culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

María Muñoz de Quevedo

Pioneira dun novo período na cultura musical cubana



A Coruña 1886 - A Habana 1947

Ámbitos de ocupación...
Artístico
Acción político - social
Docente
Investigación / Científico

María Muñoz (A Coruña, 1886 A Habana, 1947), nacionalizada cubana en 1940, inaugura un novo período na cultura musical do país ao comezar e propiciar a consolidación dun movemento polifónico coral nos momentos do inicio e ascensión da música cubana aos xéneros maiores do sinfónico.

Estuda nos conservatorios de Cádiz e Madrid. Posteriormente é alumna particular de Manuel de Falla durante catro anos. En 1919 María Muñoz Portal casa con Antonio Quevedo Sánchez, enxeñeiro que deveu co tempo nun importante especialista musical; viaxan a Cuba de lúa de mel e deciden instalarse na Illa. Na mesma viaxe coñeceron a Amadeo Roldán, co que mantiveron unha estreita amizade até a morte deste.

María ofrece o seu primeiro concerto de piano na Habana en 1920. No ano 1923 é directora do conservatorio Escuela Filarmónica Nacional, creado por Pedro Sanjuán. Xa en 1925 funda e dirixe o Conservatorio Bach, institución que acadou un alto nivel polos eventos artísticos realizados. No ano 1927 crea Musicalia, unha das mellores publicacións especializadas de América. María é a directora, Quevedo o editor. En 1930 inaugura e rexe a Sociedad Cubana de Música Contemporánea. Ao acto inaugural desta Sociedad asiste Federico García Lorca. Convén salientar a formación en 1931 da Sociedad Coral de La Habana, o máis antigo organismo coral de Cuba, que divulgou a gran literatura coral europea e estimulou a creación da música coral cubana; deixou unha fecunda escola. María Muñoz inclúe no repertorio da Coral cancións galegas xa desde o seu concerto inaugural.

A partir de 1933 ofrece concertos sinfónico-corais en colaboración coa Orquesta Filarmónica, dirixida por Amadeo Roldán. No primeiro deles estrean en Cuba a IX Sinfonía de Beethoven. Participa en 1934 na inauguración da Sociedad Musical Universitaria. Colabora co Centro Galego e coas Sociedades Galegas, así o recolle o boletín do 25 de xullo de 1935 da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, dedicado á Fiesta de la Música Gallega, que inclúe, entre outros, os artigos "Música Popular Gallega" de García Acuña e "Música y Cantares de Galicia" de Carré Aldao. Co título Cantos populares vemos poemas de Rosalía de Castro e Curros Enríquez. O 25 de xullo de 1942 esta sociedade organiza unha gala coa participación da Coral e do coro infantil do cadro de persoal de Concepción Arenal. O padre José Rubinos ofreceu unha conferencia sobre a Real Academia Galega.

A nosa musicóloga prosegue o seu labor coa fundación dunhas Cantorías, que dotaron a Cuba de grupos corais escolares e universitarios. As Cantorías foron creadas anexas á antiga Casa de Beneficencia (1935), ao Instituto Cívico-Militar (1939) recibira o nomeamento de directora do Departamento de Música deste centro en 1938, ao colexio das Dominicanas Francesas (1941) e á Universidad de La Habana (1942). Entre os anos 1937 a 1939 mantén con Juan Ramón Jiménez unha grande amizade; este suxírelle que os alumnos do Conservatorio publicasen a revista Presencia. Dona María Muñoz é desde 1941 a 1945 profesora universitaria do curso de verán sobre Música Folklórica de Cuba, cuxa programación incluía as relacións da música cubana coa española e estudaba a galega en particular. Despois do seu pasamento a Coral inclúe no seu repertorio o vilancico "El niño pobre", con arranxos de Erickson.

Directora, compositora, pianista, profesora, articulista, conferenciante, promotora cultural e colaboradora con importantes institucións e intelectuais, hai que salientar a súa colaboración con García Caturla.



Autor/a da biobibliografía: Maria Irene del Rio Iglesias (2006)

Extras sobre María

mariamunoz_01.jpg
mariamunoz_01.jpg
mariamunoz_02.jpg
mariamunoz_02.jpg
mariamunoz_03.jpg
mariamunoz_03.jpg
mariamunoz_04.jpg
mariamunoz_04.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document