culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

Emilia Docet

A Miss España galeguista



Vigo 1915 - Vigo 1995

Ámbitos de ocupación...
Acción político - social

En 1933, con dezasete anos, Emilia Docet foi elixida Miss España. Señorita España. Visto dende hoxe, este acontecemento non traspasaría o seu carácter anecdótico se non fose pola outra vertente de Emilia, a súa militancia e implicación no Partido Galeguista (PG) da época. A combinación das dúas fai que a personaxe reclame a nosa curiosidade. Os xornais e revistas do momento dan conta da vinculación da viguesa co PG e o seu ideario; do contacto cos seus líderes e tamén da súa participación en actos do partido. Os galeguistas aproveitaron o tirón social da Miss como un elemento de propaganda pero tamén é certo que Emilia, muller intelixente e de carácter ben musculado, non tería participado se non existise un achegamento ideolóxico ao partido e ao seu programa. “Eu vería con inmensa satisfacción que todas as mulleres de Galicia levasen a insignia do PG, coma min, no seu peito”, díxolle a un xornalista de El Pueblo Gallego para unha entrevista publicada o 3 de xuño de 1933. E rematou: “A maior alegría da miña vida será o día en que á nosa terra se lle conceda o seu Estatuto”. É obvio que as ideas de Emilia –as dela– naquel momento estaban ben apuntaladas na causa galeguista.

Durante aquela etapa, a política impregnaba a rúa. A sociedade estaba politizada. O ambiente propiciaba a participación. Neste contexto, todo apunta a que a primeira vinculación de Emilia co galeguismo vén a través do intelectual Xosé Núñez Búa, un dos fundadores do PG e emparellado con Olivia Valladares Docet, parente de Emilia. É posible que nese ámbito familiar comezase a se interesar pola ideoloxía que collía forza no país. Logo, participou de xeito activo. Como exemplo, destacamos a participación de Docet no famoso “Mitin das Arengas” celebrado o 25 de xullo de 1934 na praza da Quintana. Compartiu tribuna con Castelao, Vilar Ponte, Lugrís Freire, Bóveda e Paz Andrade, entre outros. Ou na presión que exerceu ao Ministro de Agricultura da República para que levantase o embargo a 7000 familias labregas avalistas dun empréstito estatal concedido durante a ditadura de Primo de Rivera para poñer en marcha MARUCOGA, un dos primeiros proxectos industriais cooperativos do país. Ou nunha das imaxes máis fermosas que marcan o seu papel na historia: Emilia está baixo unha bandeira galega arroupada por Risco, Otero Pedrayo e Cunqueiro, entre outros, durante un banquete-homenaxe que os galeguistas ourensáns lle fixeron o 16 de xuño de 1933 no Hotel Miño.

Ela, unha vez elixida Miss, aproveitaba calquera entrevista, calquera acto público para exaltar a súa terra. Defendía o Estatuto, apoiaba os cooperativistas; a súa participación no galeguismo da época foi pública e evidente. Dá igual onde fose: en Galicia, Madrid ou Barcelona. “O máis interesante para min é ser Miss Galicia; isto aprécioo máis que o título de Miss España, con aprecialo moito”, dixo durante unha entrevista en El Pueblo Gallego publicada o 3 de marzo de 1933. No mesmo xornal, meses despois, un dos líderes do PG de preguerra, Antonio Vilar Ponte, asina unha columna na que fala de Emilia como unha muller que tivo “o valor de facerse galeguista no mesmo intre en que o seu nome saíu do anonimato”. “Séntese tan francamente galeguista que figura inscrita no partido cumprindo cos seus deberes de afiliada como cotizante”, apuntaba o intelectual.

Ademais, Emilia Docet era unha grande afeccionada ao deporte e tamén unha espléndida deportista. Os medios da época dan conta das súas exhibicións de natación, dalgunha excursión en tren canda os seareiros para animar ao Celta ou mesmo unha convocatoria para xogar un partido de jóckey “nos terreos de Riazor”.

“Agora a estudar. A rematar a miña carreira. A ser de novo unha galega máis entre as miles de galegas que, con máis dereito ca min, poderían chegar a ser Miss Europa”, dixo ao remate dunha entrevista. E Emilia rematou Peritaxe Mercantil na Escola de Comercio de Vigo. Logo traballaría no laboratorio Miguel Servet de Vigo. En 1940, casou con Francisco Novoa Ortiz, funcionario de Obras Públicas. Emilia finou por causas naturais o 22 de febreiro de 1995.



Autor/a da biobibliografía: Diego Giráldez (2013)

gal_462_1.jpg
gal_462_1.jpg
gal_462_2.jpg
gal_462_2.jpg
gal_462_3.jpg
gal_462_3.jpg
gal_462_5.jpg
gal_462_5.jpg
gal_462_6.jpg
gal_462_6.jpg
gal_462_7.jpg
gal_462_7.jpg
gal_462_8.jpg
gal_462_8.jpg

Ligazóns...

Untitled Document