culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Narcisa Pérez Reoyo

Defensora da educación moral cristiana



Santiago de Compostela 1849 - A Coruña 1876

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Relixioso

Filla do médico Narciso Pérez Reoyo, natural de Burgos, dende moi nova manifesta unha especial sensibilidade que expresa a través da poesía.

Con delicado estado de saúde e sendo aínda unha nena, Narcisa Pérez Reoyo múdase á Coruña, onde o seu pai exerce como médico. Na cidade herculina compón Cantos de Infancia, editado en 1865 e prologado por Murguía. Dous anos máis tarde publícase Devocionario Infantil. Esta obra, dedicada a Alfonso XII, e da que a autora fai entrega persoalmente a Isabel II, con quen tivo amizade, é unha das súas obras máis destacadas; nela recolle oracións curtas en verso, dirixidas ao público infantil co fin de facilitarlles a oración. Tras recibir a autorización do cardeal arcebispo de Santiago, quen concedía ademais indulxencias aos que a lesen, sae do prelo da imprenta de Soto y Freire en 1867.
No transcurso destes anos contrae matrimonio con Nicolás Boado del Pan, profesor da Escola de Belas Artes da Coruña.

En 1872 a moza poetisa ingresa na Academia Bibliográfica Mariana de Lleida, a cal premia en tres ocasións a súa obra. A primeira distinción foi concedida en recoñecemento á "Oda a Nuestra Señora de Guadalupe" e en 1873 e 1874 recibe novamente galardóns da citada institución. Anos máis tarde a Deputación Provincial de Zaragoza distinguiuna co "Loureiro de ouro" e un diploma pola poesía dedicada á virxe do Pilar. Igualmente a cidade de Girona concédelle unha mención honorífica uns anos antes. En 1874 publícase Horas Perdidas, na cal inclúe novamente versos de temática relixiosa, himnos, pregarias e lendas, compilados polo seu pai.

Se ben a súa obra foi escasamente coñecida, tras o seu prematuro falecemento os seus versos foron reproducidos en diferentes revistas e publicacións, principalmente na prensa étnica da Habana de fins de século, en publicacións como Follas Novas, El Eco de Galicia ou La Tierra Gallega, entre outras.

En xuño de 1876, con só 26 anos, falece na cidade da Coruña.



Obra de Narcisa Pérez Reoyo
 
PÉREZ, N., Cantos de Infancia A Coruña, 1865

PÉREZ, N., Devocionario Infantil, Lugo , Imprenta Soto y Freire, 1867.

PÉREZ, N., Horas Perdidas, Lugo , Imprenta Soto y Freire, 1874.


Autor/a da biobibliografía: Raquel Pérez Santos (2006)

Extras de Narcisa 

Extras sobre Narcisa

29_narcisaperez_01.jpg
29_narcisaperez_01.jpg

Untitled Document