culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Sofía Casanova

A primeira correspondente de guerra



Culleredo 1862 - Poznan 1958

Ámbitos de ocupación...
Medios de Comunicación
Acción político - social
Doméstico
Literario / Letras

A vida e a obra da galega Sofía Casanova é case que descoñecida, quizais o único que dela se sabe é o seu matrimonio cun nobre polaco e a existencia dalgún centro de ensino a ela dedicado e pouco máis. Como muller e galega, cómpre recuperar a súa memoria histórica. Nace, segundo sinala o Diccionario de Couceiro Freijomil, o día 30 de setembro de 1862 no lugar de Almeiras-Culleredo (A Coruña). Moi nova trasládase, xunto coa súa familia, a Madrid, para poder estudar e formarse; temos noticias de que con 15 ou 16 anos frecuenta varias das tertulias na capital do Estado, onde xa se pon de manifesto a súa sede de coñecemento e de saber. Será nestes círculos onde coñeza ao profesor, filósofo e diplomático polaco Vicente Lutoslaswki, co que vai casar e muda a súa residencia a Polonia; mais a parella e a súa familia viaxarán cada ano a Galiza durante o período de verán, o que lle vai permitir a Sofía manter unha relación directa coa súa terra. Os seus desprazamentos continuos, como consecuencia da carreira diplomática do seu home, combínaos co seu traballo de xornalista e co seu estudo dos idiomas dos países onde reside, o que lle vai permitir dominar 8 linguas diferentes, incluída a súa, é dicir, o galego.

Esta actividade por toda Europa vaille permitir tamén vivir acontecementos como a loita das sufraxistas en Inglaterra, o desenvolvemento do sindicalismo, a formación do Partido Bolchevique na Rusia tsarista e, sobre todo, as dúas guerras (a Primeira e a Segunda Guerra Mundial) e a persecución dos xudeus polo réxime nazi no gueto de Varsovia. Na súa lucidez de muller comprometida coa súa época e tamén para poder alimentar e sufragar as necesidades dela e das súas fillas, non só fará crónicas senón que opinará en cada un destes episodios da historia europea da primeira metade do século XX, por iso colabora en xornais como La Época, El Liberal, El Mundo, El Imparcial de Madrid; na revista Galicia, noutras publicacións galegas e en prensa internacional como a Gaceta Polska e o New York Times.

Cando nace a Real Academia Galega no 1906, Sofía Casanova xa tiña traballo e recoñecemento a nivel mundial, o que motivou que fose nomeada membro correspondente deste organismo e que no ano 1952 se lle concedese por unanimidade o título de académica de honra.

Sofía Casanova só vai ter fillas e por este motivo vai ser repudiada polo seu marido e a familia deste xa que a descendencia do matrimonio non garante a continuidade do apelido paterno. Por esta razón, en varias ocasións ela e a súa familia viviron ao límite da supervivencia. Por este motivo, tamén, no ano 1917, traballa como cronista de guerra na fronte polaca e como enfermeira para a Cruz Vermella en Varsovia; volta a Galiza completamente arruinada e case cega aínda que sempre contará co coidado e co agarimo dunha muller de Almeiras que, ademais de facerlle compañía permanente, manterá vivo nela o idioma galego e axudaralle no coidado das fillas. En 1938 visita A Coruña e a súa aldea por última vez; comeza nesta época a etapa máis dura da súa vida como consecuencia da ocupación nazi do territorio polaco e da II Guerra Mundial. Sofía vai morrer en Polonia, máis concretamente na vila de Poznan, o 16 de xaneiro de 1958.

A súa produción literaria, de narrativa, poesía e teatro vai ser inmensa pero o que máis nos interesa resaltar aquí é a súa obra como xornalista e cronista, na que destacan títulos como La mujer española en el extranjero (Madrid, 1910), De la Revolución Rusa (Madrid, 1918), Impresiones de una mujer en el frente oriental de la guerra europea (Madrid, 1919), La revolución bolchevista, Diario de un testigo (Madrid, 1920), El martirio de Polonia (Madrid, 1946). Estes e outros títulos e, sobre todo, os seus contidos fixeron que Curros Enríquez na publicación La Tierra Gallega escribira: "Na obra da señora Casanova atópanse unha acción interesante, un pensamento nidiamente orixinal e caracteres de gran realismo, perfectamente observados e descritos como mandan os novísimos cánones que rixen nesta materia".

Sofía Casanova manifestou e tomou partido nunha postura nidiamente pacifista e antibélica; así o manifestou nas súas colaboracións na prensa na guerra do Rif (Marrocos) e na Semana Tráxica de Barcelona; mais a obra onde evidencia esta postura de xeito máis contundente é nas crónicas de Polonia e Rusia que ela, como correspondente de guerra, escribía para a prensa e que se publicaron reunidas no libro De la guerra no ano 1916.


Obra de Sofía Casanova
 
CASANOVA, S. De la guerra Madrid, Renacimiento, 1916


Autor/a da biobibliografía: Encarna Otero Cepeda

12_sofiacasanova_01.jpg
12_sofiacasanova_01.jpg
12_sofiacasanova_02.jpg
12_sofiacasanova_02.jpg
12_sofiacasanova_03.jpg
12_sofiacasanova_03.jpg
12_sofiacasanova_05.jpg
12_sofiacasanova_05.jpg
12_gal_01.jpg
12_gal_01.jpg
12_gal_02.jpg
12_gal_02.jpg
12_gal_03.jpg
12_gal_03.jpg
12_gal_04.jpg
12_gal_04.jpg
12_gal_05.jpg
12_gal_05.jpg
12_gal_06.jpg
12_gal_06.jpg
12_gal_07.jpg
12_gal_07.jpg
12_gal_08.jpg
12_gal_08.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document