culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Antonio Sierra Forniés

Cirurxián, militar, académico e xestor sanitario

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Ponte Hernando, Fernando J. / González Castroagudín, Sonia
  • Data de alta: 17/10/2017

Galeria


Antonio Sierra Forniés

Como citar esta páxina:

  • Ponte Hernando, Fernando J. / González Castroagudín, Sonia ([2017], “Antonio Sierra Forniés”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 21/11/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1094
Untitled Document

Antonio Sierra Forniés

Datos biográficos:

  • Nacemento: Burbáguena (Teruel) 1899
  • Falecemento: A Coruña 1992
Nacemento e primeiros anos

Fillo de Casiano Sierra, médico de Burbáguena, e de Catalina Forniés. Desta época, co exemplo da vida do seu pai, lembrará na súa vellez (Sierra, 1970) o respecto que recibía o médico rural dos seus conveciños e pacientes, para quen era amigo, conselleiro e home bo, conxunto de circunstancias que crearon nel a idea de que o exercicio da medicina era a máis alta aspiración que podía terse.

Licenciatura, Sanidade Militar e outras oposicións

Cursou a carreira de Medicina na Facultade de Zaragoza, con mestres de renome como Ricardo Royo Villanova (1868-1943), o compostelán Patricio Borobio (1856-1929) ou o destacado cirurxián Ricardo Lozano Monzón (1872-1932), de quen foi discípulo avantaxado.

Obtivo moi boas cualificacións durante estes anos, alcanzando os vinte sobresalientes, trece deles con matrícula de honra. Tamén foi alumno interno por oposición. Cursando dous anos nun, licenciouse en 1921, con sobresaliente e premio extraordinario. Ingresou, por oposición, no corpo de Sanidade Militar o 27 de setembro de 1921, saíndo tenente médico da Academia de Sanidade Militar o 27 de xaneiro de 1922, co número 1 da súa promoción. Estivo destinado en África, en situación bélica, de 1922 a 1927, participando en operacións militares en Melilla, Alcazarquivir, Larache e outras poboacións das que lembrará. na súa conferencia de 1970. a vida de batallón, de hospital e consultorios indíxenas con gran riqueza de situacións e anécdotas. En 1927 pasou un tempo destinado no Rexemento de Artillería Lixeira n.º 12 en Calatayud (Zaragoza). En 1928 (Revista de Sanidade Militar do 15 de Outubro de 1928. p. 31,) foi nomeado para facer a especialidade de Radioloxía no Hospital Militar de Carabanchel.

En 1929 ingresou, tamén co número un, no Corpo de Inspectores Municipais de Sanidade. No mesmo ano, foi nomeado alumno da Escola Militar de Especialistas fundada por Gómez Ulla, na especialidade de Cirurxía, por R.O do 28 de setembro (D.O. Nº 217). Chegou ao Hospital Militar de Carabanchel, xunto ao capitán galego da Lama, Manuel Gómez Durán, e o tenente médico José Villalobos Roldán. Ían formarse como cirurxiáns xerais con Mariano Gómez Ulla e, en cirurxía ortopédica e traumatoloxía, con Manuel Bastos Ansart, ambos os dous eminencias civís e militares da cirurxía da época. A formación era de dous anos, obtendo en 1931 o diploma (especialidade) de cirurxián. Como bo cirurxián de guerra foi, ao dicir de quen o tratou (Campo Mardomingo), coñecedor eminente da cirurxía máis variada que aprendeu daqueles dous grandes mestres da cirurxía militar. Dominaba con mestría tanto a cirurxía xeral, como a de tórax e a traumatoloxía e ortopedia.

Labor en Galicia

Sierra Forniés pasou 61 anos da súa longa vida en Galicia.
Foi o iniciador aquí de técnicas como a gastrectomía subtotal ou as artroplastias de cadeira. Dende 1931 ata o seu pase a retiro voluntario, en 1946, estivo destinado no Hospital Militar da Coruña. Contraeu matrimonio con Lucía Lázaro López, con quen tivo catro fillos e enviuvou o 19 de agosto de 1981.

Durante a Guerra civil participou en diversas operacións militares, como xefe do Equipo Cirúrxico nº 10 na fronte de Asturias, o que lle valeu a Medalla Militar (colectiva) e Levante, reincorporándose ao termo da contenda ao Hospital Militar da Coruña.

En 1932 gañou por concurso-oposición a praza de cirurxián infantil do Sanatorio Marítimo Nacional Antituberculoso de Oza (A Coruña), do que foi nomeado director interino en 1940 e definitivo en 1945. De feito tiña consulta privada, xa en 1933, na rúa Fontán 3, na que se anunciaba como cirurxián xeral do Hospital Militar e do Marítimo Nacional de Oza. Baixo o seu mandato, o Sanatorio de Oza pasou de 50 a 500 camas para atender a toda a cirurxía ortopédica (Sierra, 1970).

En 1943 doutorouse pola Universidade Central de Madrid, como era ineludible nesa época, co traballo titulado Contribución ao tratamento do Coxartrocace (destrución parcial ou total da articulación da cadeira por infeccións bacterianas ou causas similares) e as súas secuelas. O 26 de Agosto de 1944 ingresou na Real Academia de Medicina de Galicia e Asturias co discurso: Oclusións e pseudooclusións intestinais. Chegaría a ser vicepresidente desta corporación, presidente da Sección de Anatomía e Fisioloxía Normais e Patolóxicas, e secretario da Sección de Cirurxía, entre outros cargos. En 1946 retirouse do Exército, voluntariamente, co grao de comandante, que ostentaba desde 1940. En agosto dese ano fundouse en A Coruña o Sanatorio Cirúrxico Modelo, do que foi o primeiro director, continuando cun intenso labor profesional e académica na cidade. Tamén foi concelleiro un tempo no equipo do alcalde Alfonso Molina.

Co inicio do Seguro Obrigatorio de Enfermidade foi xefe de equipo Cirúrxico e, despois, en 1951, xefe de Clínica de Cirurxía Xeral do Materno-Infantil Teresa Herrera, que dirixiu varios anos, sendo tamén o primeiro director do Hospital Juan Canalejo, hoxe Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. En 1964 cesou neste cargo, a petición propia, e en 1966 retirouse da práctica privada da cirurxía xeral e traumatoloxía e ortopedia. En xullo de 1964 concedéuselle a Encomenda da Orde Civil de Sanidade, que lle foi imposta nunha cálida homenaxe en marzo de 1965, e en febreiro de 1969, a Cruz Azul da Seguridade Social. Nos anos 70 tamén foi director da Escola de Enfermeiras (A.T.S.) Salus Infirmorum da Coruña. O 10 de marzo de 1963, La Voz de Galicia destacaba, ao cumprirse os 52 anos do Centro de Oza, que pasou de ser lazareto para a corentena de soldados chegados de Cuba a un centro modélico no que se trataban 300 enfermo osteoarticulares e gozaban de colonias de vacacións 250 nenas. Nese mesmo ano realizou a contestación ao ingreso na Academia de Medicina do lucense doutor Manuel García Portela, cun discurso sobre cancro de tiroides. Nesta época ponderaba os grandes adiantos experimentados pola medicina desde os inicios do seu exercicio profesional, lamentando a despersonalización da asistencia, que o enfermo pasase a ser un número dunha cama dunha sala, ignorándose o seu estado psicolóxico, familiar, etc. (Sierra 1970)

Ao cumprir 70 anos, en 1969, xubilouse no Seguro Obrigatorio de Enfermidade, aprazando ata o ano seguinte a súa xubilación no Sanatorio de Oza, a petición de enfermos e empregados do Sanatorio (Catoyra).

Honras e condecoracións

Antonio Sierra Forniés estaba en posesión dos seguintes recoñecementos civís e militares: socio correspondente da Sociedade de Cirurxía de Madrid (1935); Medalla de Prata da Cruz Vermella Española (1941); Titulo de Honra do Consello Xeral de Colexios de Practicantes (1943); membro numerario da Real Academia de Medicina de Galicia e Asturias (1944); membro numerario da Asociación Española de Cirurxiáns (1949); membro numerario da Sociedade Española de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, SECOT (1952); membro numerario da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (1961); comendador da Orde Civil de Sanidade (1965); académico correspondente da Real Academia Nacional de Medicina (1967); Cruz Azul da Seguridade Social (1968); Medalla de Honra e Mérito do Ilustre Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña (1969); Medalla de Ouro do Ilustre Colexio Oficial de Médicos da Coruña. Medalla militar de Marrocos (1923); Medalla de SS.MM os Reyes de España (1925); Cruz de primeira clase do Mérito Militar con distintivo vermello (1926); Cruz de María Cristina (1929); Medalla da Campaña, Cruz Vermella e Cruz de Guerra (1939); Medalla Militar (colectiva) pola toma de Oviedo (1941); Cruz do Mérito da Orde da Aguia alemá con espadas (1942); Cruz da Orde do Mérito Militar con distintivo branco (1943); Placa da Real e Militar Orde de San Hermenegildo (1946).




Bibliografía:




Fontes documentais:

Archivo Histórico Militar de Segovia. Expte. de Antonio Sierra Forniés.


Fontes impresas:

SIERRA FORNIÉS, A. (1935a): Absceso subdiafragmático izquierdo simulando radiológicamente un tumor de estómago, Jornadas médicas galaico-portuguesas celebradas en Orense los días 26, 27, 28, 29 y 30 de septiembre de 1935. Orense: Imp. y Enc. La Industrial, 1936. Vol. 1; p. 486-487.

SIERRA FORNIÉS, A. (1935b): Un caso de púrpura abdominal diagnosticada y operada con abdomen agudo por apendicitis, Jornadas médicas galaico-portuguesas celebradas en Orense los días 26, 27, 28, 29 y 30 de septiembre de 1935. Orense: Imp. y Enc. La Industrial, 1936. Vol. 1; p. 482-485.

SIERRA FORNIÉS, A. (1935c): Una contraindicación a la artrodesis de cadera por colgajo ilíaco. Jornadas médicas galaico-portuguesas celebradas en Orense los días 26, 27, 28, 29 y 30 de septiembre de 1935. Orense: Imp. y Enc. La Industrial, 1936. Vol. 1; p. 488-489.

SIERRA FORNIÉS, A. (1938): Heridas del Abdomen, en Cuestiones Médico-quirúrgicas de guerra. Castellón de la Plana: Ed. Cuartel General del Cuerpo de Ejército de Galicia.

SIERRA FORNIÉS, A. (1939): Sobre la cirugía cavitaria de los heridos de pecho, Actas del Congreso Médico Militar de Castellón. Barcelona-Madrid: Editorial Científico Médica; p. 299-304. Tamén en Galicia Clínica, (1939), 11: 201-207.

SIERRA FORNIÉS, A. (1943): Contribución al tratamiento del Coxartrocace y sus secuelas. Tese doutoral.

SIERRA FORNIÉS, A. (1944): Oclusiones y pseudooclusiones intestinales. Discurso de ingreso en la Real Academia de Medicina de Galicia y Asturias.

SIERRA FORNIÉS, A. (1948): Distrofias óseas en la tuberculosis del esqueleto. Discurso inaugural de curso de la Real Academia de Medicina de Galicia y Asturias.

SIERRA FORNIÉS, A. (1953a): Doctor Gómez Ulla, Maestro. Jornadas médicas Gómez Ulla-Nóvoa Santos, Galicia Clínica, septiembre, p. 751-757.

SIERRA FORNIÉS, A. (1953b): Nuestra táctica ante el ulcus gastro duodenal, Galicia Clínica, p. 433-441.

SIERRA FORNIÉS, A. (1955): Reumatismo y su cirugía. Conferencia pronunciada en el Seminario de Estudios del Hospital Militar el 3 de noviembre de 1955, Galicia Clínica, p. 845-854.

SIERRA FORNIÉS, A. (1960): Accidentes vasculares en el cuadro abdominal agudo. Resumen de la conferencia pronunciada el 23 de agosto en la Semana Médica Sindical, Galicia Clínica, p. 658-666.

SIERRA FORNIÉS, A. (1964): La enfermedad postoperatoria, Galicia Clínica, p. 79 e ss.

SIERRA FORNIÉS, A. (1970): La medicina que yo he vivido. 12 de noviembre de 1970: inauguración de las Sesiones Clínicas del Instituto Policlínico Santa Teresa, Galicia Clínica, p. 919-920.


Fontes secundarias:

CAMPO MARDOMINGO, Juan (1993): In Memoriam del Dr. D. Antonio Sierra Forniés. Sesión en Memoria de los Ilustrísimos Señores Académicos fallecidos en el bienio 1992-1993. Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia. 19 de noviembre. Colección digital de La Voz de Galicia.

FRANCO GRANDE, A.; ÁLVAREZ ESCUDERO, J.; CORTÉS LAÍÑO, J. (2005): Historia de la Anestesia en España. Ed. Arán.

GONZÁLEZ CATOYRA, A. (1997): Nuevas Biografías Coruñesas. La Coruña: A. González Catoyra. Offset Valladares; p. 669-671.

VV.AA. (1938): Cuestiones Médico-quirúrgicas de guerra. Castellón de la Plana: Ed. Cuartel General del Cuerpo de Ejército de Galicia.

VV.AA. (1939): Actas del Congreso Médico Militar de Castellón. Barcelona-Madrid: Editorial Científico Médica.