culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Placeres Castellanos

Unha galega na Resistencia francesa contra os nazis: a guerrilleira de enlace 35435



Pontecaldelas 1896 - Vigo 1971

Ámbitos de ocupación...
Medios de Comunicación
Acción político - social

Muller culta con simpatías comunistas. Durante a República, Placeres atreveuse a participar activamente en política. O seu home, o mestre, sindicalista e político Víctor Fraiz, orador espléndido, fixo campaña a prol do Estatuto de Galiza. Circunstancialmente, o alzamento de 1936 sorprendeuna en Madrid, a onde se desprazara cunha comisión do Socorro Rojo Internacional para asistir a unha asemblea, polo que puido salvar a vida, mais non a de moitos membros da súa familia. Os falanxistas masacraron un dos seus fillos, Víctor Jesús, que contaba só con 19 anos. Un ano máis tarde, en 1937, mataron a Víctor Fraiz, que estivera fuxido, vagando polos montes do sur de Galiza. E aínda Placeres tivo que aturar a morte de dous fillos máis, Vicente e Moncho.

Lonxe de Galiza, impotente ante a traxedia que afectaba a súa familia, afanouse nas tarefas de solidariedade e coidado de nenos e feridos. Xa en Valencia exerceu como secretaria de Solidariedade Antifeixista Galega.

A poucos días da caída da República Placeres embarcou no Burrington Combe rumbo ao sur de Francia, onde permaneceu en campos de internamento, nos que se activou entre as mulleres un enorme sentido da solidariedade e da necesidade de colaboración ante as terríbeis e inhumanas condicións que tiveron que soportar: frío extremo, fame e miseria. Nun destes campos coñeceu a Josef Spirk, un checoslovaco que fora brigadista durante a Guerra Civil española, e a través do cal Placeres entrou en contacto coa Resistencia francesa. Nas profundidades boscosas do departamento pirenaico do Ariège Placeres volveu responsabilizarse de tarefas de solidariedade cos presos: proporcionáballes comida e cartos, portaba mensaxes e facilitaba os contactos. O aparato organizativo do maquis solicitoulle un maior compromiso, o que implicaba máis responsabilidade e un incremento considerábel dos riscos. Pasou a ser a guerrilleira de enlace da III Brigada de Guerrilleiros da forza FFI (Franc Tireurs de l’Interieur) co número 35435. Actuar de enlace entre os guerrilleiros non era doado: había que ser discreta e controlar en todo o momento os nervios. Calquera imprudencia podía custarlle a vida a ela mesma, ademais de pór en perigo a dos compañeiros. Moito valor e sangue frío había que ter para superar, sen erguer a máis mínima sospeita, os numerosos controis que os nazis montaban na Francia ocupada. Foi testemuña da crueldade dos nazis cara á poboación civil francesa e de como os alemáns torturaron e asasinaron persoas por simpatizar coa Resistencia.

Placeres portaba daquela comprometedores paquetes, acollía na súa casa guerrilleiros, fuxidos e mesmo militares, que desempeñarían un importante papel na contenda internacional.

Aínda que se mantiña activa e coa mente ocupada mentres combatía o fascismo, non esquecía o que lle fixeran aos seus nin esquecía que en Galiza ficaban desamparadas e orfas as súas fillas e fillos. Combateu o fascismo por ideoloxía e compromiso político e colaborou coa Resistencia francesa co convencemento e, sobre todo, coa esperanza de que Franco caese con Hitler e Mussolini. O tempo veu a defraudar esta esperanza de poder regresar a Galiza.

O seu activismo feminista levouna a representar a Marsella, onde traballaba como xornalista, no Congreso Internacional de Mulleres que se celebrou en París en novembro de 1945. Alí coincidiu con mulleres como Dolores Ibarruri, a Pasionaria, e outras moitas, chegadas de todos os continentes, atraídas pola necesidade de intercambiar opinións sobre os acontecementos.


Obra de Placeres Castellanos
 
Castellanos Pan, P.: “A todos os fillos caídos vai a miña lembranza de nai", Nueva Galicia, Barcelona, 20 (3 de outubro). 1937

Castellanos Pan, P.: “A Valencia. Gratitude dunha galega”, Nueva Galicia, Barcelona, 23 (24 de outubro). 1937

Castellanos Pan, P.: “Aos caidos exploradores da liberdade galega”, Nueva Galicia, Barcelona, 27 (21 de novembro). 1937

Castellanos Pan, P.: “Galicia durme”, Nueva Galicia, Barcelona, 8 (4 de xullo), 1937

Castellanos Pan, P.: “Galiza, A Bela Durminte, non é nai de Franco”, Nueva Galicia, Barcelona, 24 (31 de outubro). 1937

Castellanos Pan, P.: “Heroinas galegas”, Nueva Galicia, Barcelona, 9 (11 de xullo). 1937


Autor/a da biobibliografía: Elsa Quintas Alborés (2008)

Extras sobre Placeres

gal_186_001.jpg
gal_186_001.jpg
gal_186_002.jpg
gal_186_002.jpg
gal_186_003.jpg
gal_186_003.jpg
gal_186_004.jpg
gal_186_004.jpg
gal_186_006.jpg
gal_186_006.jpg
gal_186_007.jpg
gal_186_007.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document