Atalaia

Arte contemporánea en Galicia
Vigo -Pontevedra- (1958)
Vive e traballa en: Vigo

A miña obra desposúese de formas concretas, bórranse os límites para seguir avanzando no cadro; a cor expándese excedendo o soporte a través da mirada do espectador. Flota, latexa a luz, vive a cor. Un espazo en branco da mente, uns poucos recordos no baleiro, un lugar mental onde busco un nome que non chega, un apelido, unha palabra, un concepto. Unha cor mariña, unha augada no aire da pintura, metades do vivido. É luz de cinema, o instante en que nace cálida na pantalla. Imaxe retiniana.

Algunhas formas máis concretas descúbroas no cotián, a arte do encontro, porque esas formas xa estaban na miña mente, na miña caligrafía das cousas. Utilizo bolsas de plástico, cintas de embalar transparente, espuma, pel de froitas, vexetais, ovos fritos...

A última obra fala dos retrincos da memoria -troqueladora de recordos--, do paso dos días; páxinas dun libro onde cada folla cobre a anterior para afastarse despois cara á nada. Utilizo as tesoiras para expresarme plasticamente, para recortar revistas de cinema, de moda (papel couché), de información xeral, de arte, libros e enciclopedias. Os nosos recordos son fráxiles... mestúranse nun lugar da mente, acumúlanse como cores esquecidas dunha paleta.

Tamén falo da escasa memoria social para lembrar feitos anteriores. Utilizo papeis con gramaxe, recorto e creo metades, xestos dun todo, cores espidas, brancos luminosos, covas de cor, formas que avanzan cara ao espazo desde o lenzo. 

Din Matamoro

LINKS

Din Matamoro en Espacio de Arte (Correo TV. 01/03/2012)