culturagalega.org

Ramón Baltar Domínguez

Un excelente cirurxián e un cidadán demócrata

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 21/11/2017

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2017], “Ramón Baltar Domínguez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 11/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=1096
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1902
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1981
A familia Baltar xogou un relevante papel no desenvolvemento das Ciencias da Saúde en Galicia. Na Farmacia creada por José Baltar Varela (1787-1862) en 1816, en Padrón, exerceu Ángel Baltar Varela (1827-1895), da primeira promoción de licenciados en Farmacia (1862). O pai de Ramón, Ángel Baltar Cortés (1868-1934), foi un sobranceiro cirurxián, director do Grande Hospital de Santiago e fundador en 1908, co catedrático Manuel Varela Radío (1873-1962), do primeiro centro fundamentalmente cirúrxico de Galicia, o Sanatorio Baltar. E un irmán seu, Antonio (1906-1970), tamén salientou como médico.

A excelencia cirúrxica de Ramón Baltar está directamente relacionada coa súa capacidade persoal, adestramento inicial polo pai e a converxencia de dous elementos, a tradición práctica dos cirurxiáns composteláns e o innovador contacto formativo coa vangarda europea, sobre todo con salientables especialistas alemáns e franceses.

Formación

Os Baltar mantiveron unha especial relación con Rianxo, pois en Tanxil mandou construír Ángel Baltar un magnífico chalé, inaugurado en 1914, ao que a familia acudía en vacacións e en diversos momentos do ano. Por iso, non de estrañar que un rianxeiro, o escritor Rafael Dieste, fose un dos amigos íntimos da infancia de Ramón. Tanxil foi o refuxio familiar cando tivo lugar a epidemia de gripe de 1918 e Ángel Baltar dedicouse a atender aos enfermos da localidade, feito polo que o nomearían fillo adoptivo de Rianxo. Tamén foi lugar de encontro cos amigos e persoas próximas da universidade, medicina e cultura galegas e mesmo madrileñas.

Realizou os estudos secundarios no Instituto de Santiago, superando no curso 1917-18 o preparatorio para acceder á carreira de Medicina, que desenvolveu na facultade compostelá desde o curso 1918-19, realizando o 28 de setembro de 1923 o exercicio de grao de licenciatura. O seu brillante expediente académico universitario está constituído por sobresaíntes e catorce matrículas de honra. Desde o inicio do paso pola Facultade de Medicina estableceu unha estreita relación con dous compañeiros, Juan José Barcia Goyanes e Ramón García Cerviño, quen, a pesar de claras diferenzas nas súas inclinacións ideolóxicas, foron «amigos inseparables» (Barcia Goyanes, 2003: 123 e 133). Entre os seus profesores salientou a Roberto Nóvoa Santos, indicando que «en un curso aprendí más Medicina con Nóvoa Santos que en todo el resto de la carrera» (El Correo Gallego, 18 novembro 1970).

Recen licenciado empezou a traballar como cirurxián no sanatorio familiar e, en 1928, gañou a oposición á praza de médico axudante da Beneficencia provincial. Antes, ampliou a súa formación en Francia e Alemaña entre 1926 e 1928, volvendo para casar en outubro dese ano.

Acadou un amplo dominio dos idiomas francés e alemán. Cómpre sinalar que para a estadía formativa no estranxeiro non solicitou, como era habitual, e Ramón estaba en condicións de fácelo, unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios (JAE). O pai entendeu que a familia dispuña de recursos para poder facerlle fronte ao gasto, un xesto que non gustou moito a outros que en similar situación económica acudiran á institución en busca de axuda. A alternativa escollida por Ángel Baltar Cortés foi contactar discretamente con dous grandes cirurxiáns alemáns cos que el mesmo se formara en 1909, Ferdinand Sauerbruch (1875-1951) e August Bier (1861-1949), e acordar con eles que Ramón repetira o proceso. Con Sauerbruch, considerado como un dos máis relevantes cirurxiáns da primeira metade do século XX, traballou na Clínica Universitaria de Breslau. Con Bier, pioneiro da anestesia espiñal, estivo no famoso hospital da Charité de Berlín, onde este era profesor e xefe de cirurxiáns, cargo no que o substituiría o propio Sauerbruch en 1928.

Antes, en París, a especialización tivo lugar con outros dous salientables cirurxiáns, cos que, por certo, tamén traballou o excelente especialista galego Mariano Gómez Ulla en tempos da I Guerra Mundial, Pauchet e, sobre todo, Gosset. Victor Pauchet (1869-1936), cirurxián xefe do Hospital de La Pitié, desenvolveu numerosas innovacións técnicas que fixeron del unha figura internacional. Antonin Gosset (1872-1944), xefe de servizo de cirurxía no Hospital de Salpêtrière, era un sobranceiro especialista en cirurxía dixestiva.

Guerra civil

Na guerra foi nomeado «capitán médico asimilado» e en decembro pasou a formar parte da comisión encargada de organizar os servizos hospitalarios de cirurxía de guerra en Santiago, onde, desde xaneiro de 1937, exerceu a xefatura dun servizo de cirurxía de 150 camas no Hospital Militar de San Caetano. Mobilizado como xefe de equipo cirúrxico, estivo destinado na fronte de Asturias e Aragón, dentro do 8º Cuerpo de Ejército de Galicia, retornando despois ao hospital de San Caetano. Nese tempo realizou moitas operacións e tivo lugar un curioso episodio. Os Baltar eran veciños e amigos da familia de Emilio Martínez Baladrón, persoa adiñeirada e con notable protagonismo nese momento na política local, identificado coa rebelión militar. Ferido na fronte de Madrid, pediu que fixeran traer a Ramón Baltar a Santiago para pedirlle asesoramento, quen lle aconsellou que fose a operarse a Alemaña, con algún dos excelentes especialistas que Ramón coñecera na súa estadía xermana. As influencias de Baladrón permitiron que lle concederan un permiso especial a Baltar para acompañalo. Así foi, previa advertencia de que non fixera como o seu irmán Antonio, que fuxira á Arxentina, pois «deixa vostede unha muller e tres fillos aquí». Saíron de Lisboa nun Juncker de Lufthansa, que pasou por Valladolid, Marsella e Sttutgart antes de chegar ao seu destino. En terras xermanas Baltar foi testemuña da exaltación hitleriana, que lle preocupou moito e levouno a predicir o desastre posterior. Ramón volveu pasando por Sttugart, onde foi localizado por un singular personaxe, un alemán que dera clases do seu idioma en Santiago a varias persoas (entre elas ao propio Baltar e a Domingo García Sabell), un nazi da Xestapo que en tempos da República foi expulsado de España e que o 18 de xullo saíu coa bandeira da Falanxe pola praza do Toural e subiu con ela á «bola do mundo» do pazo de Bendaña, o edificio que hoxe está ocupado pola Fundación Granell; despois iría a Portugal, de onde tamén foi expulsado. A decisión de Baltar de mandar a Baladrón a Alemaña parece acertada, xa que sobreviviu a tan delicada operación.

En 1932 obtivera por oposición a praza de profesor axudante de Anatomía e Patoloxía Cirúrxica e de auxiliar de Cirurxía na Facultade de Medicina de Santiago (Franco Grande, 2014: 1127), desde onde estimularía o interese pola cirurxía entre numerosos alumnos, entre eles o salientable cirurxián José Luis Barros Malvar. Un mes despois do golpe de Estado de 1936, foi suspendido cautelarmente de emprego e soldo na facultade pola autoridade militar-gobernativa, como lle acontecería ao seu irmán Antonio. A esa medida «preventiva» inicial seguiu o sometemento ao proceso de «depuración» do profesorado que o bando fascista aplicou co fin de revisar o perfil ideolóxico dos docentes e asegurarse a lealdade ao novo Réxime. Nese sentido, o decreto 66 de 8 novembro de 1936, publicado no BOE o 11 de novembro, creou comisións encargadas do tema. Os membros delas eran designados polo presidente da Junta Técnica del Estado a proposta da Comisión de Cultura y Enseñanza, que presidía José María Pemán, que nunha circular de 7 de decembro concretaba o procedemento. As comisións debían elaborar un informe sobre os profesores «depurados», co prego de cargos e defensa do inculpado, tomando a decisión final a Comisión de Cultura y Enseñanza.

A Comisión depuradora abriu expediente sancionador a varios profesores da Facultade de Medicina e foron sancionados Villar Iglesias, Novo Campelo e Ramón Baltar. Rematados os expedientes, a Novo e Villar fóronlle eliminadas as sancións, non así a Ramón Baltar, pois un informe do Servizo de Información Militar de Burgos sinalouno como «cotízante de Socorro Rojo, esquerdista, propagandista da Fronte Popular e masón». E por Real Orde de 3 agosto de 1939 foi sancionado con inhabilitación perpetua para o exercicio de cargos directivos e de confianza (Gurriarán, 2006). Asemade, Ramón tamén sufriu a depuración da Deputación provincial, entidade administrativa da que dependía como médico da Beneficencia provincial. E no proceso represor non faltou o Consello de colexios médicos; este ente, supostamente profesional, desenvolveu un expediente sancionador en base á Orde de 6 de outubro de 1939.

Na súa defensa nestes procesos Ramón contou co ofrecemento do Sanatorio Baltar para tratar feridos da fronte de guerra e coa testemuña favorable de persoas relevantes no novo Réxime. Entre estas, dous excelentes médicos, un deles, o seu vello amigo Barcia Goyanes, quen en agosto de 1938 ocupou a secretaría provincial coruñesa de Falanxe e o 29 de setembro a presidencia da Deputación. Tamén o axudou o dirixente falanxista Carlos Colmeiro Laforet (1906-1988), amigo do seu irmán Antonio, nomeado en novembro de 1936 xefe da Falanxe na provincia da Coruña. Outra persoa do Réxime que tamén lle botou unha man foi Emilio Martínez Baladrón, a quen xa nos temos referido. Outros represaliados ben próximos a Ramón fuxiron cara o exilio. Foi o caso do seu irmán Antonio Baltar (1906-1970), quen marchou en decembro de 1936. O seu amigo Ramón García Cerviño (1901-1971) saíu para México, como tamén o faría Pedro Martul Rey (1909-1982), con quen, á volta, establecería Ramón unha fonda amizade.

Todo o labor persecutorio comentado supuxo obvios trastornos para Ramón Baltar e a súa familia, pero cando volveu da fronte e rematou a guerra continuou coa súa actividade profesional no hospital provincial, no Sanatorio Baltar e na Facultade de Medicina. Mais o que non obtiveran as autoridades franquistas, retiralo das aulas universitarias, foi quen de acadalo o decano da facultade, Antonio Novo Campelo. A relación deste cos Baltar non era, historicamente, moi boa, e en xaneiro de 1945 as cousas agudizáronse con Ramón. Atopábase con dificultades para dispoñer do material docente e, sobre todo, Novo decidiu fixarlle un horario que ocupaba as horas da metade da mañá, algo que, como ben debía saber o decano, impediría a Ramón desenvolver a súa consulta privada. Unha das diversas «campeladas», como denominaba o propio Baltar a algunhas accións de Novo por ese tempo; esta levouno a renunciar en febreiro dese ano e fixo que non puidera acadar o seu obxectivo profesional de obter unha cátedra en Compostela. Posteriormente, o propio decano lle propoñería que renunciara á dirección do hospital provincial a prol dunha persoa da facultade e que, a cambio, el faría o preciso para que fose catedrático. Ramón non aceptou.

Na Unión de Intelectuales Libres

Sen rematar a II Guerra Mundial, en decembro de 1944, constituíse en España a Unión de Intelectuales Libres, unha organización clandestina que pretendía contribuír ao agardado retorno da democracia no remate da contenda, nun proceso similar ao acontecido en chan francés. Eran anos nos que por momentos iso pareceu posible, o Goberno da República instalouse en París e había importantes presións diplomáticas para rematar co illado réxime franquista. Ramón Baltar sumouse á iniciativa, integrouse na Unión de Intelectuales Libres.

Por ese tempo, en outubro de 1945, tivo un importante accidente de coche. O vehículo no que viña de Madrid caeu desde un alto de Pedrafita ata o río, ficando Ramón en estado grave. Ata a vila desprazáronse para atendelo os médicos José Puente Castro, Manuel Villar Iglesias, García Portela, Fermín Pérez Rosón e Ramón Cobián pai. O camiño cara Santiago en ambulancia non foi moi rápido. De feito, deulle tempo para ler La montaña Mágica de Thomas Mann.

No mesmo 1945 realizou no seu sanatorio unhas radiografías ao guerrilleiro Benigno Andrade García (1908-1952), máis coñecido por Foucellas, que estaba ferido e que posteriormente foi operado polo doutor Ramallal na Coruña, quen tamén interveu a outro, Manuel Ponte Pedreira (1911-1947). Esas axudas poderían ter que ver, alén do aspecto humanitario, coa colaboración entre diversas persoas e colectivos que participaban na Unión de Intelectuales Libres. En 1947 foi detido e levado uns días ao cárcere en Vigo, a onde tamén conduciron ao seu amigo e colega Ulpiano Villanueva. Entre as vinte persoas detidas estaban Francisco Rey Drox, ex garda civil, quen viñera do exilio francés para loitar coa guerrilla, coñecido co nome de “Comandante Chacama”, Francisco Fernández del Riego, avogados como González Pastoriza, rexistradores da propiedade como José Otero, ou os médicos Celestino Poza Pastrana, Darío Álvarez Blázquez e Jorge Seoane.

A ficha policial sintetizaba un hipotético perfil «perigoso» de Ramón: «Liga intelectuales libre pensador (sic). Simpatizante izquierdas democráticas. Tendencias comunistas. S. L. Masónicas: actividades influyentes. C. enérgico, sin violencias políticas». Os detidos foron procesados polo xulgado militar Para la represión del Comunismo, la Masonería y el espionaje (causa nº 438/47), acusados de suposta pertenza á masonería e de axuda aos guerrilleiros, se ben o cargo principal era «Ponerse a las órdenes del Gobierno Republicano Exiliado para, llegado el momento de un cambio político en España, saber con que personas contar para ocupar los diferentes cargos y puestos del Estado en cada localidad». O 22 de setembro Ramón foi posto en liberdade porque as dilixencias practicadas indicaron que non existían indicios de culpabilidade.

Tese de doutoramento

O 7 de abril de 1947 asinou a memoria Restablecimiento funcional de los operados por cáncer del recto, traballo iniciado nas clínicas de Patoloxía cirúrxica e completado no Departamento Anatómico dirixido por Ángel Jorge Echeverri. Presentouno como tese de doutoramento na Facultade de Medicina da Universidade de Madrid.

A memoria, que inclúe fotos e debuxos propios, estudaba varios casos de cancro de recto operados por Ramón, nos que utilizou unha técnica similar á proposta por Martin Kirschner (1879-1942) (Franco Grande, 2014), incluíndo unha «táctica operatoria personal para la conservación del esfínter». Baltar explicou que a tese foi produto do seu «afán por encontrar una norma de conducta en el tratamiento operatorio de los enfermos de esta penosa dolencia», pois nos seus anos de experiencia veu que era un dos temas «más arduos». Para o seu desenvolvemento contou coa colaboración de varios colegas, como Echeverri, Gumersindo Fontán e Puente Domínguez, daquela profesor auxiliar.

Cirurxián e xestor hospitalario

Se desde novo asistiu, en diversas ocasións, ás operacións que o pai levaba a cabo no sanatorio familiar, ao rematar a carreira pasou a formar parte do equipo cirúrxico. Co seu vello amigo Barcia Goyanes axudaban nas intervencións e facían gardas nocturnas. Pouco despois, probablemente en xaneiro de 1925, empezou a operar por se mesmo, e así o pon de manifesto un valioso caderno manuscrito inédito que conserva a familia e que ten como título «Operaciones 1. 16 enero 1930». A primeira intervención foi unha «Osteomilitis de tibia», unha inflamación de medula ósea e oso, realizada a un enfermo «de S. Cosme» nunha das salas do hospital provincial; Baltar realizou unha «secuestrotomia y canalización», con «anestesia etérea» e indicou: «Curación sin complicaciones». En sucesivas páxinas foi anotando, dese xeito, a doenza, centro de procedencia do paciente, intervención e postoperatorio. Rematou na páxina 150: «16 enero 1930/Adulto.-S. Cosme/Osteomielitis de tercio inferior de húmero en período agudo/ Anestesia general con cloruro de etilo. Incisión y drenaje de partes blandas mediante una incisión en la cara externa y parte inferior del brazo»; e unha folla sen numerar, «30 enero 1930, Mujer de 40 años.- S. Valentín....». Están reflectidos 150 casos en 5 anos, cunha distribución temporal heteroxénea, variando bastante o número de intervencións segundo fose o ano. A ausencia de anotacións desde febreiro de 1926 ata agosto de 1928 podería explicarse pola estadía no estranxeiro. Por outra banda, no tempo da guerra civil, como cirurxián militar, operou moito e participou na redacción dun libro sobre feridas de guerra publicado en Castellón, en 1938. En todo caso, á altura de 1944 Ramón Baltar dixera que realizara 6000 operacións (Franco Grande, 2014: 647), e posteriormente el mesmo afirmou que realizara máis de trinta mil de todo xénero (El Correo Gallego, 18 novembro 1970).

Baltar sempre lle deu moita importancia ás condicións nas que se realizaba unha intervención cirúrxica. Por exemplo, prestaba especial atención á anestesia, contando cun técnico cualificado nas operacións, unha cuestión na que se diferenciaba dalgúns colegas que botaban man para esa función de xente escasamente formada, practicantes ou monxas. O seu principal asistente nesa materia foi José María Balboa Troiteiro, quen entrara no sanatorio para traballar como botóns. Ramón Baltar acolleuno, apoiouno para que estudara Medicina e mandouno a Londres para que aprendera anestesia. Tamén actuaron como anestesistas José Besada Pérez, home clave na súa vida profesional e persoal como persoa de confianza e man dereita na preparación das operacións, o seu amigo Ramón Cobián Varela, a quen orientou e formou, e Fermín Bescansa. Como no hospital provincial non dispuñan de anestesistas, mandaba a algúns dos seus, do sanatorio, para que asistiran gratis. Asemade, no centro familiar prestábase especial atención ao diagnóstico radiolóxico e existía un moderno laboratorio de análises dirixido por Juan Varela Gil, fillo de Ramón Varela de la Iglesia. Outro colaborador de Baltar foi Jesús Mazaira, cirurxián que tamén exercía no hospital provincial e que colaborou toda a vida co noso protagonista; no sanatorio era o encargado dos tratamentos oncolóxicos.

Baltar tamén salientou como radiólogo: realizaba radiografías e radioscopias e no Sanatorio aplicábanse tratamentos oncolóxicos de radioterapia, polo que a el acudían moitos enfermos de cancro de toda Galicia. Asemade, manexábanse radioisótopos. De feito, Ramón publicou un capítulo dun libro sobre radioisótopos dirixido polo profesor Villamarín.

Ramón Baltar foi un médico vocacional, entregado e dotado dunha grande humanidade; entendía o exercicio da medicina como unha especie de «sacerdocio», unha profesión que debía exercerse con vocación verdadeira e ética sa. Estaba orgulloso do seu labor e sempre disposto a atender aos seus pacientes. Membro de numerosas sociedades científicas, como a Sociedad Española de Patología Digestiva, Sociedad Española de Cirujanos, Sociedad Internacional de Historia de la Medicina e fundador da Sociedad Española de Radiología, dirixiu, co doutor Ulpiano Villanueva, a revista compostelán Medicina y Cirugía. Recibiu a Gran Cruz da Orde Civil de Sanidade en 1971.

Existe unanimidade entre os colegas á hora de cualificar a Ramón Baltar de salientable cirurxián. Avelino Franco escribiu: «Fue un gran cirujano, aportando estadísticas notables de casos de cirugía biliar, gástrica y laríngea» (Franco Grande, 2014: 1127). Manuel Sánchez Salorio salienta a súa valía profesional e tenacidade (com. pers., 5 decembro 2016); para Fernando Montoto Estévez, que traballou con el de novo no sanatorio, era un excepcional cirurxián, «facía todo e todo ben» (com. pers. 8 de marzo de 2017). Ese aspecto, de cirurxián que operaba de «todo», «generalista», «de los últimos dese tipo», e a súa calidade, tamén foi subliñado polo xinecólogo Manuel Varela Uña (com. pers. 22 agosto 2017). Como indicamos na presentación desta biografía, Ramón foi receptor dunha tradición cirúrxica que tiña a súa base na obra de profesores como Maximino Teijeiro ou Timoteo Sánchez Freire e cirurxiáns do hospital provincial, os máis valorados. E da innovación que incorporou en Santiago o marxinado profesor Ramón Varela de la Iglesia de aprender alemán e completar a formación no país xermano; así o fixeron os seus alumnos, entre outros, Miguel Gil Casares, Roberto Nóvoa Santos ou Ángel Baltar Cortés, e os dous fillos deste, Ramón e Antonio.

A vida profesional de Ramón Baltar mantivo unha permanente conexión co mundo hospitalario. No ano 1928 obtivo por oposición a praza de cirurxián auxiliar do Hospital Real de Santiago, pertencente á Beneficencia provincial, onde colaborou co cirurxián José Puente Castro. En 1942 obtivo por oposición a praza de profesor de sala dese centro, do que foi director desde 1939, chegando a decano da Beneficencia provincial en 1952. Os mércores ía a Ordes, a operar no sanatorio Concheiro. En base á experiencia adquirida no sanatorio familiar, o hospital provincial e a estadía europea, fundou e dirixiu en xullo de 1930 a Policlínica Médico Quirúrgica de Santiago, a chamada «Policlínica del Hórreo», que funcionou ata 1934, ano en que, pola morte do pai asumiu a dirección do Sanatorio Baltar. O edificio recollía o nome da rúa compostelá onde se situaba, no número 47, contiguo á vivenda familiar de Roberto Nóvoa Santos. Os socios fundadores foron, ademais de Ramón, Julio Fernández Hernández, José María Ballesteros Fernández, Ramón Cobián Otero, Baldomero Lois Asorey, José Pérez Villamil e Timoteo Sánchez Sánchez, amigos que estiveran relacionados co movemento dos scouts, de perfil liberal e que apostaban por crear un hospital multidisciplinar con vocación social, coa «prestación gratuíta a los pobres de los más completos servicios facultativos» e en estreita relación coa Cruz Vermella. Despois, Cobían crearía o Hospital Modelo na Coruña, proxecto no que participou Ramón Baltar, e outro amigo, Manuel Sas, co seu asesoramento, Povisa en Vigo. Na liña de xerar institucións de base civil, non confesionais, Baltar axudaría á creación do Colexio Peleteiro.

No ano 1963 decidiu pechar o Sanatorio Baltar. Ramón coidaba que ese modelo de centro familiar non tiña futuro fronte ao positivo avance da Seguridade Social. Pasou a exercer no Sanatorio de la Esperanza, a onde se trasladaron os pacientes do sanatorio, que estaba cheo.

O «Informe Baltar»

Ramón non estaba de acordo co deseño do sistema hospitalario español. En xullo de 1954 Francisco Franco acudiu a Santiago á inauguración do novo edificio do hospital provincial na rúa Galeras (que incluía ao clínico universitario), por cambio de uso do vello Grande Hospital, transformado en Hostal dos Reis Católicos. Nun determinado momento, Franco achegóuselle: «Dr. Baltar ¿estará contento?». O cirurxián respondeulle: «Sí, pero es pequeño, precisamos hospitales sociales...»; o ditador non o deixou rematar: «Dr. Baltar, no se preocupe, no faltan hospitales sociales porque en España no va a haber pobres» (sic).

Sobre a cuestión hospitalaria publicaría en 1971 un interesante artigo na revista Triunfo, publicación crítica co Réxime. O texto apareceu en dúas entregas, a primeira no número extra de xullo-outubro e co título “Informe Baltar-1. Desventura y riesgo. Los hospitales españoles”, e iniciábase cunha contundente afirmación que cuestionaba radicalmente o triunfalismo oficial: «Por mucho que nos duela, es obligado reconocer que la organización hospitalaria española, en conjunto, no sólo está muy lejos de poder ser considerada como satisfactoria, sino que se encuentra a un nivel bastante más bajo que la de cualquier otra nación europea». A causa principal era, segundo Ramón, «un planteamiento conceptual equivocado en cuanto al cometido de los hospitales y a los deberes de la Administración Pública en relación con ellos».

Nesta primeira entrega fixo a historia do sistema hospitalario desde a Idade Media, criticando que no século XIX o Estado non o unificara e dotara dunha boa base orzamentaria, consolidándose a negativa idea de que os deberes da Administración pública quedan cubertos cunha atención mediocre aos necesitados, aos pobres. Para Ramón, a asistencia hospitalaria pública debería atender, cos medios precisos e á marxe da condición social, a todos os que estiveran enfermos. Coidaba que a inhibición da Administración obrigou á iniciativa privada a intervir, xerando, a principios do século XX, a existencia dun sistema dual, hospitais de ricos e de pobres. Analiza e subliña a aparición da Seguridade Social, un cambio relevante pero que non cuestiona os vicios históricos do sistema. Concluía que o nivel hospitalario español tiña un nivel baixo en Europa, sen «garantizar la protección de la salud de todos los habitantes del país». Entendía que se daba unha nula cooperación entre a Seguridade Social e a Beneficencia, a primeira non atende a toda a poboación e a segunda preocupada por reducir gastos e asistir a pobres.

A segunda entrega, “Informe Baltar-2. El problema fundamental y los aspectos parciales más importantes de la reorganización hospitalaria”, apareceu no número de novembro. Nela defendeu que «España necesita contar con una red hospitalaria análoga a la de las restantes naciones europeas», un sistema uniforme, co dobre número de camas e unha base económica estable, «que permita prestar asistencia correcta a cualquier enfermo que lo necesite, sea cual sea su capacidad de recursos o el punto de su residencia». Baltar propuña crear a rede con catro tipos de hospitais: comarcais, xerais, centros rexionais de especialidades e hospitais de crónicos ou asistencia prolongada. Defendeu a «regionalización hospitalaria», criticou a creación de hospitais custosos en plan competición (nun proceso de imitación, «americanización») e sinalou que unha boa organización hospitalaria non consiste na suma duns cantos grandes ou magníficos hospitais. Partidario de incrementar o gasto en sanidade, entendía que na xestión hospitalaria era preciso coidar aos médicos sen sometelos a unha disciplina absurda. Tamén fixo referencia ao secular problema dos hospitais clínicos universitarios, demandando dotar economicamente a uns doce. Remataba indicando que en España o Estado se inhibe dos problemas hospitalarios e que resulta simplista pensar que as solucións veñan por nomear xerentes. O Informe acadou un notable impacto. O «ínclito» marqués de Villaverde, o médico Cristóbal Martínez Bordíu, xenro de Franco, chamou a Ramón Baltar para manifestarlle o seu desacordo e incomodidade.

Produción escrita

Autor de numerosos artigos sobre temas cirúrxicos, publicados en revistas profesionais, presentou, con Antonio Martínez de la Riva, José García Blanco e Juan Varela Gil, un relatorio nas Jornadas Médicas Gallegas celebradas en Vigo en agosto de 1931 (Martínez de la Riva; García Blanco; Varela Gil & Baltar Domínguez, 1934), “El cáncer en Galicia”, unha monografía de 142 páxinas que revisa o tema, recollendo os datos dunha enquisa remitida polos autores aos médicos. Remataba con dez conclusións, entre as que salientan que era de urxente necesidade intensificar e unificar a loita fronte o cancro en Galicia, a creación dun Instituto Regional de Oncoloxía e a posible relación da herdanza na etioloxía do cancro. E pedindo aos asistentes que reclamen a creación dunha cátedra de Oncoloxía, a cuxa fronte debería figurar o presidente de Jornadas, José Goyanes Capdevila, que era director do Instituto Nacional del Cáncer, localizado en Madrid. No texto faise referencia a varios traballos previos publicados por Baltar: “Las linfadenitis cervicales crónicas y su tratamiento radioterápico”, “Complicación lejana de una fijación uterina de Baldy” (en colabaración co doutor Puente Castro, do que foi primeiro axudante), “Sobre el tratamiento de las fístulas salivares” e “Los tumores de la cápsula adiposa del riñón”.

Foi membro activo da Asociación de Médicos Escritores e prestou atención a diversas cuestións da historia da Medicina, temas que dicía cultivar «por deporte intelectual». Publicou Opúsculos médicos gallegos del siglo XVIII (1961), obra que leva un limiar de Juan Rof Carballo. Baltar encargouse dun estudo preliminar sobre a época e os autores, que vai seguido de interesantes textos de Nicolás de Antonio Araújo y Salgado, Benito Feijóo, Martín Sarmiento, Pedro Gómez de Bedoya e Fernando Oxea. Por outra banda, Rof Carballo criticou a despersonalización da Medicina, o trato mecanizado e pouco humano presente en moitos hospitais e defendeu unha atención diferente, baseada no diálogo co doente, a apertura e aceptación do outro, e a tenrura.

Nesa liña historiográfica deu a coñecer os artigos, “Bosquejo histórico del Gran Hospital Real de Santiago de Compostela” (1954), “Sintesis histórica del progreso quirúrgico” (1967), e as monografías Memoria sobre el Gran Hospital Real de Santiago (1956) e La Escuela Médica Compostelana. Apuntes para iniciar su estudio (1968). Esta obra, editada co gallo do centenario da morte de José Varela de Montes (1796-1868), recolle unha lista de hospitais de Santiago, alude ás influencias europeas na medicina compostelá, caracteriza á escola médica e remata cos resumos biográficos de médicos con actividade en Compostela. Canto a caracterización da suposta «escuela médica compostelana», Ramón Baltar sinalaba: «permanente reputación de competencia, objetividad, realismo y profundo respeto hacia el enfermo», ao que engadía «una información científica muy al día, un elevado espíritu de sacrificio y una excepcional modestia y sencillez por parte de sus protagonistas», se ben recoñecía o defecto da escaseza de publicacións científicas.

Esa expresión, «Escuela médica compostelana», xurdiu a fins do século XIX en obras como a do catedrático Luis Rodríguez Seoane, 1880, e tivo unha favorable acollida entre algúns autores, entre os que existe un amplo acordo para situar a Varela de Montes como unha figura principal dese suposto colectivo (Baltar Domínguez, 1968; Carro Otero; Masa Vázquez & Varela Ogando, 1974; Carro Otero, 1987; Fernández Teijeiro, 2001). Segundo algúns dos seus apoloxistas, ofrecería unha alternativa que fai compatible a práctica das virtudes da arte de curar inspiradas no hipocratismo clásico coas innovacións científicas derivadas do progreso científico e tecnolóxico que se estaban a vivir naqueles momentos e que supuñan o tránsito cara á nova medicina, e mantería sempre presente nas súas obras unha «unidad íntima y constante de pensamiento y acción, de filosofía, técnicas o arte y vida» (Otero Pedrayo, 1952: 61).

Á hora de identificar aos principais integrantes desa escola incluíronse personaxes ben diferentes, tanto en concepcións médicas, como en práctica, filosofía, labor investigador, etc. Médicos que só tiñan en común o feito de desenvolver a súa actividade en Compostela. As importantes diferenzas doutrinais e metodolóxicas e, mesmo, os enfrontamentos observados entre o profesorado da Facultade de Medicina poñen en evidencia o carácter mítico da suposta escola médica compostelá. Afortunadamente nos últimos anos asistiamos a unha consideración máis obxectiva e rigorosa do tema, o que inclúe as críticas ao papel científico dalgunhas das súas figuras (García Guerra, 1998; 2001), as últimas posicións de Delfín García Guerra (com. pers.), a consideración de Fernández Teijeiro de situar a Maximino Teijeiro, Ramón Varela de la Iglesia e Roberto Nóvoa Santos como as tres figuras da moderna medicina compostelán (o que cuestiona a posición preeminente de mestres como Varela de Montes e Andrey) e a valoración favorable a abrir un debate sobre a natureza desa suposta «Escuela Médica Compostelana» (Ponte Hernando, 2011). Outra cousa é a constatable existencia de liñas de traballo que tiveron continuidade histórica no ámbito compostelán, como serían as relativas ao mundo da cirurxía e anatomía.

En todo caso, Baltar ofreceu unha visión plural da historia médica compostelá. Así, por exemplo, nun tempo onde a salientable obra do marxinado profesor Ramón Varela estaba oculta, agachada, a monografía permitiu un valioso achegamento a esa figura médica.

Relacións sociais

Os contemporáneos falan de Ramón Baltar como un home cunha enorme capacidade de traballo, de carácter enérxico e respectuoso, coas ideas moi claras e de grande humanidade, mergullado na profesión e na familia. Tamén con múltiples contactos e un auténtico punto de encontro entre persoas de diferentes sensibilidades. Unha actitude vital que encaixaría co seu catolicismo liberal e simpatía cara a masonería. Masóns foron queridos amigos seus, como Pedro Martul Rey e Ramón Martínez López e diversos parentes, o seu irmán Antonio e Ramón Rey Baltar.

A amizade coa familia Castelao viña de ben lonxe. O pai de Daniel, Mariano Rodríguez Dios, foi o encargado de mercar o terreo de Tanxil, levara as obras da casa e a administración dos bens de Ángel Baltar en Rianxo. Por esa especial relación, intensificada nos duros tempos do franquismo, Ramón escribiu, a petición do seu amigo e paciente Xosé Filgueira Valverde, o libro Castelao ante la medicina, la enfermedad y la muerte (Baltar, 1979). Por outra banda, mantivo a conexión co mundo dos emigrantes e exiliados galegos. Como anécdota salientable cómpre indicar que foi convidado en 1953 á inauguración das novas instalacións cirúrxicas do Hospital do Centro Gallego de Bos Aires, evento para o que tamén contaron co seu irmán Antonio, exiliado en Arxentina. A circunstancia deu lugar a unha experiencia singular, pois os dous irmáns operaron xuntos, algo que non o facían desde os tempos do sanatorio do pai, en completa sintonía técnica, como se non pasaran os anos.

Morte e reaccións

A morte de Ramón Baltar Domínguez foi acompañada de numerosas testemuñas de recoñecemento profesional. Apareceron artigos en diferentes medios de amigos e de colegas como Domingo García Sabell en La Voz de Galicia (10/IX/1981), “Recuerdo de Ramón Baltar”, ou de Manuel Roldán no Faro de Vigo (10/IX/1981), “Recuadro de luto. Baltar”. Entre os escritos salientamos tres, o sentido poema do amigo Pedro Martul, “Larga noche de lágrimas” (La Voz de Galicia, 16/IX/1981); “Minitríptico para un hombre fiel”, de Manuel Sánchez Salorio (La Voz de Galicia, 26/IX/1981), artigo onde o salientable oftalmólogo e catedrático afirmou: «Baltar, durante muchos años, fue el más fuerte, el más lúcido, el más compacto de los cirujanos de Galicia, ejemplo perfecto de persona encajada en la profesión que elige, en la sociedad a la que sirve, en el país en que vive, fiel a su destino, sus pacientes, su tierra»; e o de Barros Malvar, “Mis recuerdos del Doctor Ramón Baltar”, onde o director de Cirugía Española, lembra ao seu mestre. En 1982, a Academica Médico Quirúrgica de Santiago de Compostela organizou unha homenaxe a Ramón Baltar e, en 1986, Antonio Rodríguez Cadarso coordinou para El Correo Gallego, 15 de xullo, unha entrega especial das “Figuras de la Universidad Compostelana” dedicado a Ramón Baltar, que inclúe un artigo do seu vello amigo Barcia Goyanes. Por outra banda, a revista Medicina Española, editada en Valencia e dirixida por Barcia, dedicou un número homenaxe ao noso protagonista, o 486, correspondente a setembro-outubro de 1983.

Biblioteca e continuidade da saga de médicos Baltar

En maio de 2009 a familia de Ramón Baltar cedeu a súa biblioteca ao Museo do Pobo Galego, en base a unha decisión tomada en 2005. Esa “Biblioteca Baltar“ conta con máis de 15.000 volumes que abranguen desde o século XV ata finais do XX. Inclúe publicacións de historia, socioloxía, literatura, humorismo, erotismo e fotografía, salientando a produción literaria galega. Tamén figuran obras de temática médica, se ben unha parte da biblioteca permanece en mans dun parente. A colección fora iniciada por José Baltar Varela a comezos do século XIX e continuada por Ángel Baltar Varela. A contribución de Ramón Baltar, un namorado dos libros, pode ser a parte máis relevante da mesma.

Ramón Baltar e Emma Tojo Sieyro tiveron doce fillos, deles dous continuaron a profesión do pai. Luis Baltar Tojo, salientable cirurxián xeral que foi profesor universitario e xefe de servizo de cirurxía no hospital provincial, e Fernando, xefe de traumatoloxía e último director no mesmo centro, cando este pasou a integrarse no SERGAS. Da seguinte xeración, Javier Baltar Boileve (fillo de Luis) é cirurxián no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Ángel Baltar Martínez de la Riva (fillo de Fernando) é especialista en traumatoloxía e cirurxía ortopédica e exerce no mesmo centro sanitario compostelán. A eses hai que sumar tres médicos de familia, Carlos Baltar Domínguez, médico en Noia, Gerardo Fernández-Albor Baltar, en Madrid, e o seu irmán Agustín, morto en 2002.





Bibliografía:




Fontes documentais:

AHUS. Expedientes Personales, leg 95, expediente 3, Ramón Baltar Domínguez.

Arquivo particular da familia Baltar. Entre outros documentos: Caderno “Operaciones 1. 16 enero 1930”, Restablecimiento funcional de los operados por cáncer del recto. Tese de doutoramento, asinada 7 abril de 1947.


Fontes impresas:

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1954): Cirugía del cáncer rectal, I, Galicia Clínica, 391-419.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1959-1960): Consideraciones sobre el tratamiento quirúrgico de litiasis biliar, Anales Facultad Medicina Santiago, nº extraordinario, páxinas 194-209.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1954): Bosquejo histórico del Gran Hospital Real de Santiago de Compostela, Ciencias Médicas Hispano-Americanas, fasc. 34, p. 473 e ss.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1956): Memoria sobre el Gran Hospital Real de Santiago, Santigo.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1961): Opúsculos médicos gallegos del siglo XVIII, Santiago de Compostela: Imprenta, Librería y Encuadernación del Seminario Conciliar.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1963): Hospital provincial de Santiago. Decíamos ayer..., Galicia Médica , 1963: 101-109.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1967): Sintesis histórica del progreso quirúrgico. Revista IBYS, 3: 73-103.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1968): La Escuela Médica Compostelana. Apuntes para iniciar su estudio, 21a. Exposición La Escuela Médica Compostelana, Santiago: Instituto. Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (CSIC); p. 1-26.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1971): Informe Baltar-1. Desventura y riesgo. Los hospitales españoles, Triunfo, 476: 10-16.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1971): Informe Baltar-2. El problema fundamental y los aspectos parciales más importantes de la reorganización hospitalaria, Triunfo, 477: 22-27.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1975-1976): Historia de una inoculación variólica, Actas del IV congreso español de historia de la medicina. Granada, 24-26 de abril de 1973. Granada: Universidad de Granada.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1978): Evocación de un compañero excepcional, VV.AA., Lembranza del Dr. Ulpiano Villanueva. Círcula Filatélico Eume. Perlío-Fene: Imprenta San Esteban; p. 84-89.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1979): Castelao ante la medicina, la enfermedad y la muerte, Santiago de Compostela: Editorial Bibliófilos Gallegos.

BALTAR DOMÍNGUEZ, R. & BALTAR TOJO, L. (1958): Antecedentes, orientaciones fisiopatológicas y finalidad de una variante técnica personal de la gastrectomía por úlcera, Galicia Clínica, 881-899.

MARTÍNEZ DE LA RIVA, A.; GARCÍA BLANCO, J.; VARELA GIL, J. & BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1934): El cáncer en Galicia, Jornadas Médicas Gallegas (Vigo, agosto de 1931). Santiago: Tip. de “El Eco Franciscano”.


Bibliografía secundaria:

BARCIA GOYANES, J.J. (2003): La Saga de los Barcia. Valencia: Artes Gráficas Soler.

CARRO OTERO, J. ; MASA VÁZQUEZ, Ma. del C. & VARELA OGANDO, Ma. Luisa (1974): Medicina, Gran Enciclopedia Gallega, t. 20: 202-208.

CARRO OTERO, X. (1987): La Vera efigie del Dr. Varela de Montes, fundador de la “Escuela Médica Compostelana”, Jubilatio: homenaje de la Facultad de Geografía e Historia a los profesores D. Manuel Lucas Álvarez y D. Ángel Rodríguez González. Santiago: Universidade de Santiago; v. 2: 681-692.

FERNÁNDEZ TEIJEIRO, J. J. (2001): La encrucijada de la medicina galaica. Santiago: Editorial Compostela.

FRANCO GRANDE, A. (2014): La medicina compostelana (1847-1950). Retazos históricos. Santiago de Compostela: Andavira editores.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Santiago: Universidade.

OTERO PEDRAYO, R. (1952): El doctor Varela de Montes: médico humanista compostelano del siglo XIX, Cuadernos de Estudios Gallegos. Anejo 7, Santiago: CSIC, Instituto P. Sarmiento.

PONTE HERNANDO, F. (2011): Dr. Ángel Baltar Cortés (1852-1934). Maestro de Cirujanos, A Coruña: Ed. Inéditor.

RODRÍGUEZ SEOANE, L. (1880): Varela de Montes y la Escuela médica de Santiago. Santiago: Impr. Gaceta Galicia.

SIMÓN LORDA, D. (2011): Recuperando a Memoria (histórica) na sanidade galega (II): O apoio á guerrilla e aos represaliados no posguerra, Cadernos de Atención Primaria, 18: 166.