culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Daría González García

Histórica galeguista e docente pontevedresa



Pontevedra 1912 - Pontevedra 1999

Ámbitos de ocupación...
Político - Institucional
Docente
Acción político - social

Membro dunha ilustre familia de tradición republicana e progresista, naceu en Pontevedra en 1912. Cando tiña tres anos pasou algún tempo en Vigo, pois seu pai, Bernardino González Paz —concelleiro, procurador e membro do Partido Republicano Radical— estivera alí desterrado por causas políticas. Tamén o avó paterno, Sebastián González, fora concelleiro en Pontevedra. Do lado materno, o seu avó, Lino Enrique García Requejo, mestre e masón, introduciu en Galicia o sistema de ensino Froebel e publicou en 1887 o traballo Froebel y su sistema educativo.

Estudou Daría o bacharelato en Pontevedra e ao rematar, rexeitando os costumes da época, matriculouse na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Filosofía e Letras (sección Historia) en 1935, sendo pioneira da presenza feminina na universidade. De feito, é unha das poucas mulleres que participaron no Seminario de Estudos Galegos como socia protectora (non se coñecen máis que nove socias protectoras do Seminario), pois era irmá dun dos membros sobranceiros do SEG: Sebastián González García-Paz, historiador e arqueólogo, e alcalde accidental de Compostela en 1936, quen tivo que exiliarse moitos anos en Porto Rico, onde desenvolveu un importantísimo labor na Facultade de Humanidades da UPC.

Tras a licenciatura, Daría estudará Maxisterio en Pontevedra e graduarase en 1949. Casada con Francisco Cerviño Xesteira, avogado e profesor de Historia, tivo tres fillos: Francisco, Enrique e Carlos.

Militante no Partido Galeguista desde 1932 ata 1983 —data en que abandonou a práctica política, logo do fracaso da súa candidatura no Partido Galeguista nas municipais de 1983—, foi concelleira en Pontevedra por Unidade Galega en 1979, na primeira corporación democrática, e será tenente de alcalde de Cultura entre 1980 e 1983.

Como non se lle permitira presentarse ás oposicións de Adxuntos de Instituto polos seus antecedentes políticos, pasouse á Administración do Estado e, de feito, pertence á primeira promoción de mulleres co título de Técnico da Administración Civil do Estado (adscrita á Inspección de Traballo de Pontevedra).

En 1950 creouse en Pontevedra o Colexio Inmaculada, como unha sociedade entre Blas Arias, Francisco Cerviño e Ángel Piñón, e as súas respectivas esposas, Pilar Torrado, Daría González e Concha Cimadevila. Docente neste colexio ata 1954, logo nos institutos de educación secundaria de Marín e, sobre todo, de Pontevedra, dedicouse ao ensino durante 44 anos; así que, polas súas aulas, pasaron varias xeracións de pontevedreses e pontevedresas que a relembran como unha mestra afable e comprensiva, como unha gran muller. Xosé Luís Méndez Ferrín, alumno seu no Colexio Inmaculada, recordaba que, na Pontevedra dos anos cincuenta, a «señorita Daría», como adoitaban chamala daquela, utilizaba nas súas clases o método pedagóxico de Froebel —que o seu avó materno introducira no centro de ensino que fundara en Pontevedra a finais de século—, e a influencia que nas súas propias clases tivera «aquela muller galeguista e ceibe sempre co sorriso nos beizos».

Socia fundadora da Fundación Alexandre Bóveda, formou parte da xunta reitora da Fundación Castelao, sempre estivo vinculada ao Museo de Pontevedra e tivo un destacado papel na cultura local pontevedresa durante moitos anos.

Premio Cidade de Pontevedra en 1988 e Premio Amigos de Pontevedra en 1989, a unanimidade é total ao destacar o entusiasmo pola vida desta muller traballadora, e o seu compromiso coas súas ideas galeguistas, coa súa cidade e con Galicia.

O 20 de xaneiro de 1999, festividade de San Sebastián, foi inhumada no cemiterio de Santo Amaro, de Pontevedra, xunto aos seus. Daría González García, unha gran muller que desde a «boa vila» serviu exemplarmente a súa terra desde o campo do ensino, o traballo, a cultura e a política.



Autor/a da biobibliografía: Rosario Portela Yáñez (2012)

Extras sobre Daría

gal_348_01.jpg
gal_348_01.jpg
gal_348_02.jpg
gal_348_02.jpg
gal_348_03.jpg
gal_348_03.jpg
gal_348_04.jpg
gal_348_04.jpg
gal_348_05.jpg
gal_348_05.jpg
gal_348_06.jpg
gal_348_06.jpg
gal_348_07.jpg
gal_348_07.jpg
gal_348_08.jpg
gal_348_08.jpg
gal_348_09.jpg
gal_348_09.jpg
gal_348_010.jpg
gal_348_010.jpg
gal_348_011.jpg
gal_348_011.jpg
gal_348_012.jpg
gal_348_012.jpg
gal_348_013.jpg
gal_348_013.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document