Anxos de Garda
De garda está Anxos Sumai durante toda a semana para que non se lle escapen as cousas realmente importantes ó seu redor. Sete días vistos desde un punto onde se cruzan as liñas do íntimo e o colectivo. Cada fin de semana unha nova entrega en Culturagalega.org
Anxos Sumai escoita unha música propia que lle tira dos pés e lle dá ganas de bailar alí onde lle cadre. É unha das moitas particularidades desta escritora que comparte cada semana cos seus lectores neste artigo onde mestura a realidade coa fición e dá pé a todo tipo de reflexións, sentimentos e vivencias que poderían ser os de moitos dos que a len.


<correo@anxossumai.com>
Artigos Anteriores
LIBRO ¿ANXOS OU DIAÑOS?
Roberto Ribao e Anxos Sumai mantiveron durante un ano debates dialécticos cheos de altura, humor e ironía na nosa edición Fin de Semana
Descarga aquí o libro
FIN DE SEMANA
Consulta as anteriores edicións da Revista de Fin de semana. Artigos de viaxes, opinión, personaxes coñecidos e interesantes, etc
Do venres 20 ao domingo 22 de febreiro de 2004


Bailando con dúbidas
Venres, 13
.- Non hai polo frito pero danme ganas de converter o día nunha excursión á praia e comer bocadillos e ensalada rusa cos pés na auga e un sombreiro de palla na cabeza. Teño ganas de bailar, de saltar de tres en tres os chanzos das escaleiras, de chegar ó cume do que sexa só por me sentir cansa e suorosa e descalzarme para afundir os pés, que o inverno tivo cativos, na herba que medra por vez primeira como medra o horizonte nos ollos da miña sobriña acabada de nacer. Quero unha pista de baile construída no momento xusto en que desexei bailar e pestanexei. Quero un momento eterno que naza dun pestanexo, de pulsar o botón da cámara de fotos. E téñoo agora. Agora collo a miña cabeza coas mans, séntoa no colo e acaríñome o pelo, ó sol da sesta de despois de comer.
Pola tarde Rebeca acompáñame a mercar disfraces para Inés e roupa de bebé para Rita. Cóntolle que teño moita ansiedade ultimamente, que debería parar e pensar se quero unha relación estable ou non.
—¿E por que? Se ti non tes ningunha relación...
É certo. A única relación que teño é co ghicho do bus que me miraba onte pola tarde. Imos cear á casa de Nancy. Discutimos un bo tempo sobre a gama de color terapia de Aghata Ruiz de la Prada.

Ama, cariño, que estamos enfadadas
Sábado, 14
.- A miña irmá Elvira está moi cabreada por como seguen mentíndonos sobre as armas de destrucción masiva, por como está a situación no ensino público e, en xeral, por todo o que supostamente vai tan ben. Na escola da Baiuca, os meniños e meniñas de primeiro ciclo tiveron que apuntarse a unha campaña de recollida de pilas para poder mercar un ordenador.
A miña irmá Elvira segue cabreada porque non sabe se soñou ou non que unha cadea de televisión ía meter un grupo de concursantes en pateras para facerlles o seguimento na travesía do estreito de Xibraltar. E parécelle inmoral, como a min, que se frivolice a morte de tanta xente na busca dunha mellor forma de vida. Cabréanos tamén que teñan audiencia os programas onde os concursantes van pasar fame a unha selva ou a unha illa deserta mentres millóns de persoas morren de fame de verdade, e non voluntariamente.
Así que, como estamos cabreadas xa non nos sorprende que leamos nun anuncio na contraportada dun periódico de tirada nacional: «Si quiere comprar un niño, antes adóptelo». En realidade poñía «Si quiere comprar un perro». Pero ó mellor nalgún momento vemos algo así. E se non lle gusta devólvao.
Namentres o meu irmán Chumi mira a Rita cun cariño infinito, Marita enche a mesa de petiscos e Inés viste un disfraz de bruxa azul porque é a súa festa de aniversario.
De Gonzalo Navaza: «AmA, Adán, se non non es nadA».

Máquina de tabaco
Domingo, 15
.- O curmán Mario apareceu como sempre, sen avisar, á hora da comida. Veu desta vez con Mariana, a súa noiva. Están contentos porque, en breve, regresarán a Bos Aires e, falando falando de Bos Aires, demos en discutir sobre política.
Pola noite, despois de facerlles unha visita a Elisa e a Xurxo, que tiñan uns discos para min —“Fever to tell” de Yeah Yeah Yeah’s e “Elephants” de White Stripes— volvo á miña casa. Pero o encontro casual cunha amiga que hai tempo que non vexo desvíame do meu camiño e acabo, con ela, nun bar da zona vella. Nunha mesa onda a nosa hai dúas parellas bebendo viño e discutindo airadamente sobre a maternidade e o papel do home na procreación.
—¡Se o único que facedes é poñer unha “semillita” e todo o demais facémolo nós! —di unha das mozas.
—Xa, e unha merda. É como se eu vou á máquina de tabaco, boto un par de euros e a máquina dáme un paquete de ducados. ¿De quen é o tabaco?: ¿Da máquina ou meu?
As mozas parece que quedan sen argumentos e a min case se me atora a cervexa nun ataque de risa. Creo que a partir de agora vou ver as máquinas de tabaco como bancos de seme.

Outros anxos
Luns, 16
.- Estou tomando uns cafés cuns amigos que me preguntan en que consiste o meu traballo. Explícolles que normalmente dou información bibliográfica pero que me chegan consultas do máis peregrinas. Unha vez unha señora chilena pediume a receita das filloas de leite para facer unha recepción na súa casa con motivo do Día das Letras Galegas; outra vez unha moza pediume un poema “bonito” para recitar na súa voda e un lector despistado mandoume un correo pedíndome que lle facilitase, por favor, a dirección de Valle Inclán que acababa de ler unha das súas obras e estaba moi emocionado.
—Por exemplo. Ti necesitas unha rede para un disfraz e non sabes como conseguila, ¿non? Pois ti chámasme e eu douche a información que necesitas. Non che dou a rede pero si os enderezos onde podes mercala.
Un chaval, sentado na barra da cafetería, achégase a nós.
—¿Necesitades redes?
—Pois si —dille Marga— Necesito unha rede coa trama máis miúda que esa que enlea a botella de Terry 1900. ¿Vela?
—Vexo. Eu na casa teño moitas brazas de redes do xeito. Para pescar non serven, que habería que arrombalas, pero para un disfraz seguro que si. ¿Cantas brazas che fan falta.
—Cinco, polo menos.
—Pois mañá telas. Chámame e quedamos para darchas.
Marga colle un boli para apuntar o teléfono do rapaz:
—¿Como te chamas?
—Anxo.
Curiosa casualidade. Non sempre resolvo tan facilmente as consultas que me fan no traballo. Os amigos ficaron pampos.
De Gonzalo Navaza: «Azar trazA, A torre da derrotA».

¿Como te chamas?
Martes, 17
.- Camiño da miña casa, xa de noite fechada, atopo na beirarrúa unha señora de gafas, pequena e con gabardina, intentando abrir un paraugas. A muller parece cabreada porque non o dá aberto. Intento axudala aínda que non sei para que, porque non cae do ceo nin unha pinga de auga.
—¿Sabes? —dime— Y mi mamá era ventrílocua, y hacía voces para que comiésemos. Pero una mierda íbamos a comer sopa de pollo. Había matado al pollo la muy hija de puta y le decíamos “mamá mataste al pollo” y ella decía “¿que pasa?, ¿es que lo queríais comer vivo?”. Y yo me negaba a comer y ella cerraba la boca y hablaba con el estómago, con la voz del demonio, para asustarnos y que comiésemos. Yo prefería marchar a casa de mi tía y comer aquella asquerosa prebe de sardinas. O a casa de mi abuelo, que tenía cabras, y por no comer la leche de vaca que me daba asco, me iba a casa de mi abuelo que me muxía la leche de las cabras en una taza y yo me la bebía sin rechistar. Y digo yo, si somos lo que comemos, yo debería ser una cabrona. Y es lo que soy: una cabrona. ¿Como te llamas?
—Luísa —respondinlle. Sempre que intúo que algo non vai ben e non quero dicir o meu nome digo que me chamo Luísa.
—Como la hija de puta de mi madre. ¿Tu conoces a mi madre?
—Non. ¿E ti como te chamas?
—¡Ah! ¿No sabes mi nombre? Lo sabe todo el mundo, todo el mundo. Me llamo como mi madre y como mi abuela
—¿Luisa?
—¡Noooo! Me llamo Maribel. Pareces parva, chica.

O panadeiro e a petición de man
Mércores, 18
.- O panadeiro chámase Xesús e parece moi boa persoa, sempre vestido cunha bata branca chea de manchas de cebola frita e fariña. De vez en cando chámano por teléfono para que vaia matar un porco ou un año. Chámano desde a súa aldea, que está a dez quilómetros de Santiago. Resúltame un pouco repulsivo velo sorrir cando colga o teléfono e me enlea o anaco de empanada que lle pedín. Sorrí porque gaña uns bos cartiños facendo matanzas e de paso sempre lle cae algún pedazo de carne. O señor gordo e pacífico e con cara de boa persoa e con nome de redentor transfórmaseme nun tío graxento, sanguinario e cruel. Collo a empanada e cómoa con Morris despois dunha crema de espinacas, que me repite toda a tarde.
Pola noite quedamos co equipo de “La petición de mano”, a curta na que traballamos en abril do ano pasado. Estréase hoxe. Falamos do tempo que pasou desde aquela e que todos parecemos máis novos, incluso Ernesto, que cumpre oitenta anos estes días:
Di Ben (que anda polos trinta): “Agora xa non falamos das nosas mozas, de se nos gusta esta ou aquela. Agora falamos de ter fillos ou separarnos, de mercarmos casa ou facermos un plan de pensións.”
Di Morris (polos corenta): “O máis fodido é cando entras na fase en que todo o mundo che di: que ben te conservas, que novo te atopo, pareces un chaval. É fodido, moi fodido”.
Di Ernesto (polos oitenta): Pois xa veredes cando vaides pola rúa e alguén que non vedes desde hai tempo vos diga: Oes, ¿pero ti non morreras?”
Ben. Imos á estrea. Hai moita xente. Alégrome de atopar na pantalla as galiñas, os cans, a ovella e o cabaliño Careto. A Balbino, Delfina e Valentín. Foi, a primavera do ano pasado unha época moi bonita para min. Distinta a esta, pero tamén bonita. ¡E gustoume ver o meu nome flotando sobre a pantalla xigante!

E quero bailar no Hubble
Xoves, 19
.- O tempo está tan bo que os raparigos saen á xogar á rúa. Hai xa días que me atopo con situacións semellantes cando paseo: rapaces xogando ó fútbol nas beirarrúas ou nas pequenas prazas, un balón descontrolado que salta á estrada e un meniño a punto de ser atropelado por un coche fica avergoñado cando o conductor lle bota unha bronca contundente e merecida. Un, polo menos, estivo a punto de quedar esparruchado no asfalto e non poder facer os deberes de matemáticas nin ver Sinchán.
E eu sigo tendo, coma o venres, as mesmas ganas de bailar. O venres era por culpa de Chuck Berry e do ghicho que me mirou no bus. Hoxe é por culpa do cedé de Yeah Yeah Yeah’s que me regalou Xurxo, o reloxeiro. Vou bailar á galaxia que fotografou o Hubble millóns de anos despois de que desaparecese, a facer un par de comentarios censurables —¿como non?— con Rebeca e Miguel sobre a tregua de ETA e a inventar un conto antes de dormir. Un conto que me atrape na espiral do soño ata mañá ás oito da mañá.
Vai moito frío esta noite. Aquí non neva, pero aí fóra seguro que si. Despídome con outro palíndromo de Gonzalo Navaza: «E vén a nevE, Amada damA, E Nela, o aléN». E, como sempre, moitos bicos.

Anxos Sumai [correo]
Información
Noticias
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
MeGA - Música
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Lista de desexos
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
Aviso legal
Licenza de uso
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org