culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Antonia Ferrín Moreiras

A contadora de estrelas



O Carballiño 1914 - Santiago de Compostela 2009

Ámbitos de ocupación...

Antonia Ferrín Moreiras naceu no Carballiño o 13 de maio de 1914 nunha familia de catro irmás, das que ela era a terceira. O seu pai era mestre de escola nesta vila, pero antes de alcanzar as nenas a idade de ir ao instituto, en contra dos costumes da época, a familia trasládase a Santiago de Compostela co fin de que as catro irmás cursen estudos superiores. Nesta cidade, durante un tempo, o pai compaxinou as clases cun traballo en Facenda, e as fillas esforzáronse para acceder a matrículas gratuítas e bolsas para aliviar a economía familiar.

Comezou a asistir á escola con 7 anos, pero aos 9 estaba preparada para facer o ingreso no instituto, nunha época en que ademais das clases (mañá e tarde) o que facían as crianzas era xogar. Os estudos de Bacharelato de Ciencias cursounos no que era Instituto Xeral e Técnico e logo no Instituto Nacional de 2º Ensino cursa o Bacharelato Universitario, xunto con arredor dunha ducia de nenas máis. En 1930 comeza os estudos superiores na Facultade de Ciencias da USC, que entón só ofertaba a especialidade de Químicas.

Ao rematar a carreira, Antonia comeza a súa ampla traxectoria profesional: en 1934 é contratada como axudante interina gratuíta da Sección de Ciencias, na que pouco antes rematara a súa primeira licenciatura. Desempeña este posto durante os dous cursos seguintes, ao mesmo tempo estuda os dous primeiros cursos da especialidade de Matemáticas (os únicos que ofrecía a USC), dá clases particulares e traballa como axudante gratuíta da Sección de Ciencias do Instituto Xelmírez. Ao ano seguinte engade a isto a súa incorporación como profesora de Matemáticas no Colexio para nenas orfas Nosa Señora dos Remedios, no que permanecerá ata 1948.

En 1936 Antonia tiña prorrogados os seus contratos mais a suspensión da actividade académica, derivada do estalido da Guerra Civil, trunca os seus proxectos. Por se isto non fose suficiente, en outubro de 1937, como consecuencia dunha denuncia anónima, ábrenlle un expediente de depuración ratificado pola Comisión correspondente, co resultado dunha sanción de inhabilitación para desempeñar cargos directivos e de confianza e que, na práctica, supuña ademais un afastamento da docencia no Instituto. A pesar disto, ela non se consideraba represaliada, aínda que si tratada con prexuízo, xa que o posto que ela ocupara asignáranllo a outro profesor en propiedade.

En 1940 consegue unha revisión da súa causa. Esta ten como resultado a anulación da sanción e a súa rehabilitación. Retoma así docencia na Facultade de Ciencias, pero non a do Instituto, aínda que foi encargada de clases en diversas ocasións ata o ano 1961.

Foi amais unha estudante incansable. Durante o curso 1939-40 completou as materias que necesitaba para licenciarse en Farmacia, no seguinte as de Maxisterio na Escola Normal Feminina, e entre os anos 43 e 48 obtén a Licenciatura en Ciencias Exactas (agora Matemáticas) pola Universidade Central de Madrid (hoxe Complutense) como alumna non asistencial. Por esta mesma época coñecerá ao profesor D. Enrique Vidal Abascal, de cuxa cátedra foi primeira profesora axudante e despois adxunta; será el quen lle presente a D. Ramón María Aller. Estes dous profesores foron para ela unha ‘Facultade’ completa, con eles entra en contacto co mundo da Astronomía, que durante preto de 20 anos ocupará gran parte do seu tempo.

En 1950 logra unha bolsa do Consello Superior de Investigacións Científicas, que dous anos despois se converterá nun contrato de axudante de observación no Observatorio Astronómico de Santiago, que desenvolverá ata 1963. Acode cada tarde, traballa con D. Ramón, co que fala de cuestións científicas facendo os cálculos e observacións que el propuña. Antonia non só foi a súa alumna predilecta, senón tamén a máis fiel, constante e directa colaboradora.

En 1953 aproba a oposición de profesora numeraria de Matemáticas na Escola de Maxisterio de Santander; non obstante, aos dous anos volve por concurso de traslados á Escola Normal Feminina “Isabel la Católica” en Santiago, onde permanecerá ata 1963. Esta escola estaba situada no edificio do Pazo Xelmírez, onde hoxe se encontra o Reitorado da USC. Amais disto, entre 1954 e 1956 realiza os cursos de Doutoramento en Madrid, centrándose na Astronomía. No Observatorio efectuou medidas micrométricas de estrelas dobres, observou pasos de estrelas por dúas verticais e ocultacións de estrelas pola Lúa. Os resultados de tantas horas de cálculos e observacións aparecen salientados en varios artigos publicados por D. Ramón na revista Urania (n.os 225, 229, 252) (nos que especifica que Antonia foi quen fixo cálculos ou medicións) e por ela mesma: “Sobre observaciones meridianas y en el primer vertical” (n.º 223, 224), “Observaciones de pasos por dos verticales” (n.º 258) e unha lembranza de D. Ramón M.ª Aller tras a súa morte (n.º 264). Probablemente a maior recompensa fora a defensa da súa tese en 1963:Observaciones de pasos por dos verticales, trátase da primeira tese defendida na Facultade de Matemáticas da USC.

En 1964 foi nomeada Catedrática Numeraria de Matemáticas da Escola Feminina de Maxisterio Santa María da Universidade Central de Madrid, alí permanecerá ata a súa xubilación forzosa en 1984. Reparte entón o seu tempo entre Madrid e Santiago, onde se instala definitivamente nos últimos anos.

A Antonia deseguida lle captaban a capacidade de traballo e de organización; así, unha vez asentada en Madrid foi chamada polo profesor Sixto Ríos para dar clase de Matemáticas en Medicina durante 2 anos (decide non volver porque as listas de alumnado “eran como libros de grosas e fumábase na clase anterior”) e polo profesor José M.ª Torroja, membro do tribunal que xulgou a súa tese, para dar clase de Astronomía. Explica diferentes materias da especialidade, desempeña cargos directivos e fai parte de tribunais de oposición.

Ata uns meses antes do seu pasamento (o 6 de agosto de 2009), seguiu a ser unha conversadora incansable cunha memoria prodixiosa, capaz de recordar un torrente de anécdotas de tantos anos de dedicación a un traballo que lle permitiu coñecer grandes matemáticos nacionais e internacionais (Vidal Abascal, Ramón María Aller, Sixto Ríos, Torroja Menéndez ou Germán Ancochea, Santaló e Sierpinski), e vivir en primeira persoa os primeiros pasos da Facultade de Matemáticas da USC cos seus primeiros Coloquios Internacionais de Xeometría Diferencial (primeiros encontros internacionais de Matemáticas realizados en España), nos que ela é a única profesora participante.

Dende o seu retiro santiagués continuou acudindo a actos sociais, así o 24 de maio de 2008 acode á celebración do 50º aniversario da Facultade de Matemáticas da USC, acto en que foi nomeada madriña do evento, como ela dixo: “en plena xuventude, con 94 anos cumpridos para non correr o risco de emocionarme”. Tamén participou no acto en que se dedicaron seis aulas da citada Facultade a cinco insignes ex-profesores e mais a ela.



Autor/a da biobibliografía: Matilde Ríos Fachal (2010)

Extras sobre Antonia

Video...

gal_220_01.jpg
gal_220_01.jpg
gal_220_02.jpg
gal_220_02.jpg
gal_220_03.jpg
gal_220_03.jpg
gal_220_04.jpg
gal_220_04.jpg
gal_220_05.jpg
gal_220_05.jpg
gal_220_06.jpg
gal_220_06.jpg
gal_220_07.jpg
gal_220_07.jpg
gal_220_08.jpg
gal_220_08.jpg
gal_220_09.jpg
gal_220_09.jpg
gal_220_10.jpg
gal_220_10.jpg

Ligazóns...

Untitled Document