culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

María Araújo

Dúas patrias unha loita: María a Guerrilleira



Carril 1904 - A Habana 1989

Ámbitos de ocupación...
Doméstico
Acción político - social
Político - Institucional
Marítimo / Agrícola / Gandeiro

Naceu o 28 de outubro de 1904 en Carril, concello de Vilagarcía (Pontevedra). Era filla de Ángel Araújo, mariñeiro, e de Emilia Martínez. No ano 1906 emigrou cos seus pais á Habana. Establecéronse no barrio de Casa Blanca, onde vivían moitos mariñeiros galegos. Casou na Habana en 1920 con Sebastián Carcaño, un mariñeiro galego, natural de Mugardos, que tiña activa participación sindical cos traballadores e nas loitas polas reivindicacións destes.

No ano 1932 retorna a Galicia con dous fillos pequenos e pouco despois retorna tamén o seu marido.
En España triunfara a República e abríanse novas esperanzas, e en Cuba pola contra vivíase o atafego da tiranía de Gerardo Machadato. Carcaño, como tantos galegos do mar, dedicárase á pesca no Golfo de México. A familia asentouse en Vigo e o marido de María enrolouse nun pesqueiro. Pola súa parte María foi traballar a unha fábrica de conservas de anchoa, propiedade dun empresario grego. As traballadoras elixírona delegada sindical. Na Habana militara no Partido Socialista Popular (comunista) e adquirira na loita social valiosas experiencias que trataba de aplicar en Vigo, onde chegou a dirixir o sindicato que agrupaba a vinte e cinco mil traballadoras conserveiras. Nese tempo asistiu a un congreso antifascista en París, onde coincidiu coa Pasionaria.
No seu traballo sindical, loitou pola igualdade do salario feminino. Así, nesa etapa loitou contra os armadores que pagaban baixos salarios ás mulleres en Vigo.

Cando estalou a Guerra Civil, en xullo de 1936, María e Ángel pasaron á clandestinidade. Andaron fuxidos polos montes de Redondela. Logo volveron a Vigo e atoparon sucesivos agochos nas casas de amigos. Un día Carcaño é detido e condenado a traballos forzados, máis tarde logra saír para Cuba, vía Lisboa. Ela seguía agochada en Vigo, de vez en cando vía os seus fillos, que eran atendidos por persoas de confianza. Debido á súa colaboración co grupo guerrilleiro de Redondela, detéñena un día cando voltaba do monte, vai á cadea e con ela leva a súa filla Dora, que nacera en 1935.

En 1944 María quedou en liberdade, grazas ás xestións do cónsul cubano, e inmediatamente saíu para Cuba coas súas dúas fillas (o fillo embarcara de polisón e xa estaba na Habana co seu pai), no vapor Marqués de Comillas.

Cando chegou á Habana pasou do Partido Comunista Español a militar no Partido Socialista Popular e comezou para María unha nova etapa na súa vida. Viaxou por varias cidades e localidades cubanas recadando axuda para o pobo español e participou en actos xunto a líderes comunistas como Xesús Menéndez, do sindicato azucreiro e representante á Cámara, ou o intelectual e tribuno Salvador García Agüero.

O 26 de agosto María preséntase por 1ª vez ante o pobo cubano e os españois residentes na Illa. (ver extra)

A partir de 1953 colaborou na loita contra Batista escondendo armas e combatentes, vendendo bonos do Movemento 26 de Xullo, espallando propaganda, instruíndo traballadores nas seccións sindicais, propiciando contactos, etc. A partir do triunfo revolucionario de 1959 incorporouse de cheo a múltiples tarefas. Fundou un Comité de Defensa da Revolución, axudou na organización da Federación de Mulleres Cubanas, asistiu regularmente aos traballos voluntarios de fin de semana no campo e nas fábricas, participou na campaña nacional de alfabetización, alistouse nas milicias populares e seguiu os cursos de preparación combativa e de defensa civil. Tamén colaborou coa Seguridade do Estado en tarefas de contraintelixencia e a súa colaboración foi decisiva, por exemplo, para neutralizar un dos plans terroristas destinado a atentar contra a vida de Fidel Castro.
Cando a invasión norteña de Playa Girón, en 1961, María Araújo detivo persoalmente, como medida preventiva, a máis de douscentos elementos sospeitosos, integrantes de grupos contrarrevolucionarios, moi activos naqueles días.

A María outorgáronlle en Cuba diversos galardóns. O máis significativo sen dúbida foi a Orde Ana Betancourt (nome dunha valiosa combatente mambisa que destacou no século pasado durante a loita independentista). A medalla correspondente impúxolla Fidel Castro, en acto solemne, en agosto de 1975. Foi merecente tamén da medalla de honra da Federación de Mulleres Cubanas.

Faleceu no seu fogar da Habana o 26 de decembro de 1989.




Autor/a da biobibliografía: Emilia García López (2007)

Extras de María 

109_00.jpg
109_00.jpg
109_01.jpg
109_01.jpg
109_02.jpg
109_02.jpg
109_03.jpg
109_03.jpg
109_04.jpg
109_04.jpg

Bibliografía...

Untitled Document