culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Paulino Suárez Suárez

Un médico galego á fronte do Laboratorio de Bacterioloxía e Seroloxía da Residencia de Estudiantes de Madrid

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Mato Domínguez, Alfonso
  • Data de alta: 20/11/2016

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Mato Domínguez, Alfonso ([2016], “Paulino Suárez Suárez ”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 23/09/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1065
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Cecillón (Taboada, Lugo) 1884
  • Falecemento: Cecillón (Taboada, Lugo) 1970
Médico coma seu curmán, Xan López Suárez (Xan de Forcados), licenciouse en Medicina na Universidade de Madrid, en 1908. Ao rematar a carreira obtivo a praza de médico dos mineiros de Peñarroya (Córdoba), e cos aforros obtidos nese traballo pediu, asesorado polo seu curmán, unha pensión da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE) co obxectivo de trasladarse en 1913 á Universidade de Estrasburgo e estudar Química e Botánica Práctica aplicadas á Medicina, para especializarse en Bacterioloxía e Inmunidade. Durante as vacacións do verán de 1913 instalouse en Múnic, onde traballou en análises químicas no laboratorio particular dos doutores Bender e Hobein. Despois de visitar varias cidades alemás regresou a Estrasburgo a principios de outubro, convencido de que esta era a universidade que lle ofrecía mellores condicións para aprender. Pouco a pouco o seu traballo foi derivando cara a relación entre a alimentación por millo e a aparición da pelagra, estudo que realizou no Instituto de Química Fisiolóxica e Patolóxica do profesor Hofminster, co que xa estivera o seu curmán. Froito dos seus primeiros estudos foi a publicación dun artigo sobre a etioloxía de esta enfermidade en Biochemische Zeitschrift. Tamén traballou co profesor Uhlenhuth, facendo prácticas de hixiene e bacterioloxía.

O comezo da guerra europea fixo que derivase as súas investigacións cara o proceso de purificación da auga e a contención de epidemias, aínda que finalmente viuse obrigado a regresar a España en decembro de 1914. Disposto a continuar coas súas investigacións, solicitou unha pensión da JAE para traballar no Instituto para a Investigación de Enfermidades Infecciosas de Berna e realizar estudos sobre inmunidade. Concedida a pensión, permaneceu ata setembro de 1917 na capital suíza, onde colaborou con Kolle e con Tomarkin, xefe da Sección de Vacinación do citado instituto, co que publicou un segundo artigo sobre a aparición de precipitinas nos animais vacinados e no home.

De volta en Madrid, leu a súa tese de doutoramento: Contribución al estudio de la etiología de la pelagra (Madrid: Sociedad Española de Artes Gráficas, 1919). En 1921 foi nomeado director do Laboratorio de Bacterioloxía e Seroloxía da Residencia de Estudiantes de Madrid, no que os alumnos e alumnas se iniciaban nas prácticas bacteriolóxicas facendo estudos sistemáticos das bacterias patóxenas e das reaccións de inmunidade con aplicación á clínica. Para este labor colaborou estreitamente con Pío del Río Hortega e Pittaluga. Pouco máis tarde accedeu a unha auxiliaría de Fisioloxía na Facultade de Medicina (1927-1934). Logo de asentarse na rede da JAE como xefe de laboratorio e como informador de bolseiros, en 1932 foi nomeado director adxunto da Residencia de Estudiantes, que estaba rexida por Alberto Jiménez Fraud. Nesta casa fixo labores de titoría, sobre todo con alumnos galegos. Este cometido tamén o realizou na Residencia de Señoritas. Ademais, durante a Segunda República exerceu o cargo de conselleiro de Sanidade e representou a España nalgúns foros internacionais.

No pouco tempo que permaneceu en España durante a Guerra Civil e desde o seu cargo de director adxunto da Residencia de Estudiantes, mediou cos milicianos para que respectaran a vida de científicos e intelectuais liberais. Logo, xa no exilio, realizou algunhas discretas xestións no estranxeiro por encargo de Negrín, con quen estivera na súa cátedra na Universidade Central.

O seu exilio transcorreu primeiramente en Oxford, invitado por Alberto Jiménez Fraud. Alí pasou unha temporada (anos despois volvería noutra ocasión como albacea testamentario de Pío del Río-Hortega, xunto a Severo Ochoa), para logo marchar a México e finalmente a A Habana, onde foi profesor na Universidade e, ademais, participou na organización da Reunión de profesores universitarios españois exiliados/emigrantes (UPUEE, 1943), á que se adheriron outros galegos como Xosé Rubia Barcia, Alejandro Otero, Jesús Vázquez Gayoso, Leoncio Jaso Roldán, ou o que fora catedrático da Facultade de Farmacia de Santiago, Francisco Giral. Paulino Suárez foi relator e formaría parte do Secretariado Técnico desta reunión.

Paulino Suárez regresou a España na década dos 50, asentándose na terra que o vira nacer (Taboada, Lugo). Logo de tomar contacto con xente do entorno institucionista, asistiu ao xantar de antigos residentes, celebrada en Santiago, no Hostal dos Reis Católicos, na primavera de 1963.




Bibliografía:




Bibliografía secundaria:

FAGEN, P.W. (1975): Transterrados y ciudadanos. México: Fondo de Cultura Económica.

FANDIÑO VEIGA, X. R., GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R. (2003): Juan López Suárez ou “Xan de Forcados”. Home de ciencia e impulsor das melloras culturais en Galicia. Sada-A Coruña: Ed. do Castro.

GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R. (2005): Gurriarán Gurriarán (1904-1975). O Barco de Valedoras: Ed. IEV.

GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado. Santiago: Universidade.

PARDO GÓMEZ, F.: “El doctor Paulino Suárez”, El Progreso, Lugo, 16 de agosto.

UPUEE (1944); Libro de la primera reunión de profesores universitarios españoles emigrados. La Habana: Tall. Tip. “La Mercantil”.


NOTA: Esta biografía de Manuel Martínez-Risco está baseada na que realizou Ricardo Gurriarán para o Álbum da JAE, do Consello da Cultura Galega.
http://culturagalega.org/albumdajae/detalle.php?id=31