culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Joaquín Vaamonde Rodríguez

Un dos primeiros especialistas na técnica radiolóxica en Galicia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Sisto Edreira, Rafael
  • Data de alta: 25/05/2012

Galeria


Equipo de Raios X do Hospital provincial de Ourense (1948). Fotografía tomada do blog Diario de un médico de guardia (2/10/2011), de David Simón.

Como citar esta páxina:

  • Sisto Edreira, Rafael ([2012], “Joaquín Vaamonde Rodríguez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 09/06/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=289
Untitled Document

Equipo de Raios X do Hospital provincial de Ourense (1948). Fotografía tomada do blog Diario de un médico de guardia (2/10/2011), de David Simón.

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lugo 1867
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1947
Estudou o Bacharelato no Instituto de Ourense, licenciouse en Medicina pola Universidade de Santiago (1890) e doutorouse en Madrid (1896) coa cualificación de sobresaínte outorgada por un tribunal que presidía Julián Calleja. Foi internista acreditado por moito tempo e profesor auxiliar numerario da Facultade de Medicina de Santiago, na que dirixiu o Servizo de Raios X común para todas as cátedras. Profesor clínico por oposición dende 1895, destacou como grande coñecedor da farmacoloxía e da terapéutica.

A pesar de dedicar grande parte da súa vida á Medicina interna, a súa tese de doutoramento fai referencia á neurocirurxía: Craniectomía basada en localizaciones cerebrales y en la topografía cráneo-encefálica. Sus principales indicaciones y técnica (Vaamonde, 1896). Trátase dunha obra intelectualmente ben construída, con profundidade científica, e que contén datos prácticos concretos. Na mesma, logo de expoñer a localización das distintas funcións cerebrais, fixar os centros motores e sensoriais e relacionalos coas desordes funcionais consecutivos a unha lesión cerebral, expón os procedementos máis doados para a determinación das cisuras de Rolando, Sylvio e a perpendicular externa, bases para a localización dos centros cerebrais. Posteriormente fai unha caracterización das lesións corticais e das capsulais, e das sospeitas de hemorraxia. No aspecto técnico describe as ferramentas cirúrxicas máis adecuadas, e as condicións de anestesia e drenaxe na zona tratada.

Cómpre salientar tamén o seu traballo “Indicaciones de la trepanación” (Vaamonde, 1900), no que expón unhas nocións xerais das perturbacións encefálicas e relaciónaas coas rexións afectadas. Diferenza, nos accidentes cerebrais, os síntomas xeneralizados e os locais, estuda as súas posibles orixes e fai unha análise das distintas formas de parálises circunscritas, en harmonía coa destrución dos centros motores coñecidos. Publicou, así mesmo, algún artigo no que realiza comentarios técnicos sobre instrumental cirúrxico, como “Osteotomo del Dr. Sánchez Freire” (Vaamonde, 1895).

Joaquín Vaamonde prestou especial atención á radioloxía e á radioterapia, e foi un dos primeiros en utilizar estas técnicas en Santiago. Un dos seus traballos máis importantes é “Aparato protector radioscópico” (Vaamonde, 1916), no que fai un profundo estudo crítico dos niveis de protección radiolóxica acadados cos materiais de uso común, especialmente co cristal de chumbo. Trala exposición das distintas experiencias realizadas, describe polo miúdo as guías de construción e manexo do radióscopo, aparato ideado e xa experimentado por el, que se basea na sinxela pero efectiva idea da reflexión, nun espello plano, da imaxe radioscópica obtida na pantalla fluoroscópica. Posteriormente mantivo unha polémica co sevillano Dr. Puelles sobre a orixinalidade da idea, que pechou co artigo “Comunidad de una idea vulgar” (Vaamonde, 1918).

O seu labor asociativo de maior relevancia desenvolveuno como membro da sección santiaguesa da Real Sociedad Española de Historia Natural, iniciativa efémera de activismo científico onde as excursións didácticas e o coleccionismo eran actividades básicas de colaboración interdisciplinar nas que participaban profesores das facultades de Ciencias e Farmacia e incluso algúns alumnos (Gurriarán, 2006).



Bibliografía:



Fontes Documentais:

Vaamonde Rodríguez, Joaquín. Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Serie Expedientes Persoais, Cartafol 1488.

Fontes impresas:

VAAMONDE RODRÍGUEZ, J. (1895): Osteotomo del Dr. Sánchez Freire, Revista de la Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, l5: 226-227.

VAAMONDE RODRÍGUEZ, J. (l896): La Craniectomía basada en localizaciones cerebrales y en la topografía cráneo-encefálica. Sus principales indicaciones y técnica, Santiago: Imp. Paredes.

VAAMONDE RODRÍGUEZ, J. (1900): Indicaciones de trepanación, Revista Médica Gallega, 1: 17-25.

VAAMONDE RODRÍGUEZ, J. (1916): Aparato protector radioscópico, Galicia Médica, 8: 225-236.

VAAMONDE RODRÍGUEZ, J. (l917): Un éxito muy notable de la röntgenoterapia, Santiago: Tip. El Eco de Santiago.

VAAMONDE RODRÍGUEZ, J. (1918): “Comunidad de una idea vulgar”, Galicia Médica, 263: 8.


Bibliografía secundaria:

BALTAR DOMINGUEZ, R. (1968): La Escuela Médica Compostelana. Apuntes para iniciar su estudio, Exposición sobre la Escuela Médica Compostelana do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, Santiago: Tip. Seminario.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

MILLÁN SUÁREZ, José Enrique (2001): Historia de la Radiología en Galicia, Tese de doutoramento na Facultade de Medicina, Santiago: Universidade.