culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Carmen Cornes

Unha loitadora polos desaparecidos da ditadura arxentina



Ribadumia 1911 - Arxentina 1998

Ámbitos de ocupación...
Acción político - social
Doméstico
Marítimo / Agrícola / Gandeiro

Carmen Cornes naceu en Sisán, unha aldea do Salnés, no ano 1911. Dende moi cativa axudou na casa coas tarefas propias do ámbito rural. Aos sete anos tiña que erguerse antes que o sol para levar os bois ao monte, carrexar os troncos no carro e conducilo a pé ata o serradoiro, en Vilagarcía. Aínda que era unha nena moi intelixente, apenas aprendeu a ler e escribir, xa que só podía asistir á escola cando as condicións climáticas impedían o labor no campo.

A súa nai, Francisca Piñeiro, criouna xunto cos outros tres irmáns, coa compaña do avó. O pai emigrara primeiro á Arxentina e despois a Cuba, dous destinos dos cales voltou sen fortuna.
Cando, ao pouco de regresar a Galicia, o pai morre abatido por unha árbore, Carmen ten que saír a empedrar estradas para axudar a pagar a débeda da casa. Mais o pagamento non era abondo. Carmen comprende que non queda outra saída que o mar e decide emprender o camiño de tantos e tantas emigrantes, con moita tristura pero coa firme vontade de axudar a súa familia.

Con apenas dezaseis anos, e xunto con outras tres rapazas da aldea tan novas ou aínda máis ca ela, Carmen sobe ao barco que a levaría á Arxentina. Era o ano 1928.

En Bos Aires traballa en casas de familia e tamén nunha fundición. Non quere casar porque os cartos que gaña son para a súa nai e para voltar algún día ás súas inesquecibles Rías Baixas. Aínda así, o tempo pasa e o soño de voltar parece máis e máis afastado ata que finalmente Carmen decide ficar na Arxentina e formar unha familia.

Casa con Jorge Castiglioni, descendente de emigrantes italianos, e no ano 1949 nace o seu único fillo, Miguel Ángel, con quen Carmen terá unha fermosa relación materno-filial na que primará o respecto pola personalidade do neno e o compañeirismo. A militancia de Miguel Ángel, estudante de Filosofía e Letras comprometido coa defensa das causas sociais na Arxentina dos anos setenta, marcará a vida de Carmen ata a fin: «A miña militancia foi a militancia do meu fillo... acompañalo, axudalo, non reprocharlle a súa elección de vida. Porque eu comprendía os seus ideais e estaba orgullosa del».

Cando Miguel Ángel é collido preso por primeira vez, Carmen comeza a organizarse con outras nais e familiares para reclamar polos estudantes inxustamente privados da liberdade. No ano 1973 Miguel Ángel é liberado, mais é apresado de novo no 1975 e ten que partir exiliado a Perú. Ao pouco regresa clandestinamente e desaparece en La Plata no ano 1976. Namentres, Carmen é detida na súa casa e levada ao cárcere de Devoto. Con 64 anos de idade, non se deixa dobregar pola situación e convértese na alma tutelar das súas mozas compañeiras de cadea. Carmen terá moito que lles ensinar ás rapazas, aínda que careza da súa formación política e académica, e será para elas o exemplo de nai revolucionaria que todas soñaban chegar a ser.
Despois dun ano e medio Carmen é liberada sen acusación, mais ten que partir ao exilio para salvar a vida. Axudada polo Consulado español, logra saír da Arxentina a través do Uruguai e o Brasil para chegar finalmente a Galicia.

Tamén no exilio Carmen terá sempre a palabra xusta para os máis novos. E seguirá loitando polos dereitos humanos dende Madrid, xunto ás organizacións de latinoamericanos que denuncian as ditaduras dos seus países. Ao cabo de oito anos, e xa restablecida a democracia na Arxentina, Carmen decide voltar para seguir reclamando xunto coas Madres de la Plaza de Mayo polo seu fillo e por todos os desaparecidos. Esta vez afíncase na cidade de Córdoba, onde residen a súa nora, Susana, e o seu neto, Nicolás, e axuda a reorganizar a Asociación de Familiares de Desaparecidos y Detenidos por Razones Políticas de la Provincia de Córdoba, que renace coa iniciativa de Carmen.

A punto de cumprir oitenta anos e superando os medos e as inseguridades propias da anovadora tarefa, Carmen accede a relatar o testemuño da súa vida como unha forma máis de loitar pola memoria de «esa fermosa mocidade dos anos setenta», que é publicada en Galicia por Ediciós do Castro no ano 1992.

Ao mesmo tempo participa na fundación e no desenvolvemento da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españoles sen deixar de colaborar na defensa dos dereitos humanos nos diversos ámbitos onde é necesario o reclamo dos organismos, ata que o 5 de febreiro de 1998, ao regresar dunha das habituais marchas das Madres na Plaza San Martín de Córdoba, un accidente de tránsito pon fin á súa vida.

Dotada dunha notable intelixencia natural, un agudo sentido da observación e unha inmensa capacidade de amor e comprensión, Carmen Cornes logrou desenvolverse soa na súa terra de adopción, medrando con cada experiencia de vida e sen deixarse dobregar nunca pola adversidade. Representante enxebre do máis nobre da alma galega, Carmen Cornes honra coa súa vida non só a historia da súa terra natal senón a propia historia da Arxentina.




Autor/a da biobibliografía: Beatriz López (2007)

Extras de Carmen 

Extras sobre Carmen

37_album_01.jpg
37_album_01.jpg
37_album_02.jpg
37_album_02.jpg
37_album_03.jpg
37_album_03.jpg
37_album_04.jpg
37_album_04.jpg
37_album_05.jpg
37_album_05.jpg
37_album_06.jpg
37_album_06.jpg
37_album_ret.jpg
37_album_ret.jpg
37_album_08.jpg
37_album_08.jpg
37_album_09.jpg
37_album_09.jpg
37_album_10.jpg
37_album_10.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document