culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Primitivo Hernández Sampelayo

Un enxeñeiro moderno e un gran estudoso do Paleozoico

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 09/09/2012

Extras de Primitivo Hernández Sampelayo: 

Extras sobre Primitivo Hernández Sampelayo:

Galeria



HernandezSampelayo_web_2.jpg
HernandezSampelayo_web_2.jpg

Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2012], “Primitivo Hernández Sampelayo”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 01/10/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=339
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Madrid 1880
  • Falecemento: Madrid 1959
Logo de rematar a carreira de Enxeñería de Minas en 1902, ingresou na Inspección General del Cuerpo de Ingenieros de Minas e foi destinado ao centro mineiro de Almadén. Nestas ricas minas enfrontouse cos terreos antigos, Siluriano e Devoniano, e centrouse axiña en dúas especialidades que o fixeron relevante na Xeoloxía: os terreos paleozoicos e os criadeiros de azougue, temas sobre os que deixará abondosa obra escrita. Dende Almadén pasou a Galicia, onde se encargou sucesivamente das minas de ferro de Vilaodriz, Viveiro, Vaamonde e Porcia. De novo tivo a oportunidade de estudar un terreo moi antigo, os graptolitos do Siluriano superior dos montes próximos a Vilaodriz. Neste período comezou unha fonda e duradeira colaboración co enxeñeiro Marín y Bertrán de Lis, quen no seu discurso de contestación ao de ingreso de Sampelayo na Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales (Hernández, 1934a), explicou que a vocación de Hernández como naturalista lle permitiu afondar no labor paleontolóxico cunha grande capacidade de recompilación e síntese, e nas súas investigacións dos terreos antigos ocupouse de toda clase de especies, describindo igual aos clásicos trilobites que ás algas girvanellas. Hernández Sampelayo foi discípulo de Florentino Azpeitia Moros, quen seguramente influíu na súa formación e vocación, pois consideraba ao seu profesor un “conocedor profundo de la paleontología, orientado en texto modernos”.

Tamén aplicou os seus coñecementos á industria, publicando informes sobre criadeiros de minerais, afloramento de augas, condicións de terreos para obras, etc. Redactou máis de 150 informes solicitados por distintas empresas para ditaminar sobre distintos depósitos minerais e outras cuestións mineiras, e elaborou máis de 70 ditames preliminares á construción de obras, en especial nos saltos de auga do Duero. Ademais, formou parte de numerosas comisión científicas de asesoramento do goberno, como a creada en 1927 para a aplicación do Real decreto do 30 de abril de 1934 para a industria nacional de destilación do lignito e as súas aplicacións.

A relación con Galicia

Hernández Sampelayo chegou a coñecer moi ben Galicia, sobre a que publicou moitos traballos, construíndo nesta terra a base da estratigrafía paleozoica que posteriormente aplicou noutras zonas da Península e que culminou no libro El Cambriano en España, presentado no Congreso celebrado en Washington. Dende 1931 mantivo unha colaboración permanente, primeiro por carta e logo persoal, co xeólogo galego Isidro Parga Pondal, e foi un firme defensor, dentro do Instituto Geológico y Minero, do que era vogal, da constitución dunha Organización Geológica Regional en Galicia, semellante a que posuía Catalunya. A idea era unha arela longamente compartida entre ambos investigadores.

A primeira obra que publica sobre Galicia foi o Estudio Geológico de la Costa de la Provincia de Lugo (Hernández, 1914). Este estudo da denudación da costa, co que comezou a rectificación xeolóxica do mapa da provincia, consta de dúas partes: na primeira fai unha descrición da costa e investiga os movementos oroxénicos que produciron a actual presentación, así como as causas de denudación da costa; na segunda dedícase á descrición dos tramos de rochas por medio de análises microscópicas e do metamorfismo, enumera os fósiles recollidos e fai un corte completo. No ano seguinte deu ao prelo Nota sobre la fauna paleozoica de la provincia de Lugo (Hernández, 1915), anticipo dunha lista de valor estratigráfico con algunhas observacións, base dun traballo posterior, e que se xustifica na carencia de datos, ata ese momento, sobre o tema. Nos anos seguintes continuou a publicar nos Boletines e nas Memorias del Instituto Geológico de España artigos sobre a denudación da costa lucense, sobre depósitos prehistóricos de Lugo e Madrid, así como sobre criadeiros de ferro nos Oscos. En 1935 describiu os icnofósiles existentes nos afloramentos de cuarcita do val de Lóuzara na Serra do Caurel.

Foi tamén en 1935 cando rematou a súa principal obra sobre Galicia, Hierros de Galicia (Hernández, 1922-35), iniciada co primeiro tomo en 1922. Resultado de 24 anos de traballo continuado, nela mostra os seus coñecementos sobre Xeoloxía, Paleontoloxía, Tectónica, Metaloxenia, Oceanografía, Mineraloxía e ata Historia. Na primeira parte da obra fai unha exposición sintética da Xeoloxía e dos criadeiros, atribuíndolle de forma esquemática unha orixe paleozoica ou derivada, e sendo os máis extensos incluídos como termos litolóxicos do Siluriano inferior; na segunda parte dá un detalle completo do observado e na terceira aborda a parte industrial, incluíndo un índice xeográfico de todos os lugares citados. É precisamente nesta parte onde trata o tema da fábrica de Sargadelos. Na obra relata a historia da fábrica e inclúe afortunadamente (o orixinal perdérase) unha reprodución que realiza do debuxo dos edificios do complexo fabril realizado por Melchor Prado y Mariño. Ademais de describir as instalacións, sinala numerosos datos, dende o número de operarios da fábrica, ata a produción anual de metal, e incluso un cálculo total de produción ao longo de toda a súa historia, unhas 100.000 toneladas.

En 1928 redactou xunto con outro enxeñeiro de minas, Enrique Álvarez de la Baña y Alcalde, o proxecto de perímetro de protección mineira para o establecimiento mineromedicinal servido por médico de baños da illa da Toxa. O perímetro comprendía 169 hectáreas. Dende 1922 ata a Guerra Civil tamén publicou diversos artigos sobre a distribución da riqueza mineira en Galicia, en especial das reservas de cobre, e sobre a rectificación xeolóxica das bacías do Navia e do Ibias. No Boletín de la Real Academia Gallega, da que era membro correspondente, apareceu en 1934 un artigo titulado Notas sobre la Geología Gallega. Terrenos Paleozoicos(Hernández, 1934a). Tamén no discurso de ingreso da Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, titulado Geología Gallega (Hernández, 1934b), fai un esquema dos moitos coñecementos sobre Galicia, xa expostos noutras obras, engarzándolle ideas novas, sobre Paleontoloxía paleozoica, ou sobre a curiosa relación entre os nomes Cambriano e Siluriano e a toponimia galega. Con posterioridade a 1936 publicou artigos sobre os filóns de mispiquel aurífero en Galicia, as novas minas de chumbo en Lugo e Ourense, e sobre o coto mineiro de Formiqueiros en Lugo. En 1943 acudiu ao Congreso de Geografía en Santiago de Compostela, onde presentou novos datos xeolóxicos e mineiros da zona de Betanzos (Hernández, 1944a).

O Congreso Xeolóxico Internacional de 1926

Outro congreso marcara con anterioridade un fito importante na traxectoria profesional de Primitivo Hernández Sampelayo, o XIV Congreso Xeolóxico Internacional, celebrado en Madrid en 1926. Sampelayo, xunto co presidente do IGE, Enrique Rubio, encargouse de dirixir unha das excursión precongresuais ao Macizo de Ronda, que durou oito días; outra visita congresual ás Minas de Almadén, e unha terceira excursión, postcongresual, dedicada o Carbonífero e Paleozoico de Asturias, que guiou conxuntamente con outros organizadores (Ayala et al., 2005). Hernández Sampelayo considera que esa excursión é o punto de partida da obra de Delepine sobre braquiópodos carboníferos. España xa fora campo de estudo para os xeólogos estranxeiros no XIX e comezos do XX, por iso non é raro que os primeiros traballos sistemáticos sobre braquiópodos carboníferos sexan obra precisamente de franceses, Barrois (1882) e Delepine (1943). Este último colaboraba con Hernández Sampelayo, quen en 1946 traduciu a obra de Delepine, explicando que este tivera como punto de partida para ese traballo a excursión realizada durante o Congreso. Na tradución, Sampelayo reproduce as listas de fauna de Delepine, ilustra braquiópodos do Carbonífero de Asturias e compáraos cos descritos e figurados por aquel autor.

A relación co Museo Geominero

Durante os actos do XIV Congreso Xeolóxico Internacional, o monarca Alfonso XIII inaugurara unha gran sala no Instituto Geológico y Minero, que sería o futuro fogar para as coleccións do centro. A configuración e distribución das coleccións na nova sala e, en definitiva, a concepción do Museo Geominero debeuse ao labor de Primitivo Hernández Sampelayo, xunto co arquitecto Francisco Javier Luque. Neses momentos primou na sección dedicada á Paleontoloxía a exposición dos fósiles de invertebrados e plantas españolas, e na de Mineraloxía tamén optou por coleccións da mesma procedencia. Sampelayo será o director do centro dende a súa fundación en 1927 ata mediados dos anos corenta. Durante a súa permanencia no cargo conseguiu valiosas mostras para o Museo, realizando campañas de exploración. Volveu a revisar o Paleozoico do NO peninsular, concretamente as localidades recorridas por Prado, Verneuil e Barrande do Cámbrico leonés (Hernández, 1933), describindo taxons novos e depositando os exemplares no Museo, aínda que algúns hoxe están desaparecidos.

Anos máis tarde sintetizou o coñecemento que se tiña ata o momento do Ordovícico e o Silúrico en España (Hernández, 1942) e aportou novos datos paleontolóxicos, que ao non estar figurados descoñécese se pertencen á colección do centro. Autores como Isabel Rábano (2006) opinan que algúns icnofósiles do Ordovícico Inferior das coleccións do Museo foron recollidos por Hernández Sampelayo, pois foi o único autor en ingresar exemplares da localidade leonesa de Lucillo. No centro tamén se conservan seis exemplares de trilobites procedentes do Cámbrico Medio de Puerto Ventana, no linde entre León e Asturias, atopados por Celso Arango y Joaquín Gómez de Llarena e cuxos datos paleontolóxicos publicou o propio Hernández Sampelayo (1944). Das coleccións de fósiles recollidas durante a realización da Hoja nº 158 (Ponferrada), do Mapa Geológico Nacional a escala 1:50.000, por Primitivo e Alejandro Hernández Sampelayo, o único que se conservan son catro mostras con graptolitos silúricos do xénero Monograptus.

Tamén apoiou campañas doutros investigadores en zonas de interese paleontolóxico, como é o caso do depósito de mamíferos fósiles de Villarroya (Fernández, 1963). Co abondoso material recollido polos doutores José Fernández de Villalta e Miguel Cursafont en 1944, con gran variedade de especies, moitas delas descoñecidas ata daquela no depósito, tívose a certeza da idade villafranquiense desa formación. Logo de preparados os materiais extraídos, foron enviados ao Museo Geominero, que obtivo o máis numeroso e relevante lote de mamíferos fósiles das súas coleccións.

Tras a súa marcha do Museo, Hernández Sampelayo continuou coas súas investigacións e coa publicación dos traballos máis xerais, explicando o Mapa Xeolóxico de España. En 1951 elaborou, xunto con Alejandro Hernández Sampelayo, un resumo sobre a explotación do ouro nas Médulas, onde documenta a continuidade da actividade extractiva artesanal ata datas recentes, tanto nas ribeiras do Sil como nalgúns dos cursos que drenan a montaña do Teleno. Informa da riqueza en ouro destes cursos, tanto polo tamaño dos graos como da súa abundancia (Matías, 2006). Tamén publicou varios traballos sobre a busca de petróleo en España e Italia, realizando interesantes investigacións sobre a formación dos petróleos de Ribesalbes (Castellón). Nos anos cincuenta realizou varias exploracións sobre a Xeoloxía de Euskadi, especialmente sobre a bacía do Urumea (Hernández, 1951a,b); e volveu a escribir sobre a figura de Guillermo Schulz (Hernández, 1928,1950), que xa tratara ao comezo da súa traxectoria, aportando datos importantes sobre a súa biografía. En 1953 leu o discurso inaugural do curso 1953-54 da Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, dedicado ao tema De la vida marina paleozoica, que mostra os seus amplos coñecementos sobre o tema no que se convertera nun grande especialista.

A súa traxectoria profesional foi avaliada por numerosos autores de diversas disciplinas. Agustín Marín, no seu discurso de contestación na Academia de Ciencias (Hernández, 1934a), defíneo como un enxeñeiro moderno que soubo recoller a tradición xeolóxica e mesturala coas novas ideas. Afirmaba que nos seus estudos sobre os fosfatos africanos, publicados no Boletín Oficial de Minas, e no capítulo sobre a xénese dos criadeiros de ferro do libro Hierros de Galicia, Sampelayo mostraba o seu coñecemento sobre a formación dos fondos mariños, a constitución de seres orgánicos inferiores e, discutindo as teorías de Harder, falaba da intromisión das bacterias no reino mineral contribuíndo á formación de depósitos minerais. Os seus traballos tamén foron unha contribución importante para outras disciplinas como a Arqueoloxía. Os especialistas neste campo recoñecen que os estudos de Hernández Sampelayo nos depósitos prehistóricos de Lugo e das Carolinas (Madrid), aportaron moita información, que logo sería utilizada polo extraordinario arqueólogo José Pérez de Barradas. E o mesmo sucede co seu traballo Hierros de Galicia, que inclúe numerosos datos arqueolóxicos.



Bibliografía:



Fontes impresas:

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1914): Estudio Geológico de la Costa de la Provincia de Lugo, Boletín del Instituto Geológico de España, 34: 82-171.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1915): Nota sobre la fauna paleozoica de la provincia de Lugo, Boletín del Instituto Geológico de España, 36: 277-305.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1920): Condiciones geológicas de los yacimientos catalanes de Bauxita Boletín del Instituto Geológico de España, Madrid: Graficas Reunidas.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1922-1935): Hierros de Galicia. Memorias del Instituto Geológico de España. Criadores de hierro de España, Madrid: Gráficas Reunidas.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1923): Análisis microscópico de los fosfatos del norte de África y de levante de España. Madrid. Gráficas Reunidas. Separata do Boletín del Instituto Geológico de España, T XLIV, IV.

HERNANDEZ SAMPELAYO, P.; SIERRA Y JOLDI, A. de; MENÉNDEZ PUGET, L.; MATA Y MARTÍ, C.(1926): Minas de Almacén, Madrid: Vicente Rico.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1928): A la memoria de Schulz, Revista Minera, Metalúrgica y de Ingeniería, 483-485.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1933): El Cambriano en España, Madrid, Gráficas Reunidas.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1934a): Notas sobre la Geología Gallega. Terrenos Paleozoicos, Boletín Real Academia Gallega, 256: 88-94.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1934b): Geología Gallega. Discurso leído en el acto de su recepción por D. Primitivo Hernández Sampelayo y contestación del Señor D. Agustín Marín y Bertrán de Lis, Madrid: Gráficas Reunidas.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1934c): Observaciones geológicas en la provincia de Alicante: cuenca del Vinalopo, Madrid: Romo; Barcelona, Verdaguer.

RUBIO, E.; MESEGUER, J.; ALVARADO, A.; HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P.; PEÑA, L. de la (1935-1942): Explicación del nuevo mapa geológico de España en escala 1:1.000.000, 3 v., Madrid: Gráficas Reunidas.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1941): El caolín de Cances (Carballo) de la provincia de La Coruña. Notas y comunicaciones del Instituto Geológico Minero de España, Boletín del Instituto Geológico y Minero de España, 8: 81-82.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1942): Explicación del nuevo mapa geológico de España. Tomo II. El Sistema Siluriano (Fascículo 1), Madrid: Instituto Geológico y Minero de España.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1942): El Cambriano de La Vecilla (León), Notas y Comunicaciones del Instituto Geológico y Minero de España, 9: 39-44.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1942): El sistema Siluriano. Explicación del nuevo Mapa Geológico de España, Tomo II. Lista de especies citadas en España. Memorias del Instituto Geologico y Minero de España, Madrid: Graficas Reunidas; 1ª Ed., pp. 596- 848.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1944a): Nueva fauna cambriana en Puerto Ventana (Asturias-León), Notas y Comunicaciones del Instituto Geológico y Minero de España, 12: 5-11.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1944b): Datos para el estudio de las hojas del mapa geológico 1:50000. Gijón (14) Oviedo (29). Instituto Geológico y Minero de España, Madrid: Gráficas Reunidas.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P.; HERNÁNDEZ SAMPELAYO, A. (1944c): Datos geológico-mineros de la zona de Betanzos, Estudios Geográficos, 15. (Nota presentada no Congreso de Xeografía celebrado en setembro de 1943 en Santiago de Compostela).

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1946): Las Faunas Paleozoicas y la Tectónica Herciana del Macizo de Puig d’Alp (La Molina- Gerona), Boletin del Instituto Geológico y Minero de España, LIV: 129-164.

HERNANDEZ SAMPELAYO, P.; RIOS GARCÍA, J.M. (1948): Ahora hace cien años: ojeada retrospectiva, Madrid: Ed. Coullaut.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1949a): Fundamentos de una morfología asturiana, Boletin del Instituto Geológico y Minero de España, 62: 351-401.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1949b): Estudio geológico acerca de la resistencia e impermeabilidad de un embalse y su presa de cierre en el río Coa, región de Beira Baixa, Revista de obras públicas, 97, I: 258-279.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1949c): Criaderos de mineral de hierro en la Sierra de la Demanda (burgos y Logroño), Revista de la Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid, 9: 1-51.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1950): El Excmo. Sr. D. Guilermo Schulz, Estudios Geológicos, 6 (11):4, 6.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1951a): Geología de la cuenca del vaso de Articutza, Munibe, 3: 57-61.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1951b): Recorridos por el Urumea, Munibe, 3 (2): 109-114.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1951c): Carbonífero de Burgos. Zaragoza, Instituto Nacional de Combustible, Combustibles, 55: 21-40.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1951d): Condiciones más generales de los criaderos de hierro paleozoico (N.O. de España). II Asamblea General Instituto del Hierro y del Acero, Madrid: Gráficas Reunidas.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1951e): Hoja nº 158 (Ponferrada) del Mapa Geológico Nacional (1ª Serie) a escala 1:50.000, Madrid: Instituto Geológico y Minero de España.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1951f): Explicación de la Hoja Nº 192 Lucillo (León) , Madrid: Instituto Geológico y Minero de España.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1953): De la vida marina paleozoica. Discurso inaugural del curso 1953-1954, leido en la sesión celebrada el dia 11 de Noviembre de 1953, por el... Excmo. Sr. D. Primitivo Hernandez Sampelayo, Madrid: C. Bermejo.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1954): Fosiles de la zona carbonifera de Vinon y Torazo (Asturias), Estudios Geológicos, 21: 7-48.

HERNÁNDEZ SAMPELAYO, P. (1955): Coto minero de Formigueiros (Lugo). Instituto del Hierro y del Acero, Madrid: Gráficas Infante.

DELEPINE, G. (1946): Faunas marinas del Carbonifero de Asturias, Boletín del Instituto Geológico y Minero de España, 54: 22-127. Traducción de P. Hernández Sampelayo do traballo de G. Delepine (1943): Les faunes marines du Carbonifere des Asturies (Espagne), Mémoires del’Académie des Sciences de l’Institut de France, 66 (3) : 1-122.


Bibliografía secundaria:

AYALA-CARCEDO, F.J.; PEREJÓN, A.; PUCHE, O.;JORDÁ, L. (2005): El XIV Congreso Geológico Internacional de 1926 en España, Boletín Geológico y Minero, 116 (2): 173-184.

FERNÁNDEZ DE BOBADILLA, F. (1963): El yacimiento de mamíferos fósiles de Villarroya, Berceo, 67; 211-220; 69: 387-394.

MATÍAS RODRÍGUEZ, R. (2006): La Minería Aurífera Romana del Noroeste de Hispania. Ingeniería minera y gestión de las explotaciones auríferas romanas en la Sierra del Teleno (León-España), Nuevos Elementos de Ingeniería Romana. III Congreso de las Obras Públicas Romanas. Astorga. 2006; pp. 213-263.

RÁBANO, I. (2006): Patrimonio Geológico Mueble del Instituto Geológico y Minero de España: Colecciones paleontológicas históricas del Paleozoico Inferior de la provincia de León en el Museo Geominero, De Re Metallica, 6-7: 7-12.