Atalaia

Félix Fernández, Teufelsberg, (da serie Topografía de la búsqueda), 2011
> Félix Fernández - David Ferrando - Nano4814. Bolsas MACUF-2009
Datas: 06/10/2011 - 12/02/2012

Descrición

O MACUF, Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa, presenta nas súas instalacións da Coruña tres mostras con traballos realizados polos tres artistas galardoados na convocatoria 2009 das Bolsas de Creación Artística no Estranxeiro, que tivo como membros do xurado a X. Antón Castro, Alberto Ruiz de Samaniego e Iñaki Martínez Antelo. Os tres artistas bolsados foron:

Félix Fernández (Celeiro, Viveiro -Lugo-, 1977). Estadías en Berlín e Nova York.

Crossed Lines, o proxecto de Félix Fernández, é unha achega á análise conceptual e estética da relación entre os termos materia e espírito, presentados como as dúas caras dunha mesma moeda. O seu traballo céntrase na relación do individuo contemporáneo co entorno que lle tocou vivir (tempo, espazo, corpo, identidade, realidade socioeconómica, paisaxes, medios de comunicación, etc.). Neste sentido, as dúas cidades elexidas por Félix Fernández para o desenvolvemento do seu proxecto, Berlín e Nova York, móstranse opostas entre si pola súa situación histórica, política e socioeconómica. A capital alemana presenta un urbanismo que tende á horizontalidade, con grandes parques, rúas amplas e edificios dunha escala moi humana, onde a xente se move en transporte público ou bicicleta. Esta urbe silandeira contrasta coa verticalidade de Nova York, onde o ritmo de vida é moi rápido e a sociedade moi competitiva. Formalmente, inscribe os seus traballos nunha multiplicidade de formatos dando lugar a híbridos entre foto e performance, espectáculos audiovisuais e videocreacións. O corpo é un elemento fundamental na obra de Félix Fernández, na que adoita aparecer el mesmo dotándoa así dun factor autobiográfico nalgúns dos seus traballos. Combinando co poder simbólico de obxectos e situacións, dan como resultado unha linguaxe que mestura realidade e ficción a partes iguais. Félix Fernández é licenciado en Belas Artes e tamén ten unha ampla formación en danza contemporánea, teatro e erformance. Varios dos seus vídeos foron galardoados e colabora habitualmente con artistas e músicos como Andrés Senra, Juanma Carrillo, Rubeck ou Lápsus.

David Ferrando Giraut (Negreira -A Coruña-, 1985). Estadía en Londres.

The Fantasist, o proxecto de David Ferrando Giraut, levado a cabo en Londres, presenta tres traballos de recente produción, dous deles inéditos: LOSS (2011), The Fantasist (2011) e Journeys End in Lovers Meetings (2010). O nexo entre estes traballos, de carácter interdisciplinar aínda que estructurados en torno a un interese nas tecnoloxías de gravación e reprodución, é unha reflexión acerca da imaxe como desencadeante de desexos e producto dos mesmos; sobre os procesos psíquicos e tecnolóxicos de fixación de imaxes, a natureza da distancia entre imaxe e realidade, a imaxe como punto de encontro entre distancias e cercanías infranqueables. En moitos dos seus traballos, Ferrando tratou a cuestión de cómo o producto audiovisual condiciona o modo no que percibimos a nosa realidade inmediata. Recorre con frecuencia a películas, series de televisión ou referencias musicais que lle deixaron algún tipo de pegada. A obra de Ferrando supón unha reflexión sobre os mecanismos -psíquicos e/ou tecnolóxicos– mediante os que transformamos realidades en continuo cambio en imaxes fixas; e o carácter, simultaneamente relacionado co desexo e coa morte, deses mecanismos. David Ferrando Giraut vive e traballa en Londres. Graduóuse en 2008 cun mestrado en Belas Artes no Goldsmiths College, tras recibir unha bolsa para estudos de posgrao da Fundación Barrié de la Maza. Actualmente forma parte do Associate Artists Programme de LUX, unha das principais plataformas de cine e videoarte en Londres.

Nano4814 (Vigo, 1978). Estadías en México DF e Nova York.

Un gran éxito, o proxecto expositivo de Nano4814, é a materialización de varias pezas de arte pública xeradas como consecuencia dunha experiencia vital e académica en Lima, en varias cidades de México e en Nova York, así como a súa documentación audiovisual e obxectual. O proxecto consta dunha parte documental -con fotografías de todo aquilo que chamou a súa atención e que lle servíu de materia prima para producir as pezas posteriores-, ademais de instalacións escultóricas e murais que realizou tanto nas rúas como nos espazos expositivos cedidos. Tomando a cidade como punto de partida, e como único estímulo o contacto directo, Nano4814 xera un proxecto a través da experiencia vivida nas rúas, o diálogo coas súas xentes ou a apropiación e descontextualización dos recursos locais. No seu traballo, aprópiase do local e experimenta coa iconografía e a cultura popular que lle arrodea, así como do traballo da escola muralista mexicana de principios do século XX e de artistas grafiteros locais. As ideas recurrentes no traballo de Nano4814 xiran ao redor de dous conceptos relacionados entre si: o carácter público da obra de arte, por desenvolverse principalmente na rúa, e o interese polo papel do artista na sociedade. Interésanlle as construccións efémeras, tanto dentro como fóra do espazo expositivo, e o esforzo obsesivo pola creación aínda sendo consciente da súa caducidade. Despois de estudar Belas Artes, Nano4814 comenza o seu traballo como artista nas rúas de Vigo, fortemente inspirado pola arte do grafiti. Traballa como ilustrador e deseñador gráfico, e múdase a Madrid onde segue a desenvolver a súa obra artística nas rúas da cidade. Cos anos, a súa obra vólvese máis introspectiva e reflexiva, e incorpora distintas técnicas e materiais: instalación, pintura mural, debuxo, escultura, vídeo, etc.

Fonte: MACUF