culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Marisa Soto

Unha pioneira da escena nos 80



Silleda 1955 - Lebosende 1996

Ámbitos de ocupación...
Artístico
Empresarial / Prof. Liberais
Acción político - social

A súa paixón polo teatro arrincaría da súa infancia, cando organizaba pequenos espectáculos no faiado da casa familiar, e consolidaríase no bulideiro Santiago da súa mocidade, onde se licenciaría en Farmacia, profesión que nunca chegaría a exercer pois xa en 1975 actúa en Amor e crimes de Xan Panteira de Blanco Amor con Teatro Antroido e ao ano seguinte en As falcatrúas do Marqués de Patacón de E. Ruibal, coa mesma compañía. Continúa vencellada ás compañías que irán poñendo, teimudamente, os alicerces da profesión teatral galega e, así, en 1979 participa en Lenta raigame de F. Taxes, por Teatro Andrómena; con Teatro da Mari-Gaila representa Ensaio festivo para unha marcha fúnebre de Griselda Gambaro en 1981 e ao ano seguinte Acto cultural de J. I. Cabrujas; coa Compañía Luis Seoane poría en escena As criadas de Genet en 1980 e A esperar por Godot de Beckett en 1984. A súa versatilidade e profesionalidade faríana actriz habitual nas primeiras montaxes do Centro Dramático Galego, dende a fundacional Woyzeck (1984), pasando por Os vellos non deben de namorarse (1985), O enfermo imaxinario (1986) ou As alegres casadas (1989), estas tres baixo a dirección de Eduardo Alonso, e en O incerto señor don Hamlet(1991).

Pero Marisa foi sempre unha muller inqueda e inconformista, e a súa conflitiva vivencia da súa condición feminina e feminista levouna a crear unha compañía teatral de mulleres, xunto con Rosa Álvarez e Mabel Rivera, coas que compartía non só amizade e vivencias xeracionais senón tamén un xeito radical de entender a interpretación teatral. Non foi tarefa doada atopar textos axeitados para unha estrutura tan peculiar, pero a estrea non puido ser máis feliz: a compañía fixo a súa presentación pública en 1987 co grande éxito que supuxo Xogos de damas, un texto que ela lle solicitara ao seu cuñado, o escritor Anxo R. Ballesteros. Logo virían Galicia, S. L. en 1988, en coprodución con Producións do Noroeste; Inventarios, de Philippe Minyana, dirixido pola portuguesa Fernanda Lapa en 1990, onde a compañía voltaría ao trío de actrices fundacional; en 1991 Marisa abordou ese reto que todo monólogo supón para un intérprete con A voz humana, de Cocteau; en 1992 Malbarate monta Xogos á hora da sesta, de Roma Mahieu, xa con máis actores e baixo a dirección de Cándido Pazó. O último traballo de Marisa sobre o escenario foi a Petición de man, de Chekhov, en 1993, con Teatro do Adro.

Malia a súa prematura morte, previa ao grande auxe da produción televisiva e audiovisual, Marisa participaría en diversos programas da TVG, entre os que salienta a súa colaboración entre 1995 e 1996 na serie Pratos combinados, e en películas como Divinas palabras de J. L. García Sánchez (1987), Continental de Xavier Villaverde (1989) ou A metade da vida de Raúl Veiga (1993).

O seu permanente afán de aprender levaríaa a facer todo tipo de cursos: de interpretación, voz, dramaturxia, etc.; chega mesmo a desprazarse a Bos Aires para estudar con Augusto Fernandes en 1994, un profesor coñecera cando este impartía un curso en Santiago e que a deixara fondamente impresionada, e a instalarse en Moscova durante o curso 1995-96 para realizar un curso de interpretación no Instituto de Arte Dramática, logo de aprender esforzadamente o idioma ruso; foi esta unha dura experiencia vital na que Marisa tivo que enfrontarse coa soidade que lle impuñan a distancia e a barreira idiomática e tamén coas extremas condicións climatolóxicas do inverno moscovita.

Muller comprometida no senso máis amplo da palabra, militou no Sindicato Galego da Música de CC.OO. E foi unha das impulsoras da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia, na que tiña o carné de socia nº. 6 e na que se ocuparía da secretaría entre 1985 e 1989; ademais, sería unha das promotoras da pioneira e artesanal revista que a Asociación publicaría entre 1990 e 1991.

Hoxe en día, e dende 1997, leva o seu nome un dos premios María Casares: o Premio de Honra "Marisa Soto", que concede a xunta directiva da AADTEG, organizadora do certame, e que recaeu, entre outras, nas figuras de Agustín Magán, Maruxa Villanueva ou Luís Álvarez Pousa, e en institucións como o Padroado de Cultura do Concello de Narón.


Autor/a da biobibliografía: Dolores Vilavedra (2005)

Extras sobre Marisa

xogosdamas_1.jpg
xogosdamas_1.jpg
xogosdamas_2.jpg
xogosdamas_2.jpg
xogosdamas_3.jpg
xogosdamas_3.jpg
retrato_1.jpg
retrato_1.jpg
retrato_2.jpg
retrato_2.jpg
inventarios_1.jpg
inventarios_1.jpg
inventarios_2.jpg
inventarios_2.jpg
xogoshora_1.jpg
xogoshora_1.jpg
xogoshora_2.jpg
xogoshora_2.jpg

Bibliografía...

Untitled Document