XAN | FEB | MAR | ABR | MAI | XUÑ | XUL| AGO | SET | OUT | NOV | DEC
xaneiro
Ánxela Bugallo suspende durante 14 meses a construción de dous edificios da Cidade da Cultura
31/01/2006
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, avisara no Parlamento que podía paralizar temporal das obras da Cidade da Cultura ata que se redefina o proxecto. En xaneiro Bugallo cumpriu o seu aviso ao dar a coñecer a suspensión provisional do xa anunciado, que afecta á construción do Teatro da Música e do edificio das Novas Tecnoloxías. Isto é posible grazas a un convenio asinado onte coa Unión Temporal de Empresas (UTE) encargada das obras e que percibirán 150.000 euros en concepto de custos indirectos.
 |
A Xunta presenta un plan cuadrienal para mellorar o patrimonio do Camiño
11/01/2006
Todos os representantes das comunidades polas que pasa o Camiño de Santiago reuníronse en Santiago, no marco da reunión plenario do Consello Xacobeo. Alí estaban a Ministra de Cultura e presidenta deste organismo, Carme Calvo, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e outros representantes para ver o balance da xestión no último bienio. Na reunión a Xunta presentou un plan cuadrienal dotado con 6 millóns para a recuperación de espazos públicos do camiño e da arquitectura tradicional en detrimento de eventos de duración temporal.
Galicia contará con catro centro científicos de referencia dentro do plan estatal de I+D
31/01/06
A Cidade do Mar e a Cidade Tecnolóxica en Vigo. Un Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas e outro dedicado á nanotecnoloxía en Compostela. Estas son as catro grandes apostas que fai o Ministerio de Educación e Ciencia no campo da Investigación e o Desenvolvemento (I+D) en Galicia. Segundo asegurou a ministra, María Jesús San Segundo, a intención do seu departamento é que este "sexan centro competitivos a nivel internacional".
Preséntase INEO, un clúster que agrupa sesenta empresas de tecnoloxías da información e da comunicación
17/01/06
O sector de tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) en Galicia contará en breve cunha nova ferramenta de desenvolvemento. INEO é o nome do clúster no que se acaban de agrupar sesenta empresas do noso país que se dedican a este sector e que, aseguran, facturan 80 millóns de euros anuais. Este novo colectivo, que ten a súa asemblea fundacional o 16 de febreiro de 2007, pretende abordar proxectos conxuntos e potenciar o desenvolvemento das TIC en Galicia.
Presentase a nova editorial Rinoceronte Editora especializada en tradución
02/01/2006
Rinoceronte editora nace da man de Moisés R. Barcia para verter ao galego títulos da literatura internacional, tanto clásicos como actuais. Na súa presentación o catálogo inclúe sete títulos na colección Contemporánea e tres na Clásica. Os primeiros libros que verán a luz son "Seda" de Alessandro Baricco e "O bosque dos raposos aforcados" de Arto Paasilinna.
Medio Ambiente propón unha moratoria para a construción de parques eólicos en zonas protexidas
16/01/2006
A construción de parques eólicos en zonas naturais protexidas, común ata o de agora, podería paralizarse de prosperar a proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez. O titular deste departamento anunciou a súa intención de solicitarlle ao Goberno que aprobe unha moratoria sobre a construción destes complexos en espazos que conten con protección polo seu valor ambiental. Vázquez pretende aproveitar esa moratoria para desenvolver un debate con diferentes axentes políticos e sociais de cara a definir un desenvolvemento sostible deste sector.
SOGAMA anuncia que minimizará a cantidade de lixo que se incinera e apoiará empresas de reciclaxe
25/01/2006
A cantidade de lixo que a Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) incinera diminuirá nun futuro próximo. Segundo asegura o presidente desta entidade, José Álvarez Díaz, en "La Voz de Galicia", unha das súas prioridades é minimizar a cantidade de lixo que se incinera. Neste sentido, SOGAMA apoiará a creación de empresas dedicadas á reciclaxe. A falta deste tipo de entidades é unha das causas, segundo Álvarez, do escaso índice de recuperación dos nosos residuos.
[subir]
febreiro
Medio Ambiente quere paralizar novos encoros ao tempo que a Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa dos Ríos chega hoxe ao Parlamento
07/02/2006 e 21/01/2006
O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, anunciou a súa intención de paralizar os proxectos de dez novas minicentrais hidroeléctricas. Vázquez confía en chegar a un acordo para que as empresas que posúen os dereitos de dez concesións de aproveitamento e que non comezaron a explotalas, paren os proxectos. Neste mesmo mes, a Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa dos Ríos chega ao Parlamento logo de xuntar 39.000 sinaturas de apoio. Esta proposta reclama un novo marco lexislativo que corrixa a situación dos nosos cursos. A iniciativa popular chega con boas expectativas logo de que representantes de grupos parlamentarios e a Consellaría de Medio Ambiente transmitisen a súa intención de colaborar na tramitación.
 |
Galicia rexistra unha caída dun 16% na afluencia ás salas de cine
15/02/2006
A exhibición galega rexistra cotas cada vez máis baixas. A Asociación de Empresarios de Cine de Galicia acaba de ofrecer os seus datos relativos a 2005 e revelan que a afluencia ás salas baixou un 16% no último ano. A caída rexistrada en Galicia é superior á estatal, que se situou nun 12,50 %. As retransmisións deportivas en aberto, o auxe do cine na casa e a piratería son algúns dos motivos que se expuxeron para explicar o descenso de espectadores.
A estrea do `Hamlet´ que dirixe Lino Braxe supón a maior aposta privada polo teatro na nosa historia
16/05/2006
O máis célebre monólogo de Shakespeare chega ás táboas no noso idioma. "Ser, ou non ser...". A data do 17 de febreiro de 2006 promete entrar por dereito propio na historia do noso teatro. Lino Braxe é o encargado de dirixir a primeira representación profesional galega do clásico de Shakespeare, que protagoniza Luís Tosar. A montaxe conta ademais coa peculiaridade de ser a maior produción teatral privada que teñen visto as táboas do noso país. A obra conta co apoio de Rosp Corunna, propiedade de Rosalía Mera, e RTA, dirixida por Marcos Vieitez .
Preséntase o Proxecto-Edición, a primeira iniciativa conxunta do CGAC, o MARCO e a Fundación Seoane
01/02/06
Un ambicioso proxecto encol da edición e da comunicación coma ferramentas artísticas. Esta é a base do Proxecto-Edición, unha proposta pioneira que une os esforzos dos tres grandes certos de arte contemporánea do país: O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo e a Fundación Seoane. Esta iniciativa pretende, ao longo de tres anos, organizar obradoiros, conferencias e actividades que irán desde a edición sonora á que se fai en papel, incluíndo tamén a creación de obras dentro do propio proxecto.
Abre en Madrid a Fundación Feima para dar promover e respaldar artistas galegos
27/02/06
O matrimonio galego Jesús Rei e Lucía Bouzas creou en Madrid a Fundación Feima, unha sociedade creada para difundir e promover a arte e a cultura galega, e promover os novos artistas galegos en Madrid. A Fundación abría a súa sede o 28 de abril na rúa Fernando o Santo en Madrid con obras de Laxeiro, Antonio Murado e Antón Lamazares.
Cunqueiro tradúcese dun golpe ao árabe e dezaseis linguas máis
16/02/2006
O Salón do Libro de Casablanca, en Marruecos acolleou a presentación da anunciada tradución ao árabe de "Si o vello Sinbad volvese ás illas". Dous mil exemplares desta obra distribuiranse por diferentes países do mundo árabe. Ao tempo, a Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo anunciou unha homenaxe a Cunqueiro coincidindo cos 25 anos da súa morte cun libro no que se traduce este actor a dezasete linguas que se falaron ou se falan na península, entre elas o bretón, o grego, o árabe ou o latín.
[subir]
marzo
Un estudo do Consello da Cultura chama a atención sobre a contención da perda de falantes
28/03/2006
“Continúan as inercias históricas de perda de falantes, pero esa tendencia estase freando e incluso invertendo” con estas palabras Henrique Monteagudo presentaba en Santiago o informe “A Sociedade Galega e o Idioma. A evolución Sociolingüística de Galicia (1992-2003)”. Unha radiografía actualizada e profunda da situación do galego elaborada pola Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega a partires dos datos dunha das enquisas do Instituto Galego de Estatística (IGE). No acto, ao que asistiu o presidente da institución, Alfonso Zulueta, tamén se comentou que as profesións máis castelanizadas son as relacionadas coas forzas armadas e a xustiza.
 |
Vigo e A Coruña estrean un novo diario gratuíto
01/03/2006
Os habitantes de Vigo e da Coruña espertaron en marzo con ADN. É o nome do novo xornal gratuíto que conta con capital galego. Lanzado polo Grupo Planeta conta co apoio de "La Voz de Galicia" máis cinco grupos de prensa rexional. Diferénciase doutros xornais gratuítos en que ofrece un produto máis reflexivo, con importancia da fotografía e información en profundidade. O xornal conta con catro bloques temáticos: actualidade (que incorpora internacional, política e economía), vida (sociedade e tecnoloxía), deportes e lecer. O encargado da dirección de ADN en Galicia é José Luís Pando.
A Fundación Caixa Galicia patrocinará todos os programas culturais da TVG mercé a un acordo entre as dúas entidades
09/03/2006
Todos os programas culturais que emitan a Televisión de Galicia e mais a Radio Galega contarán co patrocinio da Fundación Caixa Galicia. A CRTVG e a fundación asinaban un convenio polo que a entidade privada achegará recursos económicos coa intención de facer destes espazos unha referencia neste campo. Pola súa banda a TVG comprometeuse a que os seus programas informativos acheguen unha información preferente a ciclos culturais arraigados coma o Festival Mozart ou o Are More, patrocinados tamén pola Fundación Caixa Galicia. Este convenio afectará a programas coma "Miraxes", "Alalá" ou "Planeta cine" na TVG ou ao "Diario cultural" ou "Os directos da galega" no caso da radio.
A Xunta incorpórase á Rede Internacional de Administracións Públicas polos Software Libre
31/03/06
Galicia comprométese a consolidar o emprego de programas non propietarios coa incorporación da Xunta á Rede Internacional de Administracións Públicas polo Software Libre. A directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, reuníase onte con representantes deste organismo e apuntaba que a incorporación se efectuará en breve. Ao se integrar nesta rede, o goberno galego poderá compartir experiencias con outras administracións sobre as posibilidades deste tipo de programas.
O sector das artes gráficas denuncia que o 60% da edición galega se imprime forra do país
13/03/2006
A Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia (AEGG) acaba de presentar o Proxecto Estratéxico do Sector de Artes Gráficas para o período 2006-2010. O informe revela que este sector, que agrupa a 1.104 empresas e emprega a 7.000 persoas, medra por riba da media estatal. Ademais, constata que ao ano impórtase (111.64 millóns de euros) máis do que se vende (44.5 millóns) e que o 60% da produción editorial imprímese fóra do país. Por ese motivo, pretenden reorganizar o sector e crear o primeiro Clúster do produto gráfico galego.
A produción editorial galega sitúase entre as máis baixas do Estado
20/03/2006
Os 2.014 títulos editados sen distinción de lingua, entre títulos e folletos, sitúan a produción editorial galega na sétima do Estado e, ao mesmo tempo, entre as comunidades cunha produción máis baixa. Son datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística que demostran tamén unha diminución con respecto ás cifras do 2004, cando se editaron 2.414 obras. Por provincias, a provincia da Coruña é a que conta cunha maior actividade (930 libros e 143 folletos) seguida de Pontevedra con 708 títulos e 171 folletos.
[subir]
abril
Ramón Villares elixido presidente do Consello da Cultura Galega por maioría
21/04/2006
Ramón Villares (Vilalba, 1951) é o novo presidente do Consello da Cultura Galega. A elección produciuse pasada as sete e media da tarde do xoves 20 na biblioteca da Institución e acadou o voto positivo de vinte e tres dos vinte e cinco membros do Plenario. O presidente electo agradeceu o traballo realizado polo seu antecesor, Alfonso Zulueta de Haz, e anunciou que precisará un tempo para avaliar a situación do Consello, non só para coñecer o funcionamento interno da institución, senón tamén para ver a súa valoración exterior, antes de definir as novas liñas de traballo.
 |
O deputado do BNG Francisco Rodríguez lembra a importancia da banda deseñada na nosa cultura nunha sesión do Congreso
05/04/06
O Congreso dos Deputados debatía unha proposta do Grupo Socialista sobre a creación dun premio estatal dedicado á banda deseñada. Durante o debate correspondente, o deputado do BNG Francisco Rodríguez explicou a moción que presentara solicitando que a promoción desta arte teña en conta as especificidades culturais das distintas autonomías. Na súa intervención, Rodríguez fixo un rápido repaso polos principais fitos da BD na nosa cultura, salientando figuras coma Xaquín Marín, Miguelanxo Prado ou Pepe Carreiro e iniciativas coma BD Banda, a AGPI as Xornadas de Ourense ou o grande éxito de público que é Viñetas desde o Atlántico. Durante o mesmo debate, tamén a vicepresidenta do Congreso Carmen Chacón mencionou a importancia do traballo de Prado e mesmo falou de "Os Bolechas" de Pepe Carreiro, como banda deseñada.
Ainhoa Arteta abre o programa de actos que conmemora o 40 aniversario da Fundación Barrié
05/04/2006
A Fundación Barrié cumpre 40 anos. Por iso, a entidade está a perfilar un programa de actos que estará cheo de nomes destacados. A primeira figura que se pasará por Coruña, será Ainhora Arteta. A soprano vasca actuará no Pazo da Ópera en outubro e, xunto coa Sinfónica de Galicia, ofrecerá un repertorio dedicado á arias de Mozart, Puccini, Dounod e Bellini.
A Xunta incorpórase á Rede Internacional de Administracións Públicas polos Software Libre
31/03/06
Galicia comprométese a consolidar o emprego de programas non propietarios coa incorporación da Xunta á Rede Internacional de Administracións Públicas polo Software Libre. A directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, reuníase onte con representantes deste organismo e apuntaba que a incorporación se efectuará en breve. Ao se integrar nesta rede, o goberno galego poderá compartir experiencias con outras administracións sobre as posibilidades deste tipo de programas.
Darío Xohán Cabana le o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega
24/04/2006
O acto de ingreso de Darío Xohán Cabana na Real Academia converteuse nunha homenaxe á xeración de escritores dos anos 50. O autor chairego lembrou no seu discurso de ingreso o traballo de autores coma Manuel María ou Méndez Ferrín, que foi precisamente o encargado de responder a alocución de Cabana.
Dios Ke Te Crew publica "Xénese", primeiro disco de hip hop integramente en galego
12/04/2006
O grupo Dios Ke Te Crew presenta "Xénese", o seu primeiro álbum. O traballo, producido polo propio grupo en colaboración coa discográfica Falcatruada é o primeiro álbum de hip hop feito integramente no noso idioma.
[subir]
maio
O Consello da Cultura súmase á iniciativa de reivindicar o dominio .gal
26/05/06
“A existencia dun enderezo único e fixo na rede para a nosa cultura tería implicacións orde económica, social e cultural”. Estas son algunhas das razóns esgrimidas polo Consello da Cultura Galega (CCG) para reivindicar que se habilite o dominio “.gal”. Deste xeito a institución súmase a unha iniciativa da que se leva falando unha temporada e que derivou na creación da Asociación PuntoGal, e na que participan a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a Real Academia Galega, entre outros membros.
 |
A Xunta creará un Consello de Parques Naturais e achegará axudas para os habitantes destes espazos
22/05/2006
A visita que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, fixo ao Parque Natural do Invernadoiro serviulle para anunciar novas medidas encol destes espazos protexidos. Por unha banda, Touriño anunciou que se creará un consello consultivo sobre os parques naturais galegos no que participarán os diferentes actores implicados nestes espazos, incluíndo os alcaldes dos concellos afectados. Ademais, prometeu achegarlle 1,8 millóns de euros en axudas aos habitantes destes espazos protexidos, "para que vivir nun parque non sexa unha penalización". En xeral, estas medidas queren consensuar as decisións sobre estas áreas e convertelas "en instrumentos de desenvolvemento económico", segundo asegurou o presidente.
Política Lingüística e o Instituto Cervantes asinan un acordo para ofertar internacionalmente cursos de galego
30/05/2006
O compromiso do Instituto Cervantes de ofertar cursos de galego na súa rede de centros recibía un novo pulo co convenio que esta institución asinaba coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O organismo de representación exterior do español ofertará a posibilidade de aprender galego nos seus sesenta centros, aínda que a realización efectiva dos cursos dependerá da demanda.
Morre en Barcelona o escritor Xavier Costa Clavell, destacado activista da cultura galega no exterior
09/05/2006
A morte sorprendeu en Barcelona a Xavier Costa Clavell, de oitenta e dous anos, despois dunha longa enfermidade. Narrador, xornalista, investigador da arte, articulista e, sobre todo, incansable difusor da nosa cultura na súa Barcelona de acollida, Costa Clavell levaba anos a desenvolver unha intensa actividade da que nin a súa doenza o afastou.
Os actos literarios e as homenaxes enchen de actividade o Día das Letras Galegas por toda Galicia
16/05/2006
Sada, localidade natal de Manuel Lugrís Freire, acolle unha sesión plenaria da Real Academia Galega. Ademais a Secretaría de Política Lingüística repartiu por centros de ensino materiais didácticos e carteis sobre esta figura, mentres a fundación Granell organiza maratón de lectura e hai previstas celebracións en diferentes cidades. A Secretaría Xeral de Política lingüística, o Seminario Galego de Educación para a paz e a Secretaría Xeral de Comunicación achegaron as súas posturas para unir a festa das letras co audiovisual e presentar “Cine para Convivir”. Un proxecto que leva películas galegas aos centros escolares. Praza das letras” é o nome da publicación da consellaría de Cultura e Deporte para a promoción do libro e da literatura que presenta nesta data sinalada e forma parte das iniciativas da Consellaría con motivo da celebración, entre as que destaca “17demaio.org”, un web no que ofrece información sobre todo os homenaxeados desde que a Real Academia Galega, decidise institucionalizar esta efeméride.
A situación dos lectorados de galego chega ao parlamento
24/05/2006
As críticas e denuncias de Olga Novo, ex-lectora de galego do Centro de Estudos Galegos de Rennes, sobre as irregularidades da súa situación no devandito centro motivan unha acendida polémica sobre o funcionamento destes lectorados en universidades foráneas. A responsable do departamento que os coordina, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Marisol López, comparecerá no Parlamento por petición do BNG para explicar a funcionalidade destas institucións e mais a situación concreta do centro de Rennes.
[subir]
xuño
Un pacto por unha herdanza de 1227 afiánzase como o documento en galego máis antigo dos escritos en Galicia
07/06/2006
Unha investigación do profesor Carlos Vázquez sobre o Mosteiro de Ferreira de Pallares tirou á luz o que resultou ser, polo de agora, o orixinal do documento máis antigo escrito en Galicia na nosa lingua. Segundo certificou o profesor Henrique Monteagudo, trátase dun pacto entre o abade deste cenobio e mais un matrimonio sobre unha herdanza, datado en 1227 e que presenta un encabezamento en latín. Dentro das súas investigacións sobre estes temas, Monteagudo sinala que está na pista doutro documento de febreiro do mesmo ano que se conservaría en Samos e ten por localizar outro referido a Melón que tería a data de 1223.
 |
"Barsowia" faise co Premio do Público ao mellor fanzine editado en 2005 no Saló de Barcelona
12/06/06
Aínda que non houbo pleno para os galegos candidatos, non se pode dicir que a nosa banda deseñada voltase de baleiro da última edición do Saló del Còmic de Barcelona. A publicación "Barsowia", editada polo colectivo Polaqia, fíxose co Premio do Público ao mellor fanzine editado durante 2005. A este galardón optan cabeceiras de todo o Estado, habitualmente todas en castelán. Barsowia naceu en 2003, ten os textos en galego e conta coa participación habitual de autores como Brais Rodríguez, Kike Benlloch, Diego Blanco, Hugo Covelo ou David Rubín.
Alfonso García Sanmartín é elixido presidente da Asociación de Editores
20/06/2006
Alfonso García Sanmartín, director de Rodeira, foi elixido onte como novo presidente da Asociación Galega de Editores, con dezanove votos a favor e só tres en contra. Entre o seu proxecto de xestión, que continuará o labor desenvolvido nos últimos anos, está a busca dunha nova sede para a entidade, que quere mudarse ás proximidades de Compostela. Con García Sanmartín completan a directiva Francisco Alonso, de Xerais, Pilar Sampil de Galaxia e Xosé Ballesteros, de Kalandraka.
A sociedade que xestiona os dereitos dos autores recadaron en Galicia no 2006 máis de 16 millóns de euros
12/06/2006
Máis de 16.1 millóns de euros. Esta é a cifra que recadou a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SXAE) en Galicia no 2005. Deste xeito, a entidade que se encarga de xestionar os dereitos dos autores en Galicia igualou as cifras acadadas no último ano Xacobeo, no 2004. No detalle, a música en vivo recadou 647.000 euros, mentres que a música clásica acadou 103.300 euros, un 13.5% máis que no último ano. A SXAE aproveitou a presentación dos resultados para confirmar que o 2007 será a data de inauguración da súa sede en Santiago e un dos conselleiros da entidade, Claudio Prieto, asegurou que será “a estrela das delegacións e converterase nunha especie de motor da cultura”.
A TVG pretende achegarse a un público máis novo e urbano con novos programas
13/06/2006
En medio da polémica sobre as súas cifras de audiencias, a Televisión de Galicia, dálle unha volta máis á súa grella para presentar novos programas. O primeiro deles comezou onte e é o primeiro late night da cadea pública. Chámase “Somos unha potencia” e está presentado e dirixido por Carlos Blanco e producido por Antón Reixa. Con iniciativas coma esta preténdese atraer a un público urbano e máis novo. Iso si, sen descoidar ao público tradicional do ente público, para o que están previstos dous espazos “En pé de festa” e “Mundo verbena”. Este último estará dirixido por Jorge Coira todos os domingos e terá un presentador, tres reporteiros e colaboradores que elaborarán pezas breves.
O Catálogo de Especies Ameazadas da Xunta recollerá cento noventa variedades animais e vexetais do noso país
08/06/2006
As especies animais e vexetais ameazadas do noso país contarán con catro niveis de protección diferentes no primeiro Catálogo de Especies Ameazadas de Galicia. A Consellaría de Medio Ambiente está a ultimar este volume en colaboración con distintos científicos e grupos ecoloxistas. Polo momento, considérase que hai trinta e sete especies ameazadas de extinción, entre as que se encontran a herba de namorar, a aguia real, o mexillón de río ou o oso.
[subir]
xullo
O Parlamento Europeo acepta finalmente o emprego do galego nas súas relacións cos cidadáns
04/07/2006
Os cidadáns españois poderán comunicarse por escrito co Parlamento Europeo nas linguas cooficiais do Estado. A Mesa do organismo aprobou esta iniciativa grazas ao voto de calidade do seu presidente, Josep Borrell, que eliminou o empate entre apoios e rexeitamentos. Esta medida pon fin a un longo periplo para conseguir o recoñecemento para estas linguas na cámara, que rexeitara o pasado 26 de abril unha proposta semellante. Agora os cidadáns que o desexen poderán enviar escritos á Cámara nestes idiomas e recibir resposta nos mesmos.
 |
A Real Academia Galega decide dedicar á poetisa María Mariño o Día das Letras do 2007
10/07/2006
É a terceira muller que será homenaxeada con ocasión do Día das Letras Galegas desde que esta data se instituíu en 1963. A Real Academia Galega decidiu que sexa a poetisa de Noia María Mariño a figura que centre os actos desta celebración en 2007. Mariño, nacida en 1907, desenvolveu un labor poético que quedou recollido en dous únicos poemarios nos que a paisaxe do Caurel xoga un rol destacado.
O Consello da Cultura organiza esta semana un encontro internacional sobre migración
10/07/2006
Cincuenta anos despois do I Congreso da Emigración Galega en Buenos Aires, o Consello da Cultura organiza o Congreso Internacional Galicia: Éxodos e Retornos. Este encontro reúne en Compostela algúns dos investigadores máis destacados sobre os fenómenos migratorios das dúas bandas do Atlántico. Ademais, no encontro publicarase unha edición facsímile das actas daquel primeiro congreso da Emigración.
O Consello da Cultura presenta Loia, unha ferramenta web para difundir a lingua galega
27/07/2006
Todo o que pode querer saber alguén que se achega por primeira vez ao galego está en Loia. O web que presenta o Consello da Cultura Galega recompila datos coma a distribución xeográfica do noso idioma, a súa historia, o seu emprego actual e onde se pode aprender entre moitos outros contidos. O web conta con versións en castelán, galego e inglés, e a Consellaría de Educación difundirá os seus contidos nos centros educativos do país.
O Consello da Xunta ratifica hoxe a declaración do casco histórico de Vigo coma Ben de Interese Cultural
27/07/2006
Aínda que os rumores xa andaban no aire o pasado verán, finalmente o Consello da Xunta aproba a declaración do casco histórico de Vigo coma Ben de Interese Cultural. Logo de que en febreiro a Consellaría de Cultura puxera en marcha o expediente de protección para esta área, non se recibiu ningunha alegación, e finalmente o casco vello da Cidade Olívica conta co máximo grado de protección que establece a lexislación autonómica, o que obrigará a contar co permiso de Cultura para desenvolver actuacións na zona. Ao tempo, tomaranse medidas de promoción e de posta en valor deste casco histórico, o último das sete cidades galegas que recibe esta protección.
Greenpeace denuncia a existencia de corenta e seis puntos negros na costa galega en materia de urbanismo
05/07/2006
Galicia é a comunidade que presenta un maior número de agresións urbanísticas no seu litoral. Segundo o informe "Agresión a toda costa", que presentaba a organización ecoloxista Greenpeace, localízanse no noso país corenta e seis "puntos negros" onde o urbanismo pon en especial perigo as riquezas naturais da zona. No seu informe, Greenpeace alerta do perigo de urbanización excesiva na nosa costa, e salienta que os concellos prevén construír un total de 600.000 vivendas na vindeira década.
[subir]
agosto
O goberno estima en 77.000 as hectáreas queimadas durante os incendios do verán
28/03/2006
77.000 hectáreas queimadas segundo a Xunta (que emprega cálculos feitos cun GPS e o perímetro de cada zona) ou 88.000 segundo a Unión Europea (feitas a través de imaxes que ofrecen os satélites) fan o balance dos incendios acontecidos neste mes. Un feito avivou a conciencia social de numerosos voluntarios que saíron ao monte a axudar aos profesionais nas tarefas de extinción que chegaron a ter máis de cen lumes activos. O primeiro dos traballos a realizar é o de cubrir o chan cun manto vexetal para evitar a erosión, ademais de evitar os traballos con maquinaria pesada e conservar e estabilizar a capa de cinza. Ademais, os expertos aseguran que a repoboación atenderá aos obxectivos e aos terreos e coas técnicas adecuadas.
 |
O Consello das Comunidades Galegas analiza o papel da emigración no novo Estatuto e a reforma da Lei de Galeguidade
30/08/2006
Santiago acolleu o Pleno do Consello de Comunidades Galegas. Unha institución que asesora á Xunta no cumprimento da Lei da Galeguidade e que regula todo o que ten que ver coa xestión das comunidades que os nosos emigrantes foron creando nos seus lugares de acollida. Celébrase cada tres anos e desta vez, inmersos na reforma estatutaria, tiña un significado especial.
Catro autores galegos son galardonados no certame de banda deseñada do Injuve
02/08/06
Os premios anuais concedidos polo Instituto da Xuventude do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de novo recoñecen a banda deseñada feita por autores galegos. Diego Blanco, Roque Romero e Brais Rodríguez recibiron cadanseu accésit cun importe de seiscentos euros, en canto David Rubín mereceu un dos catro premios principais, que levan tres mil euros cada un. O certame do Injuve non é un concurso ao uso, xa que non solicita obras inéditas nin dunha extensión determinada. Premia un dossier de historietas breves, o traballo realizado por creadores menores de 30 anos ao longo do último ano. Os catro autores premiados son membros do colectivo Polaqia e contribúen ao volume colectivo "Barsowia en llamas" que sae este verán.
O Museo Nacional de Belas Artes inaugura unha mostra que afonda na relación de Laxeiro con Bos Aires
31/08/06
José Otero Abeledo (Lalín, 1908-Vigo, 1996), máis coñecido como Laxeiro, foi un dos representantes máis destacados da plástica galega. O seu legado segue vivo nunha fundación que leva o seu nome e que estes días ultima unha exposición no Museo Nacional de Belas Artes de Bos Aires aberta desde o 6 de setembro. Unha mostra que ten un especial interese dado que o pintor lalinense viviu na capital arxentina durante dúas décadas, unha estadía que deixou unha fonda pegada na súa faceta creativa. Ademais, a exposición inclúe obras descoñecidas do pintor porque proceden de coleccións particulares que nunca foran exhibidas.
Galicia está nos postos de cabeza do Estado por número de librarías na comunidade
31/08/2006
Un informe da Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros –Cegal- coloca a Galicia como segunda comunidade autónoma en número de librarías por habitante. O informe do Cegal establece que Galicia ten 138, 3 librarías por cada millón de habitantes, cifra só superada pola comunidade autónoma de Madrid con 153, 9, mentres que as dúas superan amplamente a media nacional que é de 97 librarías por cada millón. En termos absolutos Galicia é a cuarta comunidade en número de librarías, xa que conta con 327 comercios, o 8,93 por cento do total estatal. Os libreiros galegos relacionan esta situación coa dispersión do habitat e con deficiencias das infraestruturas bibliotecarias.
Os conservatorios superiores de Galicia impartirán as especialidades de Musicoloxía e jazz
28/08/2006
A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria anuncia as novas especialidades musicais que se poderán estudar desde agora. O Conservatorio Superior de Vigo impartira a especialidade de musicoloxía, mentres que o da Coruña ofrecerá a de jazz. A disciplina viguesa non existía en Galicia no ámbito dos conservatorios, mentres que na Coruña impartíase xa desde hai anos a materia de jazz, aínda que agora será unha especialidade.
[subir]
setembro
Dygra suspende a produción da longametraxe “Os mortos van ás presas” no quinto día de rodaxe
27/09/2006
Neus Asensi, Morris, Chete Lera, Manquiña, María Castro e así ata un total dun equipo de cen persoas estaba en Rinlo, preto de Ribadeo, para rodar unha das escenas previstas no plan de traballo de “Os mortos van ás présas” cando, e segundo contan membros do equipo artístico e técnico, chegou un comunicado da empresa informando que da cancelación da rodaxe e mesmo da película, alegando problemas financeiros. Esta foi a situación explicada polo equipo técnico e artístico que fixo público un comunicado para explicar, o que para eles é un feito sen precedentes, prexudicial para o audiovisual galego. “Os mortos van ás présas” era a primeira longametraxe de ficción de Dygra dirixida e guionizada por Ángel de la Cruz.
 |
Un foro remata o debate sobre a Cidade da Cultura
25/09/06
Un encontro de dous días dedicado a discutir todas as propostas que os axentes culturais do país lle presentaron á Xunta pecha o proceso de debate sobre a Cidade da Cultura. Compostela acolle este evento, coa idea de que o mes de abril se peche o futuro dos edificios e que para fins do 2007 poidan estar funcionando os primeiros elementos do complexo.
A Federación de Gremios de Editores sinala un incremento da edición en galego
18/09/2006
No 2005 incrementouse un 10,3% da edición de libros en galego, situándose así 1.706 títulos, dos que un 79% se fixeron no noso país. Así o afirma a Federación de Gremios de Editores no seu Informe "Comercio interior del libro en España 2005". En total a edición en galego supón un 2,5% da produción estatal de libros. Só no noso país, as editoras lanzaron 1.626 obras, un 2,3% máis do que en 2005, cunha tiraxe media de 2.104 exemplares, o que supón un incremento dos máis importantes do estado.
A Orquestra Sinfónica de Galicia celebra os seus quince anos centrándose na música galega
13/09/2006
A décimo quinta temporada da Orquestra Sinfónica de Galicia chega cunha especial presenza da música do país. Ademais de obras de Gaos, Baudiot, Pereiro, Balboa ou Soutullo, a formación estreará "De terra galega" de J.J. Castro, unha obra coral que compartirá sesión con "Carmina Burana".
A nova temporada do CDG achega o retorno á coprodución e a institución do Dramaturgo Residente
27/09/2006
"O regreso ao deserto", "Tarará-chis-pun" e mais "A piragua", xa anunciadas, son as tres producións que o Centro Dramático Galego estreará na temporada que presentou Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, en Santiago. Canda a estas, levarase ás táboas "Kamikaze", unha coprodución coa compañía PistaCatro que supón o retorno a este sistema de colaboración por parte do CDG. Outra grande novidade para esta temporada é a creación da figura do "Dramaturgo residente", un posto que será ocupado cada temporada por un creador galego. Desta volta será Cándido Pazó o encargado de escribir unha obra e de coordinar o curso "Pistas para unha dramática de actualidade" que se desenvolverá en novembro.
[subir]
outubro
A UNESCO fai oficial a declaración dos Ancares coma Reserva da Biosfera
30/10/2006
Aínda que xa estaba practicamente pechado desde días antes, foi venres 27 de setembro que o consello do programa Man and Biosphere da UNESCO fixo a declaración oficial. A serra dos Ancares pasa a contar co título de Reserva da Biosfera, unha distinción que comparte coa parte das montañas da provincia de León. Con esta declaración son xa tres as áreas galegas recoñecidas deste xeito pola UNESCO, coas Terras do Miño e Allariz.
 |
A Dirección Xeral de I+D+i presenta Diverciencia, un programa que aglutina iniciativas de divulgación científica
19/10/06
Arredor dun cento de actividades organizadas desde a Dirección Xeral de I+D+i e dunha vintena entidades integran o comezo do programa Diverciencia, que presentou Salustiano Mato, titular do departamento, no Consello da Cultura Galega. A idea desta marca é aglutinar todas as iniciativas de divulgación científica que se desenvolvan deste esta institución. Entre outras propostas inmediatas, intégranse na iniciativa a Semana da Ciencia, un novo programa de radio ou unha exposición itinerante sobre o cerebro. Ademais, e ao longo de todo 2007, programaranse excursións, obradoiros, conferencias, xogos e todo tipo de actividades, dirixidas especialmente aos mais novos.
Catrocentas obras de arte propiedade do Museo do Prado están prestadas a diferentes entidades galegas
30/10/06
Distintos museos e institucións do país custodian en préstamo nada menos que
catrocentas obras de arte propiedade do Museo do Prado. Así o revelaba onte "La Voz de Galicia", xornal que sinala ademais que ata trinta destas pezas están na actualidade en paradoiro descoñecido. Despois dos 163 debuxos que o museo madrileño xa lle reclamou á Escola de Artes de Santiago, o Museo de Pontevedra é o segundo centro que máis préstamos acumula, con 67 obras.
María Bouzas pasa a ser a nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual
16/10/2006
María Bouzas é a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, despois de que os socios a ratificasen no cargo que ocupaba de xeito provisional desde a dimisión de Manolo Gómez. A elección tivo lugar no transcurso dunha asemblea extraordinaria na que ademais da votación, se presentaron as actividades para o 2007.
O IGAEM anuncia a creación dun circuíto para músicos novos en colaboración con 35 salas privadas
30/10/2006
Co fin de estabilizar a oferta de música en vivo, que se concentra actualmente nos meses verán, o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais anunciou a posta en marcha dun circuíto de concertos para bandas novas. Nesta iniciativa o organismo público colaborará con 35 salas privadas de todo o país, coas que se compartirán custos de contratación. Está previsto que uns setenta grupos dedicados a diferentes xéneros participen no programa.
Ánxela Bugallo asina un convenio para crear en Montevideo a primeira biblioteca da emigración
24/10/2006
No Padroado da Cultura Galega, pioneira institución cultural galega en Uruguai, a conselleira de Cultura e Deportes Ánxela Bugallo asinou un convenio polo que se crea a primeira biblioteca pública da emigración galega. A Xunta enviará fondos e contribuíndo á catalogación e á dixitalización de obras, que se suman ao arquivo xa existente.
[subir]
novembro
Galicia e Portugal crean en Braga o Instituto de Nanotecnoloxía
02/11/06
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño e o Ministro de Ciencia e Tecnoloxía, José Mariano, anunciaron no transcurso da IV Mostra Portuguesa a creación do Instituto de Nanotecnoloxía de Braga. Un centro con características peculiares dado que é o primeiro centro de investigación científica que desenvolven de forma conxunta España e Portugal. Ademais do financiamento por ambos países, esa colaboración concrétase en que o centro, que estará rematado en catro anos, contará con profesorado das universidades galegas e portuguesas. Ademais, hoxe ten lugar en Pontedeume a inauguración da Semana da Ciencia, un evento que percorrerá as localidades galegas nos vindeiros dous meses divulgando ciencia a través de mais de cen actividades.
 |
Ramón Villares ingresa na Real Academia Galega cun discurso que lembra a figura de Otero Pedrayo
24/11/2006
O paraninfo da Universidade de Santiago acolleu o discurso de entrada de Ramón Villares como membro de número da Real Academia Galega. O historiador e presidente do Consello da Cultura leu un discurso que recuperou a figura de Ramón Otero Pedrayo. Víctor Freixanes foi o académico encargado de responder á intervención de Villares.
A Fundación Caixa Galicia faise co concurso público para xestionar o Teatro Colón e desenvolver a programación cultural na provincia coruñesa
27/11/2006
O Teatro Colón da Coruña reabre as súas portas, despois dunha remodelación integral do edificio. Pero non é só un cambio de aparencia, senón tamén da súa xestión xa que a Deputación coruñesa sacou a concurso público a adxudicación. Será a Fundación Caixa Galicia a que se encargue da programación de música, teatro e danza neste emblemático edificio. Ademais, esta fundación tamén se encargará da programación cultural dos concellos da provincia coruñesa. En total, a entidade financeira destinará 82.7 millóns de euros nos vindeiros catro anos.
O Instituto Cervantes abre a Biblioteca Cunqueiro en Damasco
27/11/2006
O autor de "Merlín e familia" volta estar de moda estes días xa que ábrese en Damasco a Biblioteca Álvaro Cunqueiro, dependente do Instituto Cervantes e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Mesas redondas e diferentes actos conmemorarán esta posta en marcha.
Presentado o Libro Branco da Educación en Música Tradicional en Galicia
10/11/2006
O informe presentado pola Fundación Sondeseu asegura que o ensino da música tradicional move un mínimo de tres millóns de euros, conta con 20.000 estudantes, organizan arredor dunhas 1.350 actividades, ten 640 profesores en 700 centros de ensino espallados por toda Galicia e este ano saen os primeiros titulados superiores da única especialidade que existe no país. Son algunhas das cifras do panorama actual da educación da música tradicional. A súa situación, os problemas e os retos de futuro veñen de pórse de manifesto nun congreso e no primeiro libro branco de educación do sector.
[subir]
decembro
O Parlamento aproba por unanimidade a agardada Lei do Libro e da Lectura
12/12/2006
A tan agardada Lei do Libro e da Lectura foi aprobada polo Parlamento con unanimidade dos votos. Na presentación do texto, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, anunciou que se destinarán máis de catro millóns de euros á aplicación da nova normativa, e que entre os obxectivos prioritarios está a informatización do Centro Superior Bibliográfico e da Rede de Bibliotecas, a adquisición de fondos e a promoción da lectura.
 |
A Xunta presenta un plan que duplicará o número de científicos e implicará capital privado
20/12/06
Oitocentos millóns destinará o Goberno galego en fomentar a investigación e o desenvolvemento. O novo Plan de i+D+i tentará duplicar o número de científicos, conseguir que se destine a este campo ata 1.5% do Produtor Interior Bruto e que o sector privado asuma a metade da actividade. O plan estará en vigor aos vindeiros catro anos e pretende mellorar a competitividade da economía e que os beneficios revistan na creación de emprego.
Inicia as súas actividades a anunciada Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento
11/12/2006
Meses despois da súa primeira presentación oficial o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidía a constitución da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento. Esta entidade, que reúne grandes empresas do país, universidades e Administración ten como primeiras encargas impulsar a creación de clústers, fomentar a incorporación de novas tecnoloxías nas empresas e desenvolver un instrumento de investimento de proxectos de interese preferente para Galicia. Entre os temas que tratará a fundación está tamén o desenvolvemento da Cidade da Cultura.
Cultura presenta "Mira por el" a primeira campaña de concienciación sobre patrimonio
14/12/2006
Por primeira vez unha campaña en medios e en centros educativos tentará concienciar a sociedade galega da necesidade de protexer o patrimonio cultural. Co lema "Mira por el", a proposta presenta o noso legado patrimonial como un grande museo ao aire libre. Canda aos anuncios, a proposta inclúe exposicións e concursos en centros educativos, e achegará tamén información e datos aos concellos. Ao tempo, a conselleira de Cultura destacou na presentación do programa que desde a mudanza do goberno duplicouse o número de expedientes e de sancións por delitos patrimoniais. O director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, anunciou futuras campañas neste sentido, que incidirán máis nas consecuencias de non protexer os bens patrimoniais.
Inicio das actividades do Centro Coreográfico Galego
15/12/2006
O Centro Coreográfico Galego comeza a bailar. Faino cunha produción propia (Vacuo que se estreará o 6 de xaneiro) e dúas coproducións: unha con “ExperimentaDanza” e outra con “Pisando Ovos”. Ademais, o Centro promoverá a investigación mediante a convocatoria de residencias artísticas e axudas económicas, e de organizar diferentes accións formativas dirixidas aos profesionais e aos cidadáns. Entre outras das iniciativas previstas para o vindeiro 2007, destaca tamén a posta en marcha dunha colección editorial e dun centro de recursos para a danza.
[subir] |