
ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Ricardo Bernárdez
Protagonista da consolidación das institucións médicas liberais en Galicia
Nacemento:Vigo 1780.
Falecemento: DescoñecidaA Coruña
Autor/a da biografía: Rafael Sisto Edreira
Data de alta: 08/03/2013
Ámbitos de ocupación: Medicina /
Realizou estudos de gramática latina na súa cidade natal, onde seu pai exercía de médico titular. Trasladouse posteriormente a Santiago para seguir a carreira de Medicina despois dos tres preceptivos cursos de filosofía, e obtivo praza no colexio de San Xerome. Taboada (1840) afirma que ampliou a súa formación en Madrid cos doutores Severo López e Neira, cos que practicou a clínica.
En 1807 foi nomeado Practicante Maior de Medicina Militar nos hospitais das tropas acantonadas nas costas de Galicia e Portugal, correspondéndolle trasladarse a Porto (Portugal), onde tivo que pasar reválida de estudos a principios de 1808. A mediados dese mesmo ano foi nomeado médico de número do Hospital Militar de Tui e, ao ano seguinte, auxiliar do Hospital de Vigo, onde xa estivera exercendo o seu pai e onde el tomará praza de primeiro médico do establecemento en 1813.
Destacado militante liberal, tivo que exiliarse en Burdeos (Francia) cando se produciu a restauración absolutista de 1823. Alí permaneceu uns dez anos, exerceu a súa profesión e iniciou a súa produción científica escrita, presumiblemente coa tradución da obra de François-Joseph Double (1776-1842), Informe sobre la cólera-morbo, leído en la Academia real de medicina de París, en su sesión general los días 26 y 30 de julio de 1831, que aumentou cunha táboa cronolóxica das principais irrupcións do cólera en Asia e Europa. Nesta etapa semella ter publicado tamén unha obra titulada Monografía sobre las fiebres en general.
De regreso a Galicia estableceuse en A Coruña coma médico titular da cidade, da súa Xunta de sanidade e da deputación provincial, encargándose interinamente da vicedirección do corpo de sanidade militar do distrito e formando parte da comisión provincial da Sociedad Médica general de Socorros mutuo. A maior responsabilidade asumiuna en 1840, cando se lle encargou a dirección da Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia y Asturias despois da súa reorganización coma consecuencia do alzamento progresista. Esta institución, creada dez anos antes, con sede en Santiago e logo trasladada á Coruña, tiña a misión de difundir os estudos científicos relacionados coa súa especialidade e de propor solucións para os problemas de saúde pública, especialmente no caso das enfermidades epidémicas e endémicas. Hai que salientar o seu esforzo na difusión da vacinación antivariólica e na loita contra a intrusión.
En 1834 dou ao prelo un estudo titulado Consideraciones sobre los efectos generales y particulares de los baños de mar, aínda que maior relevancia tivo o seu discurso de apertura na Academia Médico Quirúrgica, lido en 1841, cando era o seu vicepresidente (Bernárdez, 1841). Neste discurso fuxe dos temas típicos destes actos, pouco conflitivos e dedicados xeralmente a facer unha historia acrítica dos avances médicos, e proponse combater os abusos que fan os profesionais da época de certos remedios. Ecléctico e práctico declarado, capaz de valorar os pequenos síntomas diferenciadores, ataca con dureza aos sistemáticos. Pon coma exemplo o cambiante das teorías médicas a respecto das sangraduras, combate o abuso dos vexigatorios e epispáticos e denuncia as causas: a preguiza e a indiferenza, a ignorancia e a prevención sistemática que practican certos médicos, aínda afectados por certas supersticións existentes na profesión. A obra deixa translucir certa relación con Francisco Neira, xa que fai referencia, nos seus exemplos, a algúns comentarios feitos por Neira do visto nas súas viaxes.
Bibliografía:
Fontes documentais:
Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Expedientes persoais, cartafol 130.
Fontes impresas:
BERNÁRDEZ, Ricardo (1832): Informe sobre la cólera-morbo, leído en la Academia real de medicina de Paris, en su sesión general los días 26 y 30 de julio de 1831 [Tradución da obra de Double, François-Joseph (1776-1842)], Burdeos: Impr. de P. Véanme.
BERNÁRDEZ, Ricardo (1837): Consideraciones sobre los efectos generales y particulares de los baños de mar, A Coruña.
BERNÁRDEZ, Ricardo (1841): Discurso que en la apertura de la Academia Médico Quirúrgica de Galicia y Asturias pronuncio su vice-presidente, el licenciado (...), Coruña: Imp. de Iguereta.
Bibliografía secundaria:
COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1951): Diccionario bio-bibliográfico de escritores, Santiago: Ed. de los Bibliófilos Gallegos: T. I: 148-149.
MEIJIDE PARDO, A. (1988): La Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia y Asturias. Creación y primeros años de actividad (1831-1840), [Separata de Medicina Galaica, 41, A Coruña].
TABOADA LEAL, N. (1840): Descripción topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores con una noticia biográfica de varios hombres ilustres hijos del país, Santiago: Imprenta Vda. e hijos de Compañel.
Como citar esta páxina:
Rafael Sisto Edreira ([2013], “Ricardo Bernárdez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 26/09/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=424
Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=424
Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202