culturagalega.org

Qué é o Álbum?

Indice alfabético


Ambitos de ocupación

 Meigas

As antigas custodias da menciña popular


Ilustración de meiga: Uqui Permui
1400 - 1700

Ámbitos de ocupación...
Doméstico
Relixioso
Médico / Sanitario
Docente
Marítimo / Agrícola / Gandeiro
Investigación / Científico

No marco dos nacentes estados modernos con afáns centralistas, a cultura popular é considerada cada vez máis supersticiosa e convértese nun dos obxectivos da Inquisición. Neste ámbito, local e diverso, as curandeiras ou meigas, sobre todo se están solteiras ou viúvas -o que, nun contexto aldeán as sinala como diferentes-, serán as vítimas máis frecuentes das delacións. Comezan, xa que logo, a ser reprimidas porque encarnan o coñecemento e a cultura independente e popular. Están vencelladas á terra e a séculos de relación coa natureza, de aí que as herbas que empregan se converterán co tempo na base da moderna farmacoloxía. Ata a Idade Moderna son elas as que coñecen os remedios naturais para procurar alivio ás doenzas, asisten nos partos, exercen como xinecólogas e pediatras, o que -en palabras da historiadora Anna Armengo- acabará converténdoas en representantes da superstición fronte aos homes de ciencia, que personifican a cultura de elite que se impón desde o poder e dá lugar ao mito da comadroa-bruxa definido no Malleus Maleficarum.

Os homes comezan a formarse como médicos nas facultades e escolas e a medicina oficial imponse fronte á medicina popular, tradicionalmente en mans femininas. Segundo algúns autores, o poder que acumularan as mulleres en determinados campos da medicina era perigoso para o Estado, por iso especialidades médicas como a xinecoloxía ou a pedriatría pasaron a ser dominio do home. Pero os posicionamentos non son homoxéneos e xa no século XV aparecen opinións escépticas fronte á caza de bruxas. En 1489 Sexismundo, arquiduque de Austria, na súa obra Tractatus de Pythonicis Mulieribus mostra que as bruxas non teñen poder ningún, que só son vítimas da desesperación, da miseria e dos odios labregos. Serán moitas e variadas as cifras fornecidas en canto ás vítimas da caza de bruxas en Europa pero as investigacións recentes dan por certo que foron axustizadas polo menos un millón de mulleres acusadas de prácticas de bruxaría entre os séculos XIV e XVII. No século XVIII, Martín Sarmiento reivindicaría o saber das curandeiras, as meigas, como o de auténticos médicos e botánicos.

En Galicia, polo que se deduce dos procesos da Inquisición, a "caza de bruxas" non chega a ter a dimensión que tivo en Europa, aínda que os investigadores concordan en que sería preciso estudar a documentación dos tribunais segrares e locais para coñecer realmente o alcance da "epidemia". Bernardo Barreiro, en Brujos y astrólogos de la Inquisición de Galicia, recolle corenta procesos inquisitoriais, os máis deles de mulleres, case sempre curandeiras ou mesmo alleas a estas prácticas que foron denunciadas por simples cobizas entre a veciñanza. Torturadas, acaban confesando que tiveron trato carnal co demo, que elaboraron feitizos e esconxuros remediadores da males de amor e autoincúlpanse de crimes que non cometeron, como o de beber o sangue dos naipelos ou facer malparir as preñadas. O investigador Jaime Contreras na obra El Santo Oficio de la Inquisición en Galicia escribe que, da actividade procesal do Tribunal da Inquisición de Santiago, noventa e dous casos son procesos contra mulleres, acusadas en xeral de curar enfermidades, desfacer feitizos e de certas pácticas supersticiosas remediadoras de frustracións sexuais que poderían corresponder a casos de prostitución encuberta. Este investigador tamén nos informa de que, polo que se coñece a través dos expedientes inquisitoriais, os únicos casos de queima colectiva de bruxas, como os de Laxe e Cangas, foron interrompidos pola intervención do Consejo General de la Inquisición para evitar epidemias semellantes ás de Logroño e Zugarramundi. Con todo, hai testemuños documentais de mulleres condenadas a morrer na fogueira por exerceren a bruxaría. E, nalgúns casos, cumpríronse as sentenzas.

4 mulleres procesadas pola Inquisición
Ana de Castro, Lucía Fidalgo, María Soliña e María Rodríguez son catro das mulleres acusadas de practicar bruxería e procesadas pola Inquisición en Galicia.

Ana de Castro
Instruíronse dous procesos contra esta muller: o primeiro en 1626, onde aparece aínda moza, solteira e veciña do couto de Armenteira; e o segundo en 1651, casada con Benito de Graña, residente en Pontevedra. No primerio proceso, que principiou o 1 de xullo de 1926, declararon na súa contra vinteseis testemuñas que aseguraron que tiña trato co demo e que dixera diante de moitas persoas “que ben podía un que vai confesar, calar calquera pecado e despois confesalo ao pé dun carballo”. Unha testemuña declara que fora consultarlle a Ana de Castro o paradoiro duns leitóns que lle roubaran e a rea tomara un vaso de vidro con viño e auga e, dándolle a volta ao vaso, chamou á persoa que a consultaba e mostroulle dentro do vaso un dos leitóns asegurándolle que aínda estaba vivo. As testemuñas denunciaron outros delitos que a présa non confesou nin sequera baixo tortura. Só se autoinculpou de ter curado algunhas persoas invocando a Xesús Cristo con estas palabras: “Jesucristo fue bautizado en el río Jordán, San Pedro y San Juan lo tuvieron pola man; ansi destos males se jafan pola gracia de Deus e de la Virgen María, Pater nostrer y Ave María”.

Declarada “hechicera, embustera y adivinadora” foi condenada o 14 de outubro de 1626 a saír, vestida con hábito de penitente de media aspa, a un auto de fe onde selle leu a sentenza que consistiu en douscentos azoutes e desterro do couto de Armenteira e de Santiago durante seis anos.
A execución da sentenza tivo lugar o 6 de decembro dese mesmo ano nunha misa maior no convento de san Paio de Antealtares. Ana de Castro foi botada ás rúas, media núa e montada nun burro e azoutada mentres percorría a cidade de Santiago.
No ano 1651, durante a visita que o inquisidor Juan Rojo fixo á cidade de Pontevedra, foi présa de novo por reincidir como feiticeira. Secuestráronlle as propiedades e volveu aos cárceres da Inquisición, onde foi de novo torturada e condenada a douscentos azoutes e ao desterro de Galicia durante dez anos.

Lucía Fidalgo
Lucía e a súa nai eran naturais da freguesía de San Martiño Danllo, na diocese de Lugo. Non posuían bens, carecían de oficio e de calquera tipo de instrución e sobrevivían como podían, sobre todo exercendo a prostitución. Ao morrerlle a nai a rapaza, a máis de como prostituta, vivía pedindo polas casas. Sería precisamente unha persoa que lle deu esmola quen a denunciaría por feiticeira, porque unha porca que tiña parida deixou de darlle de mamar aos leitóns.
Perante o xuíz segrar, Lucía Fidalgo, asustada, contou toda a súa vida e como a súa nai a vendera de pequena ao demo. Ameazada coa fogueira, confesou que lle botara o mal de ollo aos leitóns e ofrecíase a desfacer o meigallo se a deixaban libre. Quedou en liberdade pero en 1646, durante a visita a Lugo do inquisidor Ozores de Sotomayor, foi denunciada de novo. Tiña 26 anos e o seu grao de pobreza era tal que o tribunal de Santiago decidiu non abrir información sobre a denunciada. O mesmo aconteceu ao ano seguinte, durante a visita do inquisidor Juan Rojo, sen que o tribunal de Santiago vise ningunha razón para procesar a esta pobre prostituta. Por fin, cando Lucía tiña trinta anos, prosperou unha denuncia contra ela e o seu nome rexistrouse o día 1 de maio de 1650 no libro de entradas dos cárceres secretos do Santo Oficio en Santiago. Sometida a tormento, foi tal a cantidade de desatinos que chegou a confesar que mesmo os propios xuíces inquisidores “suspendieron la monición, creyendo que estaba sin juicio… porque no decía cosa con cosa”.

Con todo, o día 14 de novembro de 1650 pronunciose a sentenza contra ela que se executaría o domingo 9 de decembro na misa maior da catedral de Santiago. Foi condenada a douscentos azoutes que recibiría nas rúas da cidade de Santiago e na freguesía de San Martiño Danllo, e ao desterro destes lugares e de Madrid durante seis anos.

María Soliña
Pódese consultar a biografía de María Soliña no propio Álbum de Mulleres.

María Rodríguez
Natural da localidade portuguesa de Ponte da Lima, foi entregada pola xustiza eclesiástica do arcebispado de Braga á do bispado de Tui, a principios de 1577, acusada de bruxaría. De Tui sería remitida a Santiago, a onde chegou mutilada e esgotada. En Santiago esperaron á súa completa curación e no mes de xuño os médicos do Santo Oficio declararon que o corpo de María estaba disposto para ser sometido de novo a tortura. Mentres era torturada no potro confesou que coñecera ao demo, que tivera con el relacións amorosas, que lle entregara corpo e espírito converténdose na súa escrava e que era el quen a trasladaba polo aire dun lugar a outro.

Despois de prometer que non había ter máis contactos co demo, foi conducida a un acto de fe en setembro do mesmo ano, pintado o seu corpo e o seu hábito coas insignias das bruxas. No auto, celebrado na catedral de Santiago, foi condenada a recibir 200 azoutes núa de medio corpo para arriba. Despois foi desterrada lonxe da súa terra e de Santiago.

Ao cabo de dous anos foi detida de novo pola Inquisición en Portugal, na xurisdición de Pañaflor, acusada de reincidir na práctica da bruxaría. Segundo o informe que os inquisores que a procesaron "confesó lo mismo en el tormento que se le volvió a repetir y de haberse apartado de nuestra Santa Fe Cathólica y fue votada a relajar en persona a la justicia y brazo seglar, en 30 de noviembre de 15792.
María Rodríguez tiña trinta e oito anos cando foi consumida polo lume nunha fogueira pública na praza do Campo —hoxe praza de Cervantes— de Santiago de Compostela entre as burlas dos veciños da cidade.



Autor/a da biobibliografía: Anxos Sumai (2007)

Extras de  

Extras sobre

image not available
image not available
image not available
image not available
aquelarre goya.jpg
aquelarre goya.jpg
Baldung Hexen 1508.jpg
Baldung Hexen 1508.jpg
camara de tortura.jpg
camara de tortura.jpg
cocina de las brujas goya.jpg
cocina de las brujas goya.jpg
el conjuro de las brujas.jpg
el conjuro de las brujas.jpg
Auto de fe.jpg
Auto de fe.jpg
Teniers.jpg
Teniers.jpg
Portalon-da-inquisicion.jpg
Portalon-da-inquisicion.jpg
image not available
image not available
bruxeria vasca.jpg
bruxeria vasca.jpg

Ligazóns...

Bibliografía...

Untitled Document