culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Mulleres no  Seminario de Estudos Galegos

Investigadoras e docentes de primaria, ensino medio e universitario



Santiago de Compostela 1923 - Santiago de Compostela 1936

Ámbitos de ocupación...
Docente
Investigación / Científico
Doméstico

Antes de comezar a falar das mulleres vinculadas co Seminario de Estudos Galegos (SEG), convén facer unha pequena descrición sobre o Seminario e a Universidade de Santiago na segunda e terceira décadas do século XX. O SEG foi unha institución científico-cultural ligada á Universidade compostelá que durante os seus trece anos de vida (1923-1936) integrou no seu seo profesorado e alumnado universitario, intelectuais galeguistas da xeración Nós e das Irmandades da Fala e membros salientables dos distintos cenáculos da erudición local galega. Estruturado en 14 seccións, que abarcaban boa parte das disciplinas científicas da época, sobre todo do campo das Letras, chegou a ter máis de 200 socios e socias activas e arredor de 400 socios e socias protectoras e contou con subvencións oficiais do Ministerio de Instrucción Pública e das deputacións e concellos de Galicia. Na súa sede do Colexio de Fonseca reuniu unha importante biblioteca e un pequeno museo, no que estaban expostas as súas coleccións arqueolóxicas, etnográficas e artísticas. Pódese dicir que o SEG foi unha institución que pertenceu á mesma arbore xenealóxica que iniciou en 1876 a Institución Libre de Enseñanza e que inspirou as mellores empresas culturais da España do primeiro terzo do século XX, como a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (1907), o Institut d’Estudis Catalans (1907) ou a Residencia de Estudiantes (1910). De xeito parello ás institucións citadas, o Seminario axudou á formación dunha elite cultural que, de non ser pola ruptura de xullo de 1936, semella que estaba destinada a desempeñar un papel importante na Galicia.

A Universidade de Santiago, que ata os anos vinte fora, como gran parte das existentes en España, unha institución débil, con escasos medios económicos e un profesorado e un alumnado que na súa maioría militaba entre o escepticismo e a indiferenza, iniciará un proceso de mudanzas que durará ata o final da Segunda República: reivindicación da autonomía universitaria, creación de novas facultades e estudos, aparición do movemento estudantil, tendencia galeguizadora, cativo incremento entre o estudantado das clases medias e da muller e modernización intelectual, que está na base da mellora da cualificación do profesorado e da produción científica. O logro máis importante desta época foi, sen dúbida, a conversión en 1922 en facultades maiores dos estudos de Filosofía e Letras e Ciencias, que supuxo un incremento no número de ensinantes e alumnado e na dotación para a investigación. No proceso modernizador da institución universitaria desempeñará un importante papel a Junta para Ampliación de Estudios (JAE), cunha actuación que será clave tanto na creación de institucións permanentes de investigación como na formación doutoral e posdoutoral dos investigadores e investigadoras, na que terán un importante papel as estadías formativas no estranxeiro. O símbolo máis sobranceiro deste período de mudanzas foi o proxecto de Residencia de Estudantes, que, mirándose no espello do levantado no campus madrileño, pretendía dinamizar a vida académica, científica e cultural da Universidade de Santiago. O proxecto, que comprendía residencias, xardíns, piscina, pistas de tenis e estadio –un modelo semellante ao que ata hai pouco podiamos contemplar no campus sur compostelán–, quedou interrompido pola Guerra Civil e non se reiniciou ata os anos cincuenta. Máis tempo levou retomar outros valores que quedaron varridos pola guerra e a ditadura franquista.

Foron poucas as mulleres que participaron no SEG e moi cativa a súa colaboración nas actividades da institución. As 12 socias activas están lonxe do dez por cento de mulleres que, contra 1936, estudaban na Universidade de Santiago. Se non era fácil para elas acceder aos estudos universitarios –incluso se tiñas un pai ilustrado, caso que relata María Tobío nas súas memorias–, moito máis difícil resultaba dedicarlle, ademais, tempo e traballo non remunerado a unha asociación científico-cultural. As que participaron nas actividades do Seminario fixérono durante os anos de estudantes universitarias –Carmen Sierra, Dolores Lorenzo, Amparo Arango, Encarnación Fraga, Pura Lorenzana e Carmen Rey– ou logo de rematar a carreira e conseguir un traballo –Luísa Cuesta, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós ou Celsa Pérez Moreiras. En calquera dos casos, o seu protagonismo no SEG non foi máis alá da publicación dun traballo ou dun libro. Aínda contando coa escaseza cuantitativa e cualitativa dos fondos documentais do Seminario, é significativo que só dúas, Pura Lorenzana e Carmen Rey, aparezan recollidas nas actas da institución como asistentes, en dúas ocasións, en febreiro e marzo de 1928, ás sesións semanais que realizou o SEG nos seus trece anos de vida. Tampouco houbo mulleres no Consello Director do Seminario, nin ditaron conferencias nas asembleas anuais extraordinarias e nos diferentes cursos que organizou a asociación. Hai que supoñer que cando menos si deberon asistir a estes actos e que colaboraron no traballo das seccións –Pura Lorenzana na de Prehistoria, Dolores Lorenzo, Encarnación Fraga e Amparo Arango na de Xeoquímica, e Celsa Pérez Moreiras en Bromatoloxía. Unha boa mostra da escasa presenza de mulleres no SEG é a primeira fotografía que coñecemos da institución, na que aparece a primeira das socias, publicada no xornal Faro de Vigo, do 1 de decembro de 1923, co gallo do homenaxe do Seminario a un dos seus fundadores, Fermín Bouza Brey, polo éxito obtido nunha conferencia pronunciada na Reunión de Artesanos da Coruña, en novembro do mesmo ano. Alí está Carmen Sierra, a carón do homenaxeado, de Carlos Maside e doutros 21 homes máis.

É moi pouca a información da que dispoño sobre as socias activas do SEG, tirada case toda ela dos expedientes universitarios e dos escasos estudos que hai sobre o tema –non deixa de asombrarme que nos textos autobiográficos dalgúns dos protagonistas do momento, como Lois Tobío e Filgueira Valverde, non se recolla mención ningunha sobre as súas compañeiras de estudos. Expoño a continuación os dados das biobibliografadas.

Carmen Sierra (Valga, Pontevedra, 03/05/1906), a primeira das socias –proposta o 10/11/1923 e admitida o 16/11/1923, cando aínda non pasara un mes da fundación do SEG–, foi tamén a primeira que apareceu nunha noticia de prensa relacionada coa institución, na reportaxe que Diego Saavedra y Aguiar publicou no xornal Galicia o 13/04/1924, «Compostela y la cultura. Cómo se trabaja en el Seminario de Estudios Gallegos», na que se recolle a súa asistencia a unha sesión do Seminario. Carmen Sierra cursou a carreira de Historia entre 1922 e 1927. No primeiro curso de carreira, que tamén era o preparatorio de Dereito, coincidiu con algúns dos fundadores do SEG: Filgueira Valverde, Ramón Martínez López e Lois Tobío. Non creo que sexa esaxerado de máis supoñer que debeu colaborar nos traballos colectivos realizados polos socios do Seminario nos primeiros anos, elaboración dun ficheiro bibliográfico e dun vocabulario galego-castelán e formación dunha Biblioteca e dun Museo etnográfico, ademais de asistir ás sesións semanais privadas da institución que tiñan lugar na biblioteca da Facultade de Filosofía e Letras ou nas aulas de Dereito, dentro do mesmo edificio, e ás públicas, que se desenvolvían na sede da Sociedade Económica. En 1927 solicitou o traslado do seu expediente á Universidade de Madrid e en 1953 recolleu o seu título na Universidade de Santiago. Nada máis puiden saber sobre ela, agás unha mención nunha nota a pé de páxina dun artigo do historiador Carlos Fernández Rodríguez, que a cita, xunto ao seu marido, Carlos Díaz Rodríguez, exercendo como docentes en Pontevedra.

Dolores Lorenzo Salgado (León, 10/11/1905) e Amparo Arango Fernández (A Habana, 02/04/1907), as dúas licenciadas en Químicas e Farmacia, ingresaron no Seminario en 1929 e traballaron con Isidro Parga Pondal, director da Sección de Xeoquímica, e con el asinaron os seus traballos de ingreso na institución, «Sobre la presencia de la magnetita en las arenas de las playas gallegas» e «Contribución al estudio de los minerales de wolframio de Galicia: III: Análisis de las wolframitas de Juno, Monte Neme, Casayo, A Veiga y Vilacoba», respectivamente. Tamén traballou a carón de Parga Pondal M.ª de la Encarnación Fraga Padín (Cambados, 1908-2000), licenciada en Químicas e Farmacia e coautora, xunto a Parga, do traballo «Quimismo de la pepmatita litinífera de Goyás (Lalín)», realizado no Laboratorio de Xeoquímica do Instituto de Estudios Regionales da Universidade de Santiago, que foi creado co curso 1931-2 grazas ao liderado do reitor Alejandro Cadarso e posto en funcionamento polos socios do Seminario que exercían a docencia na Universidade. Encarnación Fraga Padín foi, ademais, membro da Sociedad Española de Física y Química, socia protectora do SEG e rematou montando unha farmacia en Cambados.

Aínda que non aparece como socia do SEG, Celsa Pérez Moreiras (León, 25/12/1912), licenciada en Farmacia e axudante de Técnica Física na Facultade de Farmacia no curso 1933-4, colaborou no Instituto de Estudios Regionales, no Laboratorio de Bromatoloxía, baixo a dirección de Aniceto Charro Arias, catedrático de Farmacia e membro do Seminario. Con el publicou o traballo «Composición química de los quesos gallegos». Logo da sublevación de xullo de 1936, coincidiría con Charro Arias traballando no Laboratorio de Farmacia Militar de Santiago.

Sobre Luísa Cuesta Gutiérrez (proposta o 18/10/24 e admitida o 25/10/24), María Corredoyra (ingreso en 1928), Pura Lorenzana Prado (ingreso en 1930), Josefa Iglesias Vilarelle (ingreso en 1933) e Sara Leirós Fernández (ingreso en 1929), remito ás biobibliografías xa publicadas nos Álbumes do Consello da Cultura Galega. As catro primeiras están no de Mulleres, a última no da Ciencia. Foron elaboradas respectivamente por Lourdes Pérez González, Dolores Villaverde Solar, Alfonso Mato, Sandra Santos Palmou e Antón Costa Rico.

Respecto á alemá Margot Sponer (1898-1945), profesora de español na Universidade de Berlín e especialista en textos medievais peninsulares en galego e catalán, aparece proposta como socia en 1926, ano en que levou a cabo en Galicia estudos sobre filoloxía galega. En 1927 publicou un pequeno traballo sobre o tema e en 1934 un longo artigo titulado «Documentos antiguos de Galicia». Risco e Lois Tobío, en Mitteleuropa e As décadas de T.L., respectivamente, dan conta do seu trato con Margot Sponer durante as súas estadías en Alemaña. Logo da subida dos nazis ao poder, Sponer perdeu o seu posto na Universidade, militou na resistencia e finalmente morreu confinada nun campo de concentración.

Son nove as mulleres que figuran como socias protectoras do Seminario. A máis importante, pola contía das súas cotas, foi Ángela Santamarina Alduncín (1864-1956), coñecida como Angelita Varela, marquesa de Atalaya Bermeja e condesa del Valle de Oselle. Nacida na Arxentina, filla dun emigrante ourensán dono dunha gran fortuna, casou co aristócrata ourensán Isidoro Temes Sáenz, señor de Vilaseco, instalouse na cidade de Ourense e acadou sona polas súas obras de caridade. Grazas en boa parte ao seu mecenado, o SEG publicou os dous primeiros tomos dos Arquivos. Aínda nos anos 30, os seus donativos anuais de 200 ptas. só eran superados polas deputacións e o Ministerio de Instrución. Máis modesta foi a contribución das outras socias, algunhas delas relacionadas con socios sobranceiros do SEG, como Emilia Álvarez Álvarez, casada con Fermín Bouza Brey, que foi membro desde 1931 da Sociedad Española de Física y Química e rexentou unha farmacia na compostelá rúa do Vilar; Daría González García-Paz (1912-1999), irmá de Sebastián, sobresaínte estudante de Historia que rematou exercendo de profesora en Pontevedra; ou Matilde Pondal Araoz (1875-1969), nai de Isidro Parga Pondal. Hai que citar tamén a Carmen Pardo Losada (1890-1983), profesora na Escola Normal de Mestras de Lugo, e a Pilar Bermúdez de Castro y Feijoo (1888-1987), que colaborou na colección de documentos históricos da Academia Galega. Á parte da xa citada Encarnación Fraga, a lista péchase con dúas mulleres das que non conseguín saber nada máis que o nome, Inés Corral Mariño e Mercedes Vilabella.

Hai tamén noticias de catro mulleres, licenciadas en Historia, que entre 1928 e 1936 foron usuarias da Biblioteca do Seminario: Remedios Álvarez Álvarez (Ourense, 1907); María Ignacia Ramos Díez, que rexeitou a posibilidade de exercer a docencia universitaria, foi profesora no Instituto de Lugo e xubilouse no de Santiago (casou nos anos trinta con Ricardo Carballo Calero); Joaquina Rodríguez Caminero (Ourense, 1911), bolseira na Residencia de Señoritas de Madrid en 1933; e María Tobío Fernández, que traballou no Centro de Estudios Históricos, de Madrid, e acadou posto de funcionaria no Corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios, traballo que volvería recuperar logo do seu exilio en México. A ela debémoslle o único comentario que coñezo sobre unhas das mulleres que pertenceu ao Seminario: «Mais non podo pasar sen falar de Luísa Cuesta, que foi a primeira muller bibliotecaria da Universidade de Santiago e tamén profesora e que espertou en min a afección que me durou toda a vida e me axudou a razoar sobre cuestións daquela intocables, aínda que hoxe estean admitidas». Mágoa que María Tobío non escribise nas súas cativas memorias máis que dous parágrafos sobre a súa época de estudante universitaria en Compostela.

A falta de traballos de investigación sobre a Universidade galega dos anos vinte e trinta, na liña da tese realizada por Ricardo Gurriarán, continuaremos recitando o apócrifo que inseriron Borges e Bioy Casares na tradución do capítulo V de Hydriotaphia, de Sir Thomas Browne: «Amplios son los tesoros del olvido, e innumerables los montones de cosas en un estado próximo a la nulidad; más hechos hay sepultados en el silencio que registrados, y los más copiosos volúmenes son epítomes de lo que ha sucedido. La crónica del tiempo empezó con la noche, y la oscuridad todavía la sirve; algunos hechos nunca salen a la luz; muchos han sido declarados; muchos más fueron devorados por la oscuridad y las cavernas del olvido».


Obra de Mulleres no Seminario de Estudos Galegos
 
SPONER, M. “Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega”, Nós, A Coruña, 37. 1927

LORENZANA PRADO, P. “Mámoas do Saviñao. A anta de Abuime e a necrópole do Monte da Morá”, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela, V, p. 63-91. En col. con Florentino López Cuevillas e Antón Fraguas. 1930

ARANGO FERNÁNDEZ, A. “Contribución al estudio de los minerales de wolframio de Galicia: III: Análisis de las wolframitas de Juno, Monte Neme, Casayo, A Veiga y Vilacoba”, Anales de la Sociedad Española de Física y Química, Madrid, XXVIII. 1930

LORENZO SALGADO, D. “Sobre la presencia de la magnetita en las arenas de las playas gallegas”, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela, V, p. 15-22. 1930

IGLESIAS VILARELLE, J. Método de lectura, Santiago de Compostela, Seminario de Estudos Galegos. 1932

CUESTA GUTIÉRREZ, L. “La Emigración gallega a América”, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela, IV, p. 141-217. 1932

FRAGA PADÍN, Mª de la E. “Quimismo de la pepmatita litinífera de Goyás (Lalín)”, Anales de la Sociedad Española de Física y Química, Madrid, XXXII. 1934

PÉREZ MOREIRAS, C. “Composición química de los quesos gallegos”, Boletín de la Universidad de Santiago, Santiago de Compostela, nº 23. 1935

LEIRÓS FERNÁNDEZ, S. El Padre Feijoo. Sus ideas crítico-filosóficas, Santiago de Compostela, Paredes. 1935

LEIRÓS FERNÁNDEZ, S. El existencialismo en la educación, Santiago de Compostela, Paredes. 1959

LEIRÓS FERNÁNDEZ, S. El Padre Feijoo: su magisterio. Antología de sus obras, Lugo, La Voz de la Verdad. 1967


Autor/a da biobibliografía: Alfonso Mato Domínguez

Extras de Mulleres no  

gal_189_2.jpg
gal_189_2.jpg
gal_211_01.jpg
gal_211_01.jpg
gal_211_02.jpg
gal_211_02.jpg
ret_211.jpg
ret_211.jpg
gal_211_05.jpg
gal_211_05.jpg
gal_211_04.jpg
gal_211_04.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document