Álbum de mulleres | Inicio
Inicio / As letras das mulleres /

As letras das mulleres
Inicio
Ligazóns de interese
Ambitos de ocupacion
Docente
Literario / Letras
Artístico
Acción político - social
Empresarial / Prof. Liberais
Médico / Sanitario
Medios de Comunicación
Doméstico
Xurídico
Político - Institucional
Investigación / Científico
Relixioso
Marítimo / Agrícola / Gandeiro
Deportivo
Agrícolas
Farmacia
Indice alfabético
abadesas de Sobrado de Trives
Syra Alonso
Amparo Alvajar
Francisca Álvarez
Amalia Álvarez Gallego
Ángeles Alvariño
Nicolasa Añón Paz
Antigas Galaicas
María Araújo
Concepción Arenal
Xela Arias
Carmen Arias ''Mimina''
As espontáneas de San Xoán de Río
As Marías: irmás Fandiño Ricart
Felicia Auber
María Balteira
María Barbeito
Dorotea Bárcena
Rosa Bassave Roibal
Beatriz Benavides
Josefina Blanco Tejerina
Maruxa Boga
María Brey Mariño
Begoña Caamaño Rascado
María Cagiao
Emilia Calé
Pascuala Campos de Michelena
Juana Capdevielle
Sofía Casanova
María Casares
María Castaña
Placeres Castellanos
Pilar Castillo Sánchez
Rosalía de Castro
Inés de Castro
Constanza de Castro
Beatriz de Castro
Rosa María de Castro y Centurión
Concha Castroviejo
Micaela Chao Maciñeira
Colectivo Feminista Independente Galego (CFIG)
Elena Colmeiro
Carmen Cornes
Clara Corral Aller
María Corredoyra
Luisa Cuesta Gutiérrez
María Antonia Dans
As mulleres das Encrobas
Filomena Dato
María Dios
Emilia Docet
Joaquina Dorado Pita
Ilduara Eriz
Exeria
Nieves Fariza Alonso
Belén Feliú
Rita Fernández Queimadelos
Antonia Ferrín Moreiras
Olga Gallego Domínguez
Olga Gallego Domínguez
Irene González
Corona González
Daría González García
Grupo Saudade
Francisca Herrera
María Antonia Iglesias González
Xosefa Iglesias Vilarelle
María Francisca de Isla y Losada
Ana Kiro
Hortensia Landeira Pontijas
Andrea López Chao
Rosa López Comunión
Rita Amparo López Jeán
Pura Lorenzana
Maruja Mallo
Marcela e Elisa
Kathleen March
María Mariño
Meigas
Urania Mella
Xulia Minguillón
María Miramontes
Anisia Miranda
Monxas de Ramirás
María Luz Morales
María Victoria Moreno
Francisca Morlán
Movemento Democrático de Mulleres en Galicia
Mulleres galegas na Residencia de Señoritas de Madrid
Mulleres na olería de Buño
María Muñoz de Quevedo
Carmen Muñoz Manzano
TEREIXA NAVAZA GONZÁLEZ
Pepa Noia
Mercedes Núñez
Antonia Ortiz
La Bella Otero
Enriqueta Otero
Ernestina Elena Otero Sestelo
María del Portal Panisse
Emilia Pardo Bazán
Pepa a Loba
María Antonia Pereira de Andrade
Narcisa Pérez Reoyo
Elena Piñeiro Castro
María Pita
Rosa Pons i Fábregas
Jesusa Prado
Mary Quintero
Concepción Ramón Amat
María Reguera
Manuela Rey
M.ª Dolores del Río
Isabel Ríos
Mabel Rivera
Dolores Rodeiro Boado
Hildegart Rodríguez
María Aurea Rodríguez
Aurora Rodríguez Carballeira
Carme Rodríguez de Legísima
Mercedes Ruibal
Ángela Ruíz Robles
Concepción Sáiz Otero
María Antonina Sanjurjo Aranaz
Elvira Santiso García
Mulleres no Seminario de Estudos Galegos
María Soliña
Marisa Soto
María Tobío
Xohana Torres
Urraca l de León e Castela
Teresa Vaamonde Valencia
Olimpia Valencia
Avelina Valladares
Maria Valverde
Concha Vázquez
Pura Vázquez Iglesias
María Vázquez Suárez
Juana María de Vega Martínez
Engracia Vérez Puentes
Mercedes Vieito
Luísa Villalta
Maruxa Villanueva
Marisa Villardefrancos
María Vinyals
María Josefa Wonenburger Planells
Isabel de Zendal Gómez
Liña do tempo en PDF
8 de marzo
As letras das mulleres

Un proxecto de:

Consello da Cultura Galega
Comisión de Igualdade

¿Comentarios?
xenero@consellodacultura.org


Álbum de mulleres | Inicio
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2008
lapa
AS MULLERES NA REAL ACADEMIA GALEGA
Rosario Álvarez Blanco, da Real Academia Galega, repasa a historia da Real Academia Galega dende a óptica das mulleres que tomaron parte na institución.
lapa    

É un lugar común referirse ao ano 1863 como a data simbólica en que o rexurdimento do galego acada a súa madurez, coa publicación do poemario Cantares Gallegos, o primeiro libro escrito integramente en galego de que se ten noticia na época moderna. Poucas literaturas terán como libro inaugural a obra dunha muller, poucas tamén medrarían coma a nosa ao amparo da figura senlleira dunha poeta, reverenciada en vida e convertida nun símbolo indiscutible despois da morte.

Cando os esforzos dos rexionalistas culminan na creación da Real Academia Galega —grazas á iniciativa da colonia galega da Habana—, había unha década do pasamento de Rosalía. Non é atinado nin sensato fundar certezas sobre o que podería acontecer se fosen outras as condicións, pero non é probable que, de vivir aínda Rosalía, ela non fose requirida para formar parte daquel grupo fundador de corenta académicos de número, xunto con Curros, Lamas, Pondal e outros. Por se non fose abondo coa especial relevancia de Rosalía no contexto da cultura galega da época, mencionaremos en favor desta presunción o feito de que Rosalía (1873, antes ca Murguía, 1877) xa fora nomeada socio de honra pola Sociedade de Beneficencia dos Naturais de Galicia da Habana, promotora e sostén económico da nova institución. En todo caso, é innegable que a presenza de Rosalía é permanente na RAG, tanto porque esta contribuíu decisivamente á súa mitificación e se sente comprometida co seu legado coma porque os académicos mantiveron aceso o seu recordo sen desmaio. Un repaso polos discursos de recepción e resposta, que hoxe se poden consultar no portal electrónico da RAG, serve para mostrar a frecuencia e as múltiples perspectivas con que foi evocada a súa figura e invocada a súa presenza ao longo destes cen anos.

A RAG está aínda vencellada a outra figura feminina, a de dona Emilia Pardo Bazán, e non só porque ocupe actualmente a súa mansión da Coruña, cedida polas súas herdeiras. Entre os antecedentes da Academia, ten especial relevancia a constitución dunha comisión xestora a partir da sociedade Folklore Gallego presidida por dona Emilia (1895), que non lograría os seus obxectivos fundacionais pero axudaría a crear o clima necesario. De feito, a nova corporación outorgoulle o título de presidenta de honra á condesa de Pardo Bazán.

Ora ben, fóra da abranxente presenza rosaliá, a historia da RAG non se caracteriza por unha especial acollida ás mulleres. Certo é que non se distingue niso das outras institucións e instancias oficiais galegas, se ben a esta hai que lle recoñecer un certo cambio de rumbo nos últimos tempos, pois esta institución centenaria conta na actualidade con catro académicas numerarias, Olga Gallego (desde 1986), Luz Pozo (1996), Xohana Torres (2001) e eu mesma, Rosario Álvarez (2003). Mirando cara ao século de historia que agora conmemoramos só atopamos un precedente, o de Francisca Herrera Garrido (proposta en 1945), que finou en 1950 sen poder tomar posesión como académica de número, mais deixando preparado o discurso de recepción Rosalía de Castro, con resposta de Antonio Couceiro Freijomil.

Olga Gallego Domínguez (Ourense 1923) é historiadora e dalgún xeito «representa» o mundo dos arquivos, bibliotecas e museos, ao que dedicou unha vida de intenso e frutífero valor, entre Ourense e Vigo, en lugares tan emblemáticos para a cultura galega como a Fundación Penzol, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense ou o Arquivo Diocesano de Ourense. A conexión cos círculos intelectuais galeguistas vai marcando a súa biografía, e non por acaso tivo, entre outros, un papel destacado no grupo Marcelo Macías do Museo Arqueolóxico de Ourense (desde a fundación por Ferro Couselo no ano 1972), e mais pertence ao Padroado da Fundación Penzol e ao Padroado Ramón Otero Pedrayo. É membro correspondente da Real Academia da Historia (1980) e ingresou na Real Academia Galega cun discurso sobre As barcas e as barcaxes da provincia de Ourense no Antigo Réxime, respondido por Antonio Gil Merino. O seu discurso de ingreso abondaría para nos dar un perfil da súa actividade investigadora, á marxe da catalográfica e arquivística, pois Olga Gallego é un referente incontornable para o estudo da historia social na provincia de Ourense, entre os séculos XIV e XIX, no contexto dunha historia xeral de Galicia ben esteada sobre as fontes.

Luz Pozo Garza (Ribadeo 1922) ten estudos musicais, de maxisterio e de filoloxía románica, e unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario. Pero, sobre todo, é unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral; mais xa antes dera mostras abondosas da súa mestría e a RAG nomeáraa académica correspondente en 1950, pouco despois do seu primeiro libro en castelán (Ánfora 1949). Ademais do seu intenso labor como poeta, que a fixo merencente de moi importantes premios e da tradución a varios idiomas, Luz Pozo é unha destacada ensaísta que visitou con acerto e con éxito a obra dalgúns dos nosos máis grandes poetas e narradores, contribuíndo a un mellor coñecemento e a unha maior difusión, da literatura galega dentro e fóra das nosas fronteiras. Este labor de estudo e divulgación é inseparable da outra faceta en que Luz Pozo xogou un papel decisivo na nosa historia recente, o seu labor editorial á fronte de iniciativas como Nordés e Clave Orión e mais as súas colaboracións nestas e en La Noche, Poesía española, Ínsula, Vida gallega, Ateneo Ferrolán, Galeuzca ou Grial. Ingresou como membro numerario na RAG cun significativo Diálogos con Rosalía, contestado por Xesús Alonso Montero. É a única muller que ocupou un posto de dirección na RAG, o de Vicesecretaria (1997-2001), durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego.

Xohana Torres Fernández naceu en Santiago de Compostela (1931), pero a súa vida transcorre entre Ferrol e Vigo. Mostrou desde a mocidade un grande interese pola literatura, o teatro e a radio, e de feito é unha pioneira no mundo das emisións en galego. Poeta, narradora e dramaturga, en toda a súa obra o mundo aparece a través da experiencia e a voz de muller. Comezou a súa andaina literaria con aquel Do sulco que abriu a colección Illa Nova (1957), o primeiro poemario dunha fecunda liña que felizmente continúa ata hoxe e pola que recibiu varios e prestixiosos premios (en 1981 o Premio da Crítica español por Estacións ao mar). Como narradora publicou Adiós María (1971), a súa única novela —gañadora do Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, 1970—, sinalada por todos como un fito na narrativa galega e para moitos obra inaugural da Nova Narrativa Galega; completa esta faceta coa escrita, tradución ou adaptación de contos infantís. O teatro, que iniciou coa recoñecida Á outra banda do Iberr (1965), foi abandonado á fin dos anos sesenta. Ingresou como membro numerario da RAG co discurso Eu tamén navegar, ao que respondeu Salvador García Bodaño.

Canto a min, Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra 1952), son profesora de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Instituto da Lingua Galega (USC). A miña investigación segue tres liñas fundamentais: a variación e o cambio lingüísticos, tanto no galego actual coma no antigo e medio; a gramática descritiva do galego moderno, con incursións en etapas previas da historia da lingua e achegas á gramática contrastiva portugués-galego; e mais a edición e estudo de textos do galego medio e prerrexurdimento. Ingresei na RAG cun discurso titulado Variedade e diversidade da lingua. Algunhas reflexións sobre cambio, variación e galego estándar, contestado por Antón Santamarina. Na actualidade dirixo o ILG e sucedo a A. Santamarina á fronte do Seminario de Gramática da RAG.

Unha historiadora, dúas escritoras e unha lingüista. O azar quixo que, ademais, fosemos unha ourensá, unha luguesa, unha coruñesa e unha pontevedresa. Catro cadeiras nun conxunto actual de trinta dannos unha modestísima cota do 13,33%: ¿con que termo de comparación poderiamos cotexalo para podermos avalialo xustamente? Leo en Tempos Novos (abril 2006) que en Galicia hai un 17% de catedráticas nunha universidade en que hoxe as mulleres son maioría no alumnado, que cae ao 15% na de Santiago de Compostela, a de máis longa tradición e posiblemente por iso con prácticas de longo percorrido, máis difíciles de cambiar; no conxunto da universidade española a porcentaxe aínda baixa ao 12%. Unha e outra situacións son reflexo dun feixe de problemas similar, pero en todo caso a cifra sitúa a RAG nunha posición de “normal anormalidade”. Hai un factor máis a ter en conta, polo que poida supoñer de esperanza e confianza no cambio de rumbo cara ao futuro: Olga Gallego foi a única muller da Academia durante unha década, pero na seguinte produciuse a incorporación de tres máis.

É de xustiza indicar que desde o primeiro momento a RAG contou con mulleres como académicas correspondentes, como a poeta Filomena Dato Muruais ou Pura González Varela, a culta e comprometida segunda esposa de Lugrís, que no seu día encabezou a subscrición de mulleres para doar a bandeira da Irmandade da Coruña. Nunha relación de 922 que proporciona o citado portal computamos só 53 nomes de mulleres, que merecerían unha investigación máis demorada sobre a súa vida, obra, ideario...; moitas delas foron nomeadas nas primeiras décadas de vida académica e en non poucos casos a distinción recaeu sendo elas moi novas, nada máis saíren á palestra pública, o que implica unha ollada atenta. Atopamos entre elas nomes de mulleres sobranceiras no panorama cultural, non só galego, como Sofía Casanova, Juana de Ibarbourou, Emilia Pardo Bazán, Carolina Michaëlis de Vasconcellos, Julia Minguillón, María Victoria Fernández-España Fernández-Latorre, Elena Quiroga..., ou unidas por lazos familiares ao galeguismo (como Gala Martínez-Murguía Castro). Moito máis significativa é unha ampla relación de figuras de contribución máis modesta, pero que, máis aló da súa actividade xeralmente docente, teñen o gran mérito de daren rachado o veo que as facía invisibles, en épocas pouco propicias para o protagonismo cultural ou político feminino; así atopamos como correspondentes mulleres que se iniciaron na literatura (en galego ou en español), na investigación, no ensaio ou na dirección e promoción de publicacións, coma Ramona de la Peña y Salvador, Aurora Vidal Martínez, Hipólita Moíño, Sarah Lorenzana, Herminia Fariña, Elisa Lestache, Xosefina López de Serantes, María Vinyals, Mercedes Tella, Amada López Meneses..., mesmo na emigración cubana, como Mercedes Vieito Bouzas; lembremos tamén a entrada, deste xeito, dunhas novísimas Luz Pozo e Pilar Vázquez Cuesta. Na nómina de académicos correspondentes actuais recollemos só os nomes de Pura Vázquez (escritora), Pilar Vázquez Cuesta (filóloga), Teresa Barro (ensaísta), Dolores Sánchez Palomino (lingüista).

Non será difícil para ninguén facer unha longa lista de mulleres que hoxe poderían ser académicas numerarias ou académicas correspondentes da RAG, con tantos ou máis méritos cás que fomos distinguidas con ese recoñecmento —e poño o meu nome de primeiro a disposición desta lista alternativa—, con tantos ou máis merecementos tamén cós homes que alcanzaron unha desas dúas condicións. Asemade, tampouco se poderá negar que nestes últimos cen anos da nosa historia que acompañan a historia da RAG, a contribución feminina á cultura galega —nos seus aspectos máis visibles e fóra de singularidades ben coñecidas— só comezou a ser equiparable nas últimas décadas. Sen ser propiamente unha xerontocracia, as academias son por definición institucións ás que se accede cun longo percorrido ás costas; confiemos, por iso, que nada impida que nun futuro próximo se espelle no seu seo a revolución feminina operada nos últimos anos na nosa literatura e noutros campos da vida cultural galega.

Untitled Document
 

Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org