culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

María Miramontes

Unha das defensoras do Estatuto do 36



Santa María de Guisamo 1895 - Bos Aires 1964

Ámbitos de ocupación...
Acción político - social
Empresarial / Prof. Liberais

María de los Dolores Miramontes Matos naceu en Santa María de Guísamo (Bergondo- A Coruña) o 6 de abril do ano 1895. Os seus pais, Vicente e Antonia, xornaleiros, van vivir á Coruña a comezos do século XX. Nesta cidade, María comeza a traballar con 11 anos nun obradoiro de costura, onde aprendizaxe e labor van xuntos e onde comeza a súa formación como modista. Na Coruña destes anos teñen lugar as grandes folgas de consumos, protagonizadas polas mulleres (1886-1901-1903). Esta cidade tamén ten unha fonda tradición republicana que se evidencia na súa vida cultural e no seu comportamento político; asemade, na Coruña xermola o pensamento nacionalista e galeguista en lugares como a Cova Céltiga. María Miramontes, moza esperta, intelixente e aberta, edúcase en todo este mundo e así frecuenta os núcleos republicanos na compañía de Elvira Bao, Pilar Castro, Amparo López Jean e, moi nova aínda, milita nas Irmandades da Fala, entidade que vai chegar a ter máis de 200 socias. María estará na súa Xunta Directiva. Seguramente, nestes ambientes republicanos, progresistas e galeguistas coñece ao home co que vai compartir vida, pensamento, ilusión, esperanza, amor e militancia; mais tamén sufrimento e morte: Ánxel Casal.

Con el casa en setembro de 1920, con el instálase no número 9 da Rúa Panadeiras e alí mesmo abren os dous en sociedade económica conxunta un pequeno comercio de venta de teas. Os ingresos cativos desta actividade fan que María se dedique tamén á súa profesión de modista mentres que Ánxel completa a economía con clases de francés e traducións. A parella non só mantén a súa vida en común senón que alimenta economicamente iniciativas múltiples do nacionalismo e da cultura de Galicia: as Irmandades da Fala, a editorial Lar, despois a editorial Nós e unha escola aberta e popular con ensino bilingüe e educación progresista e laica inspirada na Institución Libre de Enseñanza, para así facer que os nenos e nenas das clases traballadoras poidan aprender e formarse no coñecemento e amor por Galicia.

No ano 1927, María vai quedar marcada por un feito fisiolóxico, derivado da súa condición de muller, un aborto vaina deixar fisica e psiquicamente destruída, xa que non poderá ter máis fillos. Con valentía e tesón afronta esta situación e de novo o traballo como modista e a militancia fan dela a muller responsábel, cariñosa e valente que sempre foi.

A proclamación da República o 14 de abril de 1931 faille vivir, xunto con Ánxel, días de esperanza e de ilusión na cidade da Coruña. Aos poucos meses deciden trasladarse a Compostela por motivos económicos e políticos: estar máis preto do Seminario de Estudos Galegos, xa que a Editorial Nós publicaba todas as obras desta institución e talvez, cavilando que nos novos tempos, pensan que Santiago pasaría a ser a capital de Galicia. Cando no mes de decembro deste 1931 nace o Partido Galeguista, María, xunto a Genoveva Casal e outras mulleres, non moitas, traballa a prol de convencer ao pobo de Galicia, e moi especialmente ás mulleres, da necesidade que Galicia ten de dotarse dunha forza política propia.

Seguramente non foi doado para María atopar clientela para o seu traballo como modista xa reputada entre as damas da "boa sociedade compostelana", mais é ben certo que a súa habilidade coa agulla e a tesoira, a súa capacidade creativa cos patróns e as teas, van romper esa barreira e nos bailes do Casino, nos actos institucionais da sociedade compostelana, nos actos universitarios do Paraninfo, a roupa que crea María ten sona do bon facer.

A súa xornada laboral, case sen fin, compatibilízaa coa súa militancia política e coa súa participación nas tertulias da Editorial Nós, onde seguramente cose e fala ao mesmo tempo. Mais a súa preocupación está nas mulleres e no convencimento de que, dentro do Partido Galeguista, ten que haber unha organización propia feminina. Así, no ano 1933, nun 25 de xullo, Día da Patria, un grupo de mulleres militantes do Partido Galeguista, entre as que está María, asina un chamamento público dirixido a todas as mulleres para que tomen conciencia dos valores galegos. Esta sorte de manifesto verá a luz pública o 3 de agosto no xornal La Razón de Lalín e 3 días despois en A Nosa Terra. Coincidindo coa publicación deste chamamento, neste último xornal créase unha sección fixa dedicada ás mulleres, titulada "O recanto da muller".

María vai participar activamente na campaña de apoio ao Estatuto que se vai referendar o 26 de xuño de 1936. O 17 de xullo Ánxel Casal facía entrega do Estatuto de Galicia, xunto a toda a Comisión designada para esta función, ao Presidente das Cortes e ao Presidente da República. O 18 de xullo ten lugar a sublevación militar franquista. O día 20 de xullo, Ánxel Casal, que acababa chegar de Madrid, faise cargo da alcaldía e ponse ao frente do Comité Republicano de Santiago. Ese mesmo día, ás 12 da noite, a autoridade militar obrígao a ceder o mando. María e Ánxel vanse a Vilantime (Arzúa), aldea da familia de Ánxel Casal. O martes 4 de agosto, tras ser delatado por un veciño, Ánxel foi detido e conducido á cadea de Santiago, "a falcona". Comeza así, para María, unha etapa de dor, de sufrimento. Intentará por todos os medios manter con vida a Ánxel Casal, mais el, como moitos homes e mulleres, vai ser brutalmente asasinado nunha gabia en Cacheiras na noite do 18 ao 19 de agosto. María vive unha curta temporada na Coruña na casa dos Casal arranxando os papeis para exilarse e recompilando e gardando todos os obxectos persoais, fotografías e correspondencia que poden aínda conservar a lembranza, o amor e a complicidade de Ánxel.

No mes de novembro de 1936, como outras moitas mulleres, chea de dor e vestida de negro, embarca vía Lisboa, rumbo a Bos Aires, onde ten parte da súa familia emigrada. Cando chega alí consegue convivir co seu sufrimento e retomar a súa profesión, conservando así a súa independencia económica. Volve ser modista, mais a súa agulla e as súas teas nunca van ter a alegría e a ilusión da súa vida en Galicia. Algúns anos máis tarde casa cun curmán, Pedro Miramontes, que residía na mesma casa na que ela vivía. Mais as súas conversas e a súa vida estaban máis vinculadas á familia Seoane: con Rafael, con Maruxa e con Luís podía falar de Compostela, do Estatuto, da esperanza dun país novo cun pobo libre e, sobre todo, podía falar, evocar e chorar a memoria de Ánxel, home, compañeiro, amigo, amante que por sempre permaneceu no seu corazón.

María morreu o 17 de setembro de 1964 na capital porteña. Os seus ollos pecháronse, pero xa non tiñan luz desde aquel 18 de xullo de 1936 en que a barbarie e o sangue a deixaran cega.

O xornal A Nosa Terra de Bos Aires publicou en marzo de 1965 unha nota necrolóxica escrita por Maximino Brocos (pseudónimo de Luís Seoane). Mais a partir deste momento o silencio e o esquecemento fixeron de María Miramontes unha muller inxustamente invisibilizada.




Autor/a da biobibliografía: Encarna Otero Cepeda (2006)

Extras de María 

Extras sobre María

gal_19_01.jpg
gal_19_01.jpg
gal_19_02.jpg
gal_19_02.jpg
gal_19_04.jpg
gal_19_04.jpg
gal_19_05.jpg
gal_19_05.jpg
gal_19_03.jpg
gal_19_03.jpg
19_miramontes_fotogrupo.jpg
19_miramontes_fotogrupo.jpg
19_miramontes_entregaestatuto.jpg
19_miramontes_entregaestatuto.jpg
19_miramontes_mulleresrepublicanas.jpg
19_miramontes_mulleresrepublicanas.jpg
19_miramontes_mulleresrepublicanas2.jpg
19_miramontes_mulleresrepublicanas2.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document