culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco Freire Barreiro

Exemplo dun tipo de docente da Facultade de Medicina compostelá do seu tempo: sen publicacións e preocupado pola ortodoxia doutrinal médica

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 19/01/2017

Extras sobre Francisco Freire Barreiro:

Galeria


Lámina de Anatomía: Juan Valverde de Hamusco, Historia de la composición del cuerpo humano (1606).

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2017], “Francisco Freire Barreiro”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 20/11/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1077
Untitled Document

Lámina de Anatomía: Juan Valverde de Hamusco, Historia de la composición del cuerpo humano (1606).

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santa María de Mezonzo (Vilasantar, A Coruña) 1817
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1886
Realizou os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo o grao de Bacharel en setembro de 1845 e a licenciatura en Madrid en novembro de 1848. Foi axudante do director de traballos anatómicos da Facultade de Medicina compostelá ata 1850 e despois ocupou o posto de axudante de Anatomía e de conservador e preparador de pezas anatómicas. En 1855 leu a súa tese de doutoramento en Madrid, sobre un tema que indicaba ben as preocupacións doutrinais do seu autor: “Reseña histórico-crítica de todos los sistemas que han dominando más o menos la Medicina”. En xuño de 1862 acadou a cátedra de Anatomía Descriptiva y General da Facultade de Medicina compostelá, impartindo en distintos momentos Anatomía xeral e Anatomía Cirúrxica. Trasladouse á cátedra de Obstetricia da Universidade de Granada en 1867 pero axiña retornou a Santiago, asumindo a de Patoloxía, que cambiou pola da súa especialidade, Anatomía, e foi decano en 1875. Discípulo do relevante catedrático e cirurxián José González Olivares, existen escasas referencias do seu labor clínico (Franco Grande, 2014).

Pertenceu á Academia de Emulación de Santiago e foi socio fundador da Sociedad Española de Antropología. Estivo casado con Concepción Sánchez Freire, irmán de Timoteo, catedrático de Clínica cirúrxica, quen, cando cursou a licenciatura en Medicina, viviu na súa casa.

Publicacións

A produción escrita de Freire abrangue dous textos relacionados coa medicina (un discurso de recepción e un programa) e un par de obras alleas. Co gallo da súa recepción pública como catedrático de Anatomía leu un discurso (Freire Barreiro, 1863), que leva o significativo lema: «La medicina se cultiva y enriquece con las verdades de los principales sistemas que han dominado sin satisfacer ninguno de ellos exclusivamente sus legítimas aspiraciones». Respondeu ao discurso o seu colega José Andrey. Ambos catedráticos coincidiron en salientar a excelencia do eclecticismo médico (tamén chamado inclusivismo) e nos ataques ás posicións innovadoras.

O século XIX contemplou tres importantes propostas médicas modernizadoras. A primeira, a mentalidade anatomoclínica, centraba o estudo da enfermidade nas lesións e tivo o seu apoxeo entre 1801 e 1826, con sendas publicacións de Xavier Bichat e René Laennec (Escola de París). A mediados de século xurdiu a denominada mentalidade fisiopatolóxica, que entendía que non existía unha fronteira entre a saúde e a enfermidade e defendía unha concepción dinámica desta, como desorde medible no proceso enerxético-material. En Francia, a partir de 1826 e durante catro décadas, dominou o denominado “eclecticismo”, que tiña como sólido punto de partida o labor anatómico da Escola de París e unha notable actividade clínica, e, ademais, prefigurou e axudou ao nacemento da medicina de laboratorio. Nas facultades de Medicina de España, na segunda parte do século XIX, a posición maioritaria era a favorable ao tamén denominando eclecticismo médico. Mais a versión española só compartía coa francesa as arelas de moderación. Baixo a aparencia de ecuanimidade e sentido común, na práctica converteuse nun atranco ás innovacións comentadas. Na súa concreción incorporaba elementos cientificamente anacrónicos e defendía a dependencia ao dogma católico de calquera formulación científica. Na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela dominaba esa versión do eclecticismo, que defendera Varela de Montes, e da que serían os voceiros máis salientables na segunda parte do século José Andrey e Francisco Romero Blanco e da que Freire Barreiro foi fiel e pouco orixinal seguidor.

Para rematar a súa contribución escrita na área científica, Freire publicou un Programa de la asignatura de Anatomía quirúrgica, operaciones, apósitos y vendajes y Clínica de operaciones (Freire, 1884). Polo que se ve os seus esforzos estiveron centrados noutras cuestións alleas ao labor profesional, participando nunha obra de tres volumes e case dúas mil páxinas en colaboración: Santiago, Jerusalén, Roma, diario de una peregrinación (Fernández Sánchez & Freire Barreiro, 1880-1882). Freire, comisario extraordinario e inspector especial da Obra Pía dos Santos lugares de Xerusalén por Real Orde de febreiro de 1875, tratou da viaxe de peregrinación que realizou a Roma e Xerusalén co seu amigo e tamén profesor da Universidade de Santiago, José María Fernández Sánchez, en 1875. Tamén co mesmo autor publicou unha Guía de Santiago y sus alrededores (Fernández Sánchez & Freire Barreiro, 1885), con información valiosa sobre o tema xacobeo.

A ausencia de publicacións orixinais nas áreas propias do seu labor profesional foi algo moi común durante décadas do século XIX e primeiros anos do XX entre un elevado número de profesores da Facultade de Medicina, un dato que esixe unha reflexión crítica. Ese relevante antipublicismo, a evidente contradición entre supostas novidades acadadas e a ausencia de comunicación das mesmas, constitúe unha anomalía que xerou diversas interpretacións. En todo caso, fronte o feito xeral desa «idiosincrasia antipublicista» podemos supoñer que as diversas ocupacións asumidas por numerosos catedráticos da Facultade de Medicina (política, representación institucional, consulta privada, vida social, etc.) incidiron na rechamante ausencia de publicacións técnicas, lagoa que, por outra banda, non repercutía negativamente na proxección profesional dos protagonistas. E cómpre subliñar un feito relevante: algúns dos profesores que, como Freire, deron á luz escasos traballos profesionais, produciron extensos tratados de dúas mil páxinas, porén, iso si, sobre cuestións alleas á medicina. En todo caso, na segunda metade do século XIX e principios do XX a publicación de traballos técnicos por parte dun catedrático de Medicina non se debe considerar como unha cuestión de elección persoal, nin admite moitas xustificacións, pois era unha parte substancial da súa responsabilidade profesional.

A súa participación na “identificación” dos restos do Apóstolo Santiago: o “informe científico”

O achádeo no século IX e a recuperación no XIX dos supostos restos do Apóstolo Santiago o Maior, as chamadas inventio pola bibliografía técnica, é unha cuestión que mereceu unha ampla literatura. Nesta biografía moverémonos no ámbito da ciencia, limitando a análise ao ditame técnico que se solicitou para verificar a identidade dos restos no século XIX porque nel interveu o noso biografiado, Francisco Freire Barreiro.

En 1874 Miguel Payá y Rico foi nomeado arcebispo de Santiago, cargo do que tomou posesión en 1875. Pouco despois, en 1877, acadaría a púrpura cardinalicia. Payá era un prelado singular, cun marcado perfil político. Nunha Igrexa dividida entre o integrismo carlista e o liberalismo conservador da Restauración, polo que apostaban as autoridades vaticanas, foi un dos máis salientables representantes do sector partidario do novo réxime político. Así, apoiou a “Unión Católica”, partido confesional que fora aliado do carlismo en tempos da I República, pero que, seguindo as instrucións do Vaticano, uniuse ao partido conservador en xaneiro de 1884. Na carreira de Payá, Santiago viría a ser un paso máis; así, o 7 de xuño de 1886 foi nomeado arcebispo de Toledo e Primado de España.

Na chegada á capital compostelá o novo arcebispo comprobou dous feitos: o peso moi relevante das posicións integristas entre o clero e o decaemento substancial das peregrinacións xacobeas. Canto a crise das peregrinacións, asumiu como tarefa prioritaria a revitalización, o que se convertería, na practica, nun elemento clave para o seu posterior ascenso na xerarquía. Payá entendeu que para a recuperación do culto xacobeo era fundamental resolver unha curiosa anomalía histórica, a localización dos restos do Apóstolo Santiago, dos que, sorprendentemente, non se coñecía o seu paradeiro desde había case trescentos anos. O audaz prelado atopou en pouco tempo, en xaneiro de 1879, uns restos sobre cuxa localización non se conservaba ningún documento nin información. En febreiro, Payá comunicou o achádeo, e o día 5 iniciouse a redacción do expediente sobre a autenticidade. Nese proceso, o arcebispo, sabedor do crecente papel do coñecemento científico, recorreu a el para avalar a autenticidade dos restos e nomeou unha comisión de expertos para que realizaran un estudo técnico. Os científicos escollidos, catedráticos da Universidade de Santiago, foron: Antonio Casares Rodríguez, Timoteo Sánchez Freire e o noso biografiado, Francisco Freire Barreiro. Sorprende que os escollidos careceran de experiencia en casos similares e que na elección de estudosos non se tivera en conta a algún especialista en Medicina Legal e Forense. Todo apunta que na selección dos membros da comisión o criterio decisivo foi a confianza que Payá tiña neles.

Os tres comisionados comezaron o día nove de febreiro o traballo, que remataron o vintecinco. O estudo realizouse na catedral, agás unha única análise química. A intervención dos científicos manifestarase, fundamentalmente, na resposta a tres preguntas formuladas por Payá e no ditame elaborado que acompaña a esas respostas, máis tamén en entrevistas con diversas persoas e no xuramento realizado por Antonio Casares e Timoteo Sánchez Freire no remate do proceso. Para o estudo dos ósos decidiron recollelos en bandexas, dispoñéndoos en dous grupos: un constituído por «fragmentos pertenecientes o asignables a determinados huesos» e outro por «fragmentos indeterminables en tal concepto por su pequeñez y pérdida de forma». A continuación ordenaron os restos óseos, determinando tres grupos de fragmentos, que asociaron a tres esqueletos. A partir do estudo deses ósos construíron uns «cuadros sinópticos de las piezas que constituyen cada uno de los grupos», ou sexa, asignaron os fragmentos a diferentes tipos de ósos. Realizada a ordenación pasaron á segunda e última fase do estudo: «El análisis químico de un fragmento de la diáfisis de un fémur del segundo grupo», ofrecendo o resultado nun cadro, no que se comparou «con el obtenido por Berzelius en el análisis de los huesos normales, y por Girardin en el de los huesos de un esqueleto céltico».

Os datos sobre o traballo do eximio químico Jöns Jacob Berzelius son correctos. Canto Jean-Pierre-Louis Girardin (1803-1884), catedrático de Química aplicada da Universidade de Rouen desde 1828, no ditame non aparece a referencia bibliográfica do traballo que contén os datos analíticos indicados. A nosa pescuda levounos a identificar a análise concreta á que se alude, que é Girardin & Preisser (1843), onde presentaron análises químicas de restos orgánicos, especialmente ósos de mamíferos, de seres humanos «provenant de sépultures antiques ou de cavernes à ossements». Entre os restos humanos analizados figuran algúns de orixe «céltica» e os datos da análise química destes coincide cos aportados no ditame.

A continuación, no informe, os comisionados resposderon ás preguntas de Payá. Sobre a primeira, «¿A cuántos esqueletos pertenecen?», dixeron: «[...] a tres esqueletos incompletos de otros tantos individuos...». Sobre a segunda cuestión, «¿Cuál es su antigüedad?», afirmaron: «No es posible fijar con exactitud la antigüedad de los huesos reconocidos; pero teniendo en cuenta su estado de integridad y composición, tan parecida a la de los del esqueleto céltico citado, puede asegurarse que cuentan siglos de existencia». Por último, sobre a terceira pregunta, «¿Se descubre en ellos alguna señal que haga temeraria o inverosímil la creencia de que son los que se buscan? ¿esto es, los del Santo Apóstol tan solo, ó los de éste con los de sus dos indicados discípulos?», responderon o seguinte: «En cuanto a la antigüedad se refiere, no parece temeraria la creencia de que dichos huesos hayan pertenecido a los cuerpos del Santo Apóstol y de sus dos discípulos». E xa remataron o informe, asinado en Santiago o 20 de xullo de 1879, sen máis descricións, datos ou comentarios.

O proceso seguido xera dúbidas que non teñen resposta no moi cativo informe. Por exemplo, ordenaron os ósos en tres grupos e deixaron fóra 365, por que falan só de tres esqueletos?, cal foi a razón que levou a analizar quimicamente só un óso?, en base a que criterio se escolleu o esqueleto do que se fixo a análise?, por que non hai información técnica sobre o substrato e condicións nas que se atopaban? A principios do século XIX xa se sabía que a composición química dos ósos dependía do tempo transcorrido desde o seu depósito, pero sobre todo do medio no que se atopaban. Freire Barreiro e Suárez Freire, como expertos en anatomía, deberon ter descrito os ósos, mais non ofreceron medidas, nin unha soa, nin tampouco datos para identificar o sexo; tampouco debuxos. Si o fixeron co tema das suturas do cranio, que é un dato importante para coñecer a idade. Os datos de sexo, idade e estatura permitirían considerar a posible compatibilidade cos tres individuos que se buscaban. Indicaron que os ósos eran fráxiles, o que é indicativo de antigüidade, pero esa característica aparece xa a partir dos 150 anos no que un óso é depositado. Sintetizando, cómpre dicir que o informe é totalmente insuficiente e tecnicamente frouxo, mesmo para o tempo no que se elaborou.

A escasa descrición que contén non permite coñecer o método usado para o estudo nin saber porque falan de tres individuos. Nestes traballos forenses unha das primeiras cuestións a determinar é o Número Mínimo de Individuos, o máximo pode ser tantos como ósos teñamos porque cada un pode pertencer a un individuo. Se temos ósos repetidos, do mesmo tipo dúas veces, por exemplo dous húmeros dereitos, indica que como mínimo haberá dous individuos; se hai ademais outros dous esquerdos, o máximo serán catro individuos. Por outra banda, o informe, contrariamente ao afirmado repetidas veces, non aseguraba a autenticidade dos restos óseos, a súa pertenza ao Apóstolo. As respostas dos profesores ás hábiles preguntas de Payá falan da non imposibilidade dese feito, que é substancialmente distinto. Nese sentido, foron responsables de realizar un traballo con escaso rigor e de permitir que se fixera unha interpretación falsa dos datos atopados. E non autentificaron porque a identificación dos restos do Apóstolo era unha tarefa cientificamente imposible naquelas datas e mesmo hoxe en día (precisaríamos do ADN dalgún familiar). Na actualidade, grazas á xenética e antropoloxía forenses, estaríamos en condicións de saber: o Número Mínimo de Individuos, sexo, idade, talla, causa e tipo de morte (se existen lesións), data dos restos (polo Carbono 14) e a orixe xeográfica. Todo iso podería poñerse en relación cos datos coñecidos de Santiago o Maior e establecer unha hipótese baseada en datos de compatibilidade (Serrulla Rech, com. pers.).

Co ditame da comisión científica non rematou o proceso. A Payá pareceulle oportuno contar tamén co aval da «crítica histórica», e reclamou a presenza en Santiago de dous historiadores, o xesuíta Fidel Fita, experto en epigrafía, inscricións e análise de documentos antigos, e Aureliano Fernández Guerra, escritor, dramaturgo, historiador, arqueólogo e con coñecementos de epigrafía. Do seu labor publicaron un libro: Recuerdos de un viaje a Santiago de Galicia, por el p. F. Fita y d. A. Fernández-Guerra (Fita & Fernández-Guerra, 1880), no que apoiaban a tese da autencidade dos restos atopados. O 12 de marzo de 1883 o expediente foi remitido a Roma. Parece que os informes recibidos non satisfixeron de todo ao Vaticano e se buscou un «mayor esclarecimiento de ciertas dificultades» (Guerra, 1982: 13). O feito é que o Papa designou unha Congregación Particular, actuando como fiscal Monseñor Agostino Caprara, para revisar todo o proceso anterior, tomando declaración aos peritos, examinando as escavacións e, ao parecer, un novo estudo anatómico dos restos. O 28 de maio de 1884 saíu Caprara de Roma, e se dirixiu a Pistoia, pois se afirmaba que na súa catedral se gardaba un óso atribuído ao Apóstolo Santiago, procedente dun agasallo de Xelmírez, en 1138, ao bispo Atón. Caprara recolleu o óso, porción do temporal dereito (apófise mastoide), e co ditame do Dr. Francisco Chapelli e unha fotografía continuou a viaxe (Carro, 1995). En Compostela falou coa comisión científica e comparou os datos do óso de Pistoia cos restos óseos conservados, concluíndo que as medidas coincidían co segundo dos esqueletos atopados, que sería, segundo iso, o do Apóstolo. Polo tanto, a identificación de cal era o esqueleto de Santiago fíxose nese momento (Guerra Campos, 1982: 123). Obviamente, toda a argumentación descansaba no suposto de que os ósos conservados en tempos de Xelmírez eran xenuínos, procedentes do apóstolo. O 22 de xuño e o 19 de xullo de 1884 a Congregación emitiu un decreto de confirmación da sentencia compostelá e o Papa asinou o 1 de novembro a bula Deus Omnipotens, comunicando que os restos atopados pertencían ao Apóstolo.

No verán de 1886 tería lugar a cerimonia de translación dos restos do Apóstolo e os seus discípulos desde a cripta á urna de prata. Freire non puido asistir, pois morreu o 29 de marzo dese ano. Si o fixeron Sánchez Freire e Antonio Casares, que «juraron ante el altar que aquellos restos eran los que ellos habían dejado en la citada cripta, y pertenecían al Apóstol Santiago y a sus dos discípulos» (La Semana Católica de Salamanca, año 1, n. 34, 1886, agosto, p. 547).




Bibliografía:




Fontes documentais:

Expediente persoal Freire Barreiro, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago


Fontes impresas:

FREIRE BARREIRO, F. (1863): Discursos leídos ante el Claustro de la Universidad de Santiago en la recepción pública del Catedrático de anatomía general y descriptiva Dr. D. Francisco Freire, el día 31 de mayo de 1863. Santiago de Compostela: Establecimento tipográfico de Manuel Mirás; pp 5-60.

FREIRE BARREIRO, F. (1884): Programa de la asignatura de Anatomía quirúrgica, operaciones, apósitos y vendajes y Clínica de operaciones. Santiago: Universidad.

FERNÁNDEZ SÁNCHEZ, J. M. & FREIRE BARREIRO, F. (1880-1882): Santiago, Jerusalém, Roma, diario de una peregrinación. Santiago de Compostela: Imp. del Boletín Eclesiástico e Imprenta del Seminario Conciliar; 3 vol.

FERNÁNDEZ SÁNCHEZ, J. M. & FREIRE BARREIRO, F. (1885): Guía de Santiago y sus alrededores. Santiago: Imprenta del Seminario Conciliar.


Bibliografía secundaria:

Documental:

Copia del expediente instruido acerca de la autenticidad de las Sagradas Reliquias de Santiago Apóstol Patrón de España. Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela. ACS/CF 51, manuscrito de 249 páxinas. Ditame, p. 48-54.

Impresa:

ANDREY Y SIERRA, J. (1863): Discursos leídos ante el Claustro de la Universidad de Santiago en la recepción pública del Catedrático de anatomía general y descriptiva Dr. D. Francisco Freire, el día 31 de mayo de 1863. Discurso de contestación por el Doctor D. José Andrey de Sierra, Catedrático numerario de Obstetricia y Patología especial de la mujer y del niño. Santiago de Compostela: Establecimento tipográfico de Manuel Mirás; p. 64-106.

CARRO OTERO, J. (1995): Peritación anatómica de los huesos del apóstol, El Correo Gallego, 12 febreiro, p. 26.

FITA, F. & FERNÁNDEZ GUERRA, A. (1880): Recuerdos de un viaje a Santiago de Galicia. Madrid: Imprenta de los Srs Lezcano (Hai edición facsimil: A Coruña, 1993).

FRAGA, X. A. & DOSIL, J. (2005): Varela de Montes, José, Diccionario histórico das Ciencias e das Técnicas de Galicia. Autores, II (anteriores a 1868), O Castro-Sada: Ediciós do Castro; p 252-259.

FRANCO GRANDE, A. (2014): La medicina compostelana (1847-1950). Retazos históricos. Santiago de Compostela: Andavira editores.

GARCÍA GUERRA, D. (1998): La Facultad de Medicina de Santiago, en José Danón (coord.), La enseñanza de la medicina en la universidad española. Barcelona: Fundación Uriach; p. 129-147.

GARCÍA GUERRA, D. (2001): La Facultad de Medicina de Santiago en el siglo XIX. Santiago: Universidade.

GIRARDIN, J. & PREISSER, F. J. (1843): Mémoire sur les os anciens et fossiles et sur d'autres résidus solides de la putréfaction. Rouen: Impr. N. Périaux.

GUERRA CAMPOS, J. (1982): Excavaciones arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago. Santiago de Compostela: Cabildo de la Catedral.

SANTOS FERNÁNDEZ, C. (2012): Antonio López Ferreiro (1837-1910): canónigo compostelano, historiador y novelista. Santiago de Compostela: Cabildo de la Catedral; Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora. Impresión: Tórculo Artes Gráficas S.A.