culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Ofelia Nieto

Unha galega no olimpo do bel canto



Santiago de Compostela 1900 - Madrid 1931

Ámbitos de ocupación...
Musical
Artístico

José Nieto, o pai de Ofelia, viña a ser o ‘Netiño’, estudante de Dereito naquela Compostela de La Casa de la Troya, de Pérez Lugín. Licenciado, fíxose notario, casou con Erundina Iglesias e marchou a ocupar os destinos que como tal lle cumprían.

O seu primeiro destino foi Algete e alí naceron Ángeles e Ramona. Cando se viron ante o terceiro embarazo, que coidaron sería un neno, decidiron que Erundina fose dar a luz a Santiago, onde naceu outra nena: Ofelia. Máis adiante naceron Sara e Marieta, que morreron ao pouco de nacer. E, finalmente, o ansiado varón, que se chamaría coma o pai.

A afección de José e Erundina á ópera e ao canto foi pronto trasladada ás súas fillas. Ensináronlles a ler música e animábanas a cantar con eles as óperas ou zarzuelas que alternaban no atril. As nenas axiña deron mostras de gran talento.

Estando a familia en Santa Cruz de la Palma, cando Ofelia ía cumprir 12 anos, pasou por aquel lugar unha compañía de zarzuela formada por coristas do Teatro Real. José e Erundina pedíronlles que escoitasen as fillas e tiveron a seguinte resposta: “Ten vostede unhas fillas que van revolucionar o mundo coa súa voz, especialmente [acenando cara a Ofelia] esta”.

Afagados, deciden levar ás fillas a Madrid para que ingresen no conservatorio. Ao pouco, a nai e as fillas están na capital cheas de ilusión. Falan con Ignacio Tabuyo, que era un mestre de canto e tiña certa sona. Este trata a voz de Ofelia como de soprano lírico-lixeira e a de Ángeles como de lírico-spinto ou lírico-dramático. E aquelas mociñas decátanse de que algo non vai ben.

Marcharon e axiña atoparon outro mestre. Era o tenor Antonio Simonetti (Simón italianizado), que estreara a ópera La Dolores, de Tomás Bretón. Este si entendeu o caso, clasificou as voces como cumpría e ensinoulles ás nenas unha técnica de primeiro nivel, que sempre sería gabada pola crítica, tanto no caso de Ofelia como no de Ángeles. Estas liñas de ensino incidiron na precocidade de Ofelia xa que consegue potenciar as súas extraordinarias facultades naturais. Con 14 anos estaba disposta para cantar en público. Ela dicía sempre que ía ser ‘tiple do Real’, mítico teatro ao quería levala Simonetti para que fixese unha audición.

Mais aconteceu algo que mudou aqueles plans. Un día Simonetti comunícalle á familia de Ofelia que o compositor Amadeo Vives preparaba a estrea no Teatro da Zarzuela da súa nova obra de temática galega titulada Maruxa. Andaba o autor na procura dunha soprano para o papel principal e pronto se puxeron en marcha ata conseguir que Vives a escoitase. Ao termo da audición, o compositor dixo afervoado:

- “¡Esta ‘galleguiña’ será mi Maruxa!”

A estrea sería en 15 días, o 28 de maio de 1914, e resultou un éxito total, que deu lugar ao nacemento dunha estrela: Ofelia Nieto, quen, no seu afamado decorrer polo firmamento operístico, presumía sempre de ter debutado aos 14 anos con Maruxa e, ao pouco, no Teatro Real cunha das valquirias da ópera wagneriana e co papel protagonista de Elvira da ópera verdiana Ernani todo naquel ano 1914. A crítica madrileña fica abraiada con aquela adolescente.

Aos 20 anos recibe unha homenaxe de compositores españois, á que tamén se unen Romero de Torres, Martínez Sierra e Mariano Benlliure, entre outros: “Los comienzos de Ofelia Nieto fueron como un augurio de lo que debía ser luego toda su vida artística: un triunfo de sentido español. Se presentó al público a los catorce años, estrenando ‘Maruxa’. Su nombre está unido desde entonces al de los autores líricos, con los que ha compartido el duro trabajo y el renombre…”

Antes, no outono de 1919, atopámola na cidade que fora o berce da ópera: Florencia, no teatro ‘La Pergola’. Chegan os grandes recoñecementos fóra de España, que aprecian nela “escola de clásica memoria” e ademais “voz fresca, aterciopelada, robusta, extensa, con agudos brillantes e intuición artística exquisita”. Críticos avezados e coñecedores definen cabalmente a cantante, que a esa idade é xa excelente.

Convértese na figura do Teatro Real e, posta unha pica en Florencia, viaxa en sucesivas ocasións a América cos mellores elencos do momento. Ademais, alterna e comparte protagonismo con tenores como Schipa, Gigli, Lauri Volpi, Pertile e dous grandes españois: Hipólito Lázaro e Miguel Fleta.

Entra en contacto cos centros galegos da Habana e Bos Aires. E, así, en 1922 atopámola cantando a fermosa cantiga ‘Un adiós a Mariquiña’, poema de Curros Enríquez e música de Xosé Castro Chané, que gravaría en disco xunto coa ‘Cántiga’ (‘No xardín unha noite sentada…’).

En 1925 chámaa o mítico Arturo Toscanini, para cantar na Scala ‘Der Freischütz’ e ‘Lohengrin’.

En 1928, provocou unha conmoción no ámbito planetario da música canora: Ofelia Nieto, a diva universal, a galeguiña que elixira Amadeo Vives para que, en maio de 1914, estrease a súa ópera Maruxa no rol principal, do que ela adoitaba gabarse con frecuencia: “estreei Maruxa aos 14 anos”, como tamén presumía de ser galega: “¿es uted gallega? –Sí, señor, de Santiago de Compostela” (entrevista de W. Blasco no Excelsior de México, 6 setembro 1921), deixaba os escenarios para casar.

O abraio definitivo chegaría tres anos máis tarde. Morre o 22 maio de 1931 de madrugada a causa dunha operación. O pasamento foi recollido por toda a prensa española e estranxeira. Dor e baleiro entre as persoas achegadas e entre o público, que a adoraban.

En Galicia, na Coruña, ao pouco do seu pasamento, xurdiu na súa homenaxe unha agrupación de zarzuela que chamaron Agrupación Ofelia Nieto, na que estaban o comediográfico Antonio Santiago Álvarez ‘Nito’ como secretario, a soprano Mercedes Montero e o barítono Fernando Navarrete e a súa dona Mili Porta, futuros catedráticos do conservatorio madrileño. En 1996 creouse outra co mesmo nome con alumnado destacado da miña aula do Conservatorio Superior coruñés.





Autor/a da biobibliografía: Antón de Santiago

Extras sobre Ofelia

Video...

CCG_ig_album_Ofelia_nieto_LVG_FLA.jpg
CCG_ig_album_Ofelia_nieto_LVG_FLA.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_IVG_01.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_IVG_01.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_IVG_02.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_IVG_02.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_IVG_03.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_IVG_03.jpg
CCG_ASDG_OO_0490_02.jpg
CCG_ASDG_OO_0490_02.jpg
CCG_ASDG_OO_0632_01.jpg
CCG_ASDG_OO_0632_01.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_AS_01.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_AS_01.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_AS_02.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_AS_02.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_AS_03.jpg
CCG_ig_album_ofelia_nieto_AS_03.jpg
CCG_ig_album_Ofelia_nieto_portada.jpg
CCG_ig_album_Ofelia_nieto_portada.jpg

Untitled Document