culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Luísa Villalta

Escritora e violinista, destacou pola forza da súa voz e polo seu compromiso social.



A Coruña 1957 - A Coruña 2004

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Acción político - social
Artístico

Luísa Villalta Gómez naceu na Coruña no ano 1957. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela e alí licenciouse en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa. Dedicou parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Era tamén titulada superior en violín, ou violino (como ela lle chamaba sempre a este instrumento). Formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.

Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e textos xornalísticos en lingua galega. A súa escrita foi premiada varias veces: no certame de relatos curtos Modesto R. Figueirido (1990), por A taberna do holandés; co XIII Premio Espiral Maior (2004), polo seu poemario En concreto; postumamente, co Premio da Crítica Galega á Creación Literaria (2005) tamén por En concreto etc.

A súa experiencia musical, sen dúbida, influíu na súa creación literaria. Diso deixou constancia no ensaio O outro lado da música, a poesía (1999) e en artigos como A Música e Nós (2002), Poética “Sobre un certo estado de conciencia” (2002) ou A língua dos sons (2003), onde fala da relación entre a palabra e a música e da súa experiencia persoal nos momentos de creación.

Paralelamente á súa traxectoria como autora, desenvolveu unha intensa actividade cultural. Participou en seminarios, en recitais de poesía, deu conferencias e colaborou nunha chea de publicacións periódicas, como Man Común, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro, Enclave, Página abierta etc. En moitas destas colaboracións podemos percibir a personalidade de Luísa Villalta e a súa consciencia social, de modo particular nos artigos publicados entre os anos 2002 e 2004 en A Nosa Terra, compilados no Libro das colunas (2005). Sensíbel e contundente, puña en evidencia a hipocrisía política, denunciaba os valores e a apatía dunha sociedade ferozmente capitalista ou criticaba os responsábeis dos desarranxos sociais, sempre do lado das persoas máis desfavorecidas e nun ton construtivo.

Seguramente foi a súa sede de xustiza, a súa sede de sermos un país avanzado, un país culto, o que a levou a implicarse socialmente: formou parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, coordinou a área de revisión histórica e análise crítica da cultura no Foro da Cultura Galega, participou no Foro Negro, foi membro activo da Mesa pola Normalización Lingüística e comprometeuse en favor dos dereitos lingüísticos do pobo galego.

Na súa obra tamén estivo presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo. Así, equiparou Isto é poesía, un ruído provocado. […] Isto é tamén unha muller que resiste, e así, no su poemario Papagaio –entre imaxes tomadas no transcurso da demolición deste barrio da Coruña coñecido pola prostitución–, os seus textos fálannos da vida das putas, empregando esta palabra sen rubores e con toda a dignidade.

A morte chegou para Luísa Villalta dun modo inesperado, por causa dunha parada cardíaca, o 6 de marzo de 2004. Tiña 46 anos e unha vida chea de ocupacións, proxectos e esperanzas.

Desde o momento da súa morte sucedéronse iniciativas que lembran o seu nome e o seu labor: desde o ano 2004 no I.E.S. Isaac Díaz Pardo de Sada –onde ela foi profesora– convócase anualmente o Certame Literario “Luísa Villalta”; igualmente desde 2004, no contexto da comunidade universitaria convócase o Premio “Luísa Villalta” a Iniciativas Normalizadoras, para a promoción do uso do galego nas tres universidades galegas...



Obra


Poesía:

(Máis obra poética súa está incluída en antoloxías colectivas.)
Narrativa:

(Máis obra narrativa súa está incluída en antoloxías de relatos.)
Teatro:

Ensaio:

Xornalismo:

Tradución:



Autor/a da biobibliografía: Silverio Cerradelo (2010)

Extras de Luísa 

Extras sobre Luísa

Video...

Luisa Villalta_foto 1.jpg
Luisa Villalta_foto 1.jpg
Luisa Villalta_foto  2.jpg
Luisa Villalta_foto  2.jpg
Luisa Villalta_foto 3.jpg
Luisa Villalta_foto 3.jpg
Luisa Villalta_foto 4.jpg
Luisa Villalta_foto 4.jpg
Luisa Villalta_foto 5.jpg
Luisa Villalta_foto 5.jpg
Luisa Villalta_foto 6.jpg
Luisa Villalta_foto 6.jpg
Luisa Villalta_foto 7.jpg
Luisa Villalta_foto 7.jpg
Luisa Villalta_foto 8.jpg
Luisa Villalta_foto 8.jpg
Luisa Villalta_foto 9.jpg
Luisa Villalta_foto 9.jpg
Luisa Villalta_foto 10.jpg
Luisa Villalta_foto 10.jpg
Luisa Villalta_foto 11.jpg
Luisa Villalta_foto 11.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document