Atalaia

Gravado de Pablo Picasso.
> Picasso. O equilibrio e a vertixe
Datas: 23/11/2012 - 20/01/2013

Artistas

Pablo Picasso

Descrición

Picasso. O equilibrio e a vertixe, ofrece un repaso da obra gráfica do artista malagueño que, ademais de poder ser concretada nun tempo específico da súa traxectoria profesional, tamén se pode estruturar en función da temática e da forma dominantes en cada un dos sesenta e dous gravados que conforman a mostra. As naturezas mortas, os grupos femininos, o pintor e o seu modelo e as representacións surrealistas conforman as catro seccións en que se divide Picasso. O equilibrio e a vertixe.

Os grupos femininos que a Fundación Picasso (Museo Casa Natal - Málaga), presenta nesta sección parten do máis puro clasicismo, en 1921, e pasan da simplicidade do trazo enérxico e á vez ao servizo dun ideal de equilibrio e mediterraneidade, á tensión dramática que, a comezos da década de 1930, empregou para ilustrar As metamorfoses de Ovidio. Na década de 1940, estes grupos de mulleres oscilarán entre a experimentación formal que desenvolve nas diversas variacións ao redor de Betsabé espiada polo rei David e a silenciosa quietude encarnada por dúas amigas prontas a entregarse ao soño. Finalmente, nos anos cincuenta, a muller será a que exprese a alegría e a confianza no futuro, sexa a través da danza ou da escena de circo que remite á época rosa do artista e que aquí reúne mulleres de diferentes xeracións abarcando, así, o enteiro ciclo da vida.

A exposición Picasso. O equilibrio e a vertixe presenta unha importante escolma de gravados do artista que chegan a Pontevedra desde Málaga. Estas pezas, propiedade da Fundación Picasso Museo, Casa Natal, amosan como certas formas e temas do gran creador se someten a reinterpretacións e reformulacións, nun labor de investigación e innovación que nunca se interrompe e que acada resultados sorprendentes.

Os grupos femininos, as naturezas mortas, os rostros e perfís surrealistas e o propio exercicio da creación multiplícanse e bifúrcanse incesantemente nos gravados da Fundación Picasso. A eterna procura do artista malagueño confírmase, nesta exposición, nun eterno achado, nunha celebración da creatividade e das súas posibilidades. Unha produción artística que se moveu entre o equilibrio clasicista da figuración tradicional e a vertixe da experimentación das vangardas.

Tomando como referencia a natureza morta que condensa as ensinanzas cubistas, presentamos dous bodegóns de 1945 nos que a pegada cubista se manifesta especialmente na cunca de café e na froiteira con uvas, mentres que, en 1946, as formas se fan case transparentes, reducidas a unha xeometrización de grande efectividade, nun intento por reducir as formas ao mandato da liña recta nun combate que o resto de pezas desta década parecen levar ao campo contrario, o do volume e a curva, para rematar en 1954 cunha imaxe que nos devolve á ortodoxia cubista coa que comezamos.

A elección de obra gráfica de Picasso vén dada pola relevancia desta técnica artística para o malagueño, posto que, en consonancia coa súa vocación experimentadora e rompedora, o seu labor no gravado tivo varias consecuencias considerables dentro do panorama artístico internacional. Esta mostra incide, xa que logo, na extraordinaria importancia que Pablo Picasso supuxo para a cultura, pois non só introduciu nas fontes de inspiración contemporáneas a primitiva arte ibérica ou as tradicións pictóricas de África e América do Sur, senón que contribuíu a expandir o concepto de arte mediante a súa constante curiosidade e necesidade de experimentación. E, por vez primeira, exporanse en Galicia as obras que integran esta serie pertencente á Fundación Picasso, Museo Casa Natal.

Fonte: Novacaixagalicia