culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Marcelino Ramírez García

A loita contra a tuberculose en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Ponte Hernando, Fernando J.; González Castroagudín, Sonia; Rego Lijó, Isabel
  • Data de alta: 24/10/2016

Extras de Marcelino Ramírez García: 

Extras sobre Marcelino Ramírez García:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Ponte Hernando, Fernando J.; González Castroagudín, Sonia; Rego Lijó, Isabel ([2016], “Marcelino Ramírez García”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 27/05/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1053
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Bergasa (A Rioxa) 1864
  • Falecemento: Logroño 1940
Primeiros anos

Realizou os estudos equivalentes ó que logo se chamou bacharelato elemental nos cursos 1883-84 a 1886-87, simultaneándoos cos da carreira de Veterinaria. Gracias ás peculiaridades académicas do momento, estudou Veterinaria nos cursos 1882-83 a 1886-87. Tras presentarse ás oposicións, celebradas en Madrid durante os meses de novembro e decembro de 1895, foi declarado aspirante ó ingreso no Corpo de Veterinaria Militar, por R.O. de 24 de decembro de 1895, co número 1 da súa promoción, que constaba de 76 membros.

Estivo destinado en primeiro lugar en Pamplona, recalando axiña en Logroño. Aquí levou a cabo un labor destacado en varias frontes. Xa en 1900, fíxolle ó alcalde de Logroño, Francisco de la Mata, a proposta de someter gratuitamente á proba da tuberculina ás vacas da cidade, proposta que foi entusiasticamente apoiada polo rexedor e que finalmente derivou nun proceso complexo que fracasou por intereses dos gandeiros e a cerrazón de certos membros da Real Academia e do Real Consello de Sanidade. É de salientar que o prestixioso académico doutor Espina y Capó formulou un brillante e duro voto particular ós informes destes órganos consultivos apoiando as teses de Ramírez e o alcalde.

Os sete cursos da carreira de Medicina daquel entón rematounos en catro e medio, tamén na Universidade de Zaragoza, recen cumpridos os 39 anos. Como médico puxo un sanatorio médico-cirúrxico privado en Logroño para atención integral dos enfermos tuberculosos.

Chegada a Galicia

Ós 52 años, en 1916, ó ascender a veterinario maior, asimilado a comandante, foi nomeado xefe de Veterinaria militar da 8ª Rexión Militar con sede na Coruña, onde estaría tamén de tenente coronel, ata o seu ascenso a coronel en 1926.

Nesta etapa galega é quizais, onde máis equilibradamente compaxinou Marcelino Ramírez o exercicio das dúas profesións, dada a súa dedicación, por un lado á veterinaria militar, como xefe de toda a Rexión Militar; e á civil, colaborando coa cátedra ambulante do Consello Provincial de Fomento que capitaneaba Rof Codina, e como médico do Dispensario antituberculoso da Coruña, do que chegou a ser elixido polos seus compañeiros director e despois presidente. Comprometeuse a fondo en diversas actividades profesionais e sociais da capital herculina, como por exemplo, a súa participación no Dispensario antituberculoso, con todo o labor asistencial e administrativo que supoñía.

A miúdo, tanto en actividades públicas de difusión científica e congresos, como privadas, atopamos xuntos a Juan Rof Codina (1874-1967) e a Marcelino Ramírez. Semella que deberon manter unha grande amizade entre eles. Ademais, Rof Codina tamén fora veterinario militar, brevemente, entre 1898 e 1902. Juan Rof Codina, como inspector de Hixiene e Sanidade pecuarias da Coruña, cun relatorio sobre abastecemento de carnes, e Marcelino Ramírez, que presentou varios traballos científicos para aclarar conceptos erróneos da «medicina médica (sic) e veterinaria», concorreron á IV Asamblea Nacional Veterinaria como os dous representantes destacados da rexión galega. Apréciase nos dous un grande interese pola formación das clases traballadoras, naqueles aspectos en que eles poden contribuír á mesma. Fundamentalmente, os referentes ó ámbito da saúde pública, tanto dende o punto de vista humano como do gando ou os animais domésticos. Isto era concorrente coas actividades que na época desenvolvía a Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, principal órgano cultural coruñés das clases populares, á que sempre tiveron gran estima as elites intelectuais. Non en van, deron conferencias nesta asociación personalidades como Ortega y Gasset, Nóvoa Santos, Gordón Ordás ou Gil Casares, ademais de Marcelino Ramírez e Rof Codina, entre moitos outros. Marcelino tamén presentou, con grande éxito, ó congreso Pedagóxico de Lugo de 1923, o seu traballo “Psicología del niño tuberculoso”.

Noutras ocasións, ambos os dous veterinarios eran requiridos para cuestións máis prácticas e urxentes, e menos académicas, como ante epizootias que estaban causando perdas, para que se prestaren a axudar na planificación de accións correctoras. O domingo 1 de novembro de 1925, baixo o título ”Interesantes lecciones a los ganaderos”, publícase no El Heraldo Gallego que Rof Codina e Marcelino Ramírez impartían interesantes charlas no Axuntamento de Neda, que tiveron lugar en sesións de mañá e de tarde na parroquia de Anca e no local sindical, respectivamente, na presencia de todo tipo de notables da zona: representantes políticos, profesionais, veterinarios titulares, clero, membros dos sindicatos, gandeiros, mestres, etc.

Marcelino Ramírez, presentado como xefe de veterinaria militar da oitava rexión e ilustre tisiólogo, disertou sobre ”La lucha contra la tuberculosis de los animales domésticos en Galicia”. Fixo fincapé na necesidade de facer «cultura popular tisiolóxica». Estas tres palabras parecen ser unha obsesión no ánimo de Ramírez xa que as empregou de modo idéntico no seu traballo do ano anterior, presentado ó Congreso de Ciencias Médicas de Sevilla: “Herencia, predisposición y pretuberculosis desde el punto de vista de la cultura popular tisiológica”. Na presente ocasión insistiu en que isto era imprescindible «antes de executar o plan de loita indispensable» que proxectaban levar a cabo. Para demostrar o ignorante que era o pobo neste aspecto, citou o caso bárbaro que publicaba El Correo Gallego aquel mesmo día sobre un suceso ocorrido no Axuntamento de A Golada, en Pontevedra, en que «crendo salvar a vida dun tuberculoso, para darlle a beber o sangue dun neno san e robusto, foi degolada unha inocente criatura de dezanove meses». Puxo de manifesto a necesidade de implantar o diagnóstico precoz da tuberculose no gando vacún mediante a proba da tuberculina. Citou o exemplo da campaña levada a cabo por Bang, en Dinamarca, que lograra terminar cas vacas tuberculosas, que foron substituídas por animais sans de razas melloradas, reconvertendo o que era unha ruína social de todo tipo, nunha importante fonte de riqueza. Explicou o perigo de convivir persoas, en especial nenos, con animais enfermos e a necesidade de poñer aparatos esterilizadores de carne nos matadoiros para aproveitar este alimento que se destruía con grave prexuízo para a economía e a alimentación da xente. Segundo a prensa, Ramírez tivo un éxito notable, falando Rof Codina a continuación sobre “Momento actual da gandería de abasto en Galicia”.

A partir do 29 de novembro de 1925, Ramírez e Rof Codina foron a Ferrol varios días, como profesores da referida cátedra ambulante do consello provincial de Fomento, paea dar sendas conferencias no Centro Obrero de Cultura, presentados polo doutor Quintanilla, que en 1931 sería o primeiro alcalde republicano de Ferrol. Nesta ocasión Ramírez falou de “Prevención da tuberculose infantil” e Rof Codina de “Mellora gandeira”.

Trece anos despois do falecemento de Marcelino Ramírez, o seu amigo Rof Codina recordaríao nunha conferencia que pronunciou na Real Academia de Medicina de Galicia e Asturias, o 28 de novembro de 1953, sobre “La lucha contra la tuberculosis bovina en Galicia”, sendo xa inspector xeral veterinario e ex-vicepresidente do Consello Superior pecuario: «El que fue ilustre tisiólogo y veterinario Dr. Marcelino Ramírez García, bien conocido entre los médicos de la región, en su obra Tuberculinoterapia da a conocer el resultado de 505 pruebas tuberculínicas practicadas en bovinos, de las cuales 127 dieron reacción positiva y comprobadas sus lesiones tuberculosas en todos los que reaccionaron, mediante la autopsia, lo que representan el 25 por ciento de reses tuberculosas, pertenecientes a vaquerías de ciudad, que constituían elementos de infección para las demás reses y para los que las cuidaban».

Con motivo da II Asamblea da Unión Nacional Veterinaria, xerme do actual Consello Xeral do Colexio de Veterinarios de España, celebrada en Madrid, do 18 ó 23 de Maio de 1922, e presidida por Félix Gordón Ordás, Marcelino Ramírez participou activamente nas discusións.

O Dispensario antituberculoso de A Coruña

En primeiro lugar dicir que o labor dos médicos do Dispensario era gratuíto e altruísta. Por iso, aínda que este establecemento tivese un carácter oficial, non constituía ningún pluriemprego para ninguén, e si, moitas veces, unha onerosa carga laboral e ata económica, aínda que, non cabe dúbida, de que outorgaba certo prestixio profesional, máxime si, como no caso de Marcelino Ramírez, eras o director de tan benéfica institución.

Cóntanolo o mesmo doutor Ramírez coa súaa habitual franqueza rioxana: «Los médicos del Dispensario además de prestar gratuitamente nuestros servicios y frecuentemente dar dinero encima, abandonando parte de nuestras obligaciones particulares, hacemos dentro y fuera del mismo cuanto sabemos y cuanto podemos; y el que hace lo que sabe y lo que puede no está obligado a más. Si hay quien sabe y quiere hacer más y mejor, desde este momento, gustosos le cedemos el puesto para que pueda dar comienzo a su obra».

O carácter gratuíto, loxicamente, era á vez a súa grandeza e o seu punto débil. O altruísmo sempre estivo presente na planificación da loita antituberculosa, non só como libre iniciativa persoal, senón incluso como punto de partida «oficial», xa nas súas memorias fundacionais: «Los dispensarios antituberculosos, según fueron proyectados por esta Comisión permanente, como instituciones especiales que atendieran por igual a la profilaxis que a la curación, a la salvación del predispuesto, al bien del enfermo, de la familia y de la sociedad en general, y todo ello de modo absolutamente benéfico y altruista, serían un elemento de la lucha antituberculosa tan principalísimo, tan eficaz y tan de veras simpático y sugestivo, que el hecho de pertenecer al profesorado que lo sirviera e hiciese efectivo traería aparejada, para tales profesores, verdaderos sacerdotes de la Medicina y la especialidad, la condición de beneméritos de la Patria.».

En maio de 1915, Nicasio de Aspe e Fullós, secretario do Dispensario antituberculoso da Coruña, le a memoria anual de 1914 da institución. Non está satisfeito da resposta da clase médica: «No hay cansancio, no hay desaliento entre nosotros, los que nos hemos ofrecido y hemos aceptado estas tareas, pero somos pocos. Las excitaciones dirigidas a la clase médica no han dado resultado. El despacho de la consulta de veinte, treinta o cuarenta enfermos diarios y los trabajos de laboratorio no pueden llevarse a cabo con el detenimiento y la escrupulosidad debida por uno o dos médicos. Y sin embargo, razones de salud, ausencias inevitables, quehaceres profesionales y otras causas justificadísimas, han producido tales claros en nuestras filas, que la pesada carga ha venido a caer sobre los hombros de uno o dos compañeros, siempre los mismos». Plantea á Xunta Xeral se sería posible dar algunha gratificación remuneratoria a estes facultativos, da mesma maneira que se fixera ese ano co secretario. Como anexo publica o listado de benefactores que pagaban cota mensual, sumando un total de 117. Entre eles destacadas persoas físicas e xurídicas de A Coruña, como o Marqués de San Martín, Enrique e Rafael Hervada, Santiago Casares, Pedro Barrié e Pastor, a viúva de Salorio, Dorrego, Caruncho, Fernández España, empresas como Hijos de Simeón García ou a propia sucursal do Banco de España. Tales deberon ser, mutatis mutandis, as circunstancias modestísimas nas que se atopou no Dispensario Marcelino Ramírez a súa chegada, oito meses despois desta reunión de maio de 1915.

Etapa final

De A Coruña, Marcelino Ramírez pasou a Burgos, onde exerceu o mando de coronel xefe de veterinaria militar da 6ª Rexión, xubilándose o 2 de xuño de 1928, ós 64 años, por cumprir a idade regulamentaria, coa máxima graduación que podía ter un veterinario militar. Logo retorna a Logroño, onde ocupou nos seguintes anos os postos de bibliotecario do Ateneo Republicano e a vicepresidencia de tutelar de menores. A súa vila natal de Bergasa declarouno fillo predilecto en 1921, ademais de dedicarlle a praza maior e o colexio público, que levou o seu nome ata que se pechou nos anos 90 do pasado século. Pola súa parte, Marcelino Ramírez creou e subvencionou dez bolsas para estudantes pobres e apoiou a mellora dos accesos ó pobo.

Valoración da obra científica e asistencial

Da obra de Ramírez, as publicacións máis sobranceiras son: a súa tese doutoral en Medicina de 1907, “La tuberculosis bajo el punto de vista de su transmisión recíproca entre los animales y el hombre”; que publicou en 1908 baixo o título de La tuberculosis desde el punto de vista sanitario, económico y sociológico; e o libro Tuberculinodiagnóstico e Tuberculinoterapia, de 1912, que prologou José Verdes Montenegro, un dos grandes tisiólogos español. Este libro foi acollido con respecto pola prensa galega, como necesario para todo médico e veterinario, catro anos antes da chegada de Ramírez a Galicia. Tamén hai que salientar: “Diagnosis y Terapia específicas del Muermo en el ganado del Ejército” (1916) e Tisiología de la Infancia (1926). Estas últimas xa viron a luz estando o seu autor en Galicia.

O doutor Ramírez alienouse sempre coas correntes máis avanzadas da investigación científica da súa época, sendo, en materia de tuberculose, un contaxionista convencido, fronte ós que defendían o papel preponderante da herdanza, coas súas diferentes interpretacións, na transmisión deste azote da humanidade de distribución universal. Na súa contra cabe sinalar que se empeñou durante moitos anos no tratamento tuberculínico, consciente, iso si, das súas limitacións, ata que, nos anos finais da súa vida profesional, recoñeceu que a única terapia eficaz nese momento era o retorno á medicina preventiva. No seu descargo cabe dicir que figuras nacionais como Verdes participaban da mesma opinión nunha época de escasas opcións terapéuticas. Isto tivo que orixinar friccións no propio dispensario con médicos totalmente opostos a esta postura como Peña Novo.

Mostrou sempre un encomiable interese pola cobertura social da enfermidade para os traballadores, os pobres e os nenos. É de destacar, neste sentido, o seu artigo, netamente progresista, “Seguro social contra a tuberculose”, publicado en El Ideal Gallego o 25 de Xullo de 1924, poucos meses despois de presentalo como relatorio á reunión da Conferencia dos Médicos da loita antituberculosa, do 26 ó 31 de maio de 1924, en Madrid.

No seu momento recibiu, non sen polémicas, o xeral recoñecemento da comunidade científica, sendo merecedor de diferentes premios polas súas actividades de toda índole, veterinarias e médicas, civís e militares.

Dada a abundante presencia de cabalos e mulos nos cuarteis da época, a poboación militar, en especial os coidadores dos équidos, estaba naturalmente exposta a contraer a grave enfermidade do muermo o que, unido ó quebranto económico e operativo que supoñía a perda de animais, constituía unha seria preocupación do mando e da sanidade militar. Este tema tiña grandes connotacións comúns coa tuberculose, en canto a que se practicaba o diagnóstico e tratamento con maleína, en paralelismo total co que, naquela época, se facía ca tuberculina. Fiel ó seu dobre vínculo científico, Ramírez non esqueceu contemplar a patoloxía muermosa no ser humano, tema importante polo xa dito. Sirva de exemplo que Kalning, o veterinario ruso que desenvolveu no seu laboratorio a maleína, autoinoculouse o muermo para os seus experimentos e pagouno ca súa vida.

O doutor Ramírez estivo presente e activo, como representante do Dispensario Antituberculoso de A Coruña e en calidade de médico, director e presidente da Xunta Facultativa do mesmo, nos máis importantes foros sobre a tuberculose humana da época. Entre eles, destacamos a Conferencia dos Médicos da Loita Antituberculosa, celebrada no Colexio Oficial de Médicos de Madrid, do 26 ó 31 de maio de 1924, na que presentou o proxecto de bases para a organización da loita antituberculosa en España, documento que os médicos do dispensario herculino elevaban á Comisión organizadora e que, ó ano seguinte, volveron a presentar na Conferencia da Fuenfría do 3 ó 5 de setembro de 1925, no sanatorio dese nome situado en Cercedilla (Madrid). Tamén tivo un papel preponderante na loita pola consecución do Sanatorio Antituberculoso de Cesuras que, finalmente, non prosperou. En A Coruña tivo unha clínica privada, no número 10 da Praza de Lugo.

Para documentarse acerca do estado dos sanatorios en Europa, do 2 de maio ó 30 de Xuño de 1923, Ramírez fixo unha viaxe, con licencia por asuntos propios, por Italia, Suíza, Bélxica e Francia. Mantivo contactos e reunións con sociedades científicas, investigadores, docentes e clínicos expertos en tuberculose animal e humana. Non era a primeira viaxe deste tipo, pois o 2 de setembro de 1920, La Correspondencia Militar publicaba que se lle concedera un mes de licencia para o estranxeiro. En 1924, viaxou por Portugal do 9 ó 31 de maio, previo á Conferencia antituberculosa de Madrid, para coñecer o estado sanatorial do país e ós expertos lusos na materia.

Marcelino Ramírez reactivou a capacidade científica dos seus colaboradores en veterinaria militar, aumentando o número de conferencias e publicacións destes, entre os que destacaron os mozos Santiago Gómez Bargo e David Fernández Novoa. A formación académica e continuada dos veterinarios, foi un asunto polo que sempre estivo interesado. Co apoio de destacadas figuras da veterinaria nacional, chegou a propoñer, un novo plan de estudos e diversas categorías profesionais, a imaxe e semellanza dos enxeñeiros agrónomos, cunha carreira de grao medio (peritos daquela) e outra superior. Tamén participou, con Gordón Ordás e Rof Codina, na xénese do frustrado Instituto de Zootécnicos españois e nos principais foros científicos da época, mesmo despois de xubilado. Ó ascender a coronel, en 1926, foi obxecto dunha importante homenaxe no coruñés Kiosko Alfonso, polos colexios de médicos e veterinarios de Galicia pola súa grande implicación en favor da nosa terra, como sinalou a prensa, «maior que a de moitos galegos».

Finalmente, podíamos dicir que Ramirez, con Rof Codina e Cruz Gallástegui foi un dos tres veterinarios españois, non galegos, que máis fixo, no amplo sentido, polo desenvolvemento integral sanitario de Galicia.




Bibliografía:




Fontes documentais:

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1907): La tuberculosis bajo el punto de vista de su transmisión recíproca entre los animales y el hombre. Madrid. Univ. Central. Fac. de Medicina. Tesis doctoral. 287 hojas. Manuscrito asinado o 1 de setembro de 1907.

Archivo Histórico Militar de Segovia. Hoja de Servicios de D. Marcelino Ramírez García. Cuerpo de Veterinaria Militar.

AGA. Expediente de Veterinaria de D. Marcelino Ramírez García. Sign. 31-15049-05068. Alcalá de Henares.

AGA. Expediente de Medicina de D. Marcelino Ramírez García. Sign. 31-16527-01221. Alcalá de Henares.


Fontes impresas:

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1899): Contribución al estudio de la citología. Edición da Gaceta Médica Veterinaria. Madrid: Ed. M.-Tip. Hijos de R. Álvarez.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1908a): “Tuberculinización y Tuberculinoterapia”. Traballo premiado no concurso da Academia Médico-quirúrgica española sobre «Valor Diagnóstico y Terapéutico de las tuberculinas».

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1908b): La tuberculosis desde el punto de vista sanitario, económico y sociológico. Logroño. Imp. Moderna.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1910): Fundamentos del tratamiento maleínico del muermo, II Congreso da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias Valencia.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1912a): Tuberculinodiagnóstico y Tuberculinoterapia. Logroño, Imp. Moderna. Prólogo de Verdes Montenegro. Dedicado a Amalio Gimeno Cabañas.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1912b): Segundo Congreso Español Internacional de la tuberculosis, Gaceta de Medicina Zoológica, 36, 169-172.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1912c): Clínica especial para el tratamiento de los enfermos tuberculosos. Logroño Imprenta Moderna.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1916): Diagnosis y Terapia específicas del Muermo en el ganado del Ejército. Toledo: «Biblioteca de la Revista de Veterinaria Militar», Impta. Vda e hijos de Peláez.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1921a): La enseñanza de la zootecnia en España: la urgente transformación que en ella se impone, La Semana Veterinaria, Año V. N.º 8, 21 de febreiro, pp. 57-64.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1921b): La enseñanza de la zootecnia en España: la urgente transformación que en ella se impone. Hoja Agro-Pecuaria, El Ideal Gallego, 25 de decembro de 1921. (Resumen).

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1922): La curación de la tuberculosis, El Ideal Gallego, 6 de agosto. p. 7.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1923): Psicología del niño tuberculoso. Traballo presentado ao Congreso Pedagógico de Lugo do 9 ó 12 de outubro de 1923. La Coruña. Imprenta Moret.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1924): Herencia, predisposición y pretuberculosis, desde el punto de vista de la cultura popular tisiológica . Ponencia noCongreso Nacional de Ciencias médicas de Sevilla. La Coruña: Imp. Moret.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1924); Seguro social contra la tuberculosis. El Ideal Gallego, 25 de xullo, p.15.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1925a) La labor del Dispensario Antituberculoso de La Coruña. Conferencia na sociedade Reunión de Artesanos. 20 de setembro, El Compostelano, 21 de setembro. p.1.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1925b): La labor del Dispensario antituberculoso de La Coruña. Coruña, Imp. Garcybarra.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1925c) El nuevo tratamiento de la tuberculosis. El Ideal Gallego, 30 de xullo.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1925d): La lucha contra la tuberculosis de los animales domésticos en Galicia. Conferencia na Parroquia de Anca. Domingo 20 de setembro.

RAMÍREZ GARCÍA, M (1925e): Tuberculosis infantil. Conferencia no Salón Amboage de Ferrol o 2 de decembro.

RAMÍREZ GARCÍA, M (1926): Tisiología de la infancia. Logroño, Imprenta y Librería General. Dedicado ao Dr. Espina y Capó.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1930): Lucha contra la tuberculosis en los animales. Primer Congreso veterinario Español celebrado en Barcelona do 5 ó 15 de outubro de 1929, Revista Veterinaria de España, pp. 203-224.

RAMÍREZ GARCÍA, M. (1930): Un Homenaje ¡Abelardo Gallego!, La Voz, Diario gráfico de información. Córdoba, 24 e 25 de Febrero, p.19 e 5, respectivamente. (Necrolóxica do profesor Abelardo Gallego Canel).


Bibliografía secundaria:

BONILLA DE LA VEGA, E. (1922): Muermo, en Fernández Martínez, Fidel (Dir.), Tratado Iberoamericano de Medicina Interna, Tomo I. Enfermedades Infecciosas y parasitarias. Enfermedades producidas por agentes físicos. Madrid. Ed. Plus Ultra; p. 279.

CERDEIRA ALONSO, J.R. (2013): Políticas de Higiene Municipal en Logroño a lo largo del último tercio del siglo XIX. Tese doutoral. Logroño: Universidad de La Rioja.

CID DÍAZ, J.M (Coord.) (2000): Temas de historia de la veterinaria. Vol. I. Murcia: Universidad.

CID DÍAZ, J.M (Coord.) (2004): Temas de historia de la veterinaria. Vol. II. Murcia: Universidad.

CONDE GÓMEZ, D. (2015): Juan Rof Codina: Renovación na veterinaria e gandería galega contemporánea. Vigo. Xerais.

FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, C. M. (2011) El Sanatorio de Cesuras en la lucha contra la tuberculosis en Galicia a principios del siglo XX, Anuario Brigantino, 34: 315-328.

GALDO FERNÁNDEZ, F (Coord.) (2007): El Sanatorio Marítimo de Oza. A Coruña: Grupo 76.

MORENO FERNÁNDEZ-CAPARRÓS, L. A. (2010): Contribución de la Veterinaria Militar al prestigio del instituto de Higiene Militar (1885-2010). Discurso de ingreso na Real Academia de Ciencias Veterinarias de Andalucía Oriental como académico correspondente.

PONTE HERNANDO, F (2016): Contribución a la Salud pública y a la lucha antituberculosa de una figura olvidada: El Dr. D. Marcelino Ramírez García (1864-1940). Veterinario Militar y Médico. Ed. Andavira. (En prensa).

PORTELA VÁZQUEZ, Alberto (2016): Misión Gallástegui: la mejora genética agropecuaria. Vigo: Ed. del autor.

REGO LIJÓ, Isabel (2015): Dr. Miguel Gil Casares (1871-1931) Obra Médica y Doctrina Tisiológica. Tese doutoral. A Coruña. Universidade. (Dir. F. Ponte Hernando; J. Teijeiro Vidal).

SÁENZ CENZANO, S. (1948): Apuntes históricos de Logroño. Vida y obra de tres alcaldes distinguidos,Berceo,7: 183-187.

SERRANO TOMÉ, V. (1971): Historia del cuerpo de veterinaria militar. Tese doutoral. Madrid: Universidad Complutense, Imprenta Fareso.