culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Corona  González

Escritora ocasional preocupada pola emigración e a educación das mulleres


Autora do retrato: María Presas
-

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Medios de Comunicación

Pouco se sabe da vida desta muller presente nas páxinas do semanario nacionalista A Nosa Terra (ANT) na segunda metade dos anos vinte do século pasado. Nun momento en que as voces de mulleres nos xornais e revistas son moi escasas, por non dicir inexistentes, Corona González escribe varios artigos durante todo un lustro nos que aborda diversas temáticas. Dúas serán predominantes: a emigración/saudade de Galicia e a necesidade da educación das mulleres.

Un dos datos que sabemos sobre a súa vida é que viaxaba moito. Isto, permitiulle coñecer de primeira man a situación pola que atravesaban os milleiros de galegos e galegas que se viron na obriga de emigrar durante o primeiro terzo do século vinte. París, Londres, Weymouth, Río de Xaneiro e, os vapores Arlanza e Itanagé, son algúns dos lugares onde asina os seus artigos.

As precarias condicións laborais, os abusos e vexacións ás que se somete a moitas e moitos compatriotas no lugar de destino son froito, segundo Corona, da falta dunha educación que as e os prepare para se enfrontar á complicada realidade coa que se ían atopar alenmar. Artigos como "Para os da terriña", "Saudades", "A bordo do Arlanza", publicados en ANT entre 1926 e 1929, son tres exemplos claros desta fonda preocupación: O noso mal e a falta de instrución: debíase castigar aos pais obrigal-os a dar instrución a seus fillos conforme a sua posición, eso sería o úneco medio de que respetasen os galegos, é moito triste ver a forma como os tratan lá. Da pena a chegada de un vapor cando comezan a desembarcar todos suxos cuase sen roupa, e a mayor parte sen saber ler. (...) mais d’aquiles que chegan. ¡Cántos morren esmagados xa pol-a fame xa pol-os desgostos e contrariedades! ¡poucos voltan! (ANT, 1-11-1926)

O segundo tema ao que a nosa autora dedica varios artigos é a necesidade de que as mulleres teñan acceso á educación regrada. Considera que moitos dos problemas das mulleres do seu tempo derívanse da falta desta. Un bo número das súas apreciacións son claramente pioneiras nesa altura e mais aínda dentro do nacionalismo galego, movemento moi refractario aos avances feministas que percorren Europa e os EE UU naquel entón. O emprego habitual na súa linguaxe de "homes e mulleres", "fillos e fillas" e "nenos e nenas" reflicte xa unha sensibilidade especial e moi innovadora na época.

No artigo intitulado "Pr’os pais que tein fillas" afirma o seguinte:
É necesario insinarlle a traballar, pra ser independente, e facerlle comprender que non é necesario o casamento, nen ser monxa, pra ser feliz n’este mundo. Só pode adequerir a sua independencia por medio do traballo, e o día que as nosas mulleres podan gañar a vida independentemente, sin precisar de ninguén terán independencia de carauter, e poderán casarse, ou non, sin ter medo a quedar solteiras, pois non precisan de un que as manteña (ANT, 1-4- 1927).

Foi Corona unha muller con carácter e valentía para chamarlle ás cousas polo seu nome e para sinalar a enorme hipocrisía social existente ao redor de moitos temas: a borrosa fronteira que separa un matrimonio de conveniencia dunha muller que exerce a prostitución; un asasinato legalizado ao abeiro da guerra doutro feito en tempos de suposta paz pero con moitas máis razóns do seu lado; un roubo cometido por unha traballadora explotada do roubo da patroa por esixir moito máis traballo polo mesmo salario; etc.
Sobre a vida de Corona apenas temos datos fiables. Con ocasión desta biobibliografía, por un achado casual, vímonos na obriga de revisar as fontes empregadas, ata o punto de ter que pór entre interrogantes algunhas afirmacións que aparecen en traballos anteriores sobre esta muller. En primeiro lugar o erro de situar o nacemento de Corona na Rúa derívase dunha mala interpretación dos datos que aparecen na súa primeira aparición pública en ANT: unha carta dirixida ao administrador de Lar. En segundo lugar, o seu casamento con Ramón González, conselleiro delegado do Banco Español de Río da Plata. Neste caso, ainda que hai elementos que permiten establecer unha porcentaxe bastante elevada de posibilidades de que a Corona González casada con este home sexa a mesma que escribe nas páxinas de ANT, non temos nas mans ningunha documentación que poida acreditar isto de forma irrefutable. Agardemos que investigacións posteriores e máis detalladas ofrezan algo máis de luz sobre a vida desta galega.

Obra de Corona González
 
GONZÁLEZ, C.: “Para os da terriña", A Nosa Terra, nº 230 (1-11-1926), p. 10

GONZÁLEZ, C.: "Como se encaran os diversos casos por aquí embaixo", A Nosa Terra, nº 236 (1-5-1927), p. 4

GONZÁLEZ, C.: "O egoismo de ultratumba", A Nosa Terra, nº 237 (1-6-1927), p. 6

GONZÁLEZ, C.: "Pr’os pais que tein fillas", A Nosa Terra, nº 235 (1-4-1927), p. 3-4

GONZÁLEZ, C.: "Saudades", A Nosa Terra, nº 241 (1-10-1927), p. 7

GONZÁLEZ, C.: “Para os da terriña", A Nosa Terra, nº 232 (1-1-1927). P. 7-8

GONZÁLEZ, C.: "O fogo", A Nosa Terra, nº 245 (1-2-1928), p. 5-4

GONZÁLEZ, C.: "Vaidades encol do Reco", A Nosa Terra, nº 244 (1-1-1928), p. 3-4

GONZÁLEZ, C.: "¿Por qué seria a batalla?", A Nosa Terra, nº 248 (1-5-1928), p. 9

GONZÁLEZ, C.: "A bordo do Arlanza", A Nosa Terra, nº 258 (1-3-1929), p. 2-3

GONZÁLEZ, C.: "¡Sempre as ditosas saudades!", A Nosa Terra, nº 264 (1-9-1929), p. 4-6

GONZÁLEZ, C.: "Nunca se debe perder a esperanza", A Nosa Terra, nº 269 (1-2-1930), p. 5-7


Autor/a da biobibliografía: Noa Ríos Bergantinhos (2008)

Extras de Corona  

gal_158_01.jpg
gal_158_01.jpg
gal_158_02.jpg
gal_158_02.jpg
gal_158_03.jpg
gal_158_03.jpg
gal_158_04.jpg
gal_158_04.jpg

Bibliografía...

Untitled Document