era unha das 30 000 persoas desaparecidas no xenocidio arxentino e Pepa converteríase nun dos símbolos da loita das nais por coñecer o paradoiro dos seus fillos e fillas e tamén das crianzas, moitas delas roubadas.

Desde o primeiro día de ausencia de Lourdes, Pepa Noia comezou unha busca que non remataría nunca, primeiro acompañada pola súa filla Margarita, con quen ía todos os días á Comisaría 18, ao Departamento Central de Policía, até que un alto cargo lle dixo á filla: “Queda na túa casa, que a túa irmá a busque túa nai”. Daquela non eran aínda conscientes da gravidade da situación e do incremento exponencial do número de persoas desaparecidas.

Na súa peregrinaxe, as nais íanse atopando, compartían as súas dores, sumaban forzas e emocións con outras nais, confesaban os seus desesperados e iniciais movementos, contaxiaban a súa valentía e solidariedade coas que estaban na súa mesma situación para reclamar xustiza con toda esa mocidade que a ditadura dera en facer desaparecer. Así, catorce mulleres chegaron a articular en abril de 1977 a convocatoria que daría no inicio das roldas que, insistentemente, repetirían as nais para espertar a conciencia do mundo. Aquela fora ideada por Azuzena Villaflor, desaparecida e asasinada antes de rematar o ano. Convencera as demais de que soas non conseguirían nada e que xuntas, en cambio, poderían ser escoitadas. Velaí a orixe dun movemento que levou as mulleres á rúa, do ámbito familiar ao político. Dun movemento que batería na conciencia de todo o mundo denunciando a ditadura. Quen podía imaxinar que aquelas mulleres con aparencia tan inofensiva podían estar a conspirar contra o réxime ditatorial?

Na primeira cita, con altísimas temperaturas, atopáronse preto da rúa Ribadavia, ao carón da Pirámide. Conversaron e decidiron que o sábado non era bo día para que as súas protestas tivesen eco e, finalmente, despois de descartar o venres porque unha das mulleres dicía que era día de mala sorte, as marchas ficaron así fixadas para todos os xoves do ano. A idea era concentrarse na Praza de Maio mais foi a propia policía a que as obrigou a circular debido á prohibición de que se reunisen grupos en espazos públicos. As nais “circularon” baixo a orde da policía e, despois doutros percorridos, a marcha ficou establecida arredor da Pirámide de Maio. Pola súa banda, Pepa, desde aquela primeira rolda, afíxose a chegar sempre antes de tempo para falar coas persoas que se ían achegando.

Posteriormente, nunha xornada en que se dirixían a Luján en 1978, as nais incorporan o pano branco na cabeza ás súas mobilizacións para se identificaren e recoñeceren entre elas. Partiu do feito de que unha das mulleres tivo a idea de poñer un cueiro na cabeza, que despois pasou a ser o pano branco, que é o símbolo do movemento e aparece en boa parte das fotos públicas de Pepa Noia.

A pesar de case catro décadas de loita, Pepa Noia non puido nunca saber o destino final de María Lourdes. Confesaba que, por momentos, soñaba ser a “feiticeira” que movía o nariz dun coñecido programa televisivo para lograr o seu gran desexo, a aparición da súa filla. “Nunca, nunca van dicir: vimos chorar a Pepa” dicía e confesaba que as bágoas aparecían cando estaba soa, cando saía dos actos ou no camiño á casa.

“Non tiña militancia e de repente demostrou todo o amor que as nais teñen polos seus fillos, que é o que os milicos non tiveron en conta. Unha nai non ten medo cando tocan o seu fillo” di Margarita Noia, filla de Pepa e continuadora da súa loita pola xustiza e a verdade.

Pepa Noia recibiu nos seus últimos anos moitos recoñecementos, entre eles o de Cidadá Ilustre da Cidade de Bos Aires e arredor dela o investigador Enrique Arrosagaray escribiu o libro Josefina Pepa de Noia. Una Madre de primera hora, publicado en 2011. O día da súa morte, o 31 de agosto de 2015, festexábase na Arxentina a noticia da aparición da neta recuperada número 117. Até a fin dos seus días formou parte do movemento, mesmo despois da excisión, aliñada coas Nais de Praza de Maio Liña Fundadora.



Autor/a da biobibliografía: Carme Vidal Lage

Extras sobre Pepa

Video...

CCG_ig_album_pepa_noia_foto_01.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_01.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_02.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_02.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_03.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_03.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_04.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_04.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_05.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_05.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_08.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_08.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_09.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_09.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_10.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_10.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_11.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_11.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_12.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_12.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_13.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_13.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_14.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_14.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_15.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_15.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_16.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_16.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_18.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_18.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_19.jpg
CCG_ig_album_pepa_noia_foto_19.jpg

Ligazóns...

Untitled Document