culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Ángeles Gulín

Considerada por especialistas a mellor soprano dramática do século XX e un agasallo para a alma



Ribadavia 1939 - Madrid 2002

Ámbitos de ocupación...
Empresarial / Prof. Liberais
Artístico
Docente

María de los Ángeles Gulín Domínguez nace en Ribadavia (Ourense), o 14 de febreiro de 1939, cuarta das seis fillas de Antonio Gulín Rodríguez, director da banda local, e de Juana Domínguez Rodríguez. As circunstancias políticas de posguerra impulsan a seu pai a deixar a localidade e agocharse en Rebordechán (Pontevedra). En 1947, ante as difíciles condicións económicas da familia, o señor Gulín marcha a Uruguai, desde onde, dous anos despois, envía pasaxes para a súa muller e tres das súas fillas (Toñita, Carmen e Marisa).

Quedan en Galicia, cos avós maternos, Ángeles, á que na casa chamaban Paloma, que ten entón dez anos; Lucila, de 19 (que tamén se dedicará ao canto) e Rosa (Chola), de 15. En 1951 as tres embarcan en Vigo no barco francés L’année con destino a Montevideo, onde a súa nai e o seu pai tiñan un negocio de alimentación.

Ángeles estuda solfexo e canto co seu pai, que a anima a matricularse no conservatorio da capital uruguaia; alí fórmase coa profesora Carlota Bernhard (cantante austríaca de orixe xudía que se instalara no país fuxindo da barbarie nazi).

En decembro de 1959, co nome artístico de ‘María de los Santos Gulín’, debuta con grande éxito interpretando á Raíña da Noite de A frauta máxica de Mozart no Ateneo de Montevideo, papel ao que seguirían Gilda de Rigoletto de Verdi, Rosa de Maruxa de Vives e o papel homónimo de Mariña de Arrieta.

Nesas representacións coñece ao barítono Antonio Blancas, que chegara ao país en 1953. Casarán o 10 de maio de 1963. Tras unha tempada en Montevideo, o matrimonio viaxa a São Paulo na procura dun futuro no mundo do canto. Apenas tres meses despois, no outono de 1964, deciden trasladarse a Madrid.

O director do Teatro da Zarzuela, Joaquin Deus, ofrécelle a Antonio entrar na compañía cun soldo de 500 pesetas diarias. O feito de que, se quedaban en España, el tería que facer o servizo militar, sumado a que, tras el gañar o segundo premio no concurso Viñas de Barcelona, recibira unha oferta da ópera de Braunsweig, leva a que tomen a decisión de mudarse a Múnic. Instálanse provisionalmente en dúas residencias de estudantes afastadas entre si. Así permanecen durante oito meses nos que, dado que a oferta de traballo quedara en nada, ela traballa como limpadora nun restaurante e el nunha fábrica de produtos fotográficos.

En setembro de 1965 Blancas gaña o Concurso de Canto de Múnic. Ao ano seguinte ofrécenlle un contrato para o teatro Deutsches Oper am Rhein de Düsseldorf, que desta volta si se materializa. Ao pouco, o 3 de abril de 1966, nace en Múnic a única filla, Ángeles, que permanecerá cos seus pais ata 1970, momento en que ten que comezar os seus estudos e pasa a vivir coa súa familia paterna.

Unha audición proporciónalle a Ángeles Gulín a posibilidade de debutar en abril de 1967 como soprano do ballet El sombrero de tres picos de Falla, no coliseo de Düsseldorf, baixo a batuta do director Rafael Frühbeck de Burgos. Iniciase así unha colaboración ininterrompida con este director, este teatro e mais o seu xemelgo de Duisburg, co que comparte espectáculos.

En abril de 1968, Ángeles obtén o primeiro premio no concurso Voci Verdiane de Busseto. O galardón ábrelle as portas dos grandes teatros italianos. Comeza entón unha etapa en que a cantante viaxará por toda Europa e América compartindo escenario con outras e outros grandes cantantes da época, como Del Mónaco, Bergonzi, Domingo, Pavarotti, Lavirgen, Carreras, Raimondi, Gedda, Ludwig, Talvela, Estes, Freni, Cossotto, Bumbry ou Caballé. Baixo a batuta de directores como Carlo Maria Giulini, Jesús López Cobos, Georges Prêtre, Lorin Maazel ou Ottavio Ziino; en teatros como La Fenice de Venecia, San Carlo de Napoli, Covent Garden de Londres, San Francisco Opera, Metropolitan de Nova York, Liceu de Barcelona ou Teatro Real de Madrid.

En maio de 1970 recibe, xunto a Plácido Domingo, a Medalla de ouro do Círculo de Belas Artes de Madrid.

Entre os seus innumerables compromisos internacionais a soprano sempre atopa tempo para volver a Galicia. Actúa en numerosas ocasións en Vigo e nas tempadas dos Amigos da Ópera coruñeses. Visita con frecuencia Ribadavia, lugar onde pensa reconstruír a súa casa natal, entón en ruínas, e mesmo montar espectáculos líricos, algo que nunca fará. O 8 de setembro de 1988, o Concello de Ribadavia noméaa ‘Filla predilecta’, nun acto que contou coa presenza do seu gran amigo o tenor Pedro Lavirgen e no que cantou o coro da vila, o seu home Antonio Blancas e a propia soprano a pesar do seu estado de saúde. Á localidade volverá tamén para gravar o capítulo do programa de RTVE Estrellas de la Ópera dedicado a ela.

Ángeles Gulín tiña desde a súa mocidade unha insuficiencia renal, que foi empeorando coa idade. En 1982 sofre un agravamento do seu estado, ata o punto de que, cantando Macbeth en Oviedo, cae desmaiada no medio da cabaletta ‘Or tutti sorgette’. As sesións de diálise ocupan unha gran parte do seu tempo e os doutores recomendan unanimemente o transplante. O número das súas actuacións diminúe drasticamente. A operación realízase o 12 de abril de 1986. En febreiro de 1987 a soprano volve ao escenario do Teatro da Zarzuela de Madrid, onde cun éxito extraordinario con Monserrat Caballé, Eugeni Nesterenko e Giorgio Meerighi realiza cinco funcións de Mefistofele de Boito. O 2 de xullo canta no Festival de Granada, nun concerto dedicado a Falla. Máis tarde é convidada a cantar Turandot de Puccini no Festival pucciniano de Torre do Lago en Italia. Durante un dos ensaios, a artista cae ao chan por mor dun derrame cerebral, que lle produce unha hemiplexía lateral. Tiña 48 anos.

Con enorme forza de vontade e o apoio da familia, aprende de novo a andar e a valerse por si soa. Ante a imposibilidade de volver aos escenarios, comeza unha nova andaina como profesora de canto no seu domicilio, e como empresaria, creando co seu marido e con Francisco Alonso unha sociedade de representación artística, coa que acabarían organizando representacións de zarzuela e concertos líricos. Participa así mesmo como xurado en distintos concursos líricos.

O 9 de maio de 1993 sobe por última vez a un escenario, con motivo da homenaxe realizada ao seu amigo, o tenor Pedro Lavirgen, para interpretar a aria ‘A vergine degli Angeli’ de A forza do destino co Coro Monteverdi.

A saúde da cantante deteriórase progresivamente e o 10 de outubro de 2002, Ángeles Gulín Domínguez falece en Madrid.


AGRACECEMENTOS
Antonio Blancas Laplaza
Ángeles Blancas Gulín
María del Portal Fernández Delaños (amiga da familia Gulín Domínguez en Ribadavia)
Santiago Vela Parés
Antonio Vasco (Amigos de la Ópera de A Coruña)





Autor/a da biobibliografía: Adela Estévez Campos (2017)

Extras de Ángeles 

Extras sobre Ángeles

Video...

CCG_ig_album_A_Gulin_portada.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_portada.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_002.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_002.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_003.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_003.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_0004.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_0004.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_0005.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_0005.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_006.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_006.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_008.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_008.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_009.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_009.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_010.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_010.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_015.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_015.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_011.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_011.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_012.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_012.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_014.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_014.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_016.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_016.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_007.jpg
CCG_ig_album_A_Gulin_007.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document