Expo: Ánxel Huete. Unha revisión crítica

ata o 17 de setembro de 2017

Hora: 00:00
Lugar: MARCO
Cidade: Vigo
Fonte: MARCO
Ánxel Huete. Unha revisión crítica é a primeira presentación que fai un museo da traxectoria de Ánxel Huete (Ourense, 1944), artista indispensable para comprender o discorrer da produción artística en Galicia nas últimas décadas. Defensor da arte como motor de transformación social, compaxinou o labor plástico coa militancia política e a activa participación na organización de eventos fundamentais para a renovación da arte galega e dos seus modos de organización: a exposición de esculturas ao aire libre do Parque municipal do Castro (Vigo, 1974), as mostras da Praza da Princesa (Vigo, 1975), Atlántica (1980-1983), a Asociación Galega de Artistas Visuais (creada en 1997) ou o Foro da Cultura Galega (1999-2001).

As discusións sobre arte e ideoloxía e a reflexión que o artista fai sobre a necesidade de abandonar o concepto que comprende a pintura como un instrumento referencial e mimético entre realidade exterior e produción pictórica —como recurso de representación— son parte fundamental do seu pensamento, non só durante a época de formación senón tamén en traballos recentes. Na exposición proponse un percorrido polos momentos e lugares que caracterizan cinco décadas de produción artística, nas que a súa obra camiña cara a unha progresiva sintetización da imaxe pictórica, tanto nas pezas monocromáticas, nas distribucións reticulares ou na firme decisión do autor de reducir a análise da pintura ao estatuto simbólico do signo.

A dialéctica vai acompañar sempre o seu traballo, onde o diálogo dase dentro da amplitude da abstracción: os elementos de orixe icónica deslízanse cara o símbolo para desaparecer por ocultación, e a pesar de ser borradas, aínda son visibles as formas. A consideración da abstracción como un recurso operativo levará a Huete a concibir a arte como unha codificación e a entendela como un sistema de signos froito de convencións que deben ser aprendidas na súa especificidade.

A exposición, comisariada por Agar Ledo, responsable de exposicións do MARCO, enténdese como unha oportunidade para estudar e reinterpretar o noso pasado máis recente a través da traxectoria de Ánxel Huete, revisión que vén acompañada dun catálogo de próxima publicación —coeditado por Anxo Rabuñal e Agar Ledo, deseñado por Xosé Salgado e Lía Santana, e con achegas de Rosalía Pazo Maside, Manuel Pérez Rúa ou Isaac Pérez Vicente— que sirve de espello ao contexto social e cultural das últimas décadas

Horario: Martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 / Domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: Agar Ledo

Máis información MARCO

00:00
Miscelánea
Santiago de Compostela
AGADIC
19:00
Teatro
Santiago de Compostela
AGADIC
Ourense