culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Ignacio Bolívar y Urrutia

O organizador da ciencia

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Xosé A. Fraga Vázquez
  • Data de alta: 01/03/2013

Extras de Ignacio Bolívar y Urrutia: 

Extras sobre Ignacio Bolívar y Urrutia:

Galeria



Bolivar1.jpg
Bolivar1.jpg

Como citar esta páxina:

  • Xosé A. Fraga Vázquez ([2013], “Ignacio Bolívar y Urrutia”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 04/06/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=423
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Madrid 1850
  • Falecemento: México 1944
Estudou Dereito e Ciencias Naturais na Universidade de Madrid. En 1875 obtivo por oposición unha praza de axudante do Museo de Ciencias Naturales de Madrid e, en 1877, a cátedra de Entomoloxía da Universidade Central, levando a cabo a súa actividade científica entre estes dous centros. Vinculado ao krausismo e á Institución Libre de Enseñanza desde a mocidade, foi fundador do Ateneo propagador de las Ciencias Naturales e durante décadas xogou un papel central en institucións básicas da ciencia: director do Museo de Ciencias Naturales desde 1901, fundador da Sociedad Española de Historia Natural, presidente da Junta para Ampliación de Estudios. Como conselleiro e presidente do Consejo Nacional de Instrucción Pública, participou de xeito decisivo nas reformas do ensino científico universitario e exerceu unha influencia moi salientable nas instancias políticas encargadas da planificación da ciencia. O compromiso coa II República levouno a exiliarse tras a vitoria fascista de 1939. En México, e a pesar da avanzada idade, contribíu como director á publicación desde 1940 da revista Ciencia. Revista hispanoamericana de ciencias puras y aplicadas, que recollía unha parte substancial da produción científica do exilio (Cobos Bueno; Pulgarín Guerrero & Carapeto, 2002).

O proceso de institucionalización da Historia Natural liderado polo catedrático Mariano de la Paz Graells a mediados do século XIX (Fraga, 2001), tivo continuidade grazas ao labor de científicos como Bolívar. O entomólogo desenvolveu un importante e orixinal labor investigador e creou unha cualificada escola científica, concentrando ao seu redor un amplo grupo de traballo e estimulando o labor de moitos especialistas (véxase, como exemplo, Morales Agacino, 2011). Mais non todos os científicos da época interesados polas Ciencias Naturais estiveron de acordo co liderato “en exclusiva” de Bolívar e o xeito no que el e o seu grupo apoiaban a determinados colegas en base a consideracións sectarias. Así aconteceu, por exemplo, no respaldo a “botánicos de cátedra” fronte aos que facían traballo de campo, o que provocou un distanciamento con botánicos sobranceiros. Ou o apoio inxustificado a Augusto González de Linares na súa aventura para establecer unha estación de bioloxía mariña (Fraga, 1996). A situación levou a enfrontamentos máis ou menos fortes con científicos da talla de Carles Pau e Odón de Buen (Laínz, 2001; Dosil & Fraga, 2001).

Relación con Galicia

No ámbito da educación científica tiveron especial incidencia as reformas impulsadas por Bolívar, favorables ao ensino práctico. Asemade, os seus libros de texto permitiron a difusión dunhas Ciencias Naturais modernas. Antonio Vila Nadal, antigo alumno del, utilizou nas súas clases de Historia Natural da Universidade de Santiago o manual Nuevos Elementos de Historia Natural (Bolívar & Calderón, 1900), segundo indica no Programa de las lecciones de Mineralogía y Botánica (Vila Nadal, 1902). Probablemente este profesor usara, con anterioridade, Elementos de Historia Natural (Bolívar; Calderón & Quiroga, 1890). Os dous libros parten dunha ampla e moderna bibliografía e realizan unha boa descrición da teoría darwinista e das súas consecuencias para a Bioloxía. Consideran ao organismo vivo en relación co seu entorno, nunha perspectiva diferente á contemplada nos manuais españois anteriores.

Bolívar centrou o seu labor investigador no estudo dos Ortópteros. O coñecemento destes insectos no Estado español era, nos primeiros anos setenta, escaso, e o labor deste especialista permitiu un avance singular, chegando a ser unha autoridade mundial no tema. Con vinte tantos anos publicou a Sinópsis de los Ortópteros de España y Portugal (Bolívar,1876-1878), un dos estudos máis salientables aparecidos nos Anales de la Sociedad Española de Historia Natural nesa época. O traballo sobresae polo enorme esforzo de recolección, estudo e revisión do grupo e pola metodoloxía moderna que apunta. Recolle algúns exemplares procedentes de Galicia, enviados polo naturalista Víctor López Seoane, como sinala e agradece Bolívar describindo Ephippiger Seoanei, de Cabanas. Ademais, ao remate do longo artigo agradece a axuda de varias persoas que residían en Galicia, como o propio Seoane, o profesor da Universidade de Santiago, Gerónimo Macho, e o do Instituto de A Coruña, Tomás Rico Jimeno. Nos Apuntes para el estudio de los Pérlidos de España (Bolívar, 1902), inclúe, entre os exemplares estudados, algún como Isopteryx Burmeisteri Pictet, de “Villa Rutis en la Coruña”.

A circunstancia de que o naturalista Seoane fose un dos poucos especialistas interesado nos Ortópteros fixo que se establecera unha relación científica entre os dous autores. Os contactos iniciáronse en marzo de 1874 e a relación epistolar vai durar practicamente ata a morte de Seoane, en 1900, se ben acada a máxima intensidade nos derradeiros anos setenta e primeiros oitenta, coincidindo co momento de máxima actividade en Ortópteros de Seoane. Este autor sinala, no seu artigo “Ephippiger du Nord de l'Espagne “ (Seoane, 1878 a), que de dúas especies descubertas por el, cedeu unha, para a súa descrición, ao seu “ami” Bolívar. Trátase de E. Seoanei Bolívar e E. Bolivarii Seoane, que describe neste artigo. No folleto Notas para la fauna gallega (Seoane, 1878 b), sinala o envío de Ectobia Haeckeli a Bolívar para a Sinopse e realiza algún comentario crítico.

O labor científico e institucional de Bolívar tamén incidiu na Bioloxía mariña galega. Publicou “Apuntes acerca de los aparatos de pesca empleados a bordo de la Hirodenlle por S.A.S. el Príncipe de Monaco” (Bolívar, 1891), no que se fai eco da presencia do Polybius Henslowi, patexo, como abondoso en Galicia, e conta detalles da estancia do Príncipe de Mónaco en Galicia. En Hallazgo del "Chlamydoselachus anguinus" Garner en Galicia (Bolívar, 1907 a) deu conta dun exemplar de Chlamydoselachus anguinus pescado preto de A Coruña en 1906, unha especie moi rara, da que non houbo citas posteriores. Publicou despois outra nota máis ampla e con 2 láminas, “Indicación de algunos peces notables de La Coruña” (Bolívar, 1907 b).

No terreo institucional, tivo un papel protagonista na creación da primeira Estación de Bioloxía mariña do Estado español (Cazurro & Arias, 1921). O seu apoio ao proxecto de González de Linares, a instancias de Francisco Giner, foi decisivo para que a Estación se puxera en práctica (Fraga, 1996). Desde o seu posto no Consejo Nacional de Instrucción Pública apoiou a proposta de Linares de situar a Estación en Santander, en detrimento das razoables solicitudes doutros puntos, entre elas as galegas.

A creación en 1914 do Instituto Español de Oceanografía (IEO) desatou un enfrontamento entre este e o Museo de Ciencias Naturales por controlar a Bioloxía mariña en España. Como consecuencia da expansión do IEO, o Museo viuse privado das súas instalacións costeiras. Para solucionar esta cuestión, e despois de moitos esforzos, en 1932 o Museo, da man de Bolívar, acada a creación da Estación de Bioloxía mariña de Marín como centro dependente desa institución. Así, durante uns anos, Marín e Pontevedra serán centro dunha notable actividade docente e investigadora na que salienta a participación de Faustino Miranda, Ramón Sobrino e Bibiano Fernández Ossorio-Tafall (Dosil & Fraga, 2001).

Un derradeiro aspecto que debe consignarse é o relativo á formación de especialistas. Bolívar foi mestre de numerosos profesores e investigadores galegos, ou que traballaron en Galicia, como son os casos de Antonio Vila Nadal, Antonio García Varela, Luis Iglesias, Félix Gila, Tomás A. Montalvo, Carlos Velo Cobelas, etc.



Bibliografía:



Fontes manuscritas:

Correspondencia Victor López Seoane-Ernesto Caballero. Instituto “José Cornide” de Estudios Coruñeses.


Fontes impresas:

Hai unha relación de traballos, ata 1921, en CAZURRO & ARIAS ENCOBERT (1921). Das publicacións relacionadas con Galicia salientamos:

BOLÍVAR Y URRUTIA, I. (1876-1878): Sinópsis de los Ortópteros de España y Portugal, Anales Soc. Esp. Hist. Nat., V: 79-130; 259-304; 305-372.

BOLÍVAR Y URRUTIA, I. (1891): Apuntes acerca de los aparatos de pesca empleados a bordo de la Hirodenlle por S.A.S. el Príncipe de Monaco, Anales Soc. esp. Hist. Nat. , XX: 385-424.

BOLÍVAR Y URRUTIA, I. (1902): Apuntes para el estudio de los Pérlidos de España, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat., 2: 204-207.

BOLÍVAR Y URRUTIA, I. (1907 a): Hallazgo del "Chlamydoselachus anguinus" Garner en Galicia, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. , VII: 187.

BOLÍVAR Y URRUTIA, I. (1907 b): Indicación de algunos peces notables de La Coruña, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. , VII: 206-209; 2 láminas.

BOLÍVAR Y URRUTIA, I. & CALDERÓN, S. (1900): Nuevos Elementos de Historia Natural, Madrid: Imp. Fortanet.

BOLÍVAR Y URRUTIA, I; CALDERÓN, S. & QUIROGA, F. (1890): Elementos de Historia Natural , Madrid: Imp. Fortanet.


Bibliografía secundaria:

BARREIRO, A. J. (1944): El Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid: CSIC.

CASADO DE OTAOLA, S. (2001): Quiroga, Calderón, Bolívar. La ciencia del campo. Naturaleza y regeneracionismo Madrid: Nivola.

CASADO DE OTAOLA, S. (2006): Ignacio Bolívar y la modernización de la historia natural en la Junta, Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, 63-64: 189-205.

CAZURRO, M.; ARIAS ENCOBERT, J. (1921): Ignacio Bolívar y las Ciencias Naturales en España, Madrid: Imp. Clásica Española.

COBOS BUENO, J. M.; PULGARÍN GUERRERO, A.; CARAPETO, C. (2002): Ciencia: Revista hispano-americana de ciencias puras y aplicadas (1940-1975), Llull, 25, 53: 329-368.

DOSIL, X. & FRAGA, X.A. (2001): Constitución de la estación de Biología marina de Marín (Pontevedra), Estudios de Historia das Ciencias e das Técnicas , Pontevedra: Deputación Provincial; t. I, 185-192.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1996): La institucionalización de la biología marina en España. El mito de González de Linares (1845-1904), Antilia (Revista Española de Historia de las Ciencias de la Naturaleza y de la Tecnología), vol. II, art. 1.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2001): La constitución de la Historia natural en España. La actividad de los naturalistas a mediados del siglo XIX y el proyecto de catalogación de Graells, Ingenium, 7: 225-242.

GOMIS BLANCO, A. (1988): Presentación, Ignacio Bolívar y las ciencias naturales en España, Madrid: CSIC; p. IX-XV.

LAÍNZ, M. (2001): Algo sobre las relaciones de Pau con Ignacio -y Cándido- Bolívar, Anales del Jardín Botánico de Madrid, 59, 1: 125-134.

MORALES AGACINO, E. (2011): Memorias de un naturalista, Madrid: Ministerio de Medio Ambiente.

SALA CATALA, J. (1987): Enseñanza e investigación biológica en la Universidad de la Restauración (1875-1923), Universidades Españolas y Americanas, CSIC, Generalitat Valenciana (eds.), Valencia: Generalitat; p. 505-518.

SEOANE, V.L. (1878 a): Ephippiger du Nord de l'Espagne, Ann. Soc. Entom. Belg. , XXI: LXX-LXXIV.

SEOANE, V.L. (1878 b): Notas para la fauna gallega, Ferrol: Imp. de El Eco Ferrolano.

VILA NADAL, A. (1902): Programa de las lecciones de Mineralogía y Botánica, Santiago: Tipografía Galaica.