culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Sofía Casanova

Correspondente de guerra



A Coruña 1861 - Poznan 1958

Ámbitos de ocupación...
Medios de Comunicación
Acción político - social
Doméstico
Literario / Letras

A vida e obra da galega Sofía Casanova foron case descoñecidas até agora. Quizás o único que dela se sabe é o seu matrimonio cun nobre polaco e a existencia dalgún centro de ensino a ela dedicado, e pouco máis. Como muller e galega, cómpre recuperar a súa memoria histórica. Nace o día 30 de setembro de 1861 na rúa de Santo André da Coruña. Sempre se barallou o dato falso de que o seu lugar de nacemento fora Almeiras-Culleredo pero a aparición da súa partida de nacemento permite xa ter datos fiábeis.

Cando nace, a súa nai, Rosa Casanova Estomper, está solteira, o que explica que Sofía teña o apelido Casanova. O seu pai, Vicente Pérez Eguia, casará con Rosa tres anos máis tarde e marchará para América pouco tempo despois desaparecendo completamente da vida da familia. Os tres fillos, dous homes e unha muller, serán criados pola nai, como en moitas familias galegas. Moi nova trasládase, xunto coa súa familia, a Madrid, para poder estudar e formarse, e temos noticias de que con 15 ou 16 anos frecuenta varios dos faladoiros na capital do Estado, onde xa se pon de manifesto a súa sede de coñecemento e de saber. Será nestes círculos onde coñeza ao profesor, filósofo e diplomático polaco Vicente Lutoslaswki, co que vai casar e muda a súa residencia a Polonia; mais a parella e a súa familia viaxarán cada ano a Galiza durante o período de verán, o que lle vai permitir a Sofía manter unha relación directa coa súa terra. Os seus desprazamentos continuos, como consecuencia da carreira diplomática do seu home, combínaos co seu traballo de xornalista e co seu estudo dos idiomas dos países onde reside, o que lle vai permitir dominar 8 linguas diferentes, incluída a súa, é dicir, o galego.

Esta actividade por toda Europa vaille permitir tamén vivir acontecementos como a loita das sufraxistas en Inglaterra, o desenvolvemento do sindicalismo, a formación do Partido Bolxevique na Rusia tsarista e, sobre todo, as dúas guerras, a Primeira e a Segunda Guerra Mundial. Sofía Casanova vai traballar como xornalista enviando crónicas desde as frontes de batalla para o diario ABC, onde as hemerotecas sinalan a entrega de 860 artigos neste xornal e 200 noutras publicacións. Deste xeito, Sofía Casanova vai ser a segunda muller correspondente de guerra do xornalismo español. A primeira foi Carmen de Burgos, que, no ano 1909 e na Guerra de Marrocos, traballou no Heraldo de Madrid. Ambas as dúas xornalistas foron amigas. Durante a Revolución Soviética, fíxolle unha entrevista a Trotsky, un dos líderes bolxeviques. Vai tomar postura claramente durante a sublevación militar franquista de 1936 a favor dos sublevados, enviando como intelectual e xornalista o seu apoio a Franco. Na Segunda Guerra Mundial, vai denunciar a persecución dos xudeus polo réxime nazi no gueto de Varsovia. Isto vaille traer problemas de traballo co xornal ABC.

Na súa lucidez de muller comprometida coa súa época e, tamén, para poder alimentar e sufragar as necesidades dela e das súas fillas, non só fará crónicas senón que opinará en cada un destes episodios da historia europea da primeira metade do século XX colaborando en xornais como La Época, El Liberal, El Mundo, El Imparcial de Madrid; na revista Galicia, noutras publicacións galegas e en prensa internacional como a Gaceta Polska e o New York Times.

Cando nace a Real Academia Galega en 1906, Sofía Casanova xa tiña traballo e recoñecemento a nivel mundial, o que motivou que fose nomeada membro correspondente deste organismo e que no ano 1952 se lle conceda por unanimidade o título de académica de honra.

Sofía Casanova só vai ter fillas e, por este motivo, vai ser repudiada polo seu marido e a familia deste xa que a descendencia do matrimonio non garante a continuidade do apelido paterno. Por esta razón, en varias ocasións ela e as súas fillas viviron ao límite da supervivencia. Durante a Primeira Guerra Mundial, colaborará como enfermeira voluntaria para a Cruz Vermella en Varsovia. Volta a Galiza no ano 1919 completamente arruinada e case cega aínda que xa, desde o ano 1896, durante unha das súas estadías longas en Mera (Oleiros), trabou amizade con D.ª Emilia Pardo Bazán, D.ª Filomena Dato e D.ª Fanny Garrido, e participou tamén nestes anos nos faladoiros da “Cova Céltica”. Será entón cando, co nacemento da súa última filla, vai contratar a que vai ser a súa amiga e compañeira de por vida, Josefa López Calvo, nai solteira de Cecebre (Cambre) que, ademais de facerlle compañía permanente, manterá vivo nela o idioma galego, e axudaralle no coidado das fillas e da propia Sofía con agarimo e complicidade.


En 1938, visita A Coruña e a súa aldea por última vez; comeza nesta época a etapa máis dura da súa vida como consecuencia da ocupación nazi do territorio polaco e da Segunda Guerra Mundial. Sofía vai morrer en Polonia, máis concretamente na vila de Poznan, o 16 de xaneiro de 1958.

A súa produción literaria, de narrativa, poesía e teatro vai ser inmensa pero o que máis nos interesa resaltar aquí é a súa obra como xornalista e cronista, entre a que destacan títulos como: La mujer española en el extranjero (Madrid, 1910), De la Revolución Rusa (Madrid, 1918), Impresiones de una mujer en el frente oriental de la guerra europea (Madrid, 1919), La revolución bolchevista. Diario de un testigo (Madrid, 1920), El martirio de Polonia (Madrid, 1946). Estes e outros títulos e, sobre todo, os seus contidos fixeron que Curros Enríquez na publicación La Tierra Gallega, con data 3 de maio de 1896, escribise: “Na obra da señora Casanova atópanse unha acción interesante, un pensamento nidiamente orixinal e caracteres de gran realismo, perfectamente observados e descritos como mandan os novísimos canons que rexen nesta materia”.

Sofía Casanova manifestou e tomou partido nunha postura nidiamente pacifista e antibélica e así o manifestou nas súas colaboracións na prensa na guerra do Rif, Melilla, na Semana Tráxica de Barcelona; mais a obra onde evidencia esta postura de xeito máis contundente é nas crónicas de Polonia e Rusia que ela, como correspondente de guerra, escribía para a prensa e que se publicaron reunidas nun libro no ano 1916.

Sofía Casanova recibiu, cando volveu a Galiza en 1919, por subscrición popular, a Gran Cruz da Beneficencia. Pouco tempo despois, varias comisións de intelectuais solicitaron para ela o Premio Nobel de Literatura e recibiu a Gran Cruz de Alfonso XII.


Autor/a da biobibliografía: Encarna Otero Cepeda (2006)

Extras de Sofía 

Extras sobre Sofía

Video...

12_sofiacasanova_01.jpg
12_sofiacasanova_01.jpg
12_sofiacasanova_02.jpg
12_sofiacasanova_02.jpg
12_sofiacasanova_03.jpg
12_sofiacasanova_03.jpg
12_sofiacasanova_05.jpg
12_sofiacasanova_05.jpg
12_gal_01.jpg
12_gal_01.jpg
12_gal_02.jpg
12_gal_02.jpg
12_gal_03.jpg
12_gal_03.jpg
12_gal_04.jpg
12_gal_04.jpg
12_gal_05.jpg
12_gal_05.jpg
12_gal_06.jpg
12_gal_06.jpg
12_gal_07.jpg
12_gal_07.jpg
12_gal_08.jpg
12_gal_08.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document