Atalaia

Amando. 'A pleno sol'. 1987. Acrílico e carbonciño s/tea, 59x51 cm. 'A pintura toda. Unha historia'. Vista parcial da montaxe no FAC, maio 2012
> Amando. A pintura toda. Unha historia
Datas: 18/05/2012 - 18/05/2012

Comisariado

Ania González

Descrición

FAC Peregrina, Furancho de Arte Contemporánea, presenta -o venres 18 de maio de 2012, ás 17.00 horas-, á inauguración de Amando. A pintura toda. Unha historia, a primeira das montaxes expositivas na modalidade FAC Express, dun día de duración.

Segundo o propio Amando (Vigo, 1951), "trátase dunha mostra sobre os meus 40 anos como pintor. Durante a xornada móstranse ao redor de cincoenta obras e pezas do meu traballo, elixidas para esta ocasión pola comisaria do evento, Ania González."

Amando (Vigo, 1951), inicia a súa traxectoria como artista a comezos do anos setenta, en Vigo. Forma parte das históricas exposicións Pintura al aire libre, da Praza da Princesa de Vigo (1974 e 1976) e da Praza da Leña en Pontevedra (1975), que foran xerme do grupo Atlántica, entre outros, co que na década dos oitenta tivo unha estreita relación. Durante esa década, a dos oitenta, participa en exposicións colectivas na Galería Metrónom de Barcelona (1980), na casa de España en París (1980), na Bienal de Pontevedra (1980), no Museo Arte Contemporáneo de Madrid (1982) e outras moitas. No ano 1985 a súa obra acude á Feira de Arte Contemporánea, ARCO, da man da madrileña Galería Fúcares. Traballará tamén coa Galería Edurne (Madrid) e coa Galería Bacelos (Vigo). Xa na década dos noventa ademáis de continuar a pintar e a expoñer, comisaria a exposición Medievo 95 no Castelo de Soutomaior de Pontevedra na que poderase ver por primeira vez en Galicia a obra de artistas como Nacho Criado ou Eva Lootz xunto coas doutros artistas coma Alfonso Albacete, o propio Amando, Jorge Barbi, Antón Patiño, Menchu Lamas, Hernández Pijoan ou Juan Ugalde. É tamén nesta década cando comeza o proxecto editorial da revista independente Microfisuras. Cadernos de pensamento e creación, que durante vinte números trimestrais ao longo de cinco anos e feita dende Vigo convertiuse nunha infraestructura fundamental para a construcción de pensamento crítico colectivo e de pontes intelectuais e artísticas co resto de Europa. Xa nos anos dousmil Amando, que segue a pintar no mesmo estudio de sempre, na Praza de Compostela en Vigo, decide expandir a mostra do seu traballo, nunha resposta ás políticas expositivas locais, a aqueles lugares que configuran o seu universo urbano persoal e o pictórico das súas obras: O Unoestá, na Rúa Real, onde nacera; a Heladería Capri, na Praza de Compostela ou o Cosmos, onde comparte iniciativas e conversas cos que quedan aquí, do grupo de amigos e compañeiros de traballo artístico dos últimos trinta anos, protagonistas todos eles, da nosa historia actual.

Fonte: FAC Peregrina

Link: Blog de Amando