Evento
Compartir:

A exposición Adopta un Señor Importante da artista Moldava afincada en Galicia Natasha Lelenco (Chisinau, 1982), inaugurará a súa derradeira fase expositiva o sábado 20 de maio en Os Catro Gatos, espazo para a arte, sito na rúa das Rodas, 13, logo de ter percorrido desde o pasado mes de decembro diversas vilas e cidades de Galicia. Algúns dos "señores" retratados están inspirados en personaxes históricos ou da ficción, outros simplemente son personaxes inventados. "Con eles intentei realizar un catálogo de arquetipos que funcionen como espello do peor de nós mesmos: actitudes como a avaricia, a egolatría desmedida, a soberbia, a obsesión pola beleza e a eterna xuventude, etc.", explica a artista. O proxecto reúne un conxunto de 50 retratos figurativos realizados sobre cortes transversais de madeira seca, un formato que dialoga co fondo do mesmo ao configurar pezas que Lelenco ofrece ao público como se dunha auténtica campaña de adopción se tratara. As obras “non adoptadas” durante a exposición, que poderá verse ata o 21 de xuño, serán queimadas nunha acción performativa que a artista realizará en Mallas, Fisterra, na vindeira noite de San Xoán (23 de xuño). O proxecto reflexiona acerca do efémero da condición humana, o fútil, o azar na conformación do relato histórico e o valor das cousas. Con esta orixinal e radical proposta, a artista pregúntase onde reside o valor que lle damos as cousas e que papel xoga o mercado neste asunto. Coa inauguración da exposición presentarase tamén a campaña de micromecenado para o lanzamento do Gran Libro dos Señores Importantes, un libro de arte que reunirá por vez primeira o total das obras do proxecto e que poderá adquirise unicamente a través da plataforma verkami.com. Ademais das cerca de 50 reproducións, o libro incluirá textos da propia autora asociados ás mesmas, un prólogo a cargo do historiador e documentalista Alfonso Mato e un capítulo a modo de documentación e rexistro gráfico do proceso expositivo e da acción final.

Amplía a información en Sitio WEB Natasha Lelenco

Información:

  • 20/5/2017
  • 00:00
  • Os Catro Gatos, Compostela

Lugar