culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Rosa López Comunión

Concertista e mestra de pianistas



Cienfuegos (Cuba) 1900 - Santiago de Compostela 1982

Ámbitos de ocupación...
Artístico
Docente

Rosita -como foi coñecida toda a súa vida- puxo grande esforzo en ocultar a súa verdadeira data de nacemento; con todo, podemos calcular que naceu contra 1900 na cidade cubana de Cienfuegos, no seo da comunidade galega naquela cidade. O seu pai, Juan López Corcelet, foi o director do hospital galego e un coñecido masón que casou con Encarnación Comunión.

A súa afección á música, segundo ela mesmo conta, naceu cando tiña 4 anos e recibiu como presente un pequeno piano de xoguete, que conservou durante moitos anos. É evidente que o xenio musical aniñaba naquela rapaza xa que en 1915 deu por rematada a súa formación no conservatorio musical de Cienfuegos, no que foi premiada coa máxima distinción. A partir de entón, iniciaría unha vida centrada na música e a cabalo entre as dúas beiras do Océano.

Ampliou a súa formación no Conservatorio de Madrid, a onde chegou en 1915; alí tivo a oportunidade non só de mellorar senón tamén de coñecer grandes intérpretes e compositores. O seu labor foi asombroso e en 1919 recibiu o Primeiro Premio nas disciplinas de Piano e Harmonía; sería a primeira persoa en que concorrían ambas as distincións conxuntamente.

“Alta, rubia, fuerte. Sonríe siempre”, diría un xornalista sobre ela; “se encarnó en ella el espíritu de la música, mejor aún, que es ella misma el alma que la alienta y vive en las composiciones que interpreta”. Esta combinación e a súa extrema mocidade -algo que constantemente repiten as crónicas- levaron a Rosita a acadar moita popularidade, o que resultaba un tanto insólito nun tempo en que as mulleres comezaban a sacar a súa paixón musical fóra do ámbito privado para exercer sen complexos como intérpretes ou profesoras.

Contra 1920 asentouse en Compostela, nunha casa da rúa do Vilar, que era da súa tía Zoila López, viúva de Galí; viaxou con frecuencia a América para dar concertos e desenvolveu unha forte implicación coa comunidade cubana-galega, para a que organizou e actuou en moitos concertos benéficos (soa ou co barítono José Abella) a raíz das grandes inundacións de 1926.

Nestes anos a súa presenza na prensa galega é frecuente, ofrece mesmo algunhas entrevistas que nos deixan achegarnos á súa personalidade dun xeito máis directo, aínda que certamente filtrado pola visión dos xornalistas.

AGRADECEMENTOS
Carmen Losada

Discípula de Arthur Rubinstein, Conrado del Campo e José Tragó, orientou a súa carreira tamén como profesora coa creación, en 1923, dunha escola de piano en Santiago. O primeiro grupo estaba composto por 8 mozas, que acadaron numerosos premios. Esta dedicación docente foi a súa principal ocupación ao longo da súa vida e son moitas as súas alumnas e alumnos que hoxe son profesionais da interpretación e dirección.

En 1939 casou con José Daporta González, profesor da Universidade de Santiago e, coma ela, cubano de ascendencia galega. A súa foi unha voda cosmopolita e glamorosa, que debeu chamar a atención na escura Compostela da posguerra.

O matrimonio destacou sempre por ser unha nota de cor, sofisticación e apertura, que contrastaba coa conservadora sociedade local. Amantes das artes ?chegaron a ter unha colección de máis de 1500 pezas, entre elas un Gaugin?, da música, dinamizadores e benfeitores de mil e unha causas (en Galiza e en Cuba)..., a súa máxima excentricidade -que dirían as xentes daquel tempo- foi construír, no lugar coñecido como Selva Negra -un espazo de natureza vizosa nas abas do Monte Pedroso-, un pequeno estudo onde que Rosita puidese gozar da súa música.

Sempre cun sorriso e de espírito tenaz, Rosita sufriu nos últimos anos da súa vida unha trombose que a imposibilitou durante un tempo. Contan que as súas firmes conviccións relixiosas e o seu esforzo teimudo foron a forza que moveu a súa recuperación, que nunca chegou a ser completa.

Faleceu en 1982 en Santiago e na súa memoria foi instituído o Premio Internacional Rosa López Comunión, que cada ano premia o mellor intérprete de música española entre o alumnado dos Cursos Música en Compostela.



Autor/a da biobibliografía: dehistoria. Cultura. Historia. Patrimonio (2012)

Extras sobre Rosa

gal_282_01.jpg
gal_282_01.jpg
gal_282_02.jpg
gal_282_02.jpg
gal_282_03.jpg
gal_282_03.jpg
gal_282_04.jpg
gal_282_04.jpg
gal_282_05.jpg
gal_282_05.jpg
gal_282_001.jpg
gal_282_001.jpg
gal_282_002.jpg
gal_282_002.jpg
gal_282_003.jpg
gal_282_003.jpg
gal_282_004.jpg
gal_282_004.jpg
gal_282_005.jpg
gal_282_005.jpg

Bibliografía...

Untitled Document