culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Nieves Fariza Alonso

Unha activista pioneira na defensa dos dereitos das mulleres. Coñecida como «A Pasionaria Branca», «A desenterramortos» e, «A dos quilómetros».


Fonte: Arquivo da familia Martínez Fariza
Cambados 1911 - Vigo 1975

Ámbitos de ocupación...
Docente
Acción político - social

Nieves Fariza Alonso nace en Cambados o 17 de xaneiro de 1911, mais foi en Ourense onde esta mestra e activista, a través do seu traballo, a súa coherencia ideolóxica e o seu talante progresista, nos ofreceu unha lección maxistral ao instituírse nun referente social e histórico do noso país e en abandeirada da causa da igualdade. De feito, como acertadamente sinala Rafael Cid (2005) en Carrilanos. Os túneles do tempo, «Nieves Fariza Alonso merecería ser incluída no pequeno grupo de mulleres galegas que, en tempos moi distintos aos actuais, lles roubaron aos homes o papel de líderes sociais que reservaban en exclusividade para eles» (p. 99).

En plena posguerra, Nieves rachou dun xeito rotundo e decididamente revolucionario cos estereotipos sexistas, traspasando a barreira que delimita o público do privado e superando simultaneamente as limitacións propias da época en que lle tocou vivir. Configurouse como unha auténtica pioneira na loita pola igualdade.

Boa mostra do seu comportamento precoz e transgresor atopámolo na súa etapa de mestra por terras de Celanova, cando non dubidou en amosar a súa oposición á Igrexa católica negándose a impartir clases de relixión. Deste peculiar xeito de posicionarse derivaría a súa persecución e condena a morte e, con elas, a necesidade de emprender a vía da fuxida e o acubillo, non sen antes esquivar á Falange. Para isto fixo uso dunha estratexia combinada de valor e enxeño que, paradoxalmente, a levaría a implorar axuda para salvar a vida do seu fillo pequeno aos mesmos que a buscaban para pórlle fin á súa propia existencia.

Posteriormente volvería experimentar este mesmo tipo de actitudes inflexibles cando rebelándose contra a inxustiza inherente á explotación dos operarios do ferrocarril e, por conseguinte, contra as miserables condicións en que se vían obrigados a sobrevivir coas súas familias se ergueu resolta contra os representantes das elites empresariais e políticas da capital. Da súa poderosa dialéctica derivaría unha sensible mellora nas condicións salariais dos obreiros ao lograr que se lles aboase o desprazamento ata os seus postos de traballo. Gaña deste xeito o sobrenome de «A dos quilómetros». A este cualificativo engadiríaselle tamén o de «A desenterramortos», de resultas do seu enfrontamento cos empresarios de MZOV para esixirlles o pago de pensións dignas ás viúvas dos carrilanos que, afectados pola silicose —o mesmo que lle acontecera ao seu marido—, carecían de seguridade social. Este último alcume ilustra graficamente o labor de convencemento que tivo que desenvolver con aquelas mulleres para que permitisen exhumar os cadáveres dos que foran os seus compañeiros e realizarlles a autopsia, único xeito que tiñan de reclamar a correspondente pensión, unha vez diagnosticado o seu falecemento polo «mal da vía» e que este foi admitido como doenza profesional.

Novamente o seu acto de rebeldía convértea en obxecto de persecución polos mesmos empresarios que se viran na obriga de compensar ás viúvas, os cales non dubidan en denunciala por exercer de laboralista sen estar en posesión do título e mandala á cadea. Foi esta unha etapa particularmente dura na que, de entre todos os avogados aos que vai recorrer a súa filla Marisa na procura de axuda, só o ourensán Luis Pérez Colemán accederá a representala diante dos tribunais.

Recuperada a súa liberdade, Nieves encargarase de obter a titulación requirida para evitar novas represións e, asociándose co que fora o seu defensor, abrirá na rúa do Paseo de Ourense un consultorio social en cuxa denominación queda recollida a súa actitude vital e profesional: «Adelante». O bufete habería ter continuidade unha vez rematadas as obras do ferrocarril nas sucesivas sucursais que se foron abrindo posteriormente en diversos puntos de Galicia, na conca mineira asturleonesa (de onde derivaría o sobrenome de «A Pasionaria Branca») e incluso na capital do Estado.

A loita de Nieves, que non a súa pegada, só se viu freada pola morte, acontecida en 1975.



Autor/a da biobibliografía: M. Elena de Jesús Rodríguez (2012)

Extras sobre Nieves

gal_341_01.jpg
gal_341_01.jpg
gal_341_02.jpg
gal_341_02.jpg
gal_341_03.jpg
gal_341_03.jpg
gal_341_04.jpg
gal_341_04.jpg
gal_341_05.jpg
gal_341_05.jpg
gal_341_06.jpg
gal_341_06.jpg
gal_341_09.jpg
gal_341_09.jpg
gal_341_10.jpg
gal_341_10.jpg
imaxe_341_07.jpg
imaxe_341_07.jpg
imaxe_341_08.jpg
imaxe_341_08.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

  • CID, R.: Carrilanos. Os túneles dun tempo, Vigo, Xerais, 2005.
  • MARCO, A.: Diccionario de mulleres galegas, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Igualdade, 2007.
  • JESÚS RODRÍGUEZ, M.E. DE (2009): “Nieves Fariza Alonso: Unha loita solitaria nun mundo de homes”. En: Xénero humano. Caderno de Igualdade, Ourense, Concello, Concellería de Igualdade, n.º 1 (2009), p. 37-44.
  • MÉNDEZ LOIS, M.ª J. (COORD.): Mulleres na educación en Galicia, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, MUPEGA, 2009.
Untitled Document