culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Luisa Cuesta Gutiérrez

A última directora republicana da Biblioteca Nacional



Medina de Rioseco 1892 - Madrid 1962

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Docente
Investigación / Científico

Nota:
Ademais das monografías citadas na bibliografía, na elaboración desta biobibliografía consultáronse os Expedientes Personales da Biblioteca Nacional de Madrid, os Expedientes de Depuración do Archivo General de la Administración de Alcalá de Henares e os Expedientes do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.

Luísa Cuesta Gutiérrez obtén o título de mestra superior na Escuela Normal de Valladolid. Exerce de mestra na escola de Campos da mesma provincia entre 1919 e 1920. Pide logo unha excedencia para incorporarse como docente á Facultade de Filosofía e Letras da UVA. En 1921 accede, por oposición, ao Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos, tendo como primeiro destino a Biblioteca Universitaria da USC onde permanecerá ata 1930, ano en que se doutora en Historia pola UVA e se traslada a Madrid.

Na súa estadía en Galicia, a máis de impartir docencia na Facultade de Filosofía e Letras e de manter relacións co Seminario de Estudos Galegos, realiza traballos de catalogación e publica estudos dedicados a diferentes cuestións. Interésase especialmente por temas americanistas, sobre todo os relacionados coa colonización e emigración, o que a leva a prestarlle especial atención ao rico fondo da Biblioteca América da USC e a facer unha viaxe a Arxentina para coñecer os Archivos de la Nación. Nestes anos tamén vai ser galardoada con varios premios. A Facultade de Ciencias outórgalle o `voto de graza' en 1923. En 1929 obtén: o Premio Duquesa de Alba por El Feminismo y sus orientaciones actuales; e, o Premio Sr. Yagüas Messía por Las riquezas de la Provincia de Jaén. Recibe tamén o Premio do Presidente de Arxentina e o do Monarca Alfonso XIII por La Universidad gallega: su pasado, su presente, su porvenir e Galicia en la historia de América.

No ano 1930 ten como destino a Biblioteca Nacional de Madrid (BN) e continúa co seu labor investigador publicando algunha das súas obras en imprentas estranxeiras. Exemplos disto son: o seu estudo La imprenta en Santiago de Compostela publicado en 1932 en Alemaña, traballo inxustamente menosprezado polos modernos editores e historiadores da imprenta; e un artigo sobre as mulleres españolas e a figura de María Lejarraga de Martínez Sierra publicado en 1934 na Arxentina.

O alzamento fascista de 1936 contra a República é un momento de inseguridade e parálise da cultura. Neste campo, unha das primeiras medidas adoptadas polo goberno republicano é a disolución da Junta Facultativa de Archivos, Bibliotecas y Museos e o inmediato nomeamento dunha Comisión Gestora del Cuerpo Facultativo de Archivos, Bibliotecas y Museos. Esta Comisión Gestora, está presidida por Tomás Navarro Tomás, ten como secretario a Juan Vicens e como vogais a Luísa Cuesta, Teresa Andrés, José Tudela, Francisco Rocher, Ricardo Martínez e Ramón Iglesias. Encárgaselles a elaboración dun Plan de reorganización do Cuerpo Facultativo de Archivos, Bibliotecas y Museos na maior brevidade posible a fin de que, xunto coa Junta de Defensa del Tesoro Artístico, se dediquen á confección de inventarios e embalaxes dos bens e bibliotecas incautadas. A BN está entre os obxectivos da aviación fascista e, ante a ameaza de bombardeos, a Comisión dota á BN de medidas de seguridade. O temido ataque prodúcese o 28 de novembro do 36. É entón cando os exemplares máis valiosos son enviados a Valencia e os fondos son depositados nas cámaras acourazadas da propia biblioteca ou trasladados á sede da Sociedade de Nacións en Xenebra.

A actuación de Luísa Cuesta na Comisión caracterizouse pola moderación. Chega a protexer individuos que, como J. Tudela, se afastan da obediencia e lealdade ao goberno. Isto custoulle enfrontamentos con outros membros da Comisión, que se saldaron, no seu caso, con detención e sanción. A pesar disto, debía ser considerada como profesional moi competente xa que, cando se crea o Consejo Central de Archivos Bibliotecas y Tesoro Artísticos no verán do 37, é nomeada Directora da paralizada e sitiada BN.

A vitoria fascista leva consigo un proceso de persecución e purga especialmente asañada coas persoas implicadas na protección do patrimonio. A denuncia de Luísa Cuesta é interposta por Ernesto de la Gala Llena, que a acusa de persoa contraria ao Movimiento Nacional, comunista e masona. Ábreselle entón un expediente no que se inclúe unha defensa na que ela, para triste satisfacción dos seus delatores e represores, amosa acenos de autodegradación e desconcerto. Mentres dura este proceso, Luísa é destinada á Biblioteca Pública de Guadalajara e finalmente é sancionada con redución de soldo e traslado forzoso á Biblioteca Pública e ao Arquivo da Delegación de Facenda da mesma cidade durante un ano. Pasado ese tempo, permíteselle regresar a Madrid e, aínda que pide a readmisión na BN, é destinada á Escuela de Peritos Industriales onde permanecerá ata 1945, ano no que conta cun informe favorable do Ministerio e se procede a súa readmisión na BN á fronte da Xefatura da Sección de Hispanoamérica. Permanecerá neste posto ata a súa xubilación en 1962.

Pero a sombra do pasado é moi longa. Vive e traballa marxinada. As viaxes de estudo convértense no seu osíxeno intelectual e vital. No ano 1947 obtén, a través do Instituto Nicolás Antonio do CSIC, unha axuda para unha estadía nas Bibliotecas de Porto, Mafra, Lisboa e Villaviciosa. Logo virán as estadías en Bibliotecas de Francia, Italia, Bruxelas e de novo Portugal, que aproveita para as súas pescudas e formación, e que sempre precisaron da aprobación do Director Xeral de Seguridade da BN (descoñecese se isto era un requisito obrigado para todo o funcionariado).

Luísa Cuesta vai ser ademais a única muller galardoada en dúas ocasións co Premio Bibliográfico Nacional do Ministerio de Educación. Este conta cunha escasa gratificación económica, con dereito a recoñecemento profesional e coa posibilidade de publicación dos traballos galardoados: - La imprenta en Salamanca, obra moi polémica e que merecera os ataques de Riesco, destacado membro do tribunal e director da Biblioteca Universitaria de Salamanca; e, - La imprenta en Burgos: obra que realiza co seu compañeiro Justo García Morales. Estas obras, porén, quedaron inéditas nas gabetas do Ministerio e só sairán á luz moito tempo despois, por iniciativa da súa autora. Quizais, este acalamento sexa o derradeiro episodio da súa purga.

Entre 1945-1962 deu ao prelo diversos traballos en España, Alemaña e Arxentina. Todos eles de historia e da súa especialidade: bibliotecas, arquivística e historia do libro e da imprenta. O seu celebrado Catálogo de obras iberoamericanas y Filipinas de la Biblioteca Nacional segue a ser un texto de referencia na actualidade.

OBRA
Debido a súa extensión, ofrecemos a obra de Luísa Cuesta nun documento PDF no apartado "Extras de Luisa"


Autor/a da biobibliografía: Lourdes Pérez González (2009)

Extras de Luisa 

Extras sobre Luisa

gal_189_1.jpg
gal_189_1.jpg
gal_189_2.jpg
gal_189_2.jpg
gal_189_3.jpg
gal_189_3.jpg
gal_189_4.jpg
gal_189_4.jpg
gal_189_5.jpg
gal_189_5.jpg
gal_189_6.jpg
gal_189_6.jpg
gal_189_7.jpg
gal_189_7.jpg
gal_189_8.jpg
gal_189_8.jpg
gal_189_9.jpg
gal_189_9.jpg
gal_189_10.jpg
gal_189_10.jpg
gal_189_11.jpg
gal_189_11.jpg
gal_189_12.jpg
gal_189_12.jpg
gal_189_14.jpg
gal_189_14.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document