culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Irene González

Pioneira na práctica do fútbol en Galicia e no mundo



A Coruña [data descoñecida] - A Coruña

Ámbitos de ocupación...
Deportivo

Só nos quedou o seu nome e o seu primeiro apelido. Era simplemente Irene, unha auténtica pioneira no mundo do fútbol. Non existe constancia en todo o mundo doutra muller que fose futbolista nunha época tan temperá como a década de 1920 do século XX. Ocupaba o posto de gardameta nun equipo federado da Coruña que levaba o seu nome: o Irene C.F. Era alta, de boa complexión, con boa colocación baixo os paus. Atrapaba con seguridade os balóns altos e sempre se mostraba decidida nas saídas aos pés. Puña un boneco futbolista no fondo da portería para que lle dese sorte, igual que facía o mítico Zamora, e durante todo o partido non paraba de berrar e de moverse dando instrucións aos seus defensas, que a obedecían como boa capitá que era.

Primeiro xogou no Orillamar, sempre entre homes, nos campos da Estrada e Fortaleza, na esquerda da parte alta de Santa Margarida, na cidade da Coruña. Chegou a ser moi popular e todos a respectaban; os rivais e compañeiros tratábana de igual a igual. Logo formaría o seu propio equipo, o Irene F.C., co que ás veces saía de excursión pola provincia. Os campos enchíanse de xente para vela xogar e Irene e os seus compañeiros beneficiábanse, cobrando unha pequena cantidade pola exhibición que logo repartían entre eles. Adoitaba ir uniformada cunha viseira, xersei branco de colo volto, faldra-pantalón de cor negra e protectores nos xeonllos.

Cara a 1928, enfermou de tuberculose. Organizouse un partido para recadar fondos cos que poder axudala e, uns meses despois, o xornal La Voz de Galicia publicou na sección deportiva a seguinte carta aberta dun afeccionado, baixo o título «Hai que socorrer a Irene»:


Novamente hai que facer un chamamento aos bos sentimentos dos favorecedores da desgraciada Irene, a ex-gardameta do equipo do seu nome, a fin de que non a esquezan e lle leven algún socorro. Co importe do que se recadara recuperouse toda a roupa que tiña empeñada, arranxou a súa cama, con colchón e todo, do que antes carecía, pagáronse varios meses do alugamento que adebedaba e atendeuse, naturalmente, a súa alimentación e medicación. Pero aquilo evaporouse, e a enferma segue sen se erguer do leito, fáltalle todo o indispensable.
É unha pena á que deben levar alivio principalmente os afeccionados ao deporte, ao que ela debe probablemente a perda de saúde. Se varios deles contribuísen coa cuarta parte nada máis do que adoitan pagar por unha entrada ao campo, e o equipo campión quixese gañar este partido da caridade e o compañeirismo, sería o máis simpático de cantos leva xogado. Irene agradeceríao con toda a alma. Oxalá que uns e outros queiran escoitar este rogo!

Por desgraza, nada se puido facer e, finalmente, tanto Irene como, logo tamén, tres irmáns seus rematarían sucumbindo á enfermidade.

A popularidade de Irene pódese medir pola atención que naquel tempo lle dedicaron os autores dos clásicos apropósitos coruñeses. Nun deles unha rapaza cantaba, sobre unha melodía do momento, a seguinte copla:

Mamá,
futbolista quero ser,
para xogar como Irene,
que xoga moi ben.


Mamá,
cando eu sexa maior,
gañarei moito diñeiro
xogando ao futbol.




Autor/a da biobibliografía: Carlos Freire Cordeiro (2012)

foto_irene.jpg
foto_irene.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document