O bosquexo do mundo ofrece a posibilidade dunha visita a ese crisol de formas que é o taller do artista, e trae ao museo un conxunto de útiles e documentos, tamén obras e os seus antecedentes que, como pezas dun crebacabezas en perpetuo movemento, proporciona sustento e alimenta as creacións.
A exposición colectiva comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre está coproducida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o Auditorio de Galicia e a Fundación Luis Seoane. Unha aposta polas mostras de produción propia que se fai extensible aos tres centros, como nova experiencia de coprodución e traballo en rede. Unha vez clausurada no MARCO, a mostra viaxará ás outras dúas sedes, en Santiago de Compostela e A Coruña, respectivamente.
O título da exposición sérvese da ambigüidade e riqueza do termo ‘bosquexo’, como proxecto ou apuntamento previo á execución dunha obra, e tamén como imaxe mental, como idea latente na mente do artista e no seu ámbito de traballo. Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción, para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que son parte esencial da estrutura das obras, e que aportan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significados.
Así, xunto a obras en distintos soportes, a mostra componse sobre todo de apuntamentos, bosquexos, e pezas inacabadas. O bosquexo do mundo trae ás salas do museo un conxunto de útiles e documentos -obxectos, cadernos de notas, esquemas, recortes de prensa, vídeos, fotografías, repertorios de imaxes, textos propios e alleos, xestos e materiais atopados...- que se sitúan na base ou, por así dicir, na zona de influencia de cada artista, do seu quefacer e da súa particular visión do mundo.
A selección abrangue varias xeracións, dende artistas que iniciaron a súa traxectoria nos anos oitenta, ata os máis novos, nacidos a principios desa mesma década, ou na inmediatamente anterior, nos setenta. Autores que traballan nos máis variados ámbitos creativos, utilizando técnicas e materiais -debuxo, gravado, pintura, colaxe, escultura, fotografa, vídeo, instalación...- que en ocasións funcionan como método de investigación, como soporte ou material de apoio para as obras.
Xunto a un traballo minucioso para a exhibición das obras e materiais de pequeno formato, a montaxe da exposición saca partido da peculiar distribución dos espazos na planta baixa do MARCO. Artistas e obras agrúpanse en diálogo cos patios e galerías, incluíndo pezas adaptadas especificamente á configuración das salas. A exposición complétase cunha mostra bibliográfica na Biblioteca-Centro de documentación do Museo, cunha selección de publicacións e referencias web sobre os artistas participantes.
En palabras dos comisarios, “unha proposta que, no aspecto visual e de montaxe expositivo, investiga os intersticio que se abren entre o puro documentalismo e o environment ou a instalación. Unha montaxe que pon en escena o estatus ambiguo do ‘bosquexo’: camiña cara á obra pero non é obra aínda... ou se cadra xa si”.
Fonte: MARCO. Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Vídeo da montaxe da exposición O bosquexo do mundo
Reportaxe sobre a mostra no Zigzag (TVG)