Atalaia

Manuel Outumuro durante as sesións de fotografado dos deseños e vestidos de Cristóbal Balenciaga.
> Mirar e pensar Balenciaga. Fotografías de Outomuro
Datas: 03/04/2012 - 24/06/2012

Comisariado

Manuel Outumuro

Descrición

Un deseñador de moda: Cristóbal Balenciaga (Guetaria, Guipúzcoa, 1895 - Valencia, 1972). Un fotógrafo: Manuel Outumuro (Ourense, 1949). Resultado: unha exposición. Mirar e pensar Balenciaga. Fotografías de Outumuro.

O fotógrafo ourensán achégase á figura do modisto desde a contemplación e desde a reflexión. 60 imaxes de gran formato compoñen esta mostra que recolle modelos creados por Balenciaga entre os anos 1935 e 1968. Produto dun enorme traballo de aproximación á figura do deseñador, súa filosofía de vida e súa idea da arte, para Outumuro, fotografar e coñecer as creacións de Balenciaga implica comprendelo nunha dobre vertente. A primeira, a da observación, que permanece na superficie luminosa do contemplado, na apariencia admirable da prenda observada e no pracer estético da beleza das composicións e os tecidos. A segunda é aquela que impulsa ao observador a pensar, inevitablemente, en todo o que pretendeu o modisto ao crear cada peza, aquela que incita a seguir os procesos da mente do creador no seu percorrido desde a construción da prenda ata o corpo da muller. É nesta etapa, cando o deseñador acada un maior significado, na que recoñecemos, a través da súa moda, ao historiador, ao artista, tamén ao antropólogo que foi Balenciaga. A través da súa lente, Outumuro consegue captar a esencia de cada modelo, a calidade escultórica das siluetas de Balenciaga creadas sobre patróns tecnicamente perfectos con tecidos de gran corpo e calidade.

Completan a mostra 9 pezas de indumentaria -orixinais procedentes da colección da Fundación Balenciaga (Guetaria)-, cos seus correspondentes maniquíes, realizados por Carmen Lucini, quen os adaptou con excelencia ás necesidades de cada creación. En total, 3 abrigos, 2 vestidos de cóctel e 2 de noite, ademais de 2 conxuntos, acompañan a Outumuro no seu percorrido visual, emocional e reflexivo a través da obra e da personalidade do verdadeiro couturier, como o chegou a chamar Coco Chanel.

A mostra, organizada pola Sociedad General de Promoción de Bellas Artes, Kutxabank e a Fundación Balenciaga, convértese así nunha excepcional maneira de abordar a obra dun dos máis grandes creadores do século XX.

Vídeo da exposición na súa itinerancia ao Museo del Traje, Madrid, 30 xuño-16 setembro, 2012

Fonte: Obra Social de Novacaixagalicia