Natalia Poncela:Balance, balançe…

Cando voltas dunha feira así, traes cheos de imaxes os ollos, e cansos os pés. Este ano os escaparates deste bazar anual, deixáronme prendas nos bolsos, que agora hei de colocar nunha caixa ben ordenada. Entre elas aparece un descubrimento: as imaxes precisas de Horacio Coppola (Jorge Mara-La Ruche) un fotógrafo arxentino, que traballa nos anos trinta-cuarenta e que enreda coas sombras e as composicións dun xeito sorprendente. Tamén aparece un especular Txomin Badiola (Soledad Lorenzo) e unhas Mentiras de Carmela García (Juana de Aizpuru), o vídeo obsesivo de Susana Mendes Silva (Carlos Carvalho), as cores de Salustiano (Christopher Cutts) e as historias do Sam Samore (Graça Brandao), as ensoñacións de Pauline Fondevila (Estrany-de la Mota), as fructuosas imaxes de Suso Fandiño (ad hoc) e o vídeo de Simón Pacheco (Bacelos). Siguen quedando máis cousas no tinteiro, pero hai que deixalas macerar un pouco máis.

* Natalia Poncela é redactora-xefa da revista ARTNOTES, que estará presente na feira.

14 / February / 2006

Suso Fandiño:Cae o telón

¡Que magoa! Outro ano máis agochando o vulto. Leo no “Faro de Vigo” que as galerías galegas encontran positiva a súa visita á “corte” madrileña, nunca escoite versión contraria ao que acabo de ler. Aquí o de que “cada un fala da feira segundo ….” é pura fraseoloxía dado que a todo mundo lle vai sempre moi ben. Sigo lendo e atopo o desglose de ventas observando sen sorpresa que a gran maioría forma parte do habitual subsidio do menudeo institucional. O mercado institucional responde a dous modelos básicos de comportamento; a saber, Modelo A “este ano tócache” e modelo B “este ano non che toca”. Mentres tanto e como cada ano, ao volver da corte madrileña penso e dubido sobre as bases deste curioso ecosistema de autocomplacenza e esmola pública. O vulto que agochamos empeza a ser demasiado grande para seguir oculto. Nesta feira, coma noutras, evidenciase as carencias dun modelo efectivo de industria cultural en relación ao sector da producción artística. Moitos senten pánico de falar nestes termos tan estructurais e tan pouco sublimes, pero o pano segue caendo cada ano mentres a farsa segue. Show must go on. *Suso Fandiño é artista visual. Está presente en ARCO’06 coa galería Ad Hoc.
*Suso Fandiño é artista visual. Está presente en ARCO’06 coa galería Ad Hoc.

14 / February / 2006

Mónica Alonso:E as protagonistas

As obras de artes están cheas de enerxía.O artista pon tanto nelas que ten que ser así. Non lles atribúo vida propia pero si sentimentos.
Criticamos, sufrimos, amamos, odiamos ARCO pero ¿que pasa coas obras de arte? Pobres…¿cal será o seu sufrimento? Elas tamén se compararán con outras, se sentirán mal expostas, mal miradas, ignoradas e, en casos, orgullosas. Farán amizades, terán desencontros. Eu a ti coñézote, coincidimos en ARCO 06, outra vez xuntas.
 Moitas delas non chegarán a ser ninguén pero algunha pasará á historia. Será mirada, mil veces mirada, desexada. Ningunha o sabe con certeza, o futuro en movemento está.
* Mónica Alonso é artista visual. Está presente en ARCO coa galería SCQ.

14 / February / 2006

Chus Martínez:ARCO no catálogo

Chegamos ao remate desta crónica de varias entregas cun balance bastante positivo en canto a organización do evento, á calidade das obras expostas e ó número de ventas. O ano que vén, a viaxe a ARCO será para coñecer a nova proposta directiva a cargo de Lourdes Fernández, que entre outras, afirma facer máis partícipes ás “galerías periféricas”, que se disperse o centro dominado por Madrid e Barcelona. E, sobre todo, con Corea como país invitado, podendo ser unha boa ocasión para achegarse a esta xeografía que estivo presente, con artistas e colectivas, en diversos proxectos europeos nesta última década. Polo de pronto, esta feira seguirá sendo parte das nosas conversacións nas próximas semanas, recollida nun catálogo triple que pesa máis que ningún outro ano, xa que en algo se tiña que notar a achega de María de Corral no comentado proxecto 16×16, o número de seccións e subseccións, o aumento de visitantes e as ventas. Mentres tanto, anotamos na distancia novas citas, por exemplo en maio, o Dfoto en Donostia.
* Chus Martínez é crítica de arte.

14 / February / 2006

Xosé Manuel Lens:O máis inmediato: Arco

Hoxe queda un tempo de recollidas. Embalar, reciclar folletos e descargar imaxes. Os galeristas anotarán novos coleccionistas, os coleccionistas farán oco nas súas paredes para as adquisicións, os críticos e xornalistas acabarán de pechar o retrato plural e moi complexo deste Arco’06 e o público, masivo de novo nesta edición, contará e recontará os paseos, as anécdotas e advertencias. Quédome cun comentario dunha coñecida galerista madrileña: “os visitantes de hoxe son os compradores do futuro”. Serán os críticos os directores do futuro? Os directores o público do futuro? Os coleccionistas os galeristas do mañá?
Máis vendas, máis público. Arco’06 despediuse tamén co relevo na súa dirección, Rosina Gómez Baeza deixa o seu cargo para dirixir o IAC, e dalle a benvida a Lourdes Fernández, recoñecida profesional do ámbito da xestión. Moitas preguntas por diante: financiamento, implicación ou non do sector público, máis selección, máis ou menos galerías nacionais, etc. Cuestións de resposta en Arco’07.
Quédome, coma sempre, co saúdo, encontro e sorriso de moita xente que fai de Arco un lugar de coincidencia; un punto de cruzamento de seis días. Aos que pasearon na miña compaña, grazas: Mónica Alonso, Suso Fandiño, Chus Martínez, Natalia Poncela, Álvaro Negro e Inés Ramiro. Quédome, tamén, con este foro de tempo real que significaron estes días na paisaxe da rede, cando Arco existe no espello galego.

* Xosé Manuel Lens é crítico de arte e comisario de exposicións.

14 / February / 2006

Mónica Alonso:Os puntos vermellos

É inevitable non fixarse nestes puntos vermellos que acompañan as obras en ARCO e que significa que están vendidos. Remata a feira e vexo que case todas as obras están colocadas con puntos vermellos.
Cando me paseo pola feira penso que o espectador se pode sentir influenciado por estes puntos vermellos que parece dicir que esta obra é mellor, que ten máis éxito, que este artistas vende máis ca outros e… que ¡mesmo poder espertar sentimentos de envexa entre os artistas!. Cando son obras de edición múltiple aparecen tres, catro… ¡ata cinco puntos vermellos!
Eu este ano tiven un punto vermello e suponse que tería que ser boa noticia pero teño que recoñecer que me influiu. Este ano, por primeira vez, me pasei pola feira sen ter que dar explicacións. Eu son xenial, teño un punto vermello.

* Mónica Alonso é artista visual. Está presente en ARCO coa galería SCQ.

13 / February / 2006

Natalia Poncela:16 proxectos

Centos de stands e miles de obras precisan dunha boa dose de curiosidade e paciencia. Así, son as feiras; e esta ofrécenos, ben xuntiña, moita arte, nacional e internacional. Dentro do novo programa Dieciséis proyectos de Arte Español, destaca a vídeo-instalación La distancia correcta de Mabel Palacín. Unha peza que xa ten tres anos (unha eternidade para o ritmo do mercado artístico) na que a artista disecciona a relación entre o espectador e a imaxe fílmica, unha relación que xira arredor dos lugares nos que cada un destes elementos é situado, para manter esa distancia correcta, consensuada. O proxecto de Sergio Prego (Projecto ARCO’06) continúa na súa “especulacion” sobre as relacións espacio-temporais que rexen a imaxe en movimento, e sobre os dispositivos que a visibilizan, evidenciando a simulación do considerado “real”. As fotografías de Pierre Gonnord, nesta mesma sección, recuperan a presencia das ferramentas pictóricas barrocas para construir uns retratos que atrapan como redes os ollos espectantes. Tamén dentro desta sección resultan moi atractivos o traballo de Francesc Ruiz enredando cos recursos narrativos do cómic ou a Democracia de El Perro.     

* Natalia Poncela é redactora-xefa da revista ARTNOTES, que estará presente na feira.

13 / February / 2006

Chus Martínez:Conta atrás

Fin de semana frenético. Centenares de visitantes dificultan a visita ás galerías mentres os seus propietarios no deixan de embalar obras ante a atenta mirada dos compradores. Espacios atestados coma as galerías españolas Pepe Cobo, Luís Adelantado, Raquel Ponce, Juana de Aizpuru ou os proxectos de 16×16, xunto as americanas I-20 e Ramis Barquet, e as asiáticas Beijing Art Now Gallery ouGana Art Gallery, que contrastan en número cos visitantes das galerías austriacas, país invitado desta edición. Comezou a conta atrás revisitando os debuxos! de Abigail Lazkoz,  os retratos de Pierre Gonnord, os “mapas corporales” de Esther Pizarro e o video de Mabel Palacín. 
* Chus Martínez é crítica de arte.
 

13 / February / 2006

Xosé Manuel Lens:Vaia, vaia

Traxe infomal e chapiña vermella de VIP. Atopo un coleccionista, na cansina atmosfera que provoca Arco, diante dunha obra dun pintor moi coñecido. Dúas palabras atraparon a miña atención: “Vaia, vaia,… (silencio), pero agora fai estas cousas?” O personaxe era, segurísimo, un coleccionista que viña mercar, andaluz ou estremeño, e estaba completamente fascinado e estrañado/preocupado polo cambio dun artista do que, posiblemente, tiña unha obra colgada na súa casa. O pintor en cuestión agora proxectaba os seus traballos non desde o óleo ou o lenzo, senón desde o photoshop e a impresión sobre aluminio. Só mudaba o modo, pero seguía a ser pintura e, sobre todo, seguía a ser tremendamente coherente. O gran tema dos cambios, ai!!
 
Vexo afastarse ao coleccionista polo corredor cun milleiro de globos de banda deseñada (W$?%WmJª?¿&¿xS$?”&) sobre a súa cabeza. Agora só queda que mude a súa mirada. Iso, como moitas veces, dependerá do grao de intención dos interlocutores. Arco tamén ten algo diso: outra galería recibirá este coleccionista e terá un novo cliente.
 
Seguimos paseando polo Arco con máis pintura, con máis fotografía, dos últimos anos; vexo moito debuxo e case ningún chill-out; moitas colas para comer, para unha Fanta ou para ir ao baño. Atrás queda un sábado completamente petado e un domingo menos dominical que outros anos. Influiría a coincidencia con ArtMadrid? Sorpréndome de nomes que hoxe están colgados na primeira fila, nos escaparates das galerías que dan aos corredores, cando outros anos ou non estaban ou só podían conformarse cunha parte traseira do stand ou cun almacén. As escalas dunha feira!!

 * Xosé Manuel Lens é crítico de arte e comisario de exposicións. 

13 / February / 2006

Suso Fandiño:Público, público e máis público

En realidade non sei porque me sorprende tanto, eu que me significo por detestar o sacrosanto silencio dos museos e centros de arte contemporáneo, pero por hai non van os tiros. O espéctaculo mediático que predecía hai uns días acaba por eclosionar con toda a súa intensidade, centos e centos de visitantes ávidos do escándalo prometido polos medios. La voz de Galicia na súa contra de onte apunta e dispara dende o doado discurso do que é ou non é arte, Antena 3 e outros medios buscan pola feira rarezas que mostrar. O público deambula polas stands cas cámaras dixitais preparadas como francotiradores. Menos mal que nos quedan  galerías  como Changing Role Move de Napoles ou artistas como Don Brown.

*Suso Fandiño é artista visual. Está presente en ARCO’06 coa galería Ad Hoc.

11 / February / 2006

Posts previos


Galerias


Reportaxes


A feira de galerías máis importante do Estado cumpre vinte e cinco anos. Faino cunha festa por todo o alto onde a arte é a gran protagonista. Hai outros nomes propios: o de Austria como país convidado, o das sección habituais, os “Project rooms”, “Cutting Edge”, as mesas redondas e as seccións temáticas.... Segue a feira día a día no noso especial de ARCO, onde seis especialistas analizarán o que da de si esta edición neste blog.

Cronistas

Ligazóns

Fluxos RSS