culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

 Grupo Saudade

Gaiteiras de Ribadeo, pioneiras da música folclórica galega liderada por mulleres.



Ribadeo 1961 - Ribadeo 1966

Ámbitos de ocupación...
Artístico

Nota: Para a elaboración desta entrada biobibliográfica as principais fontes documentais empregadas son as entrevistas realizadas ás integrantes do grupo Saudade, a Xosé Seivane e a Daniel Rodríguez Saavedra (membro da Xunta Directiva de Amigos da Gaita).

A década dos sesenta, caracterizada por grandes transformacións culturais, ideolóxicas e económicas, constitúe un punto de inflexión na nosa historia. Por tanto, foron moitos os acontecementos que estaban a causar impacto na sociedade galega daqueles tempos, unha época de efervescencia sociopolítica na que a reivindicación do papel das mulleres na ámbito da música vai ter a súa cerna da man dun grupo de gaiteiras, Saudade, que, lideradas por Carlos e Amando Suárez Couto e no marco da Asociación Amigos da Gaita Galega, deron vida ao primeiro grupo do seu xénero xurdido en Galicia, España e posiblemente Europa, formado integramente por mulleres.

O Grupo Saudade comezou a súa andaina no ano 1961 na vila de Ribadeo (Lugo) en vésperas da Xira de Santa Cruz, festival popular e folclórico que ten lugar, dende os anos 40, no Monte de Santa Cruz de Ove a primeira fin de semana de agosto e xermolo da celebración do Día da Gaita. Tras dous duros anos de ensaio, presentábanse a esta vila mariñá as primeiras compoñentes do Grupo Saudade: Maribeni Loredo, Oliva Bellón, Julia Bellón, María Dolores Forés, Elena Fernández, Conchita Redondo, María Teresa Amor e Teresa Rodríguez. Tras a emigración dalgunha das compoñentes, engadíronse á formación Mari Carmen Carnota, Carmucha Pérez e Maruja Louseira. Glorita Alonso e Marisa Pena foron as seguintes en incorporarse, seguidas de Menchu Rodríguez, Aurora Gómez, Laura Alonso e Fefa Louseira.

Inicialmente a formación constaba de oito mulleres (seis gaitas, tambor e pandeiro), para rematar sendo dez as compoñentes de Saudade, unha formación pouco común na época no que se refire tanto ao número de compoñentes como ao xénero.

Estas mulleres tiñan que compaxinar as súas tarefas diarias cos puntuais ensaios co seu instrutor, Primitivo Díaz Pérez (compoñente de varias formacións musicais, entre as que destacan Cantigas da Mariña e Os Quirotelvos, e creador e director de Follas Novas e da tuna do Instituto de Ribadeo), co mestre de música Ramón Fuertes Cruces “El Valenciano” e co mestre de “estilo” Carlos Suárez Couto. Na última etapa da formación Carlos Carnota comeza a colaborar na afinación do grupo.

A estrutura do Grupo Saudade era inédita, tal e como indica o seu creador no manuscrito da época reproducido no apartado “extras sobre” desta entrada biobibliográfica, sendo destacable “a utilización exclusiva do unísono para alcanzar un volume de son que imprime á melodía gallardía e brillantez”. O tipo de gaita empregada non era outra que a usada frecuentemente na provincia de Lugo, composta por punteiro, roncón e ronquillo, afinada en si bemol.

O repertorio da formación estaba integrado por composicións propias e adaptacións de pezas populares. As composicións corrían a cargo de Amadora -irmá de Carlos- e de Amando Suárez Couto, e das adaptacións de pezas populares encargábase Primitivo Díaz.

Cabe mencionar que o financiamento do grupo correu a cargo dos irmáns Suárez Couto. Mercáronlle gaitas, tambor e pandeiro a Paulino Pérez Sánchez, un dos mellores construtores do momento, confeccionaron os traxes e achegaron toda a infraestrutura necesaria para que o grupo Saudade acadase un lugar destacado no panorama folclórico do momento, pero a cambio do compromiso e da dedicación dunhas ilusionadas rapaciñas de entre 12 e 14 anos, que chegaron a cobrar arredor de 400 pesetas cada unha por saída, a dispor dun minibús mercado por “Lilo”, responsable da empresa de transporte que cubría os desprazamentos do grupo, e a seren cabeza de cartel de calquera festa ou festival que se prezase. Non importaba o prezo que había que pagar, toda a vila quería ver desfilar aquelas meniñas que tocaban coma os anxos, tal e como reflicte a escritora, poetisa e dramaturga Carmiña Prieto Rouco no seu poema “Sinfonía de fadas”, reproducido no apartado “extras sobre” desta entrada biobibliográfica.

A indumentaria que usaban era a típica ribadense do século XVIII e para confeccionar os seus traxes documentáronse na Real Academia Galega, no Ballet Gallego Rey de Viana e en cadros do pintor ribadense Fierros.

Amenizaron tanto a inauguración do ferrocarril da Costa como a do primeiro barco conxelador de gran porte de Pescanova en Vigo. Tocaron na casa de Valentín Paz-Andrade, homenaxeado no ano 2012 no Día das Letras Galegas, e filmáronas en Betanzos para a película Así es Galicia, documental dirixido por Santos Núñez en 1964, así como para o filme España Insólita, dirixido por Javier Aguirre en 1965. Estiveron no Gran Teatro de Lisboa e na televisión e radio portuguesa en dúas ocasións, percorreron Galicia, Asturias, Zamora, Salamanca... e, mesmo, as chamaron de Nova York para a celebración do Día da Hispanidade ou de Porto Rico. Compartiron escenario co Dúo Dinámico e con Lola Flores, e o NODO e os principais medios de comunicación tamén se fixeron eco destas ribadenses.

En 1996 e a raíz da súa aparición na Televisión de Galicia, no programa Luar, Saudade volvía desfilar polas rúas ribadenses durante a Cabalgata de Reis dese mesmo ano e na celebración da Xira de Santa Cruz no ano 1997. En 2010, presentouse o documental Saudade, retrato en si bemol de María Acuña, da que son protagonistas.

Recentemente, en marzo de 2013, a vila de Ribadeo inauguraba unha rúa dedicada a esta formación. En agosto dese mesmo ano recibía ao Grupo Saudade como pregoeiro da Xira de Santa Cruz, que encheu de bágoas e morriña dun tempo pasado os corazóns daquelas mulleres e homes que tiveron a oportunidade de asistir ao nacemento dun fito como foi Saudade.



Autor/a da biobibliografía: María Acuña Rodríguez (2013)

Extras de  

Extras sobre

487_01.jpg
487_01.jpg
487_02.jpg
487_02.jpg
487_03.jpg
487_03.jpg
487_04.jpg
487_04.jpg
487_05.jpg
487_05.jpg
487_06.jpg
487_06.jpg
487_07.jpg
487_07.jpg
487_08.jpg
487_08.jpg
487_09.jpg
487_09.jpg
487_10.jpg
487_10.jpg
487_11.jpg
487_11.jpg
487_12.jpg
487_12.jpg
487_14.jpg
487_14.jpg

Ligazóns...

Untitled Document