culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Concepción Ramón Amat

Pioneira na dirección dunha escola de Maxisterio mixta na democracia



Tarragona 1895 - Ourense 1991

Ámbitos de ocupación...
Docente
Doméstico

Entre as especialidades que se adquirían na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio na formación inicial do profesorado, Concepción Ramón, a diferenza da súa amiga Antonia Ortiz e do seu futuro marido, Manuel Maceda, que elixen a inspección, optou pola docencia. Forma parte da promoción de 1915 a 1918.

Chega ao seu destino na Escola Normal de Ourense en 1920, despois dunha breve interinidade en León. Casa pouco despois. Concepción Ramón e Manuel Maceda van ter un importante lugar no comezo da II República ao ser elixida ela, o día 12 de maio de 1932, para dirixir a Escola de Maxisterio unha vez fusionadas a de mestres e a de mestras, e ao ser el nomeado como inspector xefe. Ábrese un tempo de aposta pola democratización da Escola Normal e da Inspección coa formación dun novo profesorado de primaria e coa implantación do Plan Profesional, de catro anos de formación. Durante o primeiro bienio republicano, os retos principais de Concepción na Dirección da Escola Normal son: a apertura da escola á sociedade mediante actividades de extensión cultural, a colaboración entre a Normal e a Inspección para seleccionar o novo profesorado da República e a planificación dunha formación permanente. Son dous anos de intensa actividade do matrimonio que van durar ata o 15 de marzo de 1934, cando ela é substituída por Vicente Risco e el por Antonio Couceiro Freijomil. Isto dá idea da implicación de persoas relevantes da cultura galega neste labor.

Centrándonos na etapa 1932-34, atopamos en Concepción Ramón unha pioneira no acceso á Dirección dun centro de formación superior. A primeira, probablemente, en todo o Estado español. Ademais dos múltiples traballos de xestión que lle encomendou a República, para a creación dun novo modelo de profesorado destinado a transformar a escola pública, a directora estivo moi implicada na formación permanente de docentes e na súa propia actualización pedagóxica. Do tempo en que foi directora, salientamos como iniciativas compartidas coa inspección: clases complementarias de idiomas, música e cultura xeral, abertas á poboación de Ourense (durante o curso 1932-33 e 1933-34); curso de perfeccionamento en aspectos teóricos e metodolóxicos (maio de 1933); exposición escolar de traballos escolares e material de ensino (maio de 1933); curso de técnicas de traballo escolar (marzo de 1934); Semana Pedagóxica de Ribadavia (marzo de 1934).

Non consta militancia política ningunha de Concepción Ramón; pola contra, o seu marido foi un dos referentes do PSOE na provincia de Ourense, o que lle custaría a suspensión de 3 anos en 1936.

Coa chegada ao Goberno da Fronte Popular, observamos novamente o seu papel na dinámica renovadora da escola pública e perfeccionamento pedagóxico. Pódese salientar, a colaboración na Casa do Mestre de Ourense, apoiada por 11 inspectores, polo profesorado da Normal e mais por 400 mestres. Concepción Ramón foi a responsable da Comisión de Iniciativas, que no curto período da súa existencia conseguiu organizar conferencias e exposicións de materiais escolares. O máis salientable foi a festa infantil en maio de 1936, con máis de 2500 nenos e nenas que iniciaron desde entón un proxecto de intercambio e correspondencia. Tamén participou, en xuño, na Misión Pedagóxica de Freás de Eiras, onde se inaugurou un moderno grupo escolar construído polo emigrante Rogelio García Yáñez.

En novembro de 1945, sepáranse novamente as escolas de mestres e de mestras, que reciben os nomes Padre Feijóo e Concepción Arenal respectivamente. Nese momento, Risco trasládase a Madrid e, no seu lugar, Concepción Ramón volve dirixir a Escola Normal de Mestras “Concepción Arenal”. Esta nova etapa esténdese ata o curso 1964-65, momento en que de novo se produce a fusión nunha única Escola Normal, que vai ser dirixida por Concepción. Tamén ela vai ser a promotora da construción do novo edificio de Maxisterio no barrio da Ponte, inaugurado o 28 de agosto de 1961.



Autor/a da biobibliografía: Xosé Manuel Cid Fernández (2012)

gal_267_01.jpg
gal_267_01.jpg
gal_267_02.jpg
gal_267_02.jpg
gal_267_03.jpg
gal_267_03.jpg
gal_267_04.jpg
gal_267_04.jpg
gal_267_05.jpg
gal_267_05.jpg
gal_267_06.jpg
gal_267_06.jpg

Bibliografía...

Untitled Document