culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

María Mariño

Dinamiteira da Fala. Unha desas creacións insólitas da literatura galega



Noia 1907 - Parada do Courel 1967

Ámbitos de ocupación...
Literario / Letras
Doméstico
Empresarial / Prof. Liberais

María Mariño Carou é unha figura singular no contexto da literatura galega pola obra, pola biografía, pola recepción. Vinte e sete anos separan a publicación do seu primeiro libro Palabra no Tempo da edición de Verba que comeza. Ao longo dese tempo creouse arredor desta escritora un veo de misterio, alimentado polo seu afastamento do mundo literario.

Naceu en Noia no ano 1907. Filla de Xosé María Mariño e Filomena Carou, era a cuarta de cinco irmáns. A súa infancia e xuventude nesta localidade están marcadas polas dificultades económicas da familia, uns anos -poucos- de escola e logo traballa como costureira polas casas. As amigas lémbrana como unha persoa estraña e solitaria. O traslado a Escarabote (Boiro), onde unha tía súa traballaba de cociñeira no Pazo de Goián, que tiña unha boa biblioteca, permítelle o acceso a algunhas lecturas. Ese descoñecemento da cultura libresca é un dos aspectos subliñados por Uxío Novoneyra, ao insistir na orixinalidade da súa escrita.

Casa en Boiro co mestre Roberto Posse Carballido e despois dun breve período de tempo no País Vasco regresan a Galicia.
Trala morte do seu único fillo ao mes e medio de nacer, instálanse, por motivos de traballo, prrimeiro en Romeor do Courel e logo en Parada, a onde se trasladan por consello médico a causa da depresión nerviosa que sofre a escritora. Neste lugar pasará María Mariño o resto da súa vida, fai algunha viaxe a Noia e Monforte e as vacacións nos últimos anos na cidade da Coruña. No Courel coñece a Uxío Novoneyra, quen promove a publicación do seu primeiro libro. Palabra no Tempo edítase no ano 1963 na colección "Tesos Cumes" da editorial Celta. No prólogo Ramón Otero Pedrayo saúda a "revelación dunha intimidade impresionante do ego da escritora cas cousas, de un desvelamento e senso tráxico do ser do tempo na serra". María Mariño comezara a escribir seis anos antes, primeiro en castelán, logo en galego.

Sen apenas relacións no mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas. Creación singular no contexto da literatura galega, a escrita de María Mariño non obedece ás normas, a súa é unha poética crebada que tensa e racha a lingua á procura da voz que exprese ese "raro e valiosísimo mundo escuro" que, en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, constitúe a súa obra.

Habería que agardar 27 anos desde a publicación de Palabra no Tempo para que se dese a coñecer o seu segundo libro; unha edición promovida por Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos e publicada polo Concello de Noia. No volume Verba que comeza recóllese unha ampla mostra dos poemas escritos por María Mariño no último ano da súa vida, enferma xa de leucemia. Antes, de acordo cos datos facilitados por Uxío Novoneyra, escribira dúas obras en castelán que non se coñecen: "Los años pobres. Memoria de guerra e postguerra" e "Más allá del tiempo". No ano 1994 Edicións Xerais publica a Obra Completa.

Unha poética radicalmente intimista e unha linguaxe rupturista caracterizan, segundo Carme Blanco, estudosa da súa obra, a escrita de María Mariño. Unha personalidade literaria que se sitúa nas marxes do canónico no seu tempo. A súa figura suscitou e segue a suscitar interpretacións diversas. Unha mirada embazada durante moito tempo polo descoñecemento da súa vida e a desconfianza do proceso de escrita da súa obra.

Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.


Obra de María Mariño
 
MARIÑO, M.: Palabra no Tempo Editorial Celta, (1963)

MARIÑO, M.: Verba que comeza, Concello de Noia (1990)

MARIÑO, M.: Obra Completa Edicions Xerais (1994)

MARIÑO, M.: Más allá del tiempo, Alvarellos editora (2007)


Autor/a da biobibliografía: Ana Romaní

Extras de María 

Extras sobre María

O Contexto

Documentos históricos

Novas achegas

Video...

Multimedia...

marino_01.jpg
marino_01.jpg
marino_02.jpg
marino_02.jpg
marino_03.jpg
marino_03.jpg
7_marino_retrato.jpg
7_marino_retrato.jpg
7_marino_casa.jpg
7_marino_casa.jpg
7_marino_cementerio.jpg
7_marino_cementerio.jpg
7_marino_enterro.jpg
7_marino_enterro.jpg
7_marino_tumba.jpg
7_marino_tumba.jpg
7_marino_paradadocourel.jpg
7_marino_paradadocourel.jpg
7_marino_noia.jpg
7_marino_noia.jpg
act_maria-marino.jpg
act_maria-marino.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document