culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

María Antonina  Sanjurjo Aranaz

Pioneira do deporte galego e considerada “nai” do hóckey sobre herba en Galicia



Santiago de Compostela 1910 - Vigo 1939

Ámbitos de ocupación...
Deportivo
Docente
Investigación / Científico

María Antonina Sanjurjo Aranaz naceu en Santiago de Compostela o 6 de xullo de 1910. Foi a segunda de trece irmáns, filla de Manuel Sanjurjo Otero e María Aranaz Elices. O seu avó foi o recoñecido empresario Antonio Sanjurjo Badía, gran emprendedor que con dezasete anos deixara a súa vila natal de Sada para emigrar a Cuba. Coñecido como “O habilidades” pola súa capacidade inventiva, cando regresa a Galicia monta uns talleres en Vigo, onde se constrúen máquinas e caldeiras a vapor. Entre outros, inventa un trebello submarino e transforma coches a vapor en máquinas de bencina. O pai de Antonina vincúlase aos negocios montados polo seu pai, de modo que a vida da familia xira ao redor da empresa.

Antonina estudou peritaxe mercantil en Vigo, titulouse no ano 1929 na Escola Profesional de Comercio de Vigo e como profesora mercantil en 1930 na Escola de Altos Estudos Mercantís da Coruña. No curso 1932-34 exerce de profesora como axudante da Cátedra de Xeografía na Escola Profesional de Comercio de Vigo. Durante os cursos 1931-32 e 33-34 viviu na Residencia de Señoritas de Madrid pois, tal e como figura no seu expediente da Junta para Ampliación de Estudios, trasladouse a Madrid para estudar. Concretamente, matricúlase na Facultade de Dereito da Universidade Central e na Escola de Altos Estudos Mercantís de Madrid; nesta última gradúase en 1932. Na residencia coñece o hóckey e no verán de 1932 crea en Vigo o Atlántida Hóckey Club, ao que inicialmente pretendían chamar Ciosvin Hockey Team, mais por problemas no Goberno Civil non puideron denominalo así. Este club, segundo as propias palabras de Antonina nun diario, créase para poder xogar contra o Vigo H.C. e neste labor colaborarán as súas irmás Carmela e Tere (incluso as máis pequenas participan tamén cada vez que o club celebra unha festa cociñando as que elas chamaban “galletas atlántida”). No ano 1933 nace a Federación Galega de Hóckey, da que formará parte como tesoureira e da que recibe o título de presidenta de honra. Antonina é considerada pola prensa da época a alma mater do hóckey galego. Neste mesmo ano pronuncia unha conferencia, o día 11 de xullo, na que, como muller avanzada e feminista defende a práctica deportiva das mulleres desde unha visión democrática e deixa apuntado: “Na participación nos deportes desaparecen moitos prexuízos sociais. Non hai cursis nin elegantes, nin aristócratas nin plebeos, senón simplemente educación e bos ou malos deportistas”.

Da súa solicitude dunha das bolsas de intercambio entre colleges americanos e a Residencia de Señoritas, resulta a concesión dunha para o prestixioso Smith College durante o curso 1934-35. A propia María de Maeztu, directora da Residencia de Señoritas, acompañouna até Lisboa, dende onde partiu en barco rumbo a América. Xa instalada no estranxeiro, segue ao corrente do que acontece no club Atlántida grazas ás cartas da súa irmá Carmela. Nos Estados Unidos estudou Xeografía e no curso 1935-36 obtivo unha bolsa na Clark University. Alí merca un coche e segue a practicar deportes, como era tradición nos colexios americanos. Mentres realiza a súa tese tamén traballa de instrutora no New Jersey College for Women durante os cursos 1936 e 1938. Aínda que tiña a idea de facer a súa investigación sobre a industria pesqueira e derivadas de Vigo, finalmente estuda as colonias francesas. En 1938 remátaa co título An Approach To The Colonial Evaluation Of The French West Indies And French Guiana, no departamento de Xeografía da Universidade de Clark. Enferma de tuberculose, polo que a súa nai viaxa xunto á súa irmá Carmela para traela de volta a Galicia, onde falece aos vinte e nove anos o 31 de outubro de 1939.

Obra de María Antonina Sanjurjo Aranaz
 
SANJURJO, María Antonina: “Las Universidades norteamericanas. Crónica de una señorita viguesa”, Faro de Vigo (11-5-1935), p.7

SANJURJO, María Antonina: An Approach To The Colonial Evaluation Of The French West Indies and French Guiana, Clark University, 1938

Cartas persoais de Mª Antonina Sanjurjo á súa irmá Carmela, Arquivo de Santiago González Sanjurjo


Autor/a da biobibliografía: Cristina López Villar (2012)

Extras de María Antonina  

Extras sobre María Antonina

img_275_00.jpg
img_275_00.jpg
img_275_01.jpg
img_275_01.jpg
img_275_02.jpg
img_275_02.jpg
img_275_03.jpg
img_275_03.jpg
img_275_04.jpg
img_275_04.jpg
img_275_05.jpg
img_275_05.jpg
img_275_06.jpg
img_275_06.jpg
img_275_07.jpg
img_275_07.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document